La escuela de ayer, hoy y mañana
Título: La escuela de ayer, hoy y mañana
Subtítulo: Claves y desafíos
Autores: Mª Dolores Fernández Tilve y Gonzalo Fco. Fernández Suárez
Editorial: Dykinson
Ano: 2016
Páxinas: 252
Contido:
Atopámonos ante unha obra pluridimensional, na que se ofrece unha visión ampla da educación na súa evolución durante as últimas décadas e na súa proxección futura. Ao longo dos quince capítulos dos que se compón, abórdanse cuestións de tanto interese pedagóxico como unha visión histórica da educación vinculada á provincia de Lugo, a análise crítica do papel das competencias na educación actual, as reformas legais dos últimos anos no sistema educativo, a atención á diversidade ou a función orientadora, entre outras.
A educación emocional é outro dos relevantes temas educativos abordados no libro. Dende a perspectiva dunha formación completa da persoa, os sentimentos ou emocións constitúen un factor motivacional, con gran poder dinamizador na aprendizaxe.
O uso de Internet, xeneralizado entre o alumnado de educación secundaria, convértese nunha fonte de oportunidades, pero ao tempo tamén nun motivo de preocupación polos posibles riscos que implica.
Nos catro últimos capítulos do libro analízase o tema da formación inicial e permanente do profesorado, facendo referencia a investigacións que en época recente realizaron relevantes achegas neste sentido.
Os autores ofrecen pois, un amplo panorama das características das escolas e a educación nestes momentos, con referencia específica nalgúns capítulos á realidade de Galicia. A súa análise da situación actual presenta ao mesmo tempo unha clara proxección de futuro.
Recensión a cargo de Carlos Rosales López, Catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Santiago de Compostela