Un club sobre rodas

As viaxes literarias como motores dos clubs de lectura
O autobús é un aula con rodas. Temos que impregnalo con todos os elementos dun aula. Silencios e risas. Cancións e reflexións. Saberes compartidos.

Álex Portela

alexportela@edu.xunta.es

IES Universidade Laboral de Ourense

 

Todo está nos Simpson. Nun memorable episodio desta magnífica serie, o director Skinner perde temporalmente o seu posto por culpa de Bart e  este finalmente axúdao a recuperalo. Na escena final, abrázanse os dous inimigos íntimos e Bart estámpalle nas costas un letreiro co enunciado Kick me («Patéame») e marcha cheo de orgullo sen decatarse de que o director lle puxera, pola súa vez, un letreiro no que se le Teach me («Ensíname»). Este final condensa de xeito maxistral a natureza do alumnado e do profesorado. Dun lado a rebeldía, o inconformismo, as contradicións; doutro a supeditación na aprendizaxe, a certeza de que de todo se pode extraer unha lección. A pregunta agora é obvia. Que ten isto que ver cun club de lectura? A resposta está nunha pregunta (vivamos como galegos!). A resposta está nunha pregunta que debería residir detrás de cada club de lectura… Cal é a natureza lectora dos futuros membros do noso club? A natureza dos futuros membros (nisto hai que ser claros e honestos) é, con carácter xeral, remisa á lectura. Non se pode maquillar a realidade: a lectura recreativa non ocupa os primeiros postos na lista de prioridades dos adolescentes. Así que quedan dúas opcións: crear un club de lectura para esa minoría lectora ou intentar sacar algo do alumnado que a priorinunca participaría nun club de lectura. Conseguir que sigan sendo rebeldes, inconformistas e contraditorios pero que, ao mesmo tempo, marchen orgullosos e oufanos cun letreiro nas costas que poña: «son do club de lectura». E aí entran as viaxes literarias. De cheo. As viaxes son nin máis nin menos que o reclamo que posibilita o abrazo.

Cómpre asumir entón que a excursión é a cenoria que move á lectura. O motivo fundamental  que fai que máis de 200 persoas lean tres libros no curso  (a maiores dos obrigatorios). Tal cal. Isto supón unha responsabilidade enorme;  hai que preparar esa viaxe a conciencia. Non vale delegar nunha axencia de viaxes que faga un pack e andando. O antes é tan importante (ou máis) ca o durante. Hai que seleccionar lugares interesantes e combinar. Combinar historia, arte, ciencia, literatura, matemática, música, tecnoloxía… e tempo de lecer (por suposto). Tirar das propias experiencias, de experiencias próximas, sacar todo o fondo de armario para construír unha viaxe redonda. Unha experiencia vital. O deseño da viaxe, sen dúbida, ten que ser coral. Con achegas de todos os departamentos. E investir moito, pero moito tempo. Deseguido, xorde a segunda pregunta. Por que estou a facer todo isto? E pensas inevitablemente: quen me mandaría embarcarme con 100 co ben que estaría eu con 15? Somos así. Necesitamos reafirmarnos. Necesitamos unha causa, un principio. Necesitamos a certeza de escoller o mellor camiño. 

E de repente recibes a chamada dunha compañeira doutro centro. E outra. Saben da túa viaxe e están interesadas en unirse. Recibes as primeiras palabras de admiración. Recibes máis achegas e moitas palabras de alento. E comezas a sentir que levar 100 rapaces de viaxe tampouco é para tanto. Que todo é cuestión de organizarse. E viaxan tres institutos xuntos. Relaciónanse, comparten, conviven, coñecen, experimentan. E todo comeza a ter sentido. Pero non nos adiantemos, antes quedan moitos pasos. Algúns encerran grandes sorpresas.

O primeiro paso é reunir a todos os membros do club, presentar a viaxe e configurar unha primeira lista de xente interesada. É polo que levan agardando todo o tempo. A lista non defrauda e nunca baixa dos cen participantes. Pero eles non deciden. Hai que convocar os seus pais/nais. Faise. Achégase o día. Seguro que ao final non aparecen máis ca dez ou vinte, seguro que vai quedar en nada. Primeira sorpresa.

O salón de actos énchese con preto de 150 persoas. Este é o segundo paso desta ardua aventura. Correndo a facer máis fotocopias co informe da viaxe. Atenden entusiasmados a toda a explicación. Sen querelo, sen pretendelo móstrase outro beneficio (segunda sorpresa) destas viaxes. Poñer cara, humanizar e achegar a escola ás familias. Perciben e valoran o traballo, comparten a súa experiencia, as súas visións as súas inquedanzas porque «eu xa estiven alí e é fermosísimo», porque «que sorte teñen e quen puidese ser estudante de novo», porque «o seu fillo non leva móbil e se vos podo chamar para falar con el», porque «estamos moi agradecidos e marabillados de que levedes a cen rapaces durante catro días…». E volves para a casa pensando que todo o traballo pagou a pena.

Chegados a este punto, permitídeme unha licenza. Vou saltar agora un montón de pasos aburridos e burocráticos. Interaccións coa axencia de viaxes, pagamento da viaxe, organización dos cuartos nos diferentes hoteis, xestión de permisos etc. (se fose de interese para alguén e tivese tempo, que contacte a través do correo electrónico). Salto todos os pasos para centrarme en tres saberes claves (adquiridos coa experiencia) que quero compartir antes de rematar o artigo. Os tres refórzanse máis e máis con cada viaxe.

Primeiro. Hai que intentar por todos os medios ter un encontro co autor dun libro dos propostos ese ano no club de lectura. Esta acción que pode parecer un pouco irrelevante, logo,  no momento, érguese como un eixe fundamental e conecta os tempos, lugares e personaxes con libros e persoas. Ademais prodúcense momentos máxicos con inesperadas interpretacións, preguntas, respostas e suxestións.  

Segundo. O percorrido é parte da excursión. Non hai que ter présa en chegar. Hai moito de camiño por coñecer e explorar máis alá de estacións de servizo. O itinerario transcorre, ás veces, por camiños milenarios cheos de cultura e tradicións. De paisaxe e historia. Non se pode desaproveitar e reducir a viaxe unicamente ás cidades onde se vai durmir.

Terceiro.  O autobús é unha aula con rodas. Este é o saber máis importante cando se fai unha viaxe literaria. Temos que impregnala con todos os elementos dunha aula. Silencios e risas. Cancións e reflexións. Saberes compartidos. E por suposto, un caderno de aula, un caderno artístico e informativo que serve de áncora e de referencia durante toda a travesía. O micrófono do autobús ten que botar fume. Para dar avisos vitais de horarios, itinerarios, recordatorios e  algunha reprensión. Porque hai que utilizalo sen medo para explicar, para aclarar, para preguntar, para facer, en definitiva, o que mellor sabemos facer, colocar un letreiro en cada unha das costas no que se lea «ensinanza compartida».

 

 

 

Sección: