Protagonistas

Axudantes de Biblioteca Escolar
Un dos elementos máis potentes da escola do século XXI é a interacción entre todos os membros da comunidade educativa, xestionando espazos e propiciando condicións para promover situacións nas que se potencian valores como a solidariedade e a colaboración. As bibliotecas escolares son un dos elementos claves nesta transformación, converténdose en lugares de encontro, de intercambio e de construción de coñecemento.

Asun Carballo Rodríguez
asuncr@edu.xunta.es
Coordinadora da biblioteca
O Sobreiral das palabras
IES Valadares

No IES Valadares, desde hai un tempo, estanse creando condicións e espazos para promover estas interaccións que axudan a dar resposta á diversidade que día a día temos na aula. Estas propostas van desde a organización de actividades deportivas no recreo para mellorar a convivencia ata medidas ordinarias e extraordinarias na aula que camiñan cara á inclusión. 

A biblioteca é un dos lugares máis propicios para levar a cabo ou para impulsar estas dinámicas interactivas, onde florecen e se comparten as capacidades de todos e todas. Deséñanse propostas para alumnado de  diferentes idades, con distintos niveis de formación, intereses ou sensibilidades. 

Un dos axentes que ten máis forza é o grupo de alumnado colaborador que participa nas actividades de xestión e organización, así como en actividades de dinamización con finalidades culturais e sociais. Na biblioteca escolar eles e elas son protagonistas, os seus talentos son os que marcan as dinámicas que se levan a cabo. Cada rapaz e rapaza amosa o mellor de si tecendo un fío que os une e diferencia á vez. A empatía, o altruísmo, a sociabilidade mestúranse con habilidades informáticas, capacidades organizativas ou coñecementos sobre materias concretas. Ás veces, a transformación é total: deixan fóra os seus medos, preocupacións ou inseguridades e mostran as súas destrezas sen deixar de seren eles mesmos.

En ocasións, chegan aquí por casualidade, buscando un lugar onde compartir tempos e espazos e, sen dárense de conta, comparten tamén as súas habilidades. As portas sempre están abertas para todos e todas e aquí atopan un espazo para colaborar, compartir e dinamizar.

COLABORAR

Os axudantes velan pola boa organización e dinamización dos espazos de lecer, recunchos da entrada do instituto dedicados ao xogo, a lectura ou a conversa.

Preparan, revisan e colocan os xogos para que estean a punto en cada recreo. Ademais, en ocasións, convértense en monitores para promover entre o alumnado o uso dos novos xogos.

Tamén colaboran na adquisición dos novos fondos. Dentro do equipo temos especialistas de manga, de videoxogos etc. que fan as súas achegas para mellorar a nosa colección.

Igualmente participan nas actividades de xestión: realizan préstamos e devolucións, colocan os materiais... E encárganse da organización, o que  contribúe ao bo funcionamento no día a día.

COMPARTIR 

A biblioteca é un punto de encontro para alumnado de distintas idades no que se comparten actividades relacionadas coa lectura, a investigación ou a creación, e que o grupo de voluntariado coida con detalle para que funcione.

O deseño de obradoiros de intercambio de coñecementos nos recreos é un dos obxectivos deste curso. Propónselles aos nosos usuarios que se apunten para ofrecer ou pedir axuda. Eles e elas serán os dinamizadores dos talleres que se impartirán nos diferentes espazos da biblioteca.

DINAMIZAR

As actuacións levadas a cabo polo grupo de colaboradores contribúen a que a biblioteca sexa un espazo compartido de convivencia e de aprendizaxe. Dentro destas propostas están as actividades de dinamización nas que o alumnado axudante se converte no verdadeiro protagonista.

No mes de outubro abrimos as portas a toda a comunidade educativa, presentáronlles a nova biblioteca tanto aos compañeiros e compañeiras como ás familias. Deseñaron unha visita guiada por cada un dos espazos, explicando como funcionan, como se organizan e cales serán as propostas para o vindeiro curso. 

De igual xeito, participan en actividades que se levan a cabo fóra do centro. Forman parte do Club de Escoita, unha patrulla lectora que comparte unha mañá de lecturas cos nenos e nenas da escola infantil Galiña Azul de Valadares e do CEIP Sobreira. As lecturas son o lazo de unión entre os máis pequenos e os maiores e dan pé para conversar, cantar, bailar e gozar do tempo que pasan xuntos.

CONCLUSIÓN

No grupo de colaboradores da biblioteca convive rapazada de diferentes idades, con distintas motivacións e intereses, e talentos diversos que enriquecen as dinámicas diarias. Pero hai algo que teñen en común: a paixón pola súa biblioteca, sentíndose responsables da súa xestión, organización e dinamización. Quizais o éxito está en darlle a un grupo de adolescentes a opción de compartir tempos e espazos para poder expresarse, relacionarse e seren eles mesmos.

 

 

Bibliografía: 

 

 

 

IFLA/UNESCO (1999). Manifiesto da biblioteca escolar) [en liña]. [Consulta: 7 de novembro de 2019]. Dispoñible en http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/files/Manifesto.pdf

COMISIÓN TÉCNICA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES (2011). Marco de referencia para las bibliotecas escolares [en liña]. Madrid: Ministerio de Educación. [Consulta: 7 de novembro de 2019]. Dispoñible en http://www.mecd.gob.es/cultura-mecd/dms/mecd/culturamecd/areascultura/bibliotecas/mc/consejocb/comisiones-tecnicas-decooperacion/escolares/Marcoreferenciabescolares.pdf

NOVOA, C. As bibliotecas escolares: lugares para a exploración e a experimentación [en liña]. [Consulta: 29 de outubro de 2019]. Dispoñible en http://www.edu.xunta.gal/eduga/1655/bibliotecas/bibliotecas-escolares-lugares-para-exploracion-experimentacion

Sección: