A experiencia do IES Terra de Trasancos na implantación do programa TEI (Titoría entre iguais)
Jéssica Fernández Polo
Orientadora IES Terra de Trasancos (Narón - A Coruña)
jessicafernandezpolo@gmail.com
Contextualización
O IES Terra de Trasancos está situado en Narón (A Coruña). A nosa bisbarra caracterízase por ser a comarca urbana de Galicia con maiores problemas demográficos e a peor dinámica empresarial. O noso alumnado medrou nun contexto de crise permanente. O centro imparte ensinanzas de ESO, bacharelato e formación profesional (básica, media e superior) e conta con preto de 300 alumnos e alumnas.
Durante o curso 2016/17, o Concello de Narón realiza un estudo sobre o acoso escolar cuxo obxectivo principal é coñecer a realidade do noso contorno tal e como o ve o alumnado para despois poder establecer propostas de traballo. Aplicouse unha enquisa a toda a poboación escolar de sexto de EP, primeiro e segundo da ESO da que extraemos os seguintes datos:
Gráfico 1. Existencia de acoso escolar (enquisa Concello de Narón)
Gráfico 2. Tipoloxía das condutas por orde de incidencia (enquisa Concello de Narón)
Gráfico 3. Lugar onde se produce o acoso (enquisa Concello de Narón)
Desde ese momento vemos que é absolutamente necesario promover accións encamiñadas á mellora da convivencia e á prevención do acoso escolar que teñan unha planificación e un encaixe na dinámica diaria do centro. Do mesmo modo, consideramos esencial que o principal axente de cambio sexa o alumnado.
Obxectivos
- Sensibilizar a comunidade educativa sobre os efectos da violencia.
- Concienciar a comunidade educativa sobre os efectos da violencia e informar sobre as consecuencias persoais, sociais e educativas que este fenómeno comporta.
- Facilitar o proceso de integración do alumnado cara a unha escola inclusiva.
- Crear un referente titor para favorecer a autoestima e diminuír a inseguridade que provocan os espazos e situación descoñecidas.
- Apoderar o alumnado como suxeitos dinámicos da convivencia, na prevención da violencia e do acoso escolar.
- Compensar o desequilibrio de poder e forza propio da violencia e o acoso desde unha perspectiva preventiva e disuasoria.
Descrición da actividade e recursos empregados
O noso centro decide desenvolver o programa TEI (Titoría entre iguais). Dos diferentes modelos de titorización individualizada, o TEI desenvolve a titoría entre iguais. Esta estratexia está centrada no desenvolvemento de competencias cognitivas, psicolóxicas e, sobre todo, emocionais; apodera o grupo e favorece o desenvolvemento cooperativo. Está dirixida ao alumnado de primeiro da ESO, con titores e titoras voluntarios de terceiro da ESO.
Desde a perspectiva do programa TEI, unha boa parte das interrelacións entre emocións, valores, condutas, conflito, violencia e acoso escolar teñen a súa orixe no cerebro e concrétanse en comportamentos. Necesitamos coñecer estes procesos para incidir na prevención da violencia e do acoso escolar. A continuación descríbese como foi o proceso de desenvolvemento no centro e cales son os aspectos centrais do programa.
a) Cuestións previas
O programa foi aprobado no claustro do centro como sinal de compromiso con este. Posteriormente, máis do 50 % do profesorado acudiu a unha formación no CFR de Ferrol e realizou a adaptación dos materiais do programa ao centro, elaborando actividades e concretando outros aspectos. Nesta fase tamén se nomeou unha coordinadora do programa e un equipo coordinador.
b) Cuestións organizativas
No mes de xuño de 2017 xa empezamos a traballar no relativo a horarios de grupos, coñecemento do alumnado procedente de sexto de educación primaria e recollida de información das titoras do alumnado de segundo da ESO.
c) Posta en marcha
En setembro de 2017 puxemos en marcha o programa e levamos a cabo sesións de información e sensibilización con alumnado e familias. A continuación, o alumnado de terceiro da ESO anotouse como titor e recibiu un diploma e un carné nun acto ao que acudiu a concelleira de Educación, o director do centro e a responsable da ANPA. Posteriormente asignamos parellas de titor (3.º ESO) e titorizado (1.º ESO) e iniciamos as actividades que se desenvolveron ao longo de todo o curso.
d) Actividades
Desenvólvense tres tipos de actividades:
- Actividades de formación continuada de titores e titorizados. O alumnado de primeiro e terceiro da ESO desenvolve por separado actividades nas sesións semanais de titoría. Estas actividades xiran arredor da autoestima, a inclusión e o autocoñecemento. Teñen un formato moi similar entre elas, inícianse cun pequeno vídeo que levará ao debate e reflexión posterior.
EXEMPLO DE ACTIVIDADE DE FORMACIÓN CONTINUADA. QUÉRETE
Vídeo inicial
Reflexión individual
a) Onde ves máis guapa a moza?
i) na parte 1 ii) na parte 2 iii) igual nas dúas partes
b) Que diferenzas (físicas, emocionais, actitudinais...) aprecias na moza na parte 1 e na parte 2?
c) Sénteste identificado coa situación do vídeo:
i) non me pasou nunca ii) pásame ás veces iii) pasoume, pero agora xa non iv) síntome totalmente identificado
d) No caso de que che pasase, que intentaches facer para superar a situación?
nada
falar cos amigos
falar coa familia
outras:
Reflexión pequeno grupo (4-5 alumnos)
MOTIVOS QUE PODE TER UN ADOLESCENTE PARA ESTIMARSE TAN POUCO
(As causas poden ser físicas, emocionais, psíquicas)
CONSECUENCIAS QUE PODE TER EN DISTINTOS ÁMBITOS DA VIDA UNHA ACTITUDE NEGATIVA (traballo, familia, relacións, escola...)
Conclusión
Recollida das ideas principais achegadas polos grupos
Elaboración de propostas para quererse máis
- Actividades de formación permanente de titores. O alumnado de terceiro da ESO recibe formación sobre o estudo de casos e posibles medidas para desenvolver. Partindo de textos ou vídeos, analízase o papel e as actuacións da vítima, do acosador, das testemuñas, da familia e do contorno. Algúns dos materiais que se usan corresponden aos testemuños de alumnado vítima de acoso.
- Actividades de cohesión. O alumnado titor e titorizado comparte actividades nas que se busca asentar o coñecemento mutuo e as habilidades de cooperación.
EXEMPLO DE ACTIVIDADE DE COHESIÓN: REMEXENDO ENIGMAS
FASE 1
Entrégaselle a cada parella un sobre con varios enigmas: matemáticos, lingüísticos, científicos... Deben resolvelos colaborando e, cando os resolvan, poderán pasar á fase 2.
FASE 2
O alumnado de terceiro da ESO ten que ensinarlle ao de primeiro da ESO a elaborar unha figura de papiroflexia sinxela (en segundo da ESO este contido desenvólvese en Matemáticas).
FASE 3
Aquelas parellas que consigan superar as dúas fases gañarán un vale para consumir na cafetería do centro.
- Avaliación. O alumnado valora o desenvolvemento do programa de forma trimestral por medio de enquisas anónimas.
e) Actividades finais
Ao final do curso entregámoslle ao alumnado titor un diploma e fixemos unha saída de lecer. Neste ano escolar, concretamente, acudimos ao parque acuático de Cerceda.
f) Actividades complementarias
Ao abeiro do TEI desenvolvéronse outras actividades como a visita das parellas TEI para ver o documental e a curtametraxe Vida, máis ca vida e desenvolver posteriormente unha reflexión sobre este.
Metodoloxía
A metodoloxía de intervención podémola concretar na estrutura do triángulo da violencia (agresores, vítimas e espectadores) e as variables básicas que se traballan con cada un dos perfís. Este traballo realízase por medio de tarefas activas e participativas que buscan a reflexión e baseadas nunha comunicación positiva entre iguais. Búscase chamar a atención do alumnado sobre cuestións relacionadas cos centros de interese do programa e, a través da mediación do profesorado, profundar nos significados e nas conductas asociadas.
A titorización entre alumnado pode resumirse no dobre triángulo de intervención, tendo en conta que as diferentes estatísticas e estudos delimitan unha maior incidencia do acoso dentro do mesmo curso e/ou aula:
1. Ten lugar unha agresión (verbal, física, directa, indirecta...)
2. A vítima pídelle axuda ao seu titor.
3. O titor da vítima interésase pola situación falando co agresor.
4. Se a situación non se soluciona, o titor da vítima fala co titor do agresor para que afronten xuntos o conflito.
5. O titor do agresor interésase pola situación falando co seu titorizado.
6. Se a situación non se soluciona, ambos os dous titores comunícanllo á coordinación do programa para que interveña.
Gráfico 4. Dobre triángulo de intervención
Avaliación
Resulta difícil medir os resultados e a incidencia dun programa como o TEI a curto prazo, pero si é posible obter datos e valorar cal é a tendencia e cales poderían ser as propostas de mellora. Para facelo, estudamos datos de tres fontes distintas:
- Alumnado. Cuestionarios de valoración trimestral e final
- Rexistro de incidencias de conduta
- Equipo coordinador. DAFO final
Das dúas primeiras fontes de información podemos sinalar os seguintes datos:
- Ao alumnado de primeiro da ESO gustoulle ter un titor de terceiro da ESO, independentemente de que necesitase a súa intervención ao longo do curso.
- Case o 70% do alumnado titor considera que exerceu correctamente o seu labor, independentemente de que tivese que intervir ou non.
- Arredor do 60 % do alumnado considera que o programa é bo para todo o instituto.
- No curso de implantación do programa hai un aumento das faltas leves pero diminúen as graves.
A continuación amósase a análise DAFO realizada polo equipo coordinador.
Aspectos favorables |
Aspectos desfavorables |
Propostas de mellora | |
FORTALEZAS
O alumnado e as familias amósanse satisfeitos co programa.
|
DEBILIDADES
O profesorado non quere ser titor. O profesorado intenta «recuperar» as horas usadas no TEI.
| Titorizados/as | Recalcarlles que os seus titores deben ser a súa primeira referencia. |
Titores/as | Establecer un período semanal «obrigatorio» para visitar as aulas dos seus titorizados. | ||
Profesorado | Proporcionarlles unha hora de titoría TEI aos titores para preparar materiais e actividades. | ||
Centro | Establecer un calendario de todo o curso no que se reparta a «perda de horas» entre todo o profesorado. | ||
Familia | Facelos partícipes do acto de entrega de diplomas. | ||
Contorno social | Realizar un acto final de TEI cun carácter máis aberto a todo o contorno. | ||
OPORTUNIDADES A proxección do TEI como recurso dentro da comunidade, existindo centros que o están a implantar. A existencia dunha liña de Mellora da convivencia dentro dos Contratos-Programa da Xunta. |
AMEAZAS Non estar sendo percibido polo noso centro adscrito como un valor engadido. | Titorizados/as | Incluír algunha actividade final de tipo lúdico para compartir en parellas. |
Titores/as | Facer un concurso para que sexa o alumnado quen propoña a actividade final. | ||
Profesorado | Seguir formando o profesorado en cuestións de convivencia. | ||
Centro | Participar en proxectos que nos permitan darlle visibilidade ao traballo. | ||
Familia | Integrar as familias nalgunha actividade lúdica. | ||
Contorno social | Integrar o Concello nas actividades. |
Análise DAFO do equipo coordinador
Existe tamén unha avaliación externa do programa realizada pola Universitat d´Alacant que, sobre unha mostra de 4000 alumnos e alumnas, ofrece resultados positivos nos tres grupos de variables estudadas: condutas sociais, problemas de conduta e variables persoais e de benestar.
Conclusións
É evidente a limitación temporal para poder efectuar unha valoración máis detallada do impacto do programa no noso centro educativo. Os datos serán máis consistentes cando se repita o estudo ao longo dos seguintes cursos de implementación
A valoración global do programa TEI é positiva. Consideramos que mellorou a situación xeral do centro en comparación coa non existencia desta actuación. Non se aprecia un descenso significativo dos conflitos, pero si unha mellor resolución destes e unha maior implicación do alumnado que os observa para buscar solucións, entre eles mesmos ou acudindo a un adulto.
Na posta en marcha cobran grande importancia os aspectos organizativos que poden frear ou impulsar a evolución do programa. Hai que intentar que as horas de titoría dos grupos implicados coincidan, hai que ter un criterio de elección de titores que teña en conta o desenvolvemento do programa e necesítase obter información previa sobre o alumnado implicado desde os centros de procedencia.
Tamén debemos coidar os recoñecementos que lle facemos ao alumnado. Facelo protagonista supón que sexa o centro tanto nas entregas de diplomas como nas actividades ou na avaliación.
Aínda que inicialmente parece que o principal beneficiado do programa é o alumnado de primeiro da ESO, consideramos que os alumnos e alumnas de terceiro da ESO experimentaron unha melloría moi importante no relativo ao traballo sobre emocións e reflexión sobre temáticas de convivencia.
É necesario adaptar o TEI á dinámica propia de cada centro, «facelo noso» para que sexa percibido como signo de identidade e recoñecer o traballo do profesorado directamente implicado. Isto tamén supón ir mellorando as actividades, os procesos implicados e ampliar as accións a outros ámbitos do centro para que non sexa algo illado.
Bronfenbrenner, U. (1979). The ecology of human development: experiments by nature and design. Cambridge, MA: Harvard University Press.
Csikszentmihalyi, M. (1990). Flow: the psychology of optimal experience. New York: Harper and Row.
Goleman, D. (1995). Inteligencia emocional. Barcelona: Kairós.
Mayer, J. D. e Salovey, P. (1997). What is emotional intelligence? En P. Salovey e D. Sluyter (eds.), Emotional development and emotional intelligence: implications for educators. New York: Basic Books, pp. 3-31.
Mayer, J. D.; Salovey, P. e Caruso, D. (2000). Models of emotional intelligence. En R. J. Sternberg (ed.), Handbook of intelligence (2.ª ed.). New York: Cambridge, pp. 396-420.
Seligman, M. E. P. (1990). Learned optimism. New York: Knopf.
Albaladejo-Blázquez, N.; Ferrer-Cascales, R.; Lordan, O.; Portilla-Tamarit, I.; Ruiz-Robledillo, N. e Sánchez-SanSegundo, M. (2019). Effectiveness of the TEI program for bullying and cyberbullying reduction and school climate improvement. International Journal of Environmental Research and Public Health, 16 (4), 580 (https://doi.org/10.3390/ijerph16040580).
Artigos de prensa
El programa TEI, una herramienta muy útil para mejorar la convivencia escolar. (10/10/2017) Diario de Ferrol.
Ibáñez, María Jesús (19/10/2016). Objetivo: romper la ley del silencio ante el bullying. El periódico de Catalunya.
Cordellat, Adrián (15/03/2019). TEI, el exitoso programa español de prevención del bullying. El País.