Narrar el aprendizaje: la fuerza del relato en el aprendizaje basado en proyectos

Juan José Vergara Ramírez Editorial: SM (Biblioteca de innovación educativa)

Paloma Losada Romero
CFR de Pontevedra

A narración é probablemente o xénero discursivo que máis nos gusta aos seres humanos porque é o que máis se parece á vida: coma ela, é unha sucesión de accións, emocións e relacións, de conflitos que xeran cambio, evolución. Por iso desde tempo inmemorial os seres humanos levamos creado relatos que nos guían, nos alertan, nos representan, nos serven de modelo… dun ou doutro xeito, nos ensinan e nos fan crecer; e tamén por iso moitos medios de comunicación pública (cine, TV, publicidade...) empregan técnicas do storytelling para achegarse ao público dun xeito eficaz.
No mundo educativo, estas técnicas son, tal e como demostra este libro, facilmente extrapolables á metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP): basta con formular calquera proxecto educativo coma un relato, coma unha aventura pola que o noso alumnado transite e da que saia enriquecido el e a súa contorna. Fronte ao ensino tradicional, que parcela as aprendizaxes en materias e en unidades de coñecemento rexidos por unha lóxica expositiva e académica, organizalas baixo unha lóxica narrativa permite deseñar aprendizaxes interdisciplinares que facilitan a transferencia de coñecementos ao mundo real e democratizan o ensino por responder a percepcións universais.
Por outra banda, como nas mellores aventuras, a evolución dos personaxes (que sempre é unha aprendizaxe, pero máis no caso que nos ocupa), ten como alicerces fundamentais as emocións, as relacións e as accións resultantes. A identificación básica entre narración e aprendizaxe permite así integrar na aprendizaxe por proxectos correntes metodolóxicas en auxe como a educación emocional, a aprendizaxe cooperativa ou a aprendizaxe-servizo (e mesmo outras como a gamificación e a narrativa dixital), correntes que o autor describe coa necesaria brevidade pero sen perder o rigor, dotando os lectores dun conxunto de ferramentas e recursos amplo, variado e suficientemente diverso como para enfrontar os diferentes retos da aprendizaxe.
Para facilitar a posta en práctica do enfoque proposto, o fío narrativo-expositivo que organiza os contidos do libro vaise salpicando de numerosos exemplos de proxectos nas diferentes etapas, que demostran a adecuación deste enfoque en diferentes contextos e facilitan a emerxencia de ideas e propostas.
En definitiva, unha lectura útil e motivadora que nos recorda que tanto a aprendizaxe como o seu deseño poden ser unha aventura apaixonante e transformadora.
 

Sección: