Miserábeis

O teatro musical para fomentar a igualdade, a dinamización do galego e o desenvolvemento das competencias na secundaria
«Miserábeis» é un proxecto de centro interdisciplinar que aposta pola aprendizaxe cooperativa, competencial, desde unha óptica feminista e en lingua galega, artellado a partir da posta en escena dunha obra de teatro musical para o alumnado entre 12 e 16 anos, como procedemento para educar na igualdade e nas competencias de carácter intelectual e socioemocional.

Diana Vilas Meis
Xeografía e Historia. IES Illa de Ons (Bueu)
Deseño de Exposicións e Recursos Expositivos. Universidade de Vigo
dvmeis@edu.xunta.es
dvilas@uvigo.es
*Coordinación do proxecto a cargo de Diana Vilas e Teté García

Figura 1. Imaxe corporativa do musical

 

Descrición xeral do proxecto

O musical Miserábeis fai unha revisión contemporánea e feminista, integramente en lingua galega, da novela do escritor francés Victor Hugo. A historia transcorre na Francia do século XIX e das revolucións de 1830, con referencias a temas actuais como a loita pola liberdade, a desigualdade social, a coraxe ou a revolución do pobo. Convértese así nun medio adecuado para conseguir a integración dos contidos e das experiencias curriculares pois, como espectáculo que emprega as cancións e o movemento para explicar o argumento, reúne a posibilidade de expresarse a través de distintas linguaxes: a música, a danza e o diálogo falado en lingua galega, os cales deben estar ben entrelazados e integrados entre si.

Ao mesmo tempo, esta proposta integra un cronograma de actividades elaboradas desde diversas materias do centro, como a planificación de pequenas investigacións, proxectos sobre temáticas específicas, obradoiros de canto coral en galego e a sistematización de ensaios, así como diversas tarefas de contido interdisciplinar. Estas leváronse a cabo mediante estratexias cooperativas, procurando a colaboración entre todas as partes implicadas e fomentando unha interdependencia positiva a través de todos os membros no esforzo final. Con esta metodoloxía preténdese promover a igualdade, o respecto entre compañeiras e compañeiros, a integración, o desenvolvemento da confianza e da xestión das emocións, incluíndo, ademais, momentos de (auto)avaliación individual e grupal.

Obxectivos

O obxectivo xeral deste proxecto é deseñar e implementar unha obra de teatro musical como proxecto de centro interdisciplinar para fomentar a igualdade, a integración do alumnado con capacidades diversas, a dinamización do galego e o desenvolvemento das competencias clave na educación secundaria obrigatoria. Para acadar este obxectivo, elaborouse no centro educativo unha revisión de xénero da obra literaria Os miserables de Víctor Hugo e creouse unha adaptación teatral e musical propia a partir das versións dos musicais en lingua castelá e inglesa, co que se xeraron diversas actividades relacionadas coa posta en escena da peza de teatro musical, ligadas ás temáticas e/ou feitos acontecidos na súa historia, e/ou conectadas coa visualización dos resultados xerados a través das novas tecnoloxías da comunicación e a aprendizaxe (TAC), estendendo a experiencia a ámbitos académicos, sociais, lúdicos ou tecnolóxicos, dentro e fóra das aulas.

Co fin de acadar este obxectivo xeral, acordamos os seguintes obxectivos específicos:
    • Deseñar, implementar e avaliar desde a experiencia curricular unha dinámica de traballo por proxectos que sitúe a igualdade, a perspectiva feminista e a revisión de estereotipos no centro do proceso da aprendizaxe mediante unha proposta interdisciplinar, motivadora e lúdica.
    • Potenciar metodoloxías de traballo cooperativo que fomenten o uso do galego en todos os ámbitos da comunidade escolar e en todos os ambientes relacionados co centro, a partir das posibilidades do teatro musical como ferramenta de aprendizaxe competencial.
    • Desenvolver entre o alumnado a capacidade de tomar decisións e de asumir responsabilidades, de participación, de planificación e a iniciativa persoal.
    • Fomentar actividades que potencien a socialización en lingua galega, ben desde o uso das novas tecnoloxías da aprendizaxe e da comunicación (TAC) para a creación de materiais relacionados co proxecto, ben desde o canto coral, o baile grupal e a dramatización teatral.
    • Fomentar actividades que potencien a reflexión, a tolerancia, a empatía e a autoestima do alumnado mediante o debate.

Implicación do centro e da comunidade educativa

O proxecto desenvolveuse nun tempo aproximado de 33 semanas, nas cales se levaron a cabo as tarefas ligadas á posta en escena da obra de teatro musical, así como aqueloutras actividades deseñadas desde os diferentes departamentos do centro. O proceso de ensaios, entendidos como unha experiencia viva que se sucede no tempo, transcorreu mediante unha práctica prolongada tanto na franxa horaria correspondente ás materias de música e ás titorías, como en horario extraescolar, intensificando os tempos —dentro e fóra do horario lectivo— nos momentos máis próximos ás representacións, que quedaron fixadas para o mes de xuño.    

A dirección do centro educativo acometeu un grande esforzo na adecuación dos espazos e horarios para unha dinámica de traballo máis flexible e interdisciplinar, capaz de potenciar o traballo cooperativo entre o profesorado das materias involucradas no proxecto, así como un forte investimento económico, para a súa posta en escena. O total de profesores participantes no proxecto foi de 16 —dun claustro de 20 docentes—, pertencentes a distintos departamentos didácticos, coa colaboración do departamento de orientación, do persoal administrativo e da conserxería do centro, así como dos cargos directivos. Cómpre destacar que a participación da comunidade docente desborda a súa presenza na escena teatral e musical, xunto ao propio alumnado, asume a colaboración en tarefas específicas para a posta en escena do musical, funcións de xestión ou organización, desenvolvendo ao longo do curso de actividades e proxectos específicos desde as materias ou colabora na adaptación do calendario escolar, na asunción de gardas para facilitar os tempos de ensaio xerais e o labor das coordinadoras, así como a convivencia e funcionamento do centro en ocasións nas que se requiriu a xuntanza de máis de 50 membros da comunidade educativa.

Para organizar e coordinar os 88 membros da comunidade educativa participantes no proxecto, foi preciso xerar canles de comunicación directa, empregando medios e contornas dixitais para informar e traballar de forma colaborativa, e para apoiar a aprendizaxe individual ou colectiva. Así, desde a suite de Google do centro (@iesillaons) creouse no classroom unha materia virtual, Miserábeis, na que se foi subindo toda a información, letras das cancións, arranxos musicais e covers, actividades, anuncios... relacionados co proxecto. Acometeuse, ademais, a elaboración de diversos materiais pedagóxicos para a montaxe e ensaio das escenas, con indicacións teatrais e pautas de técnica vocal.

Figura 2. Reparto de funcións e tarefas entre os departamentos do centro



O centro contou, para a educación artística do alumnado e profesorado, con dúas docentes que posúen a formación académica específica adecuada para enfrontarse a determinados coñecementos e, á súa vez, con formación e experiencia didáctica e pedagóxica: Diana Vilas (profesora de Historia e cantante) e Teté García (profesora de Música e actriz). Ambas exerceron o labor de coordinación, facilitando a comunicación entre os docentes e membros da comunidade educativa implicados e asegurando o mantemento dunha coherencia estético-estilística no proxecto.

Doutro lado, do total de 139 alumnos/as do centro, o alumnado implicado en todas as actividades xeradas ao redor do proxecto desde as distintas áreas e materias suma un total de 70; dos cales 41 alumnos/as pertencentes, fundamentalmente, a terceiro e cuarto da ESO, con colaboracións puntuais de rapazas de cursos inferiores, tiveron unha presenza constante na posta en escena do espectáculo.

Foi fundamental a cooperación das familias, mediante a achega de obxectos e materiais para o atrezo da obra, tarefas de costura, e co seu apoio para a adaptación dos tempos de ensaio en horario extraescolar, priorizando a responsabilidade do alumnado co proxecto fronte a outro tipo de actividades previstas, por entender que este comprende uns valores pedagóxicos que desbordan o académico e que son esenciais na formación da mocidade.

Estratexias para unha adaptación pedagóxica e curricular: educar en valores desde unha perspectiva feminista

Detállanse a continuación algunhas das estratexias encamiñadas a potenciar o desenvolvemento dunha formación integral, a prol do fomento da igualdade e da revisión dos estereotipos de xénero.

Estratexia 4.1

Promover unha revisión de xénero e contemporánea da obra literaria de Victor Hugo, a través dunha proposta teatral e musical propia, integramente en galego.

Aínda que a adaptación mantén o vínculo do contexto histórico da Francia do século XIX e das revolucións da década de 1830, a adaptación inclúe referencias actuais, sobre todo no que respecta ao papel das mulleres. Destaca a maior presenza dos personaxes femininos, que adquiren nesta adaptación un papel protagonista. Fantine non é unicamente unha vítima maltratada polas circunstancias da vida, encarna a loita pola supervivencia; Cosette abandona o rol de damisela en apuros para abrazar a causa revolucionaria; a revolución, que na obra de Victor Hugo abandeira o personaxe de Enjolras, ten unha líder que arenga as masas e alza a bandeira feminista; Gavroche, é aquí unha meniña valente e consciente do momento que vive e disposta a cambiar o sentido do que intúe. Non faltan, tampouco, as alusións ao valor da educación como berce de toda revolución, ideal ilustrado que encarna o personaxe dunha mestra e o canto ás «aulas baleiras e frías» tras o desenlace fatídico da batalla; unha licenza ausente na obra orixinal.


Figura 4. Representación da obra de Delacroix, A Liberdade guiando o pobo, coa líder portando a bandeira feminista



Estratexia 4.2

Crear discursos revolucionarios adaptados aos diversos axentes sociais da época e comprender e valorar o nacemento da primeira vaga do feminismo.

Co fin de integrar discursos revolucionarios propios do século XIX e das circunstancias concretas das revolucións liberais francesas, o alumnado de cuarto da ESO mergullouse no nacemento e represión da primeira vaga feminista, e escribiu sobre as demandas propias das mulleres que participaron desta experiencia, xunto ás proclamas da burguesía moderada e radical, dos sectores populares, dos sectores obreiros... Para iso, tiveron que sopesar as razóns dos revolucionarios e de revolucionarias como Olympe de Gouges, Etta Palm d´Aelders, as salonières como Madame Geoffrin ou personaxes como Théroigne de Méricourt, Pauline Leon ou Charlotte Corday para actuar como o fixeron.  As súas proclamas forman parte do espectáculo teatral.


Figura 5. Exemplos de proclamas feministas elaboradas polo alumnado de 4º da ESO



Estratexia 4.3

Indagar nas posibilidades da arte histórica como referente ético e estético nos produtos teatrais, musicais e audiovisuais. Os tableaux vivants.

Acometeuse un traballo de pescuda e análise de obras de arte para representar en distintos momentos do musical, que servisen de referentes estéticos e éticos en consonancia cos valores impulsados no proxecto: A liberdade guiando ao pobo de Delacroix, onde a imaxe dunha muller-símbolo lidera a revolución popular contra a opresión dun novo rei e que algúns autores como Baudelaire identificaron con Théroigne de Méricourt; O rapto das Sabinas de J. L. David, emblema do rapto patriarcal da vontade das mulleres dun pobo e do sacrificio e intelecto destas para evitar unha nova guerra; A morte de Marat, de J. L. David, alusión aos mártires das revolucións e ás traizóns entre axentes con ideoloxías afíns, ou Os fusilamentos de Moncloa, de Goya, que trata o absurdo da morte núa, a morte convertida en puro asasinato.



Figura 6. Recreación dalgúns tableaux vivants: O Rapto das Sabinas e A morte de Marat, de Jacques-Louis David


Estratexia 4.4

Abordar desde o momento actual a loita feminista, a denuncia das desigualdades sociais ou a esperanza que implica a loita por ideais como a igualdade e a liberdade, coñecendo e valorando as contribucións á cultura de mulleres históricas e contemporáneas.

Incorporáronse en diversas escenas do musical referencias á loita feminista, con diferentes símbolos de cor violeta que atravesan as escenas da obra ou a propia bandeira que alza a líder da revolución. Trátanse na obra temas como o da prostitución, a subversión dos roles de xénero tradicionais, nunha das escenas pódese observar o retrato de Mary Wollstonecraft —elaborado polo departamento de estampación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra para o proxecto— e, tras a gran batalla, resoa un fragmento do poema «Despois de cada guerra» da escritora e poeta polaca Wislawa Szymborska, gañadora do Premio Nobel de Literatura en 1996. Ademais, unha das coordinadoras do proxecto, Teté García, é a autora do poema que pecha o desenlace da obra.



Figura 7. Representación da escena de prostitución "Mozas guapas", con máscaras elaboradas na materia de Educación Plástica e Visual


Estratexia 4.5

Desenvolvemento dun programa educativo continuo de clases, ensaios e obradoiros, en horario lectivo e non lectivo, sobre formación en teatro e canto coral.

Desenvolvéronse actividades de técnicas de desinhibición teatral, traballo das emocións a través do corpo e da xestualidade, improvisación, montaxe e ensaio das escenas; así como actividades de técnicas de respiración, nocións básicas de tonalidades e rexistros vocais, e de canto individual e coral das cancións seleccionadas. Implementouse, tamén, entre xaneiro e maio, en horario de tarde, un curso de 24 horas de canto coral e técnicas de interpretación vocal para todos os participantes, a cargo do director de coros Ramón Bermejo.


Figura 8. Ensaio no Centro Social do Mar de Bueu. Taller de canto coral con Ramón Bermejo


Estratexia 4.6

Elaboración dun cronograma de actividades para desenvolver desde diversas materias durante o curso académico 2018/19 e elaboración dun plan de avaliación de carácter competencial.

A complexidade desta proposta educativa implicou a selección de diversos contidos curriculares para o seu desenvolvemento, fundamentalmente relacionados co tratamento do século XIX desde as diferentes materias de cuarto da ESO, así como o fraccionamento do programa en diferentes fases e liñas paralelas de traballo, cuxa programación implica a asignación dunha marxe ampla de horario lectivo, distribuído ao longo de todo o curso. Leváronse a cabo, como xa se mencionou con anterioridade, pequenas investigacións, proxectos sobre temáticas específicas e actividades de contido interdisciplinar e interdepartamentais relacionadas co musical e coa visualización dos resultados xerados a través das novas tecnoloxías da comunicación e a aprendizaxe (TAC).

Ademais, continuando co programa de formación que se está a desenvolver no centro con respecto á elaboración de instrumentos e recursos para unha avaliación de carácter competencial, creáronse rúbricas para a valoración da aprendizaxe e a evolución nas destrezas instrumentais básicas asociadas ao proxecto. Neste sentido, desde o punto de vista da súa inserción no currículo da ESO, o teatro musical orientouse desde tres aspectos diferentes: como ferramenta didáctica, como área ou materia, e como produto artístico ou espectáculo, para a dinamización do galego e o traballo das competencias clave ao longo de todo o curso, potenciándose a xeración de espazos e foros para a reflexión e o debate sobre temas relacionados co proceso e coa formación adquirida a través do musical, que axudasen na autoavaliación das competencias intrapersoais e interpersoais.
As porcentaxes estimadas para a cualificación competencial do alumnado, para o cal se tiveron como referencia os estudos de LÓVA encargados polo CNIIE, foron:

Figura 9. Peso porcentual de cada competencia para a avaliación do alumnado

 

Colaboracións e difusión do proxecto

Programáronse dúas intervencións en espazos da localidade. O 12 de marzo, con motivo dun acto polo día da muller traballadora, o alumnado e profesorado do centro representaron no Centro Social do Mar de Bueu dúas escenas da obra para visibilizar o papel das mulleres nas loitas polos dereitos e liberdades que se sucederon nas revolucións liberais do século XIX.    

Ao remate do curso académico fixáronse dúas actuacións completas do musical, o mércores 19 de xuño no auditorio de Cangas, e o venres 21 no Centro Social do Mar de Bueu, ambas as dúas en horario de tarde, ás 20:30 horas.

Cómpre destacar que, para o labor dos traballos de iluminación e son do espectáculo, o centro contou co deseño de luces de Carlos Álvarez-Ossorio e a asistencia técnica de Héctor Pazos para a microfonía, así como co asesoramento e cesión de vestiario do Centro Dramático Galego. Ademais, foron notables as colaboracións doutras institucións, entidades e asociacións como o Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra ou os concellos de Cangas e Bueu na cesión dos espazos para os ensaios e representacións.


Figura 10. Fragmento do Epílogo co profesorado e alumnado do centro en escena, no auditorio de Cangas



O proxecto foi galardoado co Premio de Innovación en Dinamización Lingüística 2018/19 da Xunta de Galicia e obtivo unha gran repercusión mediática, da que son boa mostra as seguintes ligazóns:

crtvg. A revista. 2019/06/13

farodevigo: Bueu abraza la causa del feminismo 2019/03/12

farodevigo: A nova revolución dos «Miserábeis» 2019/06/05

sermosgaliza: O Morrazo goza cos Miserábeis 2019/06/19

farodevigo: Alumnos del IES Illa de Ons estrenan su musical «Miserábeis» 2019/06/19

farodevigo: Bueu honra a Victor Hugo 2019/06/20

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/con-maria-del-monte-4193417?t=727 Programa Luar (TVG) 2019/10/04

Debido á boa acollida do proxecto, o centro espera continuar coas representacións ao longo do curso académico 2019/20 en distintas localidades de Galicia.

Vídeo-resumo do musical


 

Sección: