Ler para facer

Retos do espazo creativo e traballo co texto instrutivo
Os textos instrutivos están moi presentes no espazo creativo da Biblioteca e supoñen un recurso efectivo para a autonomía e iniciativa persoal do alumnado á hora de utilizar os materiais, individualmente ou en equipo, para levar a cabo os seus produtos tecnolóxicos, artísticos, científicos ou audiovisuais. Son ademais o modelo para crear os seus propios textos, tanto escritos como orais.

Noa Piedrahita Abril, noapiedrahitaabril@edu.xunta.es
Aurora Ramilo Alfaya, ramiloalfaya@edu.xunta.es
CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño - Pontevedra)

 

Evolución do espazo creativo na nosa biblioteca

A introdución do espazo creativo ou espazo makerna nosa biblioteca veu da man do proxecto Biblioteca Creativa da Consellería de Educación (antes Escornabots na Biblioteca Escolar) no curso 2017/18, introducindo a robótica como recurso principal e utilizando os escornabots para actividades diversas de lectura, formación de usuarios e contidos dalgunhas materias ou proxectos. 

Nese primeiro ano, o espazo comezou sendo un recanto de xogo e experimentación cos novos materiais e recursos durante o tempo de lecer ou para desenvolver propostas do equipo de biblioteca en datas conmemorativas.

A nosa Roboteca, que contaba cos escornabots, pezas de engrenaxe, libros de robótica etc., no segundo ano pasou a ser Roboteca Argalleira, na que tiñan cabida os pictodados, libros interactivos, xogos, realidade aumentada, pezas Lego…e bastantes libros de tipo instrutivo para crear e argallar. Había que pensar na dinamización, en que facer e como.

Tiñamos claro que queriamos avanzar cara á integración deste espazo no currículo escolar chegando á totalidade do alumnado. O deseño de tarefas incluídas no proxecto anual foi o medio máis axeitado para conseguilo. O proxecto Xogamos? brindounos a posibilidade de ler para crear e escribir para compartir, de xeito que traballaron o texto instrutivo como consumidores e tamén como produtores.

Consumidores

A primeira experiencia chegou da man do robot Lego WeDo 2.0que puxemos nas mans do grupo de sexto de primaria de acordo coa mestra titora. Entregámoslles a caixa coa proposta de resolver o reto da montaxe e só lles facilitamos as instrucións do fabricante. Por equipos cooperativos tiveron que interpretalas, investigar na rede, solucionar dificultades e descubrir funcións e aplicacións. Como remate, realizaron un vídeo titorial no que relatan o proceso de montaxe e as posibilidades lúdicas do robot unha vez montado. 

A partir do bo resultado desta experiencia, decidimos expoñer máis retos semellantes na Roboteca Argalleira, presentándolles materiais e texto instrutivo e deixándolles liberdade para resolver. Confeccionamos unha ficha modelo para esta tipoloxía textual cun encabezamento e formato que lles resultase facilmente identificable. Estas fichas e materiais que ían aparecendo pola biblioteca con novas propostas relacionadas co proxecto, como un teléfono de vasos, unha batería de limóns ou azoadeira de botón, provocaron que progresivamente fose aumentando o éxito de audiencia; a medida que se vían polos corredores as nenas e os nenos coas zoadeiras, espertaba a curiosidade por entrar e descubrir. O alumnado voluntario encargouse neste caso de guiar no uso dos materiais, coa consigna de que non lles podían ler as instrucións, salvo no caso dos máis pequenos.

Tamén resolveron con instrucións en formato gráfico, interpretándoas para conseguir a montaxe dun tear que acababa de chegar ao recuncho argalleiro, así como o procedemento para tecer.

Para garantir que este traballo chegase á totalidade do alumnado, pasouse a incluír esta tipoloxía textual na tarefa integrada de creación de xogos e xoguetes, que sen dúbida enriquecería moito o proceso. Asumindo a proposta nas aulas, realizaron comecocos de papiroflexiapara construír unha árbore de Nadal conxunta e para o Entroido confeccionaron disfraces seguindo as instrucións escritas achegadas.

 

As obras creativas lendo textos instrutivos traballáronse tamén a partir de propostas dos libros de texto, como os mapas de relevo interactivosconfeccionados con circuítos eléctricos básicos en sexto de primaria, vencellando así distintos temas do currículo de ciencias. Puideron experimentar tamén con novos materiais, como a cinta adhesiva de cobre e os leds —aos que as mestras chegamos a partir da docencia no centro impartida por Paola Guimerans— e no  grupo de cuarto crearon un tobogán de bólas que acendía unha luz ao final do percorrido e ao que  cada equipo achegou solucións diferentes para un mesmo reto.

Produtores

Segundo avanzaba o proxecto, íanse colonizando corredores cos xogos e xoguetes de colleita propia realizados en todas as aulas segundo as instrucións de libros ou de videotitoriais, incluíndo variantes ou achegas propias. Todas estas creaciónsexpúñanse co correspondente texto instrutivo, ideado, consensuado e redactado por cada equipo cooperativo. Neste proceso de comunicación da información empregáronse diferentes soportes: escrito á man, co procesador de textos ou gravando videotitoriaisa partir dun guión realizado previamente.

Outra tarefa común a toda a escola foi un manual de xogos para o patiotitulado A que xogamos?, con fichas de propostas de diferentes xogos redactadas segundo un esquema común. Isto supuxo un labor de investigación e, posteriormente, de consenso para que as normas fosen despois respectadas. Pasaron a estar nun arquivador ao seu dispor na zona de xogos do patio.

Todos estes produtos intermedios tiñan como finalidade a exposición naMostra do Xogo e do Xoguete no parque público do concello, programada como produto final do proxecto e organizada conxuntamente co CEIP Santiago de Oliveira de Ponteareas. En cada posto, o alumnado era quen presentaba e explicaba os seus xogos, alternándose para visitar tamén a mostra, escoitar os demais e xogar. 

O público podía ter acceso a toda a información elaborada mediante a lectura dos códigos QR que cada grupo incluíu nos carteis do seu posto. Deste xeito, facilitóuselle a toda a comunidade o achegamento non só aos xoguetes elaborados senón aos procesos previos, investigacións e contidos propios creados durante o desenvolvemento do proxecto.

Avaliación

Se queremos que estas actividades formen realmente parte do currículo, debemos avalialas e telas en conta con algún valor nas cualificacións. As producións do equipo son facilmente avaliables cunha rúbrica ou listaxe de cotexo, por eles mesmos, seguindo unhas orientacións coñecidas previamente, que neste caso foron as características desta tipoloxía textual conxuntamente con outros indicadores relativos á ortografía ou convencións dos textos escritos, reflectidos nos estándares avaliables de cada nivel.

Conclusión

Esta tipoloxía textual demostrou que é eficaz e motivadora na escola, pola súa conexión coa realidade, porque son moitas as ocasións nas que nos temos que enfrontar a este tipo de texto para aprender ou realizar algún traballo.

Cústanos moito ás mestras confiar nas posibilidades do noso alumnado para resolver problemas ou desenvolverse de forma autónoma. Cando nos atrevemos, confiamos e estamos presentes para guiar e orientar, os resultados son moi positivos. Isto é moito máis doado cando aprenden a traballar de xeito cooperativo, seguindo unhas normas básicas para que todo o equipo participe en igualdade de condicións, achegando e enriquecendo o resultado final, que individualmente nalgún caso non sería tan satisfactorio. As competencias de aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido da iniciativa e espírito emprendedor e, por suposto, a competencia en comunicación lingüística quedaron moi patentes nas actividades realizadas.

 

 

Sección: