Centenario das escolas de instrución dos «naturais do concello de Fene» 1906-2016
Recensión feita por Juan Granados do libro de Guillermo Llorca Centenario das escolas de instrución dos «naturais do concello de Fene»
Grupo escolar Curros Enríquez
En edición da Deputación da Coruña, o historiador ferrolán Guillermo Llorca Freire publica unha excelente investigación ao redor dos «indianos» naturais de Fene que, desde os seus lugares de acollida (Cuba, O Uruguai, A Arxentina, os Estados Unidos, e minoritariamente outros territorios alén do océano), fundaron institucións altruístas para o fomento da educación e da cultura nas súas poboacións de orixe, tales como a soada Unión Mugardesa, creada un 30 de xullo de 1909 na Habana. Os seus fins aparecían ben claros nos seus estatutos:
Fomentar e propagar o ensino gratuíto entre os naturais do concello de Mugardos, creando para ese fin colexios de ambos os sexos en cada unha das catro parroquias de que se compón o devandito concello, empezando pola de Mugardos e a continuación as demais.
Os que dalgún modo se viron privados de case todo e, en especial, dunha educación de calidade nos albores do século XX, onde a oferta pública era limitada e moi precaria, pretendían deste xeito devolver parte da súa adquirida prosperidade a beneficio da súa estrañada terra. O financiamento procedía, naturalmente, de cotas de socios, mínimo unha peseta, repartidos por distintas delegacións desde California e Florida ata Buenos Aires e Montevideo.
Así, fóronse fundando aquelas «escolas de indianos» de tan enraizada lembranza na comarca, desde Fene a Mugardos. Tal é o caso da Escola de Homes de Mugardos inaugurada o 2 de outubro de 1910 ou a Institución Escolar de Franza e Seijo. En Fene primou a obra da Sociedade de Instrución e Recreo dos Naturais de Fene (A Habana, novembro de 1910) e tamén a lembrada Sociedade de Instrución Fillos de Limodre.
A primeira pedra da sociedade de Fene foi posta en xullo de 1815, iniciando a construción dun edificio de dúas clases destinado a acoller un máximo de 84 alumnos. Llorca lémbranos aquí que, ademais da construción dunha escola, algo de por si xa esencial, as sociedades indianas se ocupaban de dotalas con material pedagóxico e didáctico abundante e de calidade, en contraste cos escasos recursos ao dispor das escolas estatais. En novembro de 1916 inaugúranse as escolas, en primeiro lugar, a de Concepción Arenal e, a continuación, o Grupo Escolar Curros Enríquez.
Colexio Concepción Arenal
Posteriormente, en novembro de 1927, foi inaugurada a Escola de Limodre na parroquia de Santa Eulalia. Contaba con locais destinados a escola e tamén, como era habitual na época, vivendas para os mestres.
Grupo de alumnas do colexio Concepción Arenal (Fene, 1919)
Coral
Unha obra, en fin, esencial na súa investigación, que achega profusa e belísima documentación ao redor dun fenómeno esencial para a historia educativa de Galicia, a acción exterior proveniente da emigración supuxo un aire de esperanza para a infancia das comarcas ferrolás nos difíciles comezos do século XX.