Invasión clorofílica, un proxecto sobre plantas invasoras
Silvia Pascual Fernández
IES Terra de Turonio (Gondomar - Pontevedra)
O proxecto Invasión clorofílica nace dentro dun proxecto máis grande chamado Camiñando entre plantas nos tres cursos de primeiro da ESO dentro da materia de Bioloxía e Xeoloxía. Este proxecto era o marco ideal para traballar os estándares da materia relacionados co reino vexetal, a súa anatomía e fisioloxía; tamén permitía abordar estándares que buscan metas de comprensión máis profundas, como evidenciar a importancia do reino vexetal na vida do planeta e do ser humano, o uso das plantas en medicina, na alimentación e como produtoras das redes tróficas e sostén, polo tanto, dos ecosistemas do planeta Terra. En definitiva, buscábase conseguir no alumnado unha visión ampla e consciente da importancia do reino vexetal.
Por outra banda, e como non podía ser doutra maneira na materia de Bioloxía e Xeoloxía, empregouse en todo momento o método científico como fío condutor e as ferramentas dos científicos como instrumentos de traballo, para favorecer o coñecemento do traballo científico e a vocación científica. Buscábase non só unha vocación cara a un traballo científico senón unha vocación de respecto cara ao mundo científico, valorando a súa contribución á convivencia no noso planeta; tamén se pretendía valorar o método científico como o desenvolvemento de destrezas humanas necesarias para ter un futuro sostible e colaborativo, destrezas como a observación, a curiosidade, a elaboración de posibilidades e explicacións que motiven para atopar solucións a problemas pequenos e globais. En definitiva, ensinar o neno a pensar como un científico e a darse de conta de que esa forma de pensar é moi útil para a súa vida, aínda que non se dedique á ciencia.
Xurdiu, ademais, a posibilidade de colaborar co Departamento de Fisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo nun proxecto para dar a coñecer unha aplicación móbil para localizar plantas invasoras, un proxecto de Ciencia Cidadá que non podiamos deixar pasar.
Puxémonos a traballar e a motivación intrínseca que necesitaba o meu alumnado foi alimentada pola petición de axuda de científicos reais que precisaban do noso traballo. Con isto en mente, fixemos varias saídas á contorna, unha cun especialista en botánica que nos levou comer plantas silvestres e outras para facer entradas no noso caderno de campo ou para o Proxecto Ríos.
En todas elas intentei que se fixasen en determinadas plantas (xa coñecidas por min como invasoras), recolléndoas e levándoas á clase. Unha vez na aula, identificámolas, buscamos información sobre elas e descubrimos que se trataba de plantas invasoras. Tivemos unha moi grata sorpresa cando o Instituto de Estudos Miñoranos montou unha exposición de plantas invasoras, que nos permitiu centrar o problema: finalmente quedamos con 10 plantas invasoras que foron as que estudamos.
Durante estas actividades, chegou a posibilidade de facer unha feira no noso centro onde expoñer e dar a coñecer o noso traballo; decidimos ter un posto de plantas invasoras. Tiñamos tamén planificado facer un «minicongreso» cos investigadores e investigadoras da UVigo, así que xa estabamos en marcha, xa tiñamos uns prazos e uns espazos. Os obxectivos do alumnado eran dar a coñecer e concienciar os seus pais e nais, familiares e amigos sobre o problema que supoñen as plantas invasoras para o medio ambiente e para o equilibrio dos nosos ecosistemas.
Na aula comezamos a traballar de maneira cooperativa para facernos expertos nas 10 plantas estudadas. Como contamos con ordenadores do proxecto Abalar, consultamos distintas fontes de información e utilizamos organizadores gráficos para facilitar a selección da información; así recollemos toda a información en documentos compartidos. Traballaron cos nomes científicos das plantas, déronse de conta enseguida de que algunhas das especies invasoras tiñan as súas versións autóctonas e o relevante que era, polo tanto, traballar co nome científico. Tamén foi moi importante ter as plantas invasoras plantadas no centro en testos para aprender a identificalas. Como estamos a falar de plantas invasoras, era fácil atopalas na natureza, así que o alumnado contaba como recoñecía as plantas no seu contorno e lles ensinaban ás súas amizades e familiares de que plantas se trataban.
Para o congreso preparamos unha presentación onde se falaba das 10 plantas invasoras a partir da información que nos deron sobre elas os científicos da universidade, e conseguimos ter un exemplar vivo de cada unha das especies. Antes do congreso fixéronse na clase ensaios e moitas exposicións e avaliacións para conseguir perfeccionar o resultado. Na aula pasaron todos os alumnos e as alumnas polas exposicións, foron avaliados e recibiron retroalimentación; no congreso actuaron aqueles rapaces que escolleron os seus compañeiros como os máis adecuados logo dunha coavaliación. Despois das exposicións e do traballo de afondamento, realizáronse postas en común para chegar a conclusións como, por exemplo, que un dos problemas son as plantas ornamentais que entran no país procedentes doutras rexións para adornar os nosos xardíns e que acaban sendo un problema na natureza, que moitas invasoras aparecen en terreos baldíos que sufriron un impacto ambiental por obras, incendios etc. Polo tanto, despois de actuacións que afecten a estas zonas, hai que realizar un traballo de restauración que impida a aparición e a expansión destas plantas, tamén lles preguntaron aos científicos por que o eucalipto non se atopaba dentro do catálogo de especies invasoras, pregunta cunha resposta moi complexa.
A partir do congreso tiñamos claro que debiamos intentar facer algo para contribuír a solucionar este problema, así que nos puxemos a investigar para poder acabar coas plantas invasoras. Neste proceso sometemos a Tradescantia fluminensis, unha invasora de fácil cultivo, a todo tipo de avatares como plantala en area, cubrila cun plástico negro, arrincala e volver ao sitio un tempo despois para ver se volvera brotar etc. Neste proceso atopamos, por casualidade, unha persoa que facía galletas con Tradescantia, así que nos puxemos mans á obra para facer galletas con Tradescantia e poder acabar con ela dunha forma moi doce.
Despois de todo isto, a universidade subvencionou 300 trípticos e unhas 300 chapas, os lemas e debuxos foron o resultado dun concurso entre todo o alumnado con premio. Tiñamos as plantas invasoras plantadas en testos, fixemos 2 pósters sobre elas, e utilizamos a realidade aumentada para que os visitantes do noso posto de invasoras puidesen ver vídeos nos que os rapaces e rapazas explicaban o aprendido sobre esa planta e, por suposto, regalabamos unhas ricas galletas de Tradescantia. Ese día tamén viñeron os profesores da universidade para que o alumnado os entrevistase na radio, en rigoroso directo.
A motivación do alumnado foi variada e diversa, como non podía ser doutra forma, aínda que ía aumentando a medida que nos metiamos máis en profundidade no tema e ao ir diversificando e ampliando as actividades. Necesitamos moita organización para que cada estudante puidese manter unha certa autonomía á hora de traballar, isto complicábase debido á ratio de alumnado na aula. Foi importante conseguir o apoio dalgunhas das familias, xa que trouxeron plantas, baixaron a aplicación nos seus móbiles e acompañábannos a localizar plantas invasoras. O apoio da universidade foi moi relevante e motivador para o alumnado. Así, por exemplo, asombrábase ao ver o seu traballo impreso nas chapas e nos trípticos.
Resultou un proxecto moi completo e motivador para o alumnado, que integra todos os elementos do currículo, cunha proxección científica e social relevante, que permitiu, polo tanto, traballar e avaliar as competencias clave. O desenvolvemento deste proxecto foi posible, ademais, pola aplicación das aprendizaxes adquiridas no seo dos PFPP desenvoltos no centro durante varios cursos sobre aprendizaxe cooperativa e deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial.