A CAST@RADIO, UNHA EXPERIENCIA DE RADIO NA BIBLIO

A creación dunha emisora de radio nunha escola rural da provincia de Pontevedra ao abeiro do programa Radio na Biblio da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia

Sandra Álvarez Alonso

Responsable da biblioteca do CEIP Plurilingüe de Carballedo

saalonso@edu.xunta.es

O CEIP Plurilingüe de Carballedo é un centro rural situado en Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade. Contamos con aproximadamente 75 alumnos e alumnas e con servizo de comedor e de transporte. Ademais disto e para contextualizar a nosa escola, cómpre sinalar que formamos parte de diversos plans ou programas de innovación educativa:

  • Somos un centro plurilingüe no que se imparten Música de primeiro a sexto e Ciencias Naturais de primeiro en inglés.

  • Somos un centro EDIXGAL en quinto e sexto.

  • Formamos parte do PLAMBE desde o curso 2014/15 e do proxecto piloto Escornabots na biblioteca escolar, que agora se denomina Biblioteca creativa.

  • No curso de sexto contamos con Robótica coma materia de libre configuración.

  • Contamos desde este curso co programa de Club de ciencia na escola.

  • Ademais disto, fomos escollidos para formar parte do programa Radio na biblio desde o curso 2017/18.

O curso pasado, a Asesoría de Bibliotecas convocou un proxecto piloto para implementar a radio nas bibliotecas escolares, dirixido a vinte centros que formasen parte do PLAMBE. Solicitamos a nosa participación e, mentres non saía a resolución, varios mestres do centro participamos en Pontevedra no curso de formación Introdución ao podcasting. Radio nas aulas, organizado polo CFR. Posteriormente, saíu a resolución e estabamos entre os vinte seleccionados.

Cando soubemos que foramos seleccionados, o primeiro que fixemos foi crear a emisora aproveitando un cuarto baleiro que fora o despacho de xefatura de estudos (agora, por mor da redución do alumnado, non contamos con este cargo directivo). Este espazo era idóneo para montar a nosa radio, non só pola estrutura, xa que ten unha cristaleira que emula o acuario dos estudios reais da radio, senón tamén pola localización, posto que neste local se atopan os fondos dos que temos máis dun exemplar e que empregamos para facer lecturas colectivas da biblioteca durante a Hora de Ler. Xa que logo, aínda que non estaba fisicamente dentro da biblioteca, estaba vencellado a esta.

É importante sinalar que no curso que se citou anteriormente coñecemos a Rede Espora e na súa páxina atopamos unha listaxe co material preciso para poñer en funcionamento unha radio escolar, polo que nos orientamos para facer a compra do equipamento.


O NACEMENTO DA CAST@RADIO

Unha vez que tiñamos decidido o material que precisabamos, puxémonos mans á obra e comezamos a creación da emisora: puxemos illante nas paredes, unha mesa con ordenador e a mesa do técnico. Reciclamos unha mesa do comedor e catro cadeiras do laboratorio, onde colocamos os micros e os cascos, puxemos lámpadas e estores e pintamos o falso teito de negro para darlle un ambiente máis cálido. Ademais disto, tamén buscamos a maneira de vencellar a biblioteca fisicamente coa emisora e creamos un camiño coas pegadas da nosa mascota que une ambas as dependencias. Finalmente, na entrada fixemos un mural onde o alumnado escribiu unha palabra do que lle suxería a radio.

Unha vez que montamos a radio, había que pórlle un nome e todos tiñamos moi claro que debería estar relacionado con Castañón, a mascota da nosa biblioteca. En consecuencia, acordouse chamarlle Cast@radio.

O seguinte paso foi realizar unha sesión de formación para o alumnado e para o profesorado e escollemos, entre as posibilidades que nos suxeriu a Asesoría, facela con «Ponte nas Ondas». O alumnado de quinto e sexto gravou o seu primeiro programa, déronnos numerosos consellos e ideas e solicitaron a nosa colaboración para o Día da Radio, cun programa sobre os xogos tradicionais. Así comezamos a nosa andaina polo mundo das gravacións.

Unha vez feito o debut, e á vista de que lles gustaba a iniciativa, decidimos que iamos facer un programa semanal e que cada grupo de alumnado ía ter unha sección. Na seguinte reunión do equipo da biblioteca propuxémolo, creamos unha escada para os programas e naceron as primeiras seccións.


AS PRIMEIRAS SECCIÓNS DO PROGRAMA

Os infantís opinan de…: o alumnado de infantil decantouse por un espazo de opinión que consiste en acudir en quendas de catro á radio e falar sobre un asunto que se lles propón. É importante salientar que o tema non o coñecen ata chegar alí, para non perder en ningún intre a espontaneidade. Malia ser probablemente a sección que máis gusta ao seren moi graciosos, é, sen dúbida, o espazo que dá máis traballo no referido a que hai que editar moito polos silencios que se xeran ou porque hai que estar preguntando para que falen e logo temos que cortar as preguntas dos profes.

O refraneiro de primeiro: trátase de que o alumnado busque diferentes refráns relacionándoos con diferentes épocas do ano e os comparta cos oíntes.

Os de segundo lemos un mundo: este é un recanto de recomendacións lectoras. O alumnado le un libro da biblioteca e despois coméntallo/recoméndallo ao resto.

O cast@concurso de terceiro e cuarto: é un concurso de formación de usuarios da biblio, no que se van dando pistas para buscar o libro misterioso da semana e, posteriormente, o gañador recibe un premio realizado coa impresora 3D (pode ser un chaveiro, un marcapáxinas…).

A axenda da biblioteca: esta é a sección na que se informa das actividades que se van realizar na biblioteca, tanto no tempo de lecer posterior ao xantar (manualidades, origami, xogos cos escornabots, club de ciencia, karaoke, baile, contacontos…) como as relacionadas co PDI e preparadas nas titorías para as diferentes exposicións do alumnado ou outros.

Os cast@reporteiros: o alumnado de quinto e sexto é o encargado de cubrir os eventos e as saídas que hai no centro. Comezamos cubrindo as saídas cos portátiles do alumnado, pero posteriormente mercamos unhas gravadoras para esta encomenda.

Sección variable da semana: nesta sección o alumnado de quinto e sexto, que é o reporteiro da emisora, inclúe os seus traballos e entrevistas a persoeiros relevantes da nosa comunidade. Entre outros, entrevistaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o secretario xeral de Política Lingüística, varios exmestres do centro, o alcalde, o presidente da RAG, a Fina Casalderrey... Ademais, nesta sección tamén conmemoramos diferentes celebracións que entendemos de obrigado cumprimento, como o Día da Muller Traballadora, o Día da Poesía, o Día de Rosalía, o Día Mundial do Teatro… E aproveitamos esta sección para o PDI do curso, elaborando entrevistas ficticias a personaxes relevantes do tema que se estea a investigar, facer teatro radiofónico, anuncios publicitarios…

Sacando a lingua a pacer: esta é unha sección especial porque é realizada polo mestre de Audición e Linguaxe e faise cunha alumna que ten mutismo selectivo, polo que só fala con este mestre. Grazas a este recurso, conseguimos que o resto do alumnado lle puxese voz e que ela se integrase e se comunicase moito máis co resto da comunidade educativa. O programa é un concurso no cal se preparan refráns, cantigas ou adiviñas. O mestre prepara un documento para que o alumnado de todos os cursos complete o que falta. Posteriormente, os gañadores reciben un diploma e un agasallo realizado coa impresora 3D.


AS SECCIÓNS ACTUAIS

Durante este curso e co cambio de profesorado, algunhas seccións mudaron e outras mantéñense.

As que desapareceron foron O refraneiro de primeiro e Os de segundo lemos un mundo. No canto destas temos:

Os ecoconsellos de primeiro: consiste en dar consellos para coidar o medio ambiente e conseguir un planeta máis vivo.

As meteonovas de segundo: nesta sección o alumnado deste curso busca novas sobre o medio ambiente en diferentes xornais e compárteas co público.

Así mesmo, cómpre sinalar dúas novidades máis relativas ao alumnado de quinto e sexto, xa que non só son os cast@reporteiros senón que, por unha banda, o alumnado de quinto ten unha sección propia e, por outra, o de sexto realiza, por quendas, a súa sección do programa.

O quinto milenio: é a sección de quinto, na que fan diversas propostas desde a súa nave do misterio, como, por exemplo, un concurso de relatos curtos ou concursos de bandas sonoras para adiviñar a que películas corresponden.

As seccións de sexto: o alumnado deste nivel, en quendas de catro membros, ten un mes para preparar a súa sección: fai a súa escada, o guión, grava, edita e, posteriormente, é avaliado dentro da área de Lingua Galega como un traballo de expresión tanto escrita como oral. As seccións que levan feitas foron a dos Cast@científicos, que consistiu en entrevistar a diferentes persoeiros do mundo da ciencia de maneira ficticia; o Pasacastaña, que é un concurso no cal, imitando o Pasapalabra, fan preguntas e respostas, levando o público ás súas gravacións; ou os Castachistosos, que, como o seu nome indica, é un apartado de humor. É importante recalcar ou sinalar que estes traballos fanos durante a súa hora de lecer.

O resto das seccións mantéñense igual ca no curso anterior.

Cómpre destacar que o alumnado que presenta vai mudando cada semana, procurando que sexa de todos os cursos, desde infantil ata sexto, aínda que, ás veces, o de sexto é quen fai de técnico e leva o control da mesa.

ONDE, CANDO E COMO ESCOITARNOS?

Cada semana emitimos un programa, gravámolo nun falso directo coa axuda do programa Audacity, procurando que non exceda dos 10 minutos de duración. Os mércores son os días escollidos para subir os programas á nosa canle de Ivox e, posteriormente, ao noso blog (http://bibliocarballedo.blogspot.com/), no que se atopa unha lapela que chamamos Programas de radio (http://bibliocarballedo.blogspot.com/p/programas-de-radio.html) e onde están todos os podcasts que imos realizando.

Unha parte moi importante do proxecto é a escoita do material elaborado e, para asegurarnos de que chega a todo o noso alumnado, ademais de avisar as súas familias cada vez que publicamos un podcast, sempre se escoitan no centro, ben nas aulas ou ben todos xuntos na biblioteca.


A ACTUALIDADE DA CAST@RADIO

Durante este segundo ano de Radio na biblio, ademais de mudar as seccións tal e como se puxo de manifesto na epígrafe anterior, melloramos a instalación da emisora: cambiamos o teito poñendo un material illante e creamos na entrada unha redacción (cunha mesa, un encerado branco e unhas cadeiras). Esta ten como finalidade repasar o programa ou as escadas antes de gravar ou facer calquera modificación. Ademais, atopamos na súa entrada o muro dos cast@convidados, que é un lugar onde colgamos as fotografías dos convidados á emisora. É unha maneira de que deixen a súa pegada non só firmando no noso libro de visitas da biblioteca, senón dunha maneira gráfica. A última mellora que fixemos, ata o momento, foi colocar unhas bancadas en fronte ao estudio para que o público poida asistir ás gravacións.


 

AVALIACIÓN E CONCLUSIÓNS

A nosa experiencia dentro deste programa revelounos que é un recurso que motiva moito o noso alumnado e goza tanto de asistir á emisora como de cubrir os eventos fóra.

Ademais, consideramos a radio un recurso fundamental na mellora da expresión oral en lingua galega, que é a que se emprega nas nosas emisións. Observamos unha mellora tanto na oralidade como no seu emprego de maneira espontánea, posto que, contra o que se poida pensar, o noso alumnado é cada vez máis castelanfalante.

Outra vantaxe que observamos ao abeiro deste programa é que fomenta a socialización e a integración dentro e fóra da comunidade educativa. Cando preparamos entrevistas aos diferentes convidados, traballamos tanto a planificación como a improvisación e a capacidade de reacción, posto que, malia levar preparados os contidos dos programas, ás veces, en función do que se contesta, o alumnado ten que ter a capacidade de improvisar e non retomar unha pregunta sobre algo que xa foi implícito noutra resposta. Outro aspecto importante é a escoita, xa que non só é atender ao que din ou fan os demais, senón que nos permite traballar a autocrítica para saber que partes hai que potenciar e cales mellorar, permitíndonos ter un alumnado con maior autonomía, xa que en moitas ocasións o alumnado de quinto e sexto prepara contidos pola súa conta coa única finalidade de que sexan escoitados.

Así mesmo, observamos que é unha maneira de fomentar a atención á diversidade porque todos preparan, falan e gravan, e de potenciar o traballo entre iguais, xa que ás veces asisten con compañeiros doutros niveis educativos, comparten experiencias, séntense protagonistas porque contan cun espazo onde expresarse e onde todos queren estar.

É importante indicar que, para nós, é un recurso vencellado ao noso quefacer diario nas aulas. Ao estar vinculada ao traballo curricular, os contidos que traballamos nas clases incorporámolos á radio; por exemplo, a creación de poemas, de diferentes tipos de textos...

Cómpre dicir que as seccións propias se preparan en cada clase ao longo das semanas co seu titor, integrando o traballo curricular co traballo da biblioteca, así como co PDI, que é o protagonista en todas as celebracións e conmemoracións do curso.

E, por último, cabe sinalar que a radio crea un vínculo familia-escola, evidenciándose no interese que amosan. Isto observámolo e cuantificámolo cando se lles comunica ás familias a dispoñibilidade de escoitar os novos programas e aumentan as visitas ao blog.

Como conclusión, xa que vale máis unha imaxe ca mil palabras, gustaríanos deixar as propias palabras do noso alumnado sobre a Cast@radio.

Sección: