En Proxecta no Barrié

A experiencia no Barrié traballando en diferentes liñas de actuación dentro do Plan Proxecta ao longo do tempo, afianzando a metodoloxía por proxectos como liña de traballo nalgúns aspectos xerais da vida do centro (véxase PDC) ou en aspectos concretos con proxectos por ciclos ou aulas.

María Dolores Nieto Caamaño - Lingua Inglesa
María Dolores Pérez Cancela - Ed. Primaria
César Ramos Domínguez - Ed. Física
ceip.barrie.maza@edu.xunta.es

 

Contextualización

O noso centro, CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba, leva xa seis cursos académicos (2013/14, 2014/15, 2015/16, 2016/17, 2017/18 e 2018/19) participando no Plan Proxecta da  Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en diferentes modalidades de participación e levando á práctica unha gran cantidade de proxectos (Consumópolis, Móvete +, DAFIS, Proxecto Deportivo de Centro, Meteoescolas, Donas de si, Recíclate con Sogama, Aliméntate ben, Aprendo programando e Protexe os animais), todos eles complementando o traballo por proxectos e a aprendizaxe competencial de todos os grupos do noso centro educativo.

Obxectivos

    • Avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación no centro.
    • Mellorar as competencias do alumnado en temas medioambientais e das ciencias da Terra e promover a investigación na escola.
    • Concienciar no coidado e protección dos animais.
    • Sensibilizar a comunidade educativa da necesidade do coidado do medio a través da reciclaxe.
    • Ampliar o tempo de actividade física e deporte de toda a comunidade educativa para gozar do tempo de lecer dunha forma máis activa e saudable.
    • Fomentar hábitos de vida saudables a través da actividade física e da alimentación.
    • Diminuír a obesidade e o sobrepeso no alumnado do centro e facer rexistro das súas características.
    • Ofrecerlle á comunidade escolar unha ferramenta práctica e dinámica que contribúa ao desenvolvemento integral de actuais e futuros consumidores, fomentando o consumo responsable.
    • Visibilizar e poñer en valor a participación e produción das mulleres como pezas clave no desenvolvemento da sociedade.
    • Loitar pola igualdade entre homes e mulleres e fomentar o espírito crítico respecto deste tema.
    • Potenciar o uso das novas tecnoloxías no centro.

Recursos empregados

Os recursos empregados para o desenvolvemento do proxecto son moi variados:
Recursos humanos:
Ademais do profesorado e alumnado do centro, colaboraron con nós:
    • Persoeiros especializados en cada un dos programas (persoal de Meteogalicia, deportistas, persoal de Sogama, nutricionistas etc.)
    • Persoal do concello,
    • Persoal doutros centros educativos...
Recursos materiais:
    • Materiais funxible (cartolinas, rotuladores, folios...)
    • Material deportivo ( balóns, carrilanas, aros, zancos...)
    • Material de reciclaxe (papeleiras, contedores, composteiro...)
    • Material de alimentación (produtos alimenticios...)
    • Instalacións (pavillón, aulas, patio...)
    • Recursos audiovisuais:
    • Cámara fotográfica
    • Videocámara
    • PC
    • Programas específicos para tratamento de fotografías

Descrición da actividade

1. PROXECTO DEPORTIVO DE CENTRO

Contexto

Logo de realizar unha avaliación inicial do contexto onde alumnos e alumnas conviven no espazo de recreo, observouse que o xogo de pelota era a actividade dominante no patio, unha especie de «fútbol» anárquico onde algúns nenos xogan á pelota sen unhas regras explícitas e sen organización, onde o papel das nenas é inexistente e outros nenos simplemente realizan actividades sedentarias esperando pacientemente a que toque o timbre de comezo das clases.

Por outra banda, eramos coñecedores de que no alumnado había un alto índice de problemas de sobrepeso (47 % do alumnado), un dato preocupante que é debido, na súa maioría, á mala alimentación e á realización de pouco tempo diario de actividade física.

Estes feitos foron os que nos deron pé no curso 2015/16 para comezar a traballar nun PDC orientado á mellora destes graves problemas no alumnado, ademais de involucrar a toda a comunidade educativa e dar alternativas de lecer saudables. O actual curso é o sexto no que levamos traballando no Proxecto deportivo de Centro coas seguintes actividades:

    • Recreos activos Divertipatio
Nace coa idea de axudar os nenos e nenas do centro a buscar alternativas no seu tempo de lecer (hai un predominio do xogo do fútbol) e, así mesmo, empregar ese tempo de recreo en actividades máis enriquecedoras e motivadoras e aumentar asemade o período diario de exercicio físico. O alumnado realiza funcións organizativas e de toma de decisións durante todo o procedemento: acorda por votación se hai ou non o Divertipatio, axuda na organización diaria e é o encargado dos diferentes xogos (zancos, hóckey, aros, cordas, bolos, baloncesto...). É quizais a «actividade estrela» do noso PDC e foi premiada coa primeira mención honorífica no V Premio á Innovación Educativa Escola Viva no ano 2017.


    • Iniciación ao balonmán, ao baloncesto, ao tenis de mesa
Ao comezo do curso lévase á práctica unha unidade didáctica sobre estes deportes impartida polos clubs federados do concello para motivar o alumnado a asistir ás actividades extraescolares.

    • Iniciación ao crossfit, á orientación escolar e á loita
Nas clases de Educación Física nos cursos de quinto e sexto curso, en colaboración co PDC, lévanse á práctica diferentes unidades didácticas nas que os nenos e nenas coñecen disciplinas deportivas diferentes.

    • Saídas saudables
Mínimo unha por ciclo e curso, estas saídas teñen como finalidade a realización de actividades lúdicas nas que se fai un moderado exercicio físico. Lévaronse a cabo rutas de sendeirismo pola comarca, actividades como escalada, tirolina, tiro con arco, piragüismo, visita aos Picos de Europa, patinaxe sobre xeo, visita por Londres e Oxford etc. O alumnado de quinto e sexto, ademais de realizar rutas de sendeirismo, posteriormente nas aulas realizou unha serie de actividades relacionadas coa súa saída como, por exemplo, facer un perfil do percorrido coa ferramenta Google Maps, calcular o número de calorías consumidas por cada alumno ou alumna, a aceleración, e outros cálculos matemáticos.


    • Participación no deporte escolar
Participamos varios cursos no programa de deporte escolar organizado pola consellería en diferentes disciplinas deportivas: baloncesto, fútbol, fútbol sala, campo a través, onde pasamos xornadas deportivas practicando deporte con nenos e nenas doutros centros educativos.

    • Móvete máis
Participamos tamén no proxecto Móvete máis, en colaboración co Plan Proxecta, mediante o cal, tanto alumnado como profesorado ou persoal do centro realizaron coreografías diariamente coa finalidade de ampliar o tempo diario de exercicio físico. Xeralmente estes bailes realizáronse antes de entrar ao comedor escolar e neles participou todo o alumnado, profesorado do centro e persoal colaborador do servizo de comedor.

    • Charlas informativas
Sobre igualdade no deporte, alimentación infantil, discapacidade, acoso escolar e deporte e recreación, impartidas por persoal especialista. Estas charlas foron dirixidas ao alumnado do centro, profesorado participante no proxecto e familias.

    • Obradoiro gastronómico saudable
Con motivo do Día Mundial da Saúde, realizamos diferentes actividades: elaboración de receitas, decálogo de alimentación, degustacións...
 
    • Pequevolei
Durante todo o curso participamos neste proxecto para o que adquirimos material de voleibol e realizamos diferentes actividades e unidades didácticas relacionadas con este deporte. Tamén integramos o material adquirido na dinámica de recreos saudables Diverpatio.

    • Avaliacións iniciais de hábitos deportivos e físicos
Como punto de partida para coñecer os hábitos deportivos e alimenticios do alumnado, realizámoslle a este unha enquisa. Dese xeito obtivemos unha información importante referente ao alumnado que practicaba deporte habitualmente e coñecemos de primeira man hábitos do alumnado no seu tempo de lecer.

    • Participación no Proxecto de investigación da Universidade de Vigo
O alumnado de 5.º B participou no curso 2014/15 neste proxecto que intenta avaliar o estilo de vida do alumnado participante nos diferentes proxectos deportivos de centro e as súas familias.

    • Repartición de froita fresca nos recreos
O noso centro participou, os catro últimos cursos académicos que levamos co PDC, no proxecto do FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria), que consistía na repartición de froita nos recreos. Así mesmo, en diferentes cursos, os titores levaban un control das merendas do alumnado, intentando promover  o consumo de merendas máis saudables e fuxir de merendas “industrializadas” cun alto contido de graxa e azucre.

    • Recanto saudable
Espazo situado na biblioteca onde o alumnado que tivese algunha lesión ou doenza e non puidese saír ao patio no tempo de recreo realizaba de forma voluntaria diferentes lecturas, debuxos ou fichas relacionadas coa alimentación saudable e hábitos de ocio activos.

    • Participación no Concurso Mellor Periodista Infantil e Xuvenil
O alumnado leva participando varios cursos neste concurso organizado por La Voz de Galicia, que consistía en redactar unha nova relacionada coa actividade física ou o deporte infantil.

    • Obradoiro de ioga
Actividade que foi incluída en Divertipatio no curso 2015/16. Os días de chuvia nunha das zonas, un grupo por día participaba nesta actividade impartida por unha mestra colaboradora do proxecto. Neste curso levouse a cabo outro para o alumnado de terceiro e cuarto.


    • Maio: mes do deporte
Programa que ten lugar no mes de maio e onde toda a programación do mes xira sobre o deporte. Nestas xornadas realízanse proxeccións de filmes sobre deporte, decoración dos corredores con imaxes de deportes, exposicións de libros e charlas impartidas por profesionais do deporte.

    • Elaboración de decálogos de alimentación saudable, do bo deportista e hábitos posturais
Ao comezo do curso entrégaselle ao alumnado un díptico con información relacionada coa alimentación saudable. Así mesmo, e relacionado co deporte ao longo de todos os cursos, entrégaselles ás familias información relacionada co deporte e o exercicio físico.

    • Concurso para a elección da mascota do proxecto e do curso
O primeiro curso de aplicación do PDC tivo lugar un concurso para a elección da mascota oficial do PDC. Unha vez escollida a mascota, cada ano realizamos un concurso de debuxo onde o alumnado debuxa a mascota realizando diferentes disciplinas deportivas. A imaxe gañadora será incluída ao longo de todo o curso en todo o material do proxecto.

    • Lipdub de Nadal
Todo o alumnado, profesorado e persoal do centro participou na gravación dun Lipdub no curso 2015/16. No curso académico 2017/18 tamén se traballou na realización dun novo Libdup no que participou toda a comunidade educativa.

    • Mannequin Challenge
O alumnado de 6.º B realizou un Mannequin Challenge para felicitarlles as vacacións de Nadal a todos os compañeiros, familias e profesorado. Empregamos para realizar as gravacións o material da dinámica Diverpatio, actividade incluída no PDC.

    • Grafitti sobre igualdade
O 5 de decembro, para celebrar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o alumnado de sexto e quinto curso, en colaboración co Concello da Santa Comba, elaborou un graffiti co lema: "Xogando xuntos seremos iguais".
Foi unha xornada moi divertida onde, despois dunha charla informativa, aprendemos que todos e todas somos iguais e que todos e todas podemos e queremos xogar xuntos.

    • Batidos de froitas para o Entroido
Durante o Festival de Entroido, o alumnado elaborou unha serie de batidos de froitas naturais para degustar en grupo. Esta actividade serviu para ofrecerlle ao alumnado unha forma diferente de consumir froitas de forma natural e saudable.

    • Baúl de xogos tradicionais
A Fundación Deporte Galego, en colaboración co programa Xogade, durante unha semana cedeunos o baúl de xogos tradicionais, que foron incluídos nas clases de Educación Física.

    • Premio de receita saudable con legumes
O alumnado participou no concurso Legumes Saudables organizado polo Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia (Codinugal), no que de forma voluntaria cada alumno ou alumna debía elaborar unha receita saudable na que o ingrediente principal fose un legume. Gañou unha alumna de quinto curso.
 
    • Tenis na escola
Nos últimos cursos, o CEIP Barrié de la Maza participou no programa Tenis na escola. Neste programa enviáronnos material para a práctica do tenis durante un mes. Nos cursos de quinto e sexto levamos á práctica unha unidade didáctica de iniciación ao tenis para que o alumnado coñecese este deporte individual que moitos deles descoñecían.

    • Pasaporte saudable
No pasado curso 2016/17, o alumnado de 6.º B participou no Pasaporte saudable organizado por EROSKI, no que o alumnado e de forma voluntaria e individual debía pasar diferentes retos relacionados coa alimentación saudable. Foi unha actividade moi enriquecedora.

    • Froita, un botín saboroso
Tamén participamos neste programa organizado por Zespri e moi relacionado coa alimentación saudable. O alumnado, ao realizar actividades de alimentación, conseguiu como premio 25 balóns de recreación que foron incorporados ao inventario de Diverpatio para as actividades no tempo de recreo.

    • Traballo sobre o consumo de azucre
O alumnado de sexto no curso académico 2014/15 na área de atención educativa (alternativa á relixión) realizaron un traballo sobre o consumo de azucre e os perigos deste alimento para a saúde das persoas. Posteriormente expuxéronllelo aos alumnos e alumnas dos demais grupos.

    •  Blog do Proxecto deportivo de centro
Ao longo de todo o curso, todas as actividades do PDC que se van poñendo en práctica vanse colgando no blog do proxecto, para que este sirva como medio de comunicación entre o propio proxecto e toda a comunidade educativa.
 
    • Xornadas de iniciación a zumba
Actividades de iniciación a zumba que tiveron lugar no mes de decembro do curso 2015/16 e nas que participou todo o alumnado do centro. Foron impartidas por persoal especializado.

    • Carreira Quilómetros de solidariedade
No curso 2017/18 tivo lugar, como xa comentamos, esta carreira solidaria na que se recadaron 1400 euros que foron ingresados integramente na conta da ONG Save the Children para colaborar no seu labor humanitario. Continuaremos con esta iniciativa no curso actual.

    •  Xoves sobre rodas
Todos os xoves, os nenos e nenas poden traer xoguetes con rodas —patíns, patinetes ou monopatíns— para xogar con eles no tempo de recreo dentro da dinámica Diverpatio. O centro tamén dispón de material con rodas como carrilanas, patíns, monopatíns...

    • Montaxe do vídeo Xogamos pola paz
Todo o alumnado do colexio participou nesta montaxe de vídeo para conmemorar o Día Escolar da Paz, na que se empregou material de xogos tradicionais.

    • Coreografía de fin de curso «Hoxe aquí»
Con motivo do final do curso 2016/17, o alumnado de quinto e sexto preparou unha coreografía que posteriormente montamos nun vídeo.

    •  Ponlle as pilas ao teu bocata
Nos dous últimos cursos, participamos neste obradoiro de alimentación saudable. O alumnado aprendeu a elaborar bocadillos con ingredientes que proveñen do mar: chocos, atún, xoubas etc.

2. CONSUMÓPOLIS

Traballamos este proxecto nos cursos 2015/16 e 2016/17. O primeiro ano na clase de 5.º B e o ano seguinte na de 6.º B. Pretendemos que o proxecto traballado a través de Consumópolis se relacione directamente con aspectos do consumo en idade infantil, aspecto moi importante nestas idades nas que o alumnado comeza a realizar actividades de ocio relacionadas coas novas tecnoloxías: videoxogos, comercio electrónico, móbiles, blogs etc.

O primeiro proxecto versou sobre diferentes formas de consumo e o produto final consistiu na creación de vídeos realizados en grupo e utilizando un croma, o segundo curso o proxecto tivo como finalidade a realización de blogs con diferentes temáticas de consumo.

3. DAFIS

Trátase dunha batería de probas físicas que avalían o nivel motriz no que se encontra cada alumno e alumna en particular e facer un estudo do seu grupo de iguais no centro, comarca ou grupo. Avalíanse as medidas antropométricas, a forza da presión manual, salto horizontal cos pés xuntos, flexibilidade, velocidade e axilidade, forza e resistencia cardiorrespiratoria. Posteriormente sóbense os resultados a unha plataforma e obtéñense os pertinentes informes.

4. DONAS DE SI

Este é o primeiro curso que participamos neste proxecto en quinto e sexto de primaria. Con el pretendemos visibilizar e valorizar a muller como parte fundamental do desenvolvemento da sociedade, e fomentar no alumnado o respecto e igualdade entre homes e mulleres. Levamos a cabo para conseguir este fin lecturas, exposicións, elaboración de murais, charlas con diferentes mulleres, buscas de información...

 

5. METEOESCOLAS

Este proxecto traballouse desde o curso 2016/17, nun principio co alumnado de sexto e este curso co alumnado de quinto e sexto.
Con este proxecto pretendemos que o alumnado comprenda a utilidade dunha estación meteorolóxica e os aparellos que a compoñen, que amplíen coñecementos sobre o tempo e o clima e a influencia que ten o clima na nosa vida. Realizáronse actividades como medicións, elaboración e comparación de climogramas, enquisas, obras plásticas e literarias... sempre dun xeito interdisciplinar.

 

6. RECÍCLATE CON SOGAMA

Comezamos este curso co alumnado de primeiro e segundo de primaria e alumnado de sexto, pero involucra a todo o centro. Búscase a concienciación por parte do alumnado da necesidade de coidar o medio a través da reciclaxe. Elaboráronse carteis, colocáronse papeleiras das tres cores, houbo charlas e obradoiros por parte do persoal de Sogama, construíronse xoguetes e instrumentos con materiais de refugallo, estableceuse un horario de recollida e clasificación do lixo...

7. ALIMÉNTATE BEN

Este é o primeiro curso que se participa neste proxecto. Lévase a cabo co alumnado de primeiro e segundo e búscase que o alumnado sexa consciente desde pequeno da necesidade dunha alimentación saudable. Leváronse a cabo charlas, obradoiros de alimentación saudable, táboas de rexistro das merendas...

 

Metodoloxía

  • Abordouse unha proposta metodolóxica de aprendizaxe por proxectos baseada en dinámicas activas, cooperativas e contextualizadas, centradas na experiencia práctica do alumnado sobre o seu contorno inmediato.
  • Con este enfoque metodolóxico, búscase darlle un rol protagonista ao alumnado no que a cooperación e as súas ideas teñan moita importancia á hora de desenvolverse nas diferentes propostas de traballo.
  • As actividades organizáronse de xeito interdisciplinar, incluíndo elementos do currículo de diversas materias e áreas que se integraron nas programacións específicas do profesorado.
  • Abórdanse os contidos de xeito global: o alumnado adquire habilidade e competencias ao mesmo tempo ca contidos.
  • Facilítase a aprendizaxe de todo o alumnado como ser diverso, único e igual de importante ao levar a cabo o traballo de xeito colaborativo.
  • Desenvólvese o pensamento crítico: elaborar plans para chegar a un fin, decidir entre diferentes opcións de traballo, buscar múltiples posibilidades de acción, toma de decisións...
  • En todos os proxectos se partiu dunha formulación inicial seleccionando a temática que se ía tratar, traballouse por equipos para acadar un produto final ata o que se chegou a través da planificación, análise, investigación. Unha vez que se elabora o produto, preséntase colectivamente, ben sexa a través de exposicións, publicacións na web...

 

Avaliación

Realizamos unha valoración do nivel de aprendizaxe do alumnado e unha análise global de todos os compoñentes. Ademais do grao de consecución dos obxectivos xerais e específicos, valoraramos aspectos da actitude no alumno, o traballo en grupo, o coidado do material, a orde e atención, a toma de decisións, o nivel de cohesión do grupo, a capacidade de expresión e o esforzo. Para iso revisamos o rexistro anecdótico e as escalas de valoración que fomos cubrindo ao longo de todo o proceso educativo.

Aínda que, como xa explicamos, a avaliación foi un procedemento continuo e baseado na observación directa e sistemática, ao final realizamos unha avaliación sumativa de todo o proxecto e entre todos e todas sacamos unha conclusión final. Finalmente, con todo o material elaborado, valorado e avaliado todo o proceso, redactamos esta memoria final.
O produto final acadado foi valorado como moi positivo polo equipo docente, xa que o grupo funcionou correctamente e involucrouse perfectamente na súa propia aprendizaxe.

Conclusións

Moitas das actividades están instauradas no centro, continuando coa liña de traballos por proxectos (Donas de si, Recíclate con Sogama,...) favorecendo un enriquecemento no alumnado, traballando as competencias desde diferentes ámbitos e promovendo a igualdade entre nenos e nenas e as relacións interniveis. É un proxecto moi positivo para o noso centro.

 

 

Sección: