Camiño dunha biblioteca inclusiva

Os recursos para a procura da inclusión desde a biblioteca escolar centra a análise deste artigo. Explicarase o percorrido deseñado polo equipo da biblioteca para que esta sexa concibida como un espazo integrador e diverso, no que todos poidan desenvolver os seus intereses e potencialidades, no que ninguén se sinta excluído. Os recursos que aquí enumeramos son froito do proceso de reflexión sobre as nosas necesidades como centro e que guiaron a nosa selección.

Diego A. López Rodríguez
Mestre de Educación Física
Responsable da biblioteca escolar do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
diall@edu.xunta.es

 

A educación inclusiva é unha aproximación do desenvolvemento a partir da procura de atender as necesidades de aprendizaxe de todos os nenos, mozos e adultos con especial énfase naqueles que son vulnerables á marxinalización e a exclusión (UNESCO, 2009). Esta definición, que pode extraerse do texto da UNESCO, foi a que nos guiou na procura de materiais e recursos axeitados para a biblioteca, aqueles que nos axudarán a favorecer a tan ansiada inclusión no noso centro do alumnado que non ten as mesmas oportunidades ca outro alumnado, xa sexa por motivos de discapacidade, socioeconómicos…

En primeiro lugar queremos describir o contexto no que desenvolvemos o noso labor.

 

Contextualización

O CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) é un centro educativo tipificado como liña 3, que está situado no barrio de Los Rosales-Labañou. O alumnado do colexio é de 645 nenos de diversos grupos socioeconómicos e culturais. Existen nenos con distintas discapacidades, tanto na etapa de educación infantil como na de primaria, así como alumnado con altas capacidades. Dispoñemos un aula específica á que está adscrito un neno de sexto de educación primaria.

A biblioteca do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) ten dous espazos en diferentes andares. Deste xeito, na planta baixa está a biblioteca onde están os fondos de ficción e na que desenvolvemos as actividades de fomento da lectura (contacontos, narracións, escritura creativa…), esta sala ten un tamaño aproximado 80 m2, e no segundo andar a biblioLab na que están os fondos de información e recursos para a aprendizaxe e a exploración (artística, robótica, construción…), neste espazo é onde desenvolvemos as actividades de divulgación, experimentación e investigación (charlas, experiencias, experimentos…), esta sala ten un tamaño aproximado de 100 m2.

O impulso que se quixo dar desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia a través da dotación económica incluída no programa de Biblioteca Inclusiva supuxo que no centro tiñamos que considerar en que tipo de materiais e recursos se empregaría o investimento. Ademais da adquisición de fondos axeitados para tratar toda a diversidade coa que nos atopabamos no centro.

Por este motivo, en primeiro lugar analizamos o repositorio de materiais elaborados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia e que foron o punto de arranque das decisións que teriamos que ir tomando. Posteriormente, consultámoslle ao departamento de orientación as necesidades que consideraban máis urxentes, xa que os membros deste equipo son os que mellor coñecen as medidas máis necesarias que poderían estar latentes no centro, sobre todo nun centro das dimensións do noso. Tras recoller as recomendacións e suxestións, tamén quixemos coñecer a opinión dos titores que tiñan alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), co obxectivo de que houbese unha conciencia das súas demandas e como poderiamos axudalos desde o equipo de biblioteca na aprendizaxe do seu alumnado.

Logo de recoller toda esta información, tocou facer unha análise das prioridades, daqueles materiais que poderían ter sentido na biblioteca escolar do centro e cales, por seren moi específicos, por non favoreceren o labor da biblioteca ou pola imposibilidade ao seu acceso, terían que descartarse. Nestas cuestións tamén tivemos en conta as dúas salas que conforman a nosa biblioteca e o enfoque que ten cada unha delas.
Como xa comentamos anteriormente, deixaremos á parte os fondos bibliográficos que adquirimos para completar a colección e centrarémonos noutros recursos e materiais pedagóxicos.

 

Dispositivos móviles

Incorporamos dúas novas tabletas para facilitar o uso por parte do alumnado destes dispositivos. Está ben lembrar que as tabletas na actualidade están plenamente estendidas entre o alumnado que está escolarizado no colexio. En moitos dos casos favorecen a aprendizaxe e a investigación fóra do centro escolar, pero tamén queremos chamar a atención sobre o que debería ser un factor que favorecese a igualdade de todos os nenos, pero que na realidade non está acontecendo así. Tal e como nos sinala o informe Los niños y niñas de la brecha digital en España (EU KIDS ONLINE España, 2018), que editou UNICEF, a comunidade xitana e o alumnado con discapacidade son grupos nos que a fenda dixital está moi presente. Aínda que a mera presenza de tecnoloxía no centro non garante a solución a estas desigualdades, acompañada coa formación na súa utilización será un paso máis na inclusión do alumnado que parte en desvantaxe con respecto á maioría dos nenos do centro. Por este motivo consideramos que facilitarlle a este alumnado o acceso a esta tecnoloxía será básico durante a súa escolarización no noso colexio.

Xunto coa formación tratamos que nos dispositivos haxa aplicacións que favorezan a aprendizaxe nas distintas áreas, que lle ofrezan ao noso alumnado acceso a distintas formas de construír historias, utilización de signos para comunicarse (pictogramas), escoitar contos en distintos idiomas, de practicar as operacións matemáticas, programar, debuxar, gravar vídeos ou captar imaxes. Son aplicacións que pasaron un filtro previo de educadores e que pensamos que favorecen o desenvolvemento do alumnado nun contorno seguro, ao mesmo tempo que son conscientes das normas na súa utilización, ademais dos riscos e posibles consecuencias dun mal uso.

O claustro tivo a oportunidade de asistir a unha xornada de formación para coñecer algunha das aplicacións que están no portal Pictoeduca, deseñado por Pictoaplicaciones e a Fundación Barrié, e que organizou o Departamento de Orientación a través de COCEMFE (Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica). Nesta xornada informáronnos sobre diversas maneiras de usar na aula as distintas aplicacións de Pictoeduca, ademais de facilitarnos material para afondar no tema.

Aínda que na actualidade non existen alumnos con grave discapacidade visual, prevendo a evolución de alumnos con estes problemas, dispoñemos dunha lupa dixital, que tamén pode ser utilizada como cámara de fotos.

Quixemos abordar o fomento da lectura e a escritura desde unha perspectiva participativa, na que os propios compañeiros creasen historias para outros nenos, adaptando as historias ás propias necesidades destes. Deste xeito dispoñemos de dous álbums parlantes nos que o alumnado crea, escribe, ilustra, narra e adapta con pictogramas as distintas historias. Esta actividade de obradoiro de escritura desenvólvese na biblioteca e os libros quedan á disposición para consulta na sala.

Outro dos dispositivos que pensamos adaptar para a súa presenza na biblioteca foi un comunicador e un póster interactivo, no que a través da imaxe (6 viñetas) podemos narrar unha historia ou comunicar unha investigación de xeito sinxelo. Logo estes materiais quedan á disposición de todo o alumnado na biblioteca para o seu uso e tamén para que poida ser reinterpretado. O equipo de biblioteca imprimiu diversas imaxes con personaxes, escenarios, obxectos e accións coas que poder construír historias.

 

Xogos educativos

O xogo de mesa como un recurso educativo e como favorecedor das distintas competencias básicas pareceunos suficiente como para crear unha zona, tanto na biblioteca como na biblioLab, con xogos de mesa que fomentasen o diálogo, a comprensión das operacións matemáticas, o cálculo mental, a comunicación e identificación das emocións, a atención e a rapidez, entre outros aspectos.

Os xogos, como outro material da biblioteca, poden ser prestados para o seu uso na aula; nos recreos, as partidas desenvólvense nas mesas ou, nalgún caso, no chan de ambos os espazos da biblioteca. Quixemos promover o uso e o coñecemento dos xogos que fomos adquirindo mediante vídeos nos que os propios alumnos lle explicasen as normas á comunidade educativa. O proceso en parellas requiría unha preparación previa, a elaboración dun borrador e o ensaio previo á gravación, que realizamos na biblioteca ou na biblioLab, para finalmente publicalo na canle de vídeos do centro.

Materiais sensoriais

A biblioLab, como centro de recursos de aprendizaxe, recolle a maior parte destes materiais que favorecen a aprendizaxe a través dos sentidos. Detallamos a continuación os espazos e materiais que pensamos que podían resultar máis interesantes desde o punto de vista da inclusión.

A mesa de luz como zona de descubrimento na que varios nenos poden construír, crear historias, explorar obxectos, texturas, cores… a través dos seus sentidos. Tivemos que complementar con distintos materiais, como fichas de cores, papeis translúcidos, xel multicolor, pezas de construción translúcidas e magnéticas…

O lugar dedicado ás construcións tamén resulta un bo punto para favorecer a creatividade e a atención. Os materiais que utilizamos son pezas de Lego de diferentes tamaños e cores, que poden ser utilizadas para creacións en vertical, con placas para construción adheridas á parede, ou en horizontal, nas placas dispoñibles para utilizar nas mesas ou no chan. Tamén as pezas de madeira Kapla, que pola súa sinxeleza promoven a creatividade na construción de distintos deseños.

Na cociña experimentamos cos sabores, os olores, as texturas e a vista. Esta zona pode utilizarse cos mestres do centro para elaborar as receitas propias ou as dos libros de cociña que están na biblioLab. Mesmo tamén se poden facer creacións artísticas, como a realizada pola artista local Rosario Belda Otero cos nenos dun grupo de sexto de educación infantil coa elaboración dun mapa con tela tinguidas.

 

Outros materiais

Complementamos os materiais da biblioteca adquirindo atrís para aqueles nenos que teñan necesidade de coidar a postura e de axuda para manter na posición correcta os textos. Barreiras para concentración como forma de potenciar o traballo ou a lectura sen distraccións na biblioteca, para aquel alumnado que necesita centrar a súa atención no traballo que está a realizar.

A través destes recursos queremos fomentar, ademais da utilización de xeito libre por parte do alumnado, o desenvolvemento de actividades, como os diálogos filosóficos, nos que se procure a diversidade de pensamento, o respecto dos demais, así como das súas ideas e opinións.

 

Conclusións

Durante este curso puxemos as bases a través da adquisición de recursos e fondos cos que enriquecemos a nosa colección, tamén comezamos a dinamizar estes recursos planeando actividades colaborativas nas que todos participasen e tratamos de poñer de relevo que queremos ser un centro aberto, que é sensible ás necesidades da comunidade educativa. Por este motivo, en próximos cursos debemos dinamizar con diversas actuacións e presentar os recursos de que dispoñemos como oportunidades para converternos no que queremos ser: unha biblioteca inclusiva.


 

 

Bibliografía: 

 

 

EU KIDS ONLINE (2018): Los niños y niñas de la brecha digital en España. España: UNICEF. (Consulta en abril de 2019)

UNESCO (2009): Directrices sobre políticas de inclusión en la educación. París: UNESCO. (Consulta en abril de 2019)

Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia (2018): Biblioteca inclusiva: Lectura e diversidade. Santiago de Compostela. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. (Consulta en abril de 2019)

 

 

Sección: