Discapacidade auditiva e acoso escolar

Begoña Castro Iglesias
CEIP Agro do Muíño (Ames - A Coruña)
m.begonacastro@edu.xunta.gal

A discapacidade auditiva aféctalle a un 8 % da poboación. A diferenza doutras, como a visual ou a motórica, non se ve e, en consecuencia, a sociedade préstalle pouca atención.
A etioloxía abarca desde unha causa natural ou común, como pode ser a exposición ao ruído, enfermidade ou infección, ata ter un compoñente hereditario ou, mesmo, unha lesión grave.
As consecuencias da perda de audición poden ser moi diversas, incluíndo nalgúns casos problemas sociais e psicolóxicos, aspectos que no eido educativo, sen dúbida, deben ser atendidos.
Tal e como recolle o actual Protocolo para a atención educativa ao alumnado con discapacidade auditiva da Consellería de Educación, Universidade e Formación profesional da Xunta de Galicia (ano 2019, p. 31):  «O máis habitual é que o alumnado chegue á escola coa perda auditiva detectada, que teña un diagnóstico médico e que xa teña corrección audioprotésica ou logopédica, segundo os casos». Pero ás veces non ocorre así e os indicadores de alerta no ámbito familiar e escolar non son debidamente detectados. Dada a importancia que ten a súa detección temperá, no protocolo citado, relaciónase unha serie de indicadores por idades que poden servir de axuda á hora de detectar unha posible perda da audición. A modo de exemplo, entre idades de 4 a 6 anos:
    • Non contestar a preguntas sinxelas.
    • Non ser capaz de contar o que lle pasa.
    • Non ser capaz de manter unha conversación sinxela.
    • Ter un vocabulario escaso.



Poden xurdir igualmente dificultades adicionais á hora de desenvolver a súa capacidade comunicativa, que se traducen nun constante e recorrente estado de incomodidade, desconfianza e frustración persoal, o que xera illamento nas relacións cos iguais e problemas psicolóxicos que poden derivar en  trastornos emocionais e estados depresivos.

Neste artigo faremos especial mención a un aspecto infrecuente cando se analizan casos de acoso escolar ou bullying. Nel, ten especial relevancia o feito dun diagnóstico tardío de hipoacusia (moderada, no caso que se describe), o que deu lugar a importantes complicacións na abordaxe do caso.
O alumno ao que se fai referencia inclúe aspectos tanto de acosado como de acosador. O abuso de poder maniféstase nas diferentes idades: 11 anos o  acosador e 8 o acosado, ambos de familias con nivel sociocultural medio.
Cun diagnóstico tardío da hipoacusia (11 anos), no seu historial académico e familiar non se detectaron necesidades específicas ata 3.º nivel, con lixeiras dificultades nas áreas lingüísticas, nas habilidades sociais e na relación cos seus iguais, con tendencia ao illamento.

Cando o centro educativo recibe a alerta de posible acoso escolar por parte deste alumno, é cando se visualiza o caso e se leva a cabo o procedemento coa análise das diferentes variables que hai que ter en conta.

O departamento de orientación do centro pon en práctica, nun primeiro momento, a medida de protección da vítima, asignándolle unha figura de seguridade (adulto do centro). Inmediatamente, procédese a unha observación sistemática dos dous alumnos nos diferentes ambientes (aula, comedor escolar e espazos lúdicos)  e mantéñense entrevistas periódicas coas familias, o profesorado e os compañeiros de ambos.

Á vista dos datos obtidos, considérase necesario incluír a correspondente valoración dos servizos de Pediatría e Otorrinolaringoloxía, que emiten un diagnóstico clínico de  hipoacusia moderada.

A vítima presenta indicadores típicos físicos (somatización), psicolóxicos (debutando con ansiedade  fóbica), e sociais (é excluída do grupo).

A parte máis interesante atópase nas condicións individuais, xa que ambos manifestan as mesmas. A diferenza atópase en que nun son derivadas da hipoacusia moderada que produce dificultades e xera esas condicións e na vítima son manifestacións produto de bullying.

Como conclusión, cómpre sinalar que na avaliación de situacións de acoso escolar non deben excluírse variables inusuais como a discapacidade auditiva ou outras, que poden constituírse en factores especialmente relevantes á hora de deseñar a correspondente intervención educativa. A perda auditiva non impide o mundo dos sentimentos, teñen os mesmos ca os seus iguais, só que teñen menos oportunidades de compartilos.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Lafón, J. C. (1987). Los niños con deficiencias auditivas. Barcelona: Masson.

Sacks, O. (1996). Veo una voz. Viaje al mundo de los sordos. Madrid: Anaya.

MarchesiUllastres, A. (2003). El desarrollo cognitivo y lingüístico de los niños sordos. Madrid: Alianza.

 

 

 

Sección: