Cervo alén de Europa. United through creativity

A aprendizaxe competencial a través do proxecto documental integrado de centro
Ao longo do curso pasado no CEIP de Cervo, traballamos o proxecto documental integrado Cervo alén de Europa: United Through Creativity. Desenvolveuse a través do traballo interdisciplinar do equipo de biblioteca, o Erasmus+KA219 e do equipo de dinamización da lingua galega. Integrouse este proxecto no currículo de todas as áreas e niveis e constituíu o eixe vertebral do proceso de ensino-aprendizaxe e das actividades que se programaron e levaron a cabo no centro.

Belinda Blanco Fernández
Ana García García
Verónica Fernández Vázquez
CEIP de Cervo (Cervo - Lugo)

O colexio de Cervo é un centro rural situado nun pequeno concello do mesmo nome na Mariña Lucense, un lugar cun importante patrimonio natural e cultural, vinculado moi fortemente á arte xa que é o berce da cerámica máis recoñecida en Galicia, a cerámica de Sargadelos.

Desde hai aproximadamente dez cursos, levamos desenvolvidos diversos proxectos interdisciplinares que teñen como principal eixe a arte e que están integrados no currículo a través dunha planificación conxunta entre o equipo de biblioteca, o equipo de dinamización da lingua galega e, dende hai dous cursos, o equipo Erasmus+.

A partir de 2008, formamos parte do PLAMBE e, desde o curso 2016/17, do proxecto de  Bibliotecas Creativas. Ademais participamos noutros proxectos como o Plan de fomento do galego, o Proxecto Observa_acción, Voz Natura, STEAM, Proxecto Escornabots... mantendo a inquedanza por buscar métodos educativos innovadores e motivadores, dando prioridade a atención á diversidade e integrando a arte e a ciencia no currículo. O fomento do uso do galego e o desenvolvemento das TIC e das TAC integran un contexto de multialfabetización motivado pola importancia que se lle concede á formación permanente do profesorado.



O proxecto Cervo alén de Europa fai referencia aos contidos curriculares e competencias clave, traballados a partir duns obxectivos que pretenden potenciar e mellorar a coordinación dos membros da comunidade educativa, creando un clima propicio de traballo e empregando metodoloxías activas dun xeito integrado.

Como obxectivos específicos, cremos conveniente enlazar o traballo por competencias dun xeito globalizado, integrar no currículo gran variedade de linguaxes, facendo especial fincapé na linguaxe de programación Mindstorm, apoiar e reforzar o Proxecto Escornabots, potenciar o uso de metodoloxías activas e facilitar a súa integración na aula. Trátase de «aprender facendo», facilitar a competencia ALFIN/AMI a través de actividades de investigación e tratamento da información, e transcender fronteiras recoñecendo o valor lingüístico e cultural doutros países alén de Cervo, relacionándoo co Erasmus+.

O proxecto implementouse desde cuarto de infantil ata sexto de primaria, adaptando as actividades e propostas ás capacidades, intereses e potencialidades do alumnado, valorando a súa idade e características persoais. Deste xeito, para poder abordar a aprendizaxe competencial, planificáronse as actividades tendo en conta as competencias clave que contribúen ao desenvolvemento íntegro do noso alumnado.

En relación coa competencia en comunicación lingüística, destacan as actividades relacionadas coa creación literaria, o procesamento da información, a expresión e comprensión oral e escrita, incorporando a linguaxe da programación e ampliando o léxico referido ao ámbito STEAM. Destacamos actividades como:

Os Meses temáticos, entre o que destaca o European Month, coa conmemoración do Día Europeo das Linguas no que participamos cos vídeos Eu falo galego porque... no reto mundial sobre as linguas.

Tamén cómpre citar As pezas únicas do colexio de Cervo na que colaboramos cunha asociación de galegos en Madrid e cun centro educativo español en Londres.

O proxecto Galicia encantada, lendas alén de Europa, que tivo como punto de partida o libro de Antonio Reigosa, Galicia encantada, o país das mil e unha fantasías, e a páxina web do mesmo nome. Empregáronse materiais ALFIN/AMI de elaboración propia para afondar no coñecemento do patrimonio cultural galego, que axudaron a elaborar o produto final, o Calendario de lendas, que se enviou aos centros educativos europeos que forman parte do proxecto Erasmus+. Ademais, ao longo do curso continuouse investigando e no terceiro trimestre realizouse un traballo colaborativo con tres centros escolares galegos cos que elaboramos o libro Galicia de lenda, onde se recollen lendas de cada provincia.

O fomento da lectura traballouse a través da Hora de Ler, as Mochilas Viaxeiras e Escornabóticas, os Itinerarios Lectores, os Pasaportes de Cine, as xornadas de convivencia con autores, o club de lectura sobre literatura clásica europea... Tamén a partir das recomendacións lectoras que tiveron como novidade a realización da vídeo-recomendación do clásico galego Memorias dun neno labrego, contando coa colaboración de escritores e escritoras galegos.

A competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía estiveron moi presentes, incluíndo o manexo do GPS e a xeolocalización, traballando a latitude e lonxitude de diversas localizacións de Cervo e de Europa, coas actividades realizadas durante o Mes da Ciencia e proxectos Maker Europeos.

A competencia dixital, que contribúe na resolución de problemas reais propostos relacionados coa robótica e a programación, desenvolveuse, tamén, nas actividades do Proxecto Escornabots, incidindo na elaboración e emprego de diversos taboleiros relacionados cos países europeos. Tamén se realizou unha ruta 3D, dirixida a todo o alumnado, que iniciou o traballo coa impresora 3D, situada no recanto Maker da biblioteca, base para a programación de actividades realizadas no presente curso en relación co emprego do programa de deseño Tinkercad.    

O desenvolvemento das competencias sociais e cívicas, así como a conciencia de expresións culturais plasmouse, especialmente, en actividades como A nosa contorna, Our settings, que consistiu na realización dun álbum fotográfico dixital do patrimonio cultural, natural e artístico do noso concello en colaboración coas familias e relacionada coa elaboración dun Inventario do patrimonio cultural de Cervo. Tamén se traballou a tradición musical galega mediante a interpretación de cantigas tradicionais galegas.

Así mesmo, durante o mes de xuño, mes da arte galega na escola, levouse a cabo O noso roteiro  das linguas, onde se realizou un achegamento á diversidade lingüística europea.



A competencia para aprender a aprender e o sentido de iniciativa e espírito emprendedor traballáronse con propostas como a Feira tradicional europea, que consistiu nunha posta en común dos traballos elaborados polo alumnado referidos aos diferentes países europeos, a través de exposicións, elaboración de folletos informativos, degustación de comidas tradicionais, xogos cos escornabots, vídeos... ou a elaboración do noticiario Cervo alén de Europa.
A realización das actividades supuxo unha mellora no proceso de ensino-aprendizaxe debido, precisamente, á implicación e boa acollida por parte do alumnado, das familias e das diferentes institucións alleas ao centro escolar coas que se colaborou. As propostas, ademais de incidir na funcionalidade e significatividade das aprendizaxes, conectáronse coa aprendizaxe-servizo, co que se deu a coñecer o proxecto alén do centro escolar e se propiciou unha retroalimentación en varias das actividades realizadas.

Para poder valorar o impacto na comunidade escolar e a adecuación das propostas, foi preciso someter o proxecto a un proceso continuo de avaliación que permitiu realizar as modificacións precisas para garantir a obtención duns resultados óptimos mediante a reflexión sobre práctica educativa e a autoavaliación.

Realizouse unha avaliación inicial para analizar os medios dos que dispoñía o centro, fíxose unha listaxe das necesidades e preveuse unha organización funcional dos diferentes equipos, tendo en conta ademais que era o primeiro curso no que o centro participaba nun proxecto Erasmus+.

A  avaliación continua levouse a cabo  durante todo o proceso, analizando como se estaba a desenvolver a través dos traballos elaborados e da análise da implicación de todos os axentes.

A avaliación final serviu para comprobar se os resultados eran os esperados ao inicio do curso. Para valoralo, realizáronse varias enquisas elaboradas polo equipo de biblioteca baseadas no libro Biblioteca escolar entre interrogantes, unha ao alumnado e outra ao profesorado, onde, entre outros aspectos de xestión e organización, tamén se pedía unha valoración das diferentes actividades realizadas. Todas estas valoracións servíronnos para introducir modificacións que garantisen unha boa posta en marcha e sobre todo que nos axudasen a coñecer os puntos susceptibles de mellora en vindeiros proxectos.




A experiencia de traballo e o seu desenvolvemento ao longo do pasado curso escolar obtivo por parte de toda a comunidade educativa unha valoración final moi positiva. As claves do éxito estiveron non só na planificación e sistematización das actividades senón tamén na coordinación entre profesionais e no bo clima de traballo en equipo, deseñando de maneira consensuada as propostas; no interese pola formación continua de todo o profesorado a través dos PFPP; na estabilidade, flexibilidade e confianza de todos os integrantes do equipo docente, alumnado e familias; e na difusión do proxecto a través de diferentes medios, principalmente nas redes sociais da escola: O blog BiblioCervo, a canle de YouTube do colexio e o twitter oficial  @CEIP_de_CERVO.
    
Deste xeito, este curso iniciamos o proxecto documental integrado Europa alén de Cervo creating, comunicating our diversity We are celebrating, centrado no mundo do teatro, unha nova dimensión da arte que de seguro nos proporcionará unha chea de experiencias positivas.
 

 

Bibliografía: 

 

 

JIMÉNEZ RODRÍGUEZ, M. A. (2011): Cómo diseñar y desarrollar el currículo por competencias: guía práctica. Madrid: PCC.

MOYA OTERO, J; LUENGO HORCAJO, F. (coord.) (2011): Teoría y práctica de las competencias básicas. Barcelona: Graó.

VARIOS (2011): Manual biblioteca escolar ¿entre interrogantes? Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia.

Sección: