Desde as bibliotecas escolares ata o infinito e máis alá!

As bibliotecas escolares teñen que ampliar os seus horizontes fóra das paredes que as conteñen vía blogs e redes sociais. O obxectivo é facerse visibles, integrarse na ALFIM e adecuarse aos retos dun alumnado do século XXI.

Begoña López Soto. Profesora de Lingua Inglesa e responsable da biblioteca escolar do IES Fernando Esquío (Neda - A Coruña)
Autora dos blogs www.blogfesquio.blogspot.com, www.pantasmasdepapel.blogspot.com, www.cinefesquio.blogspot.com, ademais do propio da súa materia www.englisharound.blogspot.com
 


Cando Gemma Lluch nos falaba nos Encontros PLAMBE do mes de marzo de 2019 de como debiamos traballar para mellorar a comunicación dos nosos blogs e webs, salientaba que xa desde o ano 2006 na escola pública se teñen producido marabillosos exemplos, máis aínda: cando case non existía a nube, había profesorado que xa tiña blogs.

E tamén puntualizaba que a web dunha biblioteca escolar debe estar concibida para crear interacción, cousa que non sempre conseguimos. Temos que pensar que o contido non somos nós, senón quen nos le, é dicir, o alumnado e as súas familias; nós debemos actuar unicamente como guías para reflexionar e avaliar. Por iso é tan importante pensar ben que contidos queremos comunicar e adecuar a mensaxe ao usuario, intentando seducir a quen nos lea.

En particular, salientou aspectos tan prácticos como que

  • un sitio web noso é un espazo virtual académico, que terá que ser citado por quen se abasteza do noso material, de aí a importancia de identificarnos convenientemente (con ISBN incluído).

  • é esencial conectar contidos (de distintos departamentos ou grupos), así como definir categorías e etiquetas para poder facer buscas eficientes.

  • non escribir parágrafos de máis de cinco liñas e non utilizar cores, pero si negriña.

  • temos que transformar as nosas prácticas de escrita en Internet, para o que precisamos formación, sen dúbida.

Segundo a normativa actual, a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), artigo 113:

Os centros de ensinanza disporán dunha biblioteca escolar, que contribuirá a fomentar a lectura e a que o alumnado acceda á información e outros recursos para a aprendizaxe das demais áreas e materias, e poida formarse no seu uso crítico, debendo contribuír estas bibliotecas escolares a facer efectivos os principios pedagóxicos referidos á lectura, e dispoñendo que a organización das bibliotecas escolares deberá permitir o seu funcionamento como espazo aberto á comunidade educativa dos respectivos centros.

A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, recolle no seu artigo 5 as bibliotecas escolares como integrantes do Sistema galego de bibliotecas e no artigo 6 recoñece, entre as obrigas das persoas físicas ou xurídicas titulares das bibliotecas integradas neste Sistema galego de bibliotecas, a de «promover, no ámbito das súas competencias, un desenvolvemento sustentable, coherente, innovador e constante dos seus propios servizos bibliotecarios».

Daquela non nos pode caber dúbida de que a biblioteca escolar ten que funcionar como centro de recursos, dinamizador pedagóxico e cultural da comunidade educativa, mediador entre o alumnado e as fontes de información, facilitando a adquisición das competencias clave, empregando estratexias e metodoloxías activas e colaborativas. Todo un universo para abarcar, certamente.

A situación dos centros escolares da nosa comunidade, aínda que mellorable, parte dun marco positivo desde a creación do PLAMBE. Dispoñemos de bibliotecas escolares con equipo de traballo, horario de atención e, sobre todo, formación na súa xestión e dinamización. Nalgúns casos esta teoría —sustentada nas leis mencionadas— enfróntase coa realidade de cadros de persoal escasos, pouco recoñecemento da necesidade do servizo por parte da inspección ou menor interese das direccións reflectido no escaso horario dos responsables e/ou do equipo de biblioteca.

Con todo, nas diferentes xornadas e encontros de Bibliotecas Escolares ou nas actividades dos centros de formación do profesorado, atopamos exemplos excepcionais de éxito nos centros escolares pertencentes á rede PLAMBE que facilitan a recarga de enerxía e pulo para esta nosa viaxe espacial.

Nas bibliotecas escolares créanse ambientes lectores, facilítanse dinámicas ALFIN, centralízanse traballos por proxectos acompañando a profesorado e alumnado na aprendizaxe colaborativa significativa…, e compártese todo de xeito xeneroso, pois formamos parte dunha rede e temos que camiñar apoiándonos nos outros.

Os docentes responsables das bibliotecas escolares, en principio, non teñen formación bibliotecaria nin en markéting e xestión da pequena empresa que supón unha biblioteca, pero as necesidades do alumnado do século XXI non se poden artellar con dinámicas do século XIX, malia que os currículos son inflexibles en canto aos contidos.

As bibliotecas deben facilitar os contidos nun mundo mudado: vivimos no tempo da intercomunicación. Hoxe en día, as fontes de información non son estáticas, o saber non é enciclopédico, os recursos proveñen de varios puntos e as bibliotecas deben formar receptores críticos e así convertémonos e convertémolos tamén en produtores de contido.

As bibliotecas do século XX eran coleccións de fondos seleccionados para un público concreto, baseadas na súa tipoloxía e interese. O alumnado aprendía de xeito illado, «aprehendendo» os contidos. As bibliotecas escolares do século XXI atenden escolares que aprenden dun xeito distinto, proveñen dunha cultura diferente, posúen competencias e habilidades máis ligadas á comunicación virtual e á cultura audiovisual ca á letrada; cando len un libro, fano por pracer e divertimento, cando investigan e buscan datos, quérenos ao momento e de xeito encapsulado. A fonte de información xa non é a escola: buscan e atopan na TV, Internet, webs específicas, blogs, foros, videoxogos, redes sociais…, e con todo isto as bibliotecas escolares deben evolucionar.

A biblioteca escolar debe analizar esas novas fontes e mimetizarse con elas se quere chegar ao alumnado dun xeito efectivo.

A biblioteca escolar é o acceso ao universo, a fiestra ao coñecemento virtual, dixital e por iso os blogs e as redes sociais nas que participan son unha ferramenta imprescindible se queremos chegar a ser o punto de apoio do alumnado para formarse como cidadáns responsables e críticos, amosándolles como analizar esa información que teñen ao seu redor.

O blog da biblioteca escolar serve para facer visible o traballo docente e o do mesmo alumnado, pois «se non se ve, non existe». Agora a aprendizaxe non é consumir contidos, senón que temos que producilos, pasamos do «consumir» ao «prosumir». Os materiais de apoio para as distintas materias, os contidos dos proxectos, a produción dos propios rapaces ten que estar na rede, e o blog posibilita a recollida de todas as actividades dun centro escolar e, como se dunha bitácora marítima se tratase, navegamos ata a comunidade e o espazo educativos.

No blog filtramos aqueles contidos que consideramos interesantes para o noso alumnado, pautas para achegar o obxecto de estudo, proporcionando canles de comunicación segura e espallando a nebulosa da infoxicación.

Partindo deste propósito, na biblioteca do IES Fernando Esquío empregamos o blog da biblioteca (www.blogfesquio.blogspot.com) e así:

 

  • achegamos á comunidade educativa, novo alumnado e familias os servizos da biblioteca, fondos en varios soportes, as normas de funcionamento, as novidades literarias…

 

  • o corpo central, cos artigos, presentamos as noticias relevantes referidas á cultura non só da comarca, senón do país e do mundo. A ciencia e a arte proporciónannos unha fonte inabarcable de curiosidade que lle intentamos contaxiar ao noso alumnado.
  • Tamén nos serven de escaparate para os propios proxectos do alumnado, de xeito que as familias os poden ver cando non se achegan ao centro.

 

  • os bloques temáticos «Elemental, querido alumno» e «Ante a dúbida…» proporcionamos enlaces básicos para aprender a aprender, moitos deles traballos compartidos por bibliotecas PLAMBE. Supoñen unha escolla interesante para que a busca sexa inmediata.
  • En «O recanto do Esquío» expoñemos os itinerarios lectores dalgunhas materias non tradicionalmente literarias, como Matemáticas ou Economía…, pois non só se le en Lingua e Literatura galega e castelá, os materiais de produción propia como os boletíns bianuais, o blog de cine con materiais de explotación dos fondos desde o punto de vista didáctico e informativo, materiais expostos en Fume de Carozo sobre «No día das BE falamos de…», autores clásicos que os docentes temos no noso canon literario persoal como Poe, Lewis, Kipling, Twain, Salgari, Christie… e que o alumnado descoñece, o proxecto da exposición sobre a «Historia do Libro» ou o proxecto Sistema Solar Neptuneda…

  • Facemos publicidade dos catálogos LIX máis relevantes, GALIX, BNE, calendarios literarios, premios como o Cuatrogatos… e das revistas LIX que poden ter máis impacto como El templo de las mil puertas, dirixida e redactada por e para xente nova.

 

  • informamos das novidades e efemérides relacionadas coa cultura, a ciencia…, e das temáticas anuais da Asesoría de Bibliotecas Escolares; ler ciencia, ler matemáticas, ler arte, ler para pensar, poéticas diversas…
  • Non esquecemos a parte de βιβλιοθήκη (bibliothēke), os fondos e como gozamos deles, as visitas de autores e clubs de lectura, co seu propio blog.

Pero todo isto pasado polas redes sociais e outras plataformas web: QR, Pinterest, Scoop it, Twitter e ferramentas como Google Sites, wikis, Popplet para achegarnos ao noso público desde máis canles:

  • Pinterest: pílulas ALFIN, Ler… ciencia, Ler… matemáticas, Ler… arte, Ler… para pensar, poéticas diversas e temáticas nas datas do Día da Paz, pola igualdade no Día da Muller, Dereito á Igualdade e Identidade Sexual, e fondos específicos como o de manga e animé ou cine en papel.

  • Scoop it: De cine no Esquío e Desde as BE para o mundo.

  • Google Sites, como os itinerarios lectores, proxectos como o de Tintín e a Paz, exposicións ou chuleta Meiga.

 

A biblioteca escolar obtén cos blogs e as redes sociais unha fiestra bidireccional. Por un lado, entramos na biblioteca escolar como lugar onde aprender, traballar e gozar nun espazo amigable e, na outra cara da fiestra, viaxamos ao mundo exterior do saber e o coñecemento.

Así mesmo, os blogs das bibliotecas supoñen unha mostra de xenerosidade cara ao resto dos docentes e alumnado. Na web da Asesoría de Bibliotecas de Galicia e nos foros PLAMBE compartimos ideas, consensuamos proxectos e facemos unha posta en común didáctica para seguir nesta viaxe marabillosa da aprendizaxe. Todo un reto espacial o da biblioteca escolar, sen dúbida. Esperemos que o combustible chegue!

 

Sección: