1,2,3… poesi, la, sol

Proposta didáctica para a creación de videopoemas en educación primaria

Andrea Porto Mato, mestra especialista en Educación Musical
CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña (Castriz, Santa Comba - A Coruña)
andrea.porto@edu.xunta.es

 

Introdución

A videopoesía permítenos achegarnos ao mundo da literatura, da música e da imaxe desde unha perspectiva holística e estimulante para o alumnado, polo que nos brinda un marco incomparable para a aprendizaxe.
Co gallo da celebración do Día da Poesía (21 de marzo), levamos a cabo unha secuencia didáctica encamiñada á creación de videopoemas baseados en textos de diferentes autoras galegas. Lingua e literatura, son e silencio, música e imaxe, percepción e expresión... unha viaxe entre o papel e a tecnoloxía, entre a aula de música e a radio escolar, entre a radio e o plató.

Contextualización

O CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña é un centro dunha liña situado na parroquia de Castriz en Santa Comba. Conta no presente curso 2018/19 con dúas aulas de educación infantil, unha delas mixta, e catro aulas de educación primaria (son mixtas as de primeiro-segundo e quinto-sexto).
Esta proposta de creación pretende brindarlle ao alumnado unha oportunidade de aprendizaxe motivadora e enriquecedora, tomando como punto de partida o seu contexto social e lingüístico.

Por unha banda, como resposta aos valores patriarcais presentes na nosa sociedade, estase a desenvolver no centro un intenso traballo a prol da igualdade, no marco do Plan Proxecta «Donas de si», no que enmarcamos esta proposta didáctica de creación. Por outra banda, é preciso sinalar que o alumnado é galegofalante. Porén, desde os equipos de biblioteca e EDLG procúrase que coñezan as posibilidades do idioma en contextos atractivos e diferentes aos que lles son máis habituais, como mecanismo de posta en valor deste. Ademais, ao termos en conta que a proposta deste curso escolar para as Bibliotecas Escolares é Poéticas Diversas, coidamos que era interesante promover un achegamento ao mundo da videopoesía, ao tempo que integrabamos a radio escolar neste proceso de creación, achegándolle un novo uso.

Obxectivos

A realización desta proposta didáctica pretendía acadar os seguintes obxectivos:
- Coñecer o xénero da videopoesía.
- Reflexionar sobre as posibilidades expresivas da poesía e da videopoesía.
- Coñecer e poñer en valor a traxectoria profesional de creadoras galegas actuais.
- Reflexionar sobre a situación das mulleres na sociedade desde un punto de vista crítico e construtivo.
- Sonorizar poemas cos obxectos e instrumentos musicais dispoñibles, analizando o significado do texto e reforzando o poder da palabra por medio da música (efectos sonoros, bases instrumentais...).
- Empregar a radio escolar como estudo de gravación.

Competencias clave

A posta en marcha desta proposta didáctica favorece o desenvolvemento de todas as competencias clave desde unha perspectiva holística e motivadora:

CCL

Lectura comprensiva dos poemas elixidos para sonorizar.

Lectura en voz alta na radio escolar (alumnado encargado desta parte).

CMCCT

Exploración das posibilidades sonoras dos obxectos e instrumentos dispoñibles na aula de música.

CD

Gravación da sonorización dos poemas na radio escolar.

Gravación dos vídeos.

CSC

Respecto das achegas das compañeiras e compañeiros durante o proceso de creación e compromiso para levar a cabo a proposta de xeito colaborativo.

Respecto das normas e o silencio como punto de partida necesario para o traballo auditivo, creativo e de gravación.

Reflexión sobre o papel da muller na sociedade.

CAA

Participación activa no proceso de creación desde a sonorización ata a elaboración do videopoema.

CSIEE

Sonorización dos poemas: achega de ideas e toma de decisións relativas a: tarefas e papeis dentro do grupo, tempos e orde de intervención, tipo de sonorización, efectos e bases instrumentais aplicadas, instrumentos empregados…

Deseño do guión do videopoema.

CCEC

Sonorización dos poemas: improvisación e creación de bases instrumentais.

Relación das diferentes linguaxes na arte: poesía-música-imaxe.

Coñecemento das creacións de poetas e videopoetas galegas.

Metodoloxía

Os principios metodolóxicos fundamentais desta proposta didáctica son a globalización, a actividade e a creatividade.

A videopoesía integra literatura e lingua con música e imaxe nunha única disciplina. O proceso de creación permite, polo tanto, proporcionarlle ao alumnado a oportunidade de achegarse á arte desde unha perspectiva holística, protagonizando un proceso de aprendizaxe no que percepción e expresión, escoita e reflexión camiñan da man e se retroalimentan positivamente.

Neste proceso, a participación activa do alumnado é fundamental, protagonizando as decisións que van xurdindo no proceso de creación e formando parte activa na  gravación de audio e vídeo.

A oportunidade de improvisar, compoñer, inventar... e, en definitiva, CREAR, está polo xeral pouco presente nas aulas, así que é preciso establecer espazos e tempos para que o alumnado poida desenvolver a súa creatividade e valorar e respectar as achegas propias e alleas xurdidas ao longo do proceso creativo.

Organización espacial e temporal

A secuencia didáctica proposta desenvolveuse en cinco sesións, as tres primeiras de 50 minutos e as dúas últimas dunha hora e cuarto, en diferentes espazos do centro educativo (aula de música, radio escolar e diferentes espazos para a gravación do vídeo), tal e como se recolle a continuación:

1. Sonorización (aula de música)

  • SESIÓN 1

Cada grupo recibe un poema para sonorizar. Lelo en voz alta permite reflexionar sobre o seu significado. Os poemas elixidos son:

1.º- 2.º EP: «Tal como as nubes» de Rosalía de Castro.
3.º EP: poema extraído do poemario No berce das mareas de Celia Parra.
4.º EP: poema extraído do poemario Un mar de sensacións de Rosalía Fernández Rial.
5.º- 6.º EP: «Princesa (contra) Disney» e «Barbie Girl» de Carlos Negro.

Segundo o nivel, o proceso de creación é máis ou menos dirixido, pero en todas as aulas teñen cabida as achegas do alumnado. Nesta primeira sesión, o obxectivo é establecer un primeiro contacto co texto e ofrecerlle ao alumnado o tempo, o espazo e os recursos para a experimentación sonora.
 
Cos grupos de primeiro-segundo e terceiro de educación primaria, establecemos un centro tonal e un acompañamento instrumental que serven como base para ir improvisando diferentes ostinatos rítmicos e rítmico-melódicos. O alumnado vai empregando diferentes instrumentos da aula e achegando ideas de xeito secuencial. Todos imos imitando as propostas das compañeiras e compañeiros, valorando cales nos gustan máis.

Co alumnado de cuarto e quinto-sexto de educación primaria, tras a lectura do texto, dividimos a aula en grupos de traballo. Cada un deles encargarase de preparar o recitado, os efectos sonoros, o acompañamento instrumental e os ostinatos rítmicos ou rítmico-melódicos que aparecerán nas sonorizacións. Tendo en conta que a aula de quinto-sexto é a máis numerosa do centro e que o alumnado é máis autónomo, dividímola en dous grupos aos que lles asignamos dous textos diferentes. Dentro de cada grupo repártense as tarefas anteriormente sinaladas.

Ao final da sesión facemos un pequeno resumo das achegas que máis nos gustaron e gravamos un vídeo para lembralas na sesión seguinte.

  • SESIÓN 2

O obxectivo é convir como será a sonorización definitiva dos textos, tendo en conta as achegas acordadas na sesión anterior, e ensaiala para que cadaquén saiba cal é a súa función dentro do colectivo ao día seguinte. Neste punto é interesante gravar en vídeo as sonorizacións e velas como ferramenta de mellora.

 

2. Gravación de audio (Radio Fuco)

  • SESIÓN 3

Acudimos nesta sesión á radio escolar instalada na biblioteca do noso centro, Radio Fuco, para levar a cabo a gravación das sonorizacións. Cada alumno/a encárgase de levar o material que precisa (texto, instrumentos, obxectos sonoros...) e responsabilízase de intervir no momento adecuado, segundo ensaiamos na sesión anterior.

Cada sonorización grávase varias veces, mediante  tomas en directo nas que aparecen todos os elementos (recitado, efectos sonoros e acompañamento instrumental), de xeito que ao final escollemos a toma que máis nos gusta, sen que sexa preciso editar o audio.

 

3. Obradoiros de videopoesía

Para levar a cabo a transformación dos audiopoemas, gravados en Radio Fuco, en videopoemas, contamos coa inestimable axuda de Celia Parra, poeta e videopoeta, que impartiu, durante dúas xornadas (sesións 4 e 5), obradoiros de videopoesía para os máis pequenos da etapa (aula de 1.º-2.º e de 3.º de EP).
As mestras do centro aproveitamos a súa sabedoría e bo facer para trasladar o aprendido ao alumnado de cuarto e quinto-sexto de educación primaria, intentando repetir as sesións 4 e 5 con estes grupos, para que todas as aulas puidesen participar do proxecto.

  • SESIÓN 4 (aula titoría)

Os obxectivos principais desta sesión son:
- Coñecer a videopoesía como forma de expresión.
- Deseñar o videopoema a partir do texto e do audiopoema.
- Planificar a súa gravación, tendo en conta espazos, tempos e recursos necesarios.

Nun primeiro termo, Celia Parra presentou ante o alumnado diferentes incógnitas que se foron resolvendo e que lles permitiron achegarse ao xénero da videopoesía, tamén coñecer diferentes tipos e exemplos de videopoemas.

A continuación lanzou o reto: «atrevédesvos a facer un videopoema?». Así, o alumnado puido ir vendo cada un dos «pasos» que precisaba ir dando para a súa creación. Desde a elección do poema, que no noso caso xa estaba feita, ata a súa gravación en vídeo. Analizamos o significado do texto, pensamos nas imaxes que nos evocaba, nos sons que poderiamos asociar con el e fixemos un guión que nos permitiu planificar a rodaxe dos diferentes planos na seguinte sesión.

 

  • SESIÓN 5 (aulas, patio escolar...)

Antes de comezar a rodaxe, establecemos, segundo o guión, grupos de traballo e asignamos as tarefas das que se ten que encargar cada alumno/a durante a gravación. En función diso, lévase a cabo a rodaxe dos diferentes planos que se empregarán na montaxe do videopoema. Os espazos de gravación foron diversos: aulas de titorías e música e patio escolar.

 

4. Posprodución

A montaxe dos videopoemas, cos recursos filmados na sesión 4 e seguindo as indicacións establecidas na sesión 4, correu a cargo de Celia Parra e dalgunhas mestras do centro.

5. Proxección: o Día da Poesía

Co obxectivo de celebrar o Día da Poesía e establecer lazos entre o alumnado do CEIP Pepe de Xan Baña e o do CRA de Santa Comba, organizamos unha xornada de convivencia o 21 de marzo deste 2019 no noso centro. Nela, o alumnado do CRA agasallounos co recitado de varios poemas de Rosalía de Castro e nós puidemos compartir con eles os videopoemas creados nas últimas semanas, así como os caligramas realizados na materia de Educación Plástica. Tres xeitos de achegarnos á poesía diversos que resultaron moi atractivos para o alumnado de ambos os centros.

O alumnado de educación infantil tamén participou nesta festa da poesía achegando o seu propio videopoema, baseado nun texto de Paula Carballeira titulado «A viaxe en nave espacial». Para crealo, nesta etapa levaron a cabo a súa propia secuencia didáctica que poderiamos resumir en: lectura do poema, análise do contido, traballo das estrofas e dos versos por parellas, interiorización do poema, traballo da lectoescritura con este, gravación na radio escolar do recitado, escolla da música e, tendo en conta o contido do poema, escolla dun fondo para o videopoema. Posteriormente gravaron os versos en vídeo, a través da técnica do chroma, valéndose do apoio textual e da expresión corporal. Finalmente, fíxose a montaxe do videopoema empregando o audio do recitado, a canción escollida e os vídeos dos nenos.

Valoración final

A experiencia resultou moi enriquecedora a todos os niveis, tanto para o alumnado como para as mestras que participamos na implementación da proposta didáctica. Ademais dos videopoemas, que constitúen un produto final moi vistoso, é preciso sinalar que todo o proceso de creación foi moi motivador, tal e como se reflectiu na participación activa e entusiasta do alumnado ao longo destas semanas.

Desde o centro, coidamos que os obxectivos establecidos foron acadados e que as nenas e nenos levan con eles unha experiencia diferente e estimulante, coeducativa e interdisciplinar, que promove a creatividade e a posta en valor da lingua e da literatura como ferramenta de expresión.

 

Ligazóns aos videopoemas:

«A viaxe en nave espacial», Paula Carballeira (EI):
«Tal como as nubes», Rosalía de Castro (1.º-2.º EP):
«Oxalá», Celia Parra (3.º EP):
«Un mar de sensacións», Rosalía Fernández Rial (4.º EP):
«Princesa (contra) Disney», Carlos Negro (5.º-6.º EP):
«Barbie girl», Carlos Negro (5.º-6.º EP):

Para saber máis:

Celia Parra

Rosalía Fernández Rial

 

 

Bibliografía: 

 

 

Carballeira, P. (2006). Contatrás II-I. Santiago de Compostela: Edicións Positivas.

Collins, Zazil (2012). Videopoesía, poiesis fronteriza: Hacia una reinterpretación del signo poético. México: Celteca (Murray Aston).

De Castro, R. (1977). «Tal como as nubes», Follas Novas. Vigo: Edicións Castrelos.

Parra, C. (2009). No berce das mareas. Silleda: Edicións Fervenza.

Fernández Rial, R. (2012). Un mar de sensacións. Vimianzo: Edición Semescom.

Montero, B. e Lesta, J. (2018). Versogramas. Vigo: Editorial Galaxia.

Negro, C. (2014). Penúltimas tendencias. Vigo: Ed. Xerais.

Otero, A. (2015). Derivando na videopoesía. Unha achega para a aula. En Tembrás, D. e Otero, A. (eds.), Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas. A Coruña: Apiario.

Sección: