Lecturas no canmiño

Lecturas apoiadas por cans

Marta Jaquet e CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela

 

O programa Biblioteca Inclusiva, integrado no PLAN LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares, prevé a posta en marcha de actividades que propicien máis e mellores experiencias lectoras para o alumnado. Neste contexto naceu esta experiencia piloto, en colaboración coa entidade Golfo e Dama e o programa Xacobeo 2021. 

O programa consistiu nunha lectura apoiada por cans da man da psicóloga e técnica en intervención asistida por cans, Marta Jaquet Santamarina, para mellorar as competencias de lectura por parte do alumnado. Os participantes foron seleccionados con anterioridade segundo os seguintes criterios: que estivesen aprendendo a ler (nenos de 5-6 anos) ou alumnos de ata 11 anos elixidos polos equipos de orientación dos centros, en función das súas necesidades de reforzo educativo no eido da lectoescritura. O coterapeuta canino que acompañou os nenos durante as súas lecturas foi Brus: un labrador retriever de 5 anos de idade, tan inxenuo e fedello que os nenos conectaron con el case inmediatamente. 

Os principais obxectivos deste programa foron:

  • Acadar un ambiente amable no que o neno se sentise apoiado e motivado para mellorar e comprender a lectura.
  • Mostrarlles aos profesionais os efectos motivacionais da lectura asistida con cans.

Ademais de acadar ambos os obxectivos sobradamente, tamén se acadaron outros beneficios psicosociais:

  • Superar as fobias ou crenzas negativas sobre os cans.
  • Reforzar as habilidades comunicativas (verbais e non verbais).
  • Lograr a participación e a colaboración respectuosa dos participantes cara a todos os que estabamos na sesión.

Os centros seleccionados foron o CEE Manuel López Navalón, o CEE Nosa Señora do Rosario, o CEIP do Camiño Inglés, a EEI Barrionovo e o CEIP Lamas de Abade.

As sesións leváronse a cabo durante o mes de outubro. Cada centro tiña asignado un día á semana. Por exemplo, no Lamas estiveron os xoves e traballaron con tres grupos diferentes: un grupo con alumnado de infantil e primeiro e segundo de primaria que asistiu a dúas sesións, un segundo grupo con alumnado de terceiro e cuarto de primaria que participou  nunha sesión e un terceiro grupo con alumnado de quinto e sexto de primaria que estivo en dúas sesións. Os grupos estaban formados por 5-6 persoas. Ademais, en todas as sesións estiveron mestres/as apoiando a dinámica. 

A profesora de PT, Rosa Losada, coméntanos que «a experiencia que vivimos con esta actividade pódese considerar como positiva, innovadora e moi interesante. Considero que sería útil realizar esta terapia durante un curso escolar, xa que nos permitiría observar, previsiblemente, avances significativos para favorecer os aspectos máis afectados nestes  alumnos. Persoalmente, considero moi necesario pór en práctica todos os recursos posibles para favorecer a inclusión educativa do alumnado con NEE en todos os ámbitos».

A profesora de AL, Verónica Moreira, déixanos este testemuño da súa experiencia e da nena á que acompañou: 

É de todos ben coñecido que os cans son os mellores amigos do ser humano: non xulgan, non poñen etiquetas, son fieis, cariñosos e agradecidos... Cando entramos na biblioteca escolar e vimos a Brus paciente e atento ás lecturas dos primeiros alumnos que chegaran, quedamos abraiadas... Á alumna que me tocaba acompañar, non lle chegaba o momento da súa quenda para poder lerlle ao can! Vaia impaciencia!

Tan pronto como isto sucedeu, sentámonos no chan fronte aBruse, despois dos primeiros dous minutos, o animaliño apoiou a súa cabeza na perna da nena. Que seguridade! Coma quen non quere a cousa, a voz da rapaza modulouse para non molestar a Bruse a nena, sen moita paixón pola lectura en xeral na súa vida cotiá, foi quen de non só lerlle o libriño enteiro, senón de facelo acariñándoo e utilizando a Bruscomo almofada! A estampa era encantadora. Se é que este can transmite calma e sosego. Conceptos tan básicos e necesarios para as nosas rutinas diarias. Cando rematamos a actividade, a alumna quixo preguntarlle a Marta (a terapeuta), se habería posibilidade de que, cando fose maior, puidese traballar con ela e con Bruspolos coles adiante! Pois claro que si, porque todo é cuestión de QUERER, de LOITAR polos soños e de INTENTALO con moitas forzas.

Tamén a mestra de infantil, Marta Vázquez, nos relata a súa experiencia nesta actividade: 

 

Pouco tempo necesitou Bruspara ganar o corazón de R., de cinco anos de idade, e o meu propio. Aquela mañá no colexio tivemos que enfrontarnos a unha situación nova para R.: que fose capaz de achegarse a Bruspara poñer en práctica unha das terapias máis marabillosas das que eu oíra falar. 

Camiño da biblioteca, tentei que R. coñecese un amigo meu moi especial e picouno a curiosidade. Non o demostrou verbalmente, xa que R. ten dificultades para comunicarse, pero si o fixo coa súa linguaxe non verbal e xestual.

Ao longo dos cincuenta metros que separan a aula da biblioteca do centro onde se ían desenvolver as Lecturas no CanMiño fun explicándolle quen era ese amigo meu, ao que, por certo, eu non vira nunca. Funlle describindo a Brus: é un amigo meu que ten catro patas, é un amigo meu que ten moito pelo por todo o corpo, é un amigo meu que ladra...

Ao principio, e supoño que despois de lembrar a experiencia do xoves anterior, R. non estaba moito polo labor de achegarse á biblioteca. O tempo que tivemos que esperar para que todo estivese preparado para comezar esta actividade, na que se preparou un ambiente cálido e acolledor, e para o que se foron achegando outros nenos do cole, fíxosenos moi longo. Hei de recoñecer que eu lle teño un pouco de medo e respecto a todos os animais, e máis aos cans. Medos que me acompañan desde que era unha nena.

Por este motivo, cando chegamos á biblioteca, pareceume perfecto que R. quixese quedar sentado e mirando desde lonxe, expectante, todo o que sucedía.

Pouco a pouco fomos arrastrando o cu polo chan da biblioteca e fomos achegándonos paseniño ata que Brusse deu de conta da nosa presenza. Todo comezou cun exercicio moi sinxelo no que R. tivo que agarrar un cordel do que colgaba unha pequena campá. Tiñamos que falar con Bruse darlle unha orde moi sinxela para que tocase esa campá. Cando isto sucedeu, Brusachegouse a R. e deulle un bico na cara, e o camiño xa estaba un pouco andado. Brusdeume un bico a min tamén e as sensacións foron marabillosas, de superación, de ver que se pode.

Cando chegou a quenda de R., tiñádelo que ver! Colleu o seu conto e o seu peluche e, sen dubidalo, contoulle aquela historia ao can que o acompañaba, tranquilo e apracible. Despois da lectura dese conto, Brus converteuse nunha almofada quente e brandiña e R. estivo feliz uns momentos. Tan feliz que, de cando en vez na aula, a pesar das súas poucas interaccións sociais, cando se lembra, pregunta por Brus

 

Marta Jaquet di que anécdotas tan emotivas coma estas houbo moitas e poderiamos seguir contando infinidade delas. O que se pode concluír de todas estas experiencias tan conmovedoras é que o ambiente que se acadou entre a psicoterapeuta, o can, os nenos e os profesionais dos propios centros que estiveron axudando nas sesións foi de apoio incondicional aos nenos. Precisamente, unha das principais razóns do éxito deste programa relatouna moi ben a mestra do Lamas: «o neno séntese cómodo, apoiado no seu proceso de aprendizaxe reforzado nos seus logros e sen sentirse corrixido nos erros»; cousa que Brusfai de marabilla. A tranquilidade e a empatía de Brusson, en parte, características do propio can e, en moita parte, depende tamén dun inmenso traballo por parte da técnica que o guía, xa que é preciso conseguir que o can interactúe con cada neno segundo as súas necesidades: a algúns gústalles deitarse sobre o can, a outros encántalles que Bruslles dea bicos na cara, mentres que outros prefiren só aloumiñalo no lombo ou collelo pola correa. Co tándem can-guía tentabamos ofrecerlles aos nenos a máxima liberdade á hora de elixir como se querían relacionar co can, permitindo diferentes intensidades afectivas e tendo tamén en conta as capacidades de cada neno. Ademais desa adaptación individual, é preciso conseguir que se manteña sereno en grupos onde a maioría dos nenos o que queren e xogar co can e correr pola aula; incluso tivemos ocasión de comprobar o efecto terapéutico do can durante algún episodio de axitación e agresividade. Foi especialmente satisfactorio nestes últimos casos (os máis complicados) comprobar o ben que reaccionan os nenos cando se lles ofrece unha alternativa de relación co can que os distrae e os serena.

 

Finalmente, Fran, o coordinador da biblioteca, comenta que «desexo que este proxecto siga adiante e poida chegar a máis comunidades educativas. Ademais que se traballe a medio-longo prazo porque o vivido nestas sesións foi moi potente no ámbito emocional, pero tamén no de mellora da lectura e da predisposición cara a ela». 

 

Sección: