EmBarouta-T: nó sostible

PDI que dá continuidade ao do curso 2017/18 (Somos o que comemos) e xira arredor da alimentación, reciclaxe, ecoloxía e conservación da contorna. Dá un paso claro na implicación e actividade en prol do cambio, así como na posta en valor do noso patrimonio cultural e natural. A través do coñecemento das disciplinas STEM (Science, Tecnology, Engineering and Mathematics), iniciamos o noso alumnado na programación básica scratch, para introducirnos no mundo da robótica, concienciando, ademais, a toda a comunidade educativa da necesidade de levar a cabo os 3 R (reducir, reutilizar, reciclar), buscando a promoción, coñecemento e posta en valor do noso patrimonio cultural e natural.

Rosa María Branco Otero
CEIP Barouta (Ames-A Coruña)
ceip.barouta@edu.xunta.es

 

Somos Barouta

 

Contextualización

O CEIP de Barouta, situado no concello de Ames (A Coruña), foi creado no ano 1989 e atende a 8 das 11 parroquias do concello. Aínda sendo un centro de carácter rural, desde o ano 2011 parte do seu alumnado é tamén urbano ou semiurbano.

Desde o curso 2016/17 o equipo directivo traballa no obxectivo de dotar o centro dun proxecto pedagóxico acompañado de infraestrutura e servizos para o noso alumnado e para o resto da comunidade educativa, convertendo o CEIP de Barouta nun exemplo de ensino innovador e de calidade.

Actualmente o noso centro ten unha matrícula de 273 nenos e nenas. É importante destacar na nosa comunidade educativa a integración dunha porcentaxe significativa de familias desfavorecidas con escasos recursos, que supón un colectivo que cómpre ter moi en conta na planificación da actividade lectiva, ao ser un agrupamento social no que coinciden moitos patróns. Malia ser certo que no plano social poderiamos falar de que o CEIP de Barouta foi un modelo de inclusión (antes incluso de que empregásemos esta palabra), no académico os datos do DO indican que a maior parte deste alumnado ten necesidades específicas de apoio educativo, polo que é importante sinalar o esforzo en dotación de recursos e plans que actúan sobre o alumnado en risco de exclusión social.

Asentado nun contorno natural privilexiado, faise un esforzo por aproveitalo  educativamente, incorporándoo e abrindo as portas das aulas, en comunicación permanente con ese ambiente propio, considerando o exterior do centro educativo como unha extensión do interior máis alá da actividade lúdica. O respecto, coidado e conservación do noso medio é unha premisa fundamental do noso centro, co que se busca acadar unha conciencia responsable cara a este partindo do coñecemento da contorna, no camiño cara á implicación activa nos diferentes niveis educativos.

Cómpre destacar a ansia dunha boa parte do profesorado polo traballo en innovación educativa, facendo que dentro da escola se atopen experiencias pedagóxicas de grande interese e calidade. Unha boa porcentaxe do profesorado do centro participa en PFPP e seminarios que abarcan temáticas relacionadas coas metodoloxías implícitas no novo modelo de centro, polo que estamos a traballar coa incorporación e difusión de prácticas docentes colaborativas e coordinadas no centro e dentro da aprendizaxe por proxectos, co ánimo de seguir dando continuidade e ampliar como colectivo dinámicas construtivistas e de aprendizaxe por descubrimento.
Establecer contacto con outros centros que teñen incorporadas dinámicas interesantes acordes coas iniciadas no noso colexio é unha práctica habitual nos últimos cursos.
En distintos planos e a través de diferentes propostas, desde o centro, poténciase a relación e participación da comunidade educativa na vida deste. Entendemos o diálogo positivo como a base para o entendemento, de xeito que profesorado e familias, consideradas unha parte fundamental para a consecución da nosa oferta educativa, deben esforzarse por ter presente o obxectivo final da súa comunicación: a educación compartida do alumnado.

Obxectivos

O proxecto EmBarouta-T: nó sostible ten un carácter anual e participan todos os equipos e niveis escolares. Así dáse sentido/temática ás actividades anuais colectivas e nas aulas, como proxecto de titoría, podendo traballar-investigar nestas aspectos do proxecto, conformando un traballo global que reverta en todo o centro.

Dándolle continuidade ao proxecto do curso anterior (Somos o que comemos), trata de concretar e dar un paso claro na implicación e actividade en prol do cambio e coidado do noso ámbito. Partindo do máis inmediato, que é o noso centro, buscando a implicación do alumnado e da comunidade educativa na súa transformación, camiñando cara a unha Barouta máis sustentable. O proxecto comeza centrándose en aspectos de reciclaxe coa idea de ir mudando os actos máis cotiáns: 

O colectivo ADEGA explícalle ao alumnado de educación infantil como usar os contedores do lixo

 

  • Sensibilizar o alumnado e a comunidade educativa do protagonismo de cadaquén, como suxeitos activos (acción positivas), no coidado e protección dos espazos que nos rodean, incidindo de novo na reflexión iniciada no proxecto Somos o que comemos, onde investigamos como o impacto da contaminación co plástico na natureza repercute na calidade de vida e no futuro do planeta. Dáse retroalimentación.
  • Obter información significativa de aspectos básicos que precisamos para esa interacción positiva co medio.
  • Lograr unha implicación do alumnado e da comunidade educativa en xeral na incorporación á dinámica cotiá de xestos e accións axustadas, garantistas e respectuosas coa conservación da vida natural e o futuro do planeta.

 

 

  • Contribuír á mellora no proceso de alfabetización informacional do alumnado e do profesorado.
  • Concienciar a toda a comunidade educativa da necesidade de levar a cabo os 3 R (reducir, reutilizar, reciclar), buscando a promoción, coñecemento e posta en valor do noso patrimonio cultural e natural.
  • Potenciar o traballo en equipo, aprendendo a implicarse e a respectar as opinións e propostas das compañeiras e compañeiros.
  • Seleccionar e tratar a información desde un punto de vista crítico, utilizando diferentes tipos de textos e soportes.
  • Elaborar diferentes tipos de materiais escritos, dixitais e orais: exposicións, carteis, monografías, representacións, entre outros.
  • Sensibilizar o alumnado e a comunidade educativa do protagonismo e responsabilidade de cadaquén, como suxeitos activos (accións positivas e negativas) na natureza e como esta establece unha retroalimentación que repercute na calidade de vida e no futuro do planeta.

 

 

 

Recursos empregados

Empregamos múltiples e diversos tipos de recursos, entre os que se atopan diferentes fontes bibliográficas, webgrafías, aplicacións e programas que fan posible a elaboración de podcasts a través dos nosos programas de radio. Lego We Do 2.0, M-BOT, tabletas e ordenadores, recursos persoais e materias do contorno máis inmediato, materiais de reciclaxe, composteiro —buscamos a implicación da comunidade educativa neste—, visitas, charlas, obradoiros de compostaxe… con persoas especialistas en diversos temas relacionados coa temática do proxecto (ADEGA).

Descrición da actividade

Reciclaxe, compostaxe, agricultura e alimentación (horto escolar), enerxía (aforro enerxético), contaminación, deporte e vida saudable, respecto e coidado do medio natural, saúde alimentaria… concretouse finalmente nos seguintes aspectos:

- Enerxía renovable (grupos cooperativos internivelares 1.º-2.º EP)


Placa solar para a nosa horta



- As abellas (EPl)
- Tratamento dos residuos e compostaxe (5.º EP)
- Cambio climático (6.º EP)
- Impacto medioambiental do feísmo (3.º EP)
- Merenda e refugallo, merenda saudable (grupos cooperativos internivelares 1.º-2.º EP)
- Alimentación km 0 (4.º EP)

No momento actual, cada grupo, nivel ou agrupamento está levando adiante o seu proceso de investigación sobre a temática elixida e preparando os materiais para poñer en común as experiencias realizadas e as aprendizaxes adquiridas co resto do alumnado e familias na exposición final.

Con Embaroutándonos no sostible pretendemos desenvolver no noso alumnado hábitos positivos cara á reciclaxe e o coidado e coñecemento da nosa contorna, creando un mundo entre todas e todos máis equilibrado no que a tecnoloxía sexa aliada nosa.

O proxecto, internivelar e colectivo, está na última fase de desenvolvemento e supón actividades de sensibilización e de acción encamiñadas ao descubrimento, experimentación, acción directa e integración de actitudes positivas, posicionamentos e comportamentos críticos, proactivos coa temática traballada.


Ecopatrulla recollendo lixo no tramo de Augapesada a Pontemaceira

 


Moi importante para nós tamén é a implicación das familias e do resto da comunidade educativa nos nosos proxectos, xa que é a maneira de que estes teñan a súa continuidade fóra da escola.

Familiarizámonos co uso de diferentes fontes bibliográficas e coa información buscada en Internet, para que aprendan a seleccionar e facer un uso correcto desta a través do contraste da información en diferentes medios. Para favorecer a aprendizaxe significativa, o noso proxecto ten un carácter globalizador e ten como referencia as competencias clave e intelixencias múltiples que pretendemos desenvolver no noso alumnado.

Para acadar os nosos obxectivos, levamos a cabo un proceso de traballo e actividades en diferentes fases, desde educación infantil ata sexto de primaria: sensibilización, investigación, organización e tratamento da información e difusión.

Na fase de sensibilización, o alumnado tivo contacto coa súa contorna máis próxima, familiarizouse coa robótica, empregou a tecnoloxía e medios de comunicación como recursos para coñecer, concienciarse e interiorizar a importancia dos 3 R: reducir, reutilizar e reciclar.

A segunda fase foi a de investigación, de consulta de material bibliográfico e webgrafías, poñendo en práctica a adquisición das competencias clave e intelixencias múltiples.

Consultamos material bibliográfico e webgrafías, realizando rutas polo noso concello, visitamos plantas de separación de residuos e espazos naturais protexidos para coñecer en primeira persoa o mundo que nos rodea.

Posteriormente, na terceira fase, encargámonos da organización e tratamento da información, a través dos datos e materiais recollidos:

  • Realizamos unha guía do noso patrimonio material e inmaterial, a través das nosas construcións tradicionais e toponimia propia do lugar.
  • Elaboramos paneis informativos que nos permitiron coñecer que sucede cos residuos desde que saen das nosas casas ata que chegan ás plantas de separación de residuos ou, desgraciadamente, ao mar.
  • Continuamos cos cambios de hábitos nas nosas merendas, na escola e na casa. Sacamos o plástico da auga e continuamos o intercambio das botellas de plástico por cantimploras.
  • As técnicas medioambientais de ADEGA realizaron obradoiros.
  • Montaxe e xestión do composteiro da nosa horta.
  • Distribución de contedores e guía de uso de reciclaxe en cada aula e espazo do centro.
  • Realización de auditorías de control de reciclaxe.
  • Montaxe e programación dos camións do lixo e reciclaxe, empregando os Lego We Do 2.0, a través de diferentes fases:

- Fase explorar: a través dun vídeo introdutorio sobre a importancia da reciclaxe. Debate en grupo e documentación.

- Fase crear: construíndo un camión de reciclaxe e programando o modelo.

- Fase compartir: documentando os seus prototipos, compartindo as súas experiencias de diferentes maneiras e presentando o seu proxecto a través de diferentes medios.


Robótica internivelar

 

  • Elaboración de podcasts relacionados coa temática traballada.


E xa por último, temos a cuarta fase, a de difusión:

  • A páxina web do noso centro, redes sociais e programas de televisión como A revista, Ames Radio, entre outras.
  • Radio Barouta.
  • Difusión dos nosos paneis informativos sobre a reciclaxe nas exposicións do noso centro.
  • Traballo diario na aula.
  • Exposición final do noso proxecto durante a semana do 5 de xuño, coincidindo coa conmemoración do Día do Medio Ambiente.

 

Metodoloxía

Os cambios que experimenta a nosa contorna, e sobre todo a do noso alumnado, fan que sexa obrigado adaptar as nosas metodoloxías na aula aos novos tempos, incluíndo novas ferramentas tecnolóxicas para desenvolver os contidos do currículo dunha forma máis motivadora e atractiva.

A nosa metodoloxía está baseada en proxectos (ABP), pensados na propia experiencia e posta en práctica, tendo en conta as intelixencias múltiples e competencias clave, partindo sempre do nivel de desenvolvemento psicoevolutivo e de coñecementos do alumnado. Tratamos de potenciar a autonomía do alumnado na súa aprendizaxe, promovendo a súa actividade-interactividade. Tendo en conta que as nenas e nenos «aprenden facendo», as actividades programadas e realizadas incentivaron a relación, expresión e participación, deixando sempre un lugar ao remate das tarefas para a reflexión e a interiorización do aprendido.

Avaliación

Os procesos de avaliación cara ao cumprimento dos obxectivos e a mellora continua dos procesos de investigación e aprendizaxe son importantes e necesarios. Ao longo do desenvolvemento do proxecto, coa finalidade de comprobar se os obxectivos propostos foron acadados, para motivar o noso alumnado a mellorar e progresar na súa aprendizaxe, así como para identificar os puntos de mellora dentro do proceso, empregamos diferentes técnicas e instrumentos de avaliación en función das actividades realizadas: rúbricas, escalas de observación, listas de control, cuestionarios de avaliación ou podcasts, entre outras.

 

 

Conclusións

O desenvolvemento do proxecto Embarouta-T: nó sostible, coa participación interdisciplinar de todas as aulas, todo o profesorado e unha ampla representación das familias, supuxo e supón para o noso centro un pulo no ánimo de ampliar e integrar como colectivo dinámicas construtivistas e de aprendizaxe por descubrimento na práctica docente diaria, a medio e longo prazo.

Ser gañadores do V Proxecta Innovación (actual Inspiratics), participar en practicamente todos os Contrato-Programas que oferta a Consellería, en PLAMBE e participar no programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en educación primaria permitiunos e permítenos financiarnos e adquirir recursos materiais necesarios e inexistentes no noso centro ata agora, sobre todo tecnolóxicos, dos que careciamos e se fan imprescindibles para a realización das actividades e proxectos actuais.


1.º Premio Proxecta Innovación - Inspiratics



Facemos, polo tanto, unha valoración moi positiva tanto do proceso como dos resultados que imos acadando. O nivel de implicación e o seu alto interese educativo fai dos proxectos colectivos elementos indiscutibles de incorporación á dinámica anual.

O camiño percorrido sendo quen de construír colectivamente fai que miremos con optimismo cara a unha renovación pedagóxica necesaria para facer unha oferta educativa máis axustada ao noso alumnado, acadando o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades e adaptada ás súas necesidades como persoas. Necesaria, sen dúbida ningunha, para unha educación de calidade.
 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Laredo Verdejo, Xosé Luis (1997). Galicia enteira - Terra de Santiago 5. Vigo: Xerais.

López Bedoya Juan, Freire Boado Manuel Anxo, López Bedoya María( ). Terras de Compostela. Ames, Brión, Santiago, Teo.

Pulgar, Íñigo; González, Xaime M. (2011). Guía de campo da ruta Riamontes I: Plantas. Cogomelos. Concello de Ames. Concellería de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente.

Vieira, Rufino; Servia, María José; Cobo, Fernando; Otero, J. Carlos; López María José; Gende, Antonio; Jaramillo, Juan Carlos; Pardavila, Xosé (2011). Guía de campo da ruta Riamontes II: Fauna fluvial. Insectos. Aves. Mamíferos. Concello de Ames. Concellería de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente.

VÍDEOS EN LIÑA

LaSexta.com (Madrid) (19/04/2018). Islas de plástico.

Gaton Togna (22/08/2014). Historia del plástico. Categoría (gente y blog).

PÁXINAS WEB

National Geographic (España) (22/05/2018). Lo que el océano esconde.


OBRADOIROS

Técnicas medioambientais ADEGA. Reciclaxe

Galicia verde: A onde vai o que reciclo?

Saída á planta de separación de residuos (Sogama)

 

 

Sección: