La educación del talento

José Antonio Marina. Editorial Ariel, 2010

Beatriz López Dorado
Asesora CFR Lugo

Non é descoñecido para ninguén, polo menos dentro do ámbito educativo, o labor investigador de José Antonio Marina, autor de Elogio y refutación del ingenio (Premio Nacional de Ensaio en 1993), cara á elaboración dunha teoría da intelixencia que comeza na neuroloxía e remata na ética.
Con posterioridade á publicación deste libro, que inicia a colección da Biblioteca UP, o filósofo e pedagogo escribiu varios máis, que desenvolven ou analizan, polo miúdo, algúns dos conceptos que achega nestas páxinas. No entanto, este libro é moi especial: sen descoidar o seu carácter práctico, é un libro poético, no que a través do símil alpinista, imos chegando a cada capítulo como se fose un campamento base. A motivación, xa que logo, está servida.
Partindo da premisa de que a intelixencia en si mesma non garante nada e que o que nos interesa é lograr o «talento», a cuestión está en como desenvolvelo nos nosos cativos. Non existen milagres. En consecuencia, José Antonio Marina coloca na dúbida o clixé de que o talento é unha calidade innata e defíneo como unha intelixencia triunfante, aquela que sabe elixir as súas metas e alcanzalas.
Así pois, La educación del talento xira ao redor de tres grandes bloques: a intelixencia xeradora, a intelixencia executiva e os criterios de avaliación. Neste percorrido explícanse, de forma clara e concisa, como estes elementos inflúen e interaccionan entre si para conseguir ese talismán chamado talento.
Non hai dúbida de que esta lectura constitúe en si toda unha aventura. Vistamos, pois, roupa cómoda e calcemos zapatillas deportivas porque teremos que adestrarnos consciente e intensamente cara aos novos retos que se aveciñan. Seremos quen de sacar o mellor de nós nun mundo en constante ebulición?
 

Sección: