A voz da Mata. Podcast Os Cabaqueiros

Experiencia de radio escolar, dentro do I Concurso de Podcast de RADIO NA BIBLIO da Asesoría de Bibliotecas Escolares, no CPI Manuel Suárez Marquier. O Rosal (Pontevedra).
Experiencia pedagóxica e didáctica da Radio Escolar como resultado da súa participación no I Concurso de Podcast organizado polo Proxecto Radio na Biblio. Queremos dar a coñecer o valor inclusivo da Radio como canle para que o alumnado se poida expresar a través dos seus talentos. Buscamos que a nosa experiencia sexa de utilidade para outros centros interesados en incluír a Radio como unha medida de atención á diversidade

Equipo da Radio do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal - Pontevedra)
cpi.suarez.marquier@edu.xunta.es



Alumnado na Voz da Mata

 

Por que participar no I Concurso de Podcast Radio na Biblio?

No curso 2018/19 a nosa radio, A Voz da Mata, participou no I Concurso de Podcast de Radio na Biblio. Imos contar a nosa experiencia na programación, realización e gravación dun dos podcast que resultou premiado: Os Cabaqueiros.

Cando chegou a convocatoria de concurso ao noso centro, non dubidamos en participar. Pensamos que podería ser unha boa oportunidade para levar máis aló da nosa contorna un traballo do alumnado que estaba resultando moi satisfactorio e unha temática que era dun interese especial.  

Non tiñamos na mente gañar, senón o interesante que podería ser o proceso para o alumnado, todo o que podían aprender e o motivador que resultaría mostrar un traballo ben feito. Claro está que, se resultaba escollido, sería un gran pulo para seguir traballando. Pero queremos resaltar que o que máis nos interesaba era que o camiño estivese cheo de experiencias educativas nas que o alumnado traballase de xeito cooperativo co obxectivo de acadar as competencias precisas para obter un traballo de calidade.

Por que escollemos o grupo de terceiro de PMAR?

Terceiro de PMAR foi o encargado desta produción sonora. A profesora do ámbito sociolingüístico traballou o tema desde distintos marcos, xa que a súa materia se adapta a poder traballalo desde diferentes puntos de vista e de xeito interdisciplinar. Por outra banda, ao ser un grupo pequeno, todos puideron participar segundo as súas motivacións.

Este grupo tiña unhas características especiais: había alumnado con dificultades xeneralizadas da aprendizaxe, un alumno TEA, algúns alumnos TDAH, alumnado en risco de abandonar o sistema educativo... Pensamos que a realización do podcast sería un punto de unión entre eles, un obxectivo común e unha ilusión por facer algo bo xuntos.

A radio do centro ten que potenciar espazos de comunicación entre o alumnado, debe ser unha plataforma na que se poidan mostrar e aproveitar todas as súas capacidades. Na radio todos teñen cabida porque hai moitas tarefas que realizar, non todos teñen que ser locutores. Cada un busca e atopa o seu sitio. Diso se trata, de que haxa lugar para todos. Desde esta perspectiva, o grupo de PMAR ía aproveitar moi ben a experiencia polas súas características.


Alumnado de terceiro de PMAR traballando no podcast

 

Por que escollemos a temática dos cabaqueiros?

A tradición dos cabaqueiros no Rosal está presente na nosa vida cotiá. Os cabaqueiros eran aqueles homes e nenos que se dedicaban, durante cinco ou seis meses, a elaborar tellas de xeito artesanal por todo o territorio do noso país;percorrían a pé moitísimos quilómetros acompañados de cabalerías que transportaban os aparellos e a comida para as viaxes.

No Rosal foi un dos gremios máis relevantes durante moito tempo e quedan pegadas deles nos nosos costumes, na nosa vila e tamén na nosa fala. É un ben material e inmaterial do Rosal, por iso pensamos que podería encaixar na temática deste concurso. 

Cabaqueiros. O oficio das tellas

 

Proceso de realización do podcast

A proposta partiu da radio, pero foi o grupo, orientado pola profesora do ámbito sociolingüístico, quen elixiu o tema e programou os pasos que se seguirían para realizalo.

O proceso foi o seguinte:

Repartición de tarefas: Cadaquén escolleu cal sería a súa achega ao podcast. Partimos da idea de que todos tiñan que documentarse e prepararse no tema dos cabaqueiros, pero cadaquén traballou en función do que máis lle interesaba.

Tendo en conta as intelixencias múltiples, non foi complicado que cada un escollese a súa tarefa. Aproveitamos este recurso para poder sacar do alumnado todo o que leva dentro, xa que, ás veces, debido ás dinámicas das nosas aulas, é difícil dar con todo o potencial que ten. 

Documentación: Realizouse a través dun traballo de investigación no que se utilizaron moitos recursos. Entrevistouse cabaqueiros que conservan o oficio, fíxose un estudo da festa do Pilar na que se lles fai unha homenaxe aos cabaqueiros do Rosal, realizouse unha visita ao Museo Etnográfico do Rosal, onde se conservan vestixios da época cabaqueira, pescudouse no blog da biblioteca (http://aquintadoslibros.blogspot.com/) información relativa ao mundo dos cabaqueiros etc.

Queremos salientar a importancia dos blogs das bibliotecas como centros de recursos para realizar múltiples actividades. Neste caso, botouse man da documentación dun proxecto integrado que se fixera no centro no ano 2013, Eu Vivo Aquí, no que se desenvolveu unha moi boa investigación sobre este tema. Pareceunos boa idea aproveitar un traballo xa feito por outros alumnos para documentarnos. Utilizar este recurso tan achegado serve para  pór en valor o traballo do centro e das bibliotecas escolares.

  • Elaboración do guión: Un grupo de alumnos redactou o guión partindo de toda a documentación obtida e previamente seleccionada.
  • Gravación do podcast: Realizouse unha única gravación. Para nós era fundamental non retocar nada nin repetir. Era o seu traballo. Entre os locutores hai alumnado con problemas na lectura, non podemos esquecer que son alumnos de PMAR. Fixeron un esforzo inmenso durante o proceso e iso foi o realmente importante, polo tanto, o seu traballo foi valorado na súa esencia.
  • Avaliación da actividade: Foi moi positiva. O alumnado manifestou que traballou e aprendeu moito. A profesora valorou que se traballasen e acadasen competencias que estaban no currículo, polo que o podcast estivo enmarcado no proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.


O blog da biblioteca como centro documental

 

Participantes na elaboración do podcast

Contamos coa colaboración do equipo de EDNL no referente aos trazos lingüísticos da fala cabaqueira. Tamén tivemos o apoio da coordinadora da biblioteca, do equipo directivo e da coordinadora da radio.

As familias achegaron os seus coñecementos sobre este gremio e a tradición que nos deixou na vila. 

Héctor Varela González compuxo a música. É un violinista profesional moi vinculado ao noso centro, que nos proporcionou unha creación musical propia, sen editar e sen dereitos de autor, para este podcast.

A radio como un instrumento de inclusión

Para eles foi un traballo moi interesante xa que, como equipo, sacaron adiante unha produción sonora partindo do seu traballo de investigación e documentación. Neste punto, a radio foi un instrumento de integración e a biblioteca, o eixe dinamizador.

Para nós, o máis importante é a inclusión. Cremos que é a palabra que podería definir a nosa radio, xa que é a filosofía coa que naceu. A radio escolar é o instrumento perfecto para que o noso alumnado se poida expresar a través dos seus talentos, e é ben seguro que cada un ten os seus e que todos encaixan. 

A participación no concurso a través da radio como unha medida de atención á diversidade foi unha das posibilidades que máis nos interesou, xa que no noso centro contamos con moito alumnado con necesidades de apoio educativo. A radio axuda notablemente nos problemas sociais  e afectivos derivados das características individuais dos alumnos, fracaso escolar, problemas de integración...

Visita CRTVG

Conclusión

Ser un dos podcast elixidos foi estupendo, vivímolo con moitísima ilusión, tanto o alumnado como o profesorado do equipo da radio. O premio económico abre novos camiños para poder seguir a realizar actividades motivadoras.

Do que estamos moi contentos é da visita á CRTVG porque nos brindou unha oportunidade única de achegarnos ao mundo da radio real. Para a comunidade educativa do noso CPI, participar neste concurso foi unha experiencia marabillosa. Desde aquí, aproveitamos para lle dar as grazas á Radio na Biblio por promover este tipo de actividades.

 

Acceso a un resumo audiovisual do traballo .

 

 

 
00:00
Sección: