Sementando curiosidade

Co motivo da instalación dunha horta escolar comezamos un proxecto de investigación que trae melloras nas competencias e motivación do alumnado, na metodoloxía do profesorado, na vida do centro e na relación coa comunidade educativa. Palabras clave: blog, biblioteca, horta escolar, semente, proxecto.

Silvia Piñeiro Rodríguez
sil@edu.xunta.es
Cruz Alfonso Laya
ma.alfonsolaya@edu.xunta.es
Beatriz Otero Solla
bea_otero@edu.xunta.es
CEIP Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados - Pontevedra)

 


Se algo nos caracteriza ás persoas que traballamos en Vilariño é a facilidade coa que nos entusiasmamos con pouca cousa. Cada ano vainos calando máis a idea de que o traballo por proxectos é a metodoloxía que mellor nos axuda a canalizar tanta ansia. Tentaremos explicarvos como chegamos a esa certeza.

En 2018 iniciamos o curso cunha novidade no patio: unha pequena horta escolarna que poderiamos empregar a gran cantidade de compost producido no cole e tamén para lles dar renda solta ás nosas mañas labregas. 

Da man dos bancais chegoua planificación actividades significativas, interdisciplinares e que fomentasen a mellora das competencias do alumnado.

Sementar a curiosidade polo contorno que nos rodea é un dos nosos principais obxectivos. De sobra é sabido que, se hai curiosidade, hai unha razón para investigar. 

O SUBSTRATO

substratono que plantamos as nosas sementes non pode ser outro ca a biblioteca escolar. Ao longo dos últimos anos estamos a sufrir, gustosamente claro está, unha magnífica transformación. A entrada no PLAMBE, en programas como Radio Escolar,Biblioteca CreativaeBiblioteca Inclusiva, está a impulsar un cambio na metodoloxía empregada nas aulas. 

A biblio de Estrela é o perfecto escenario para a recepción de expertos/as que comparten os seus saberes, laboratorio de gravación de programas de radio, difusora de contidos mediante o blog, centro de recursos para investigación con material científico, información documental… e,ademais de todo isto, ofrécenos o asesoramento técnico, documental e crítico da nosa mestra bibliotecaria.Cun substrato semellante, non é difícil que calquera semente (proxecto) vaia arriba. 

A SEMENTE

Empregamos semente autóctona: dous anos anteriores de proxectos sobre o comedor escolar e refugallo orgánico, colector de compost e, por fin, fertilizante ecolóxico de primeira calidade. 

Todo iso foi provocando cambios no centro escolar, que fixo da reciclaxe e do coidado do medio ambiente un dos seus sinais de identidade.

O alumnado comezou a cambiar a nosa contorna con pequenas accións. 

FERTILIZANTES 

Sempre empregamos fertilizantes naturais: alumnado, familias, veciñanza, empresas da zona e ilusión das mestras. 

Vilariño é unha zona na que abundan os cultivos, que van desde pequenas hortas caseiras a cooperativas agrícolas. Non houbo máis que servirse dos coñecementos do alumnado e botar man dalgunhas familias para comezar a investigar e poñer en marcha a horta escolar.

FERRAMENTAS

Empregamos Internet como canle principal para ter informada a comunidade dos nosos avances. 

Para iso, deseñamos cada actividade de xeito que concluíse nun pequeno produto final publicable: novas, infografías (con textos, arquivos de son, imaxes...) e tamén programas de radio (o gran descubrimento do curso! O misterio, a tecnoloxía, a vergonza, os nervios… a maxia!). 

Bastou gravar o primeiro programa para que todo o alumnado quixese participar e escoitar Radio Estrela.


 No estudio de Radio Estrela gravando uns dos episodios do programa Horticonsello do día

 

Comezamos publicando no blog da biblioteca, pero a cantidade de produtos que se estaban a crear xerou a necesidade de poñer orde. Decidimos elaborar un sitepara o proxecto: ECOVilariño,e invitamos o resto do centro a participar compartindo os seus traballos relacionados coa horta. Tivemos achegas moi interesantes. 

Simultaneamente, posteamos no Facebook do centro, conscientes de que chegariamos a máis familias a través deste medio. 

Tamén era imprescindible facer unha posta en común no cole. Cara a cara, co resto das compañeiras e compañeiros. 

Serviríanos para enfrontarnos ao gran público (ata o momento só falaramos ante a clase e os micros) e para poñer en valor o labor realizado durante todo o curso.

Ata despois da presentación, gran parte do alumnado non foi consciente do esforzo realizado nas diferentes tarefas, xa que quedara esvaecido no tempo. 

 

OS FROITOS

Evidentemente, a nosa semente tivo un longo e emocionante percorrido tanto para o alumnado como para nós, as mestras. 

Comezamos a aventura de viaxe pola parroquia. Saír da escola xa é motivo de entusiasmo, canto máis se vas a pé e falas coa xente do lugar. 

Partiamos do noso escaso coñecemento da materia hortícola e a información proveniente dunhas fontes e doutras (familias, labregas e labregos, enxeñeiro agrónomo...) non sempre coincidía, estabamos un tanto confusos, polo que xurdiu a necesidade de elaborar o noso propio calendario agrícola.

Logo dun arduo proceso de investigación e elaboración, publicamos o Calendario agrícola de Vilariño. Isto serviunos para achegar o traballo da escola ás casas, conectalo co día a día de moitas familias, difundir coñecemento entre a nosa comunidade e, de paso, ampliar as nosas habilidades de mestras labregas noveis. 

Ao mesmo tempo, fomos publicando no blog, a través do noso xornal, toda a información que iamos recollendo.

Con estas tarefas pretendemos infundir no alumnado a importancia de acudir a diversas fontes, de contrastar a información e diferenciar entre as opinións e a información rigorosa. O que non sabemos é se nas casas se produciu algún tipo de liorta sobre se hai que plantar os repolos cunha maior ou menor separación.

A parcelaria, tema candente en moitas zonas rurais, tamén chegou aos nosos bancais. A horta estaba dividida, pero non había planos. Como somos xente legal e non queriamos ter problemas coas clases veciñas polo tema dos marcos, decidimos coller o metro e elaborar o plano da horta, sinalando parcelas e cultivos. Introducimos deste xeito o respecto á propiedade allea. 

A desgraza sobreveunos cando os nosos repolos desapareceron. Investigando, demos coa culpable: a ovella do veciño. 

Outros medios menos rigorosos tamén cubriron o suceso, dando lugar ás novas disparatadas. Volvemos diferenciar entre información contrastada e ruxe-ruxes. De paso, demos renda solta á imaxinación. 


Ilustración da nova sobre o curioso incidente das ovellas e os repolos

 

Como en Ciencias andabamos a voltas cos animais, elaboramos fichas policiaisdos delincuentes da horta: un animal representativo de cada grupo que se achega ás nosas hortas e fai algunha falcatruada sobre os cultivos. Por que o fixemos? Pois porque no libro de texto non falaba precisamente de todos eses bichos que comen os cultivos dos avós e queriamos saber das súas características. Pareceunos importante traballar o tema dos animais falando dos que máis preto temos. 

Estreámonos como locutores e locutoras de radio. Foi todo un acontecemento e o sangue rebulíanos nas veas coas ganas de volver gravar. Elaboramos pequenos guións de radio para lle contar á audiencia consellos para labregos/as inexpertos. Naceu o programa Horticonsello do día

Este medio foi unha gran motivación. O traballo previo de investigación para a elaboración dos guións, a súa escritura, os ensaios repetidos sen queixas e sendo o propio alumnado o que pedía silencio, a solemnidade da gravación, o emprego dos recursos técnicos, a difusión á comunidade e a subida de autoestima do alumnado ao escoitarse non teñen máis que dicir. 

A primeira colleita foi a dos feixóns que plantaramos na aula. Foi moi emocionante velos agromar, pero como non damos puntada sen fío aproveitamos a ocasión para realizar tarefas de Matemáticas: pesado, medida, estatísticas… 


Os feixóns na clase de Mates

 

E que iamos facer con eles? Pois comelos, claro. Os días que se cociña no cole todo o mundo anda contento, aínda que nada máis lles chegue o recendo do que se prepara.  Logo do preceptivo traballo de investigación, toma de decisións, planificación e organización da actividade, puxemos a mesa, enchufamos a cociña e preparámolas. Comemos todos e todas! 

Recollemos todo o proceso nunha receita interactivaque ata se pode escoitar. Visto co tempo, incluso puidemos facer unha versión adaptada a pictogramas. Apuntámolo para a próxima.


Elaborando a receita de feixóns

 

Como os feixóns seguían producindo, decidimos estudalos máis de preto. Fixemos uso didáctico dos móbiles das mestras para as fotos, logo debuxos, observación, e etiquetaxe de partes da planta e da flor. Con todo isto elaboramos o texto desta presentaciónpara o resto do centro, alumnado e profesorado. Aquí, reafirmámonos na idea da necesidade de compartir o traballo das aulas, xa que enriquece a todas as partes. 

Foi un traballo intenso, esgotador e desesperante nalgún momento. Imposible, sen a existencia dunha hora semanal de coordinación de ciclo dentro do horario lectivo, aspecto que lle agradecemos á dirección do centro, e dunhas compañeiras abertas a calquera proposta. Imposible tamén, sen horas de asesoramento bibliotecario nos recreos, ás entradas e saídas… pero tremendamente satisfactorio tanto no persoal como no profesional. 

O traballo por proxectos é unha forma moi intensa de relación, comunicación, ensino, colaboración co alumnado e coa comunidade educativa, é certo. Pero tamén é un modo moi organizado de xestionar todos aquelas ansias e entusiasmos dos que falabamos ao principio. 

Recollelo todo e compartilo é o segredo para valorar o que facemos e animarse a seguir cultivando. 

 

 

 

Sección: