Iguales en sensibilidad, Iguales en coraje e Iguales en imaginación

Cristina Núñez Pereira e Rafael R. Valcárcel. Palabras Aladas, 2018

Ana Justo Herrero
CFR de Vigo

Iguales en sensibilidad, Iguales en coraje e Iguales en imaginación son tres libros da editorial Palabras Aladas, didácticos e orixinais. Neles nárranse as historias reais de persoas extraordinarias que, co seu exemplo, serven de inspiración a nenos e nenas cunha idade comprendida entre os oito e os doce anos, mostrando como a capacidade para abrirse camiño na vida dun modo admirable non depende do xénero de cada cal, senón de valores ou calidades como a sensibilidade, a coraxe ou a imaxinación.

Iguais en sensibilidade narra a historia da bailarina, actriz, produtora e escritora Löie Fuller e a do fotógrafo Wilson Bentley, dúas personalidades de enorme sensibilidade para a beleza. Iguais en coraxe mergúllanos nas trepidantes vidas da condutora de ambulancias da Segunda Guerra Mundial Suzanne Rosambert e do botánico Joseph Banks. Iguais en imaxinación conta a historia da peculiar directora de cinema Alice Guy e do asombroso enxeñeiro e inventor do medievo Al-Jazzarí.

Os tres libros constitúen unha proposta literaria que avoga pola igualdade, máis aló de diferenzas ou particularidades como o xénero, a raza ou a orixe. Ademais, o propio formato do libro, reversible, favorece a posta en práctica da igualdade e a libre elección, permitindo que, segundo se empece o libro, por un lado ou polo outro, cada personaxe ofreza as mesmas oportunidades de invitación á lectura. Nas páxinas centrais pódense atopar actividades e propostas didácticas interesantes e entretidas, nas que se profunda nos diversos matices da igualdade.

Nestes apaixonantes libros, o lector poderá atopar as pegadas das pingas de auga de setenta tormentas, a irrepetible beleza dos cristais de neve vistos a través do microscopio. Danzas de luz, cor e movemento que atrapan os sentidos, barcos musicais, fontes marabillosas, fadas máxicas que sacan bebés de coles de cartón... Tamén poderá acompañar aos seus personaxes en aventuras ao redor do mundo, froito dunha insaciable curiosidade e un irrefreable desexo de liberdade. Ou vivir fazañas axudando os demais, conxurando así o medo e o horror que a guerra produce.

Tres libros que convidan a pensar dun modo autónomo, a socializar harmoniosamente e a crecer emocionalmente dunha forma saudable, ao fortalecer a autoestima, alicerce sobre o que asenta a personalidade. Con calidades como o enxeño, o talento, a creatividade, a bondade, a sabedoría, o valor, a vitalidade e o sentido do humor, convídannos a sacar o potencial único e extraordinario que todos levamos no noso interior.
 

Sección: