Unha montaña de cine!

O proxecto Cinema en curso dentro dos plans Proxecta constituíu o marco para iniciar no CPI Uxío Novoneira o traballo por proxectos e a aprendizaxe cooperativa e contextualizada, implicando tanto o profesorado como o alumnado de diferentes etapas e toda a comunidade educativa, poñendo ademais de manifesto todo o potencial etnográfico da zona, que quedou reflectido no documental Dende o noso.

Rocío Méndez Penela. Mestra de Pedagoxía Terapéutica e directora do CPI Uxío Novoneira
Pedrafita do Cebreiro (Lugo)
rocio.mendez@edu.xunta.es

 

1. Xustificación

O CPI Uxío Novoneira é un centro público integrado onde se imparte educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria e que escolariza 31 alumnos e alumnas. Está situado en Pedrafita do Cebreiro, un concello da provincia de Lugo nas montañas dos Ancares e do Courel. É un centro con moi pouca matrícula debido aos problemas de despoboación que está sufrindo a zona desde hai anos.

O número de alumnado leva a que, en primaria e infantil, os grupos estean formados por varios niveis; todo o alumnado de infantil está nunha mesma aula (2 nenas e 4 nenos), tamén o de primeiro a terceiro de primaria (2 nenas e 6 nenos) e, por último, o de cuarto a sexto de primaria, que constitúe un grupo formado por 4 nenas e 2 nenos. En secundaria, non hai agrupamentos a pesar da baixa matrícula, o que provoca que haxa titorías dun só alumno como sucede en terceiro da ESO. O total de alumnos en secundaria é de 11 (3 alumnos en primeiro, 2 en segundo, 1 en terceiro e 5 en cuarto da ESO).

Con estes datos, desde o principio a idea foi implicarnos nun proxecto que permitise traballar varios niveis e varias etapas: desde cuarto de primaria ata cuarto da ESO, un total de 17 alumnos e alumnas.

Gran parte do alumnado vive en núcleos de poboación moi dispersos e afastados entre si, habitados por moi poucas familias e nos que abundan as persoas maiores e apenas hai nenos e rapaces debido ao problema de envellecemento que castiga esta zona. Para estes alumnos e alumnas, o centro non é simplemente un lugar educativo, senón que sobre todo se converte no seu lugar de socialización, onde poden relacionarse con persoas da súa idade, algo que non poden facer nos lugares onde viven dada a dispersión xeográfica das súas poboacións nas que poucas veces hai nenos de idades similares.

O alumnado é consciente destes problemas demográficos e de illamento e nalgún caso pode chegar a percibirse certo desprezo cara ao contorno no que viven; noutros si que se valora, pero en ningún caso son conscientes do potencial educativo da súa realidade.

A concentración de diferentes niveis dentro de cada grupo (3 cursos por unidade), dentro dos que hai, pola súa vez, diferentes ritmos, ademais do escaso número de profesorado nas etapas de infantil e primaria, cun horario sobrecargado sen horas para a coordinación de proxectos, leva a que se siga traballando dun modo individual e compartimentado en canto a distintos niveis e materias. Tamén se percibe a necesidade de ter en conta a realidade do alumnado e de implicar o resto da comunidade educativa no proceso de ensinanza-aprendizaxe, aumentando o potencial motivador dos contidos e achegándonos á comunidade, o que facilita que se valore a tarefa educativa, algo que figura entre os obxectivos de mellora do centro desde hai varios cursos.

Por todo isto, unha vez publicada a oferta da Consellería dos Plans Proxecta para o curso 2017/18, o proxecto Cinema en curso pareceunos unha oportunidade para o traballo por proxectos xa que implicaba tanto o profesorado como o alumnado de diferentes etapas, ademais de ofrecer unha oportunidade única para traballar coa realidade do alumnado, é dicir, unha educación personalizada na que eles e elas se converten en protagonistas, usando metodoloxías activas e contextualizadas que permitan acadar unha aprendizaxe significativa e fomentado o traballo grupal e cooperativo. Outras características do proxecto son a interdisciplinariedade, o traballo de todas as competencias clave e a implicación de toda a comunidade educativa. Ao mesmo tempo, este proxecto permitiralle ao noso alumnado redescubrir e valorar a súa realidade máis próxima, que é inmensamente rica en canto ás súas xentes, natureza, cultura e costumes.

2. Descrición do proxecto

O proxecto pretende fomentar a expresión persoal, un papel activo do alumnado na súa aprendizaxe e poñer en valor o ámbito no que viven, facéndoos conscientes da riqueza e das posibilidades que este ten, aproveitándonos de que o cine ten un gran potencial pedagóxico e artístico que permite explorar o mundo, coñecelo e reflexionar sobre el. É importante neste proxecto que cada alumno individualmente experimente todas as fases da creación cinematográfica: elección, decisión, dúbidas, temores e, sobre todo, a emoción de poder expresarse doutro modo.

Os principais obxectivos deste proxecto son:

  • Levar o cine á educación como ferramenta didáctica e tamén como obxecto de estudo.
  • Fomentar o traballo por competencias.
  • Formar o alumnado de forma integral, incluíndo a educación emocional, e o cine, que activa sensacións e sentimentos, é unha ferramenta clave.
  • Chegar a toda a comunidade do centro, non só á educativa, para continuar con este tipo de traballo nos próximos anos e facer chegar o noso traballo a outros lugares.

2.1 Participantes

O alumnado que participará no proxecto será todo o que está na educación secundaria obrigatoria (11 alumnos e alumnas) e todo o grupo de cuarto a sexto de primaria (6 alumnos e alumnas), o que fai un total de 17 alumnos de idades comprendidas entre os 9 e os 16 anos.

2.2 Estratexias

O desenvolvemento do proxecto conta con diferentes fases e diferentes actividades principais, aínda que dentro destas actividades hai unha parte que estiveron presentes en varios momentos e outras ao longo de todo o proceso. Entre as actividades tipo destacamos:

  • Ver, analizar e comentar fragmentos de documentais.
  • Gravar, editar, ver, analizar e comentar planos realizados polo alumnado.
  • Idear, rodar, editar e expoñer o documental.
  • Aprender a usar as ferramentas informáticas necesarias.
  • Expoñer a través da páxina de Cinema en curso todo o traballo realizado durante todo o proxecto.

O proxecto iniciouse no mes de outubro vendo fragmentos documentais, xunto cos demais centros participantes no Cinema en curso, no CGAI na cidade da Coruña e finalizou no mes de xuño coa proxección das producións dos centros participantes no mesmo lugar. Cada semana dedicouse un mínimo de 2 horas lectivas ao proxecto e foron 20 as xornadas completas de traballo cun profesional do cine.
Dependendo do tipo de sesión co cineasta, traballouse co grupo completo (por exemplo, cando se vían as gravacións, documentais etc.) ou en pequenos grupos heteroxéneos e que foron variando para favorecer a interacción entre todos (por exemplo, nos momentos de realizar as gravacións).

 

Gravación no inverno

 

É fundamental o papel do profesorado á hora de que todo o alumnado se sinta parte dun grupo, traballando de forma cooperativa, chegando a acordos e compromisos, facendo moitas rotacións no papel que cada alumno desenvolve no grupo, rompendo os roles habituais do alumnado noutras situacións.

Na primeira sesión de traballo co alumnado, fíxose unha avaliación inicial (debemos partir dos coñecementos e actitudes previas para unha aprendizaxe significativa) a través dun debate sobre cuestións relacionadas co cine (por exemplo, que é o cine para cada un deles, actitudes e hábitos relacionados coa visión de películas, preferencias no caso de rodar unha película etc.). Nesa mesma sesión, explicámoslle ao alumnado en que consistiría o proxecto dunha forma atractiva e motivadora, transmitíndolle que é outro modo de desenvolver o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Desde o principio, e en todas as fases do proxecto, é importante que o alumnado teña claro os obxectivos que se perseguen en cada actividade, que comprenda o proceso do proxecto e o seu cronograma. Tamén no momento de avaliación, sendo fundamental que fagan unha autoavaliación reflexiva.

Partindo das características do alumnado e do contorno do centro, así como das súas ideas previas, faise unha selección inicial de fragmentos de cine documental. Á hora de ver os fragmentos, analizamos e falamos sobre os seguintes aspectos: tipos de planos, duración destes, ritmos e velocidades de montaxe; tipos de espazos; encadramentos; luces, cores e horas do día no que se filman; meteoroloxía; sons; carteis ou voces: ton, ritmo, pausas, dicción, texto; actitude ou acción do retratado e a súa relación co espazo e coa cámara.

Para o traballo de ver, reflexionar e analizar os fragmentos documentais, trabállase cunha disposición da aula en forma de U que permita a interacción e o diálogo. O profesorado só actúa como guía, promovendo o diálogo pero intentando que sexa o propio alumnado o que xestione este proceso.

Tras esta primeira sesión, o alumnado visitou a páxina web de Cinema en curso para coñecer mellor o proxecto e a outros centros participantes, así como traballos realizados outros anos. Tamén se aproveitou para facer a presentación do grupo na páxina web, que se pode ver na seguinte ligazón.

Ao longo do proxecto, o alumnado foi creando dentro da aula asignada para o traballo neste proxecto un espazo de cine e cada un deles tivo o seu propio caderno do proxecto, onde foron tomando notas sobre os fragmentos dos documentais, as aprendizaxes, a ideación do documental etc.

Durante todo o proxecto o material que se foi incluíndo pouco a pouco nos espazos de cine e nos cadernos foi:

  • Capturas de pantalla, co nome do cineasta e o título e posibles anotacións.
  • Capturas dos planos do mundo do alumnado.
  • Posibles liñas de exploración, apuntamentos, notas, textos, sensacións etc. que ían axudando na concepción do documental final.
  • Listaxes de posibles planos, horas do día, sons, persoas etc. que poderían formar parte do documental final.
  • Mapas das súas aldeas, vilas… situando os lugares nos que se ía filmando.
  • Cronogramas, calendarios, organización da rodaxe etc.

Antes de empezar a rodaxe tamén nos familiarizamos co equipo de rodaxe profesional (cámara, trípode, micrófono etc.) e explicáronse as distintas funcións do alumnado dentro do equipo de rodaxe (director, cámara, sonidista, cablista, script etc.).

 

Coñecendo o equipo profesional

 

O alumnado filmou Planos do mundo durante todo o curso cos seus teléfonos móbiles ou coa cámara do centro. Os planos do mundo pódense clasificar en catro categorías: espazos, retratos de oficios, travellings e animais. Comezamos a filmar estes planos no centro, para darlle ao alumnado unhas pautas de traballo, pero enseguida se animaron a facelo nas súas horas libres, ás veces axudados pola familia, amigos etc. Os primeiros planos desde o centro poden verse na seguinte ligazón.

O proceso de edición dos vídeos gravados polo alumnado fíxose no centro aprendendo a traballar co programa de edición de vídeos, VideoPad. O alumnado creou textos para cada plano, explicando a experiencia da filmación, indicando o día, lugar e hora e indicando os cineastas nos que se inspiraron. Unha vez editados os vídeos, colgáronse na páxina web do proxecto.

Tamén traballamos a gravación do primeiro retrato no ámbito próximo do centro e escollemos a Suso, o dono da única queixería de Pedrafita, que recuperou o oficio de como elaborar o queixo tradicional do Cebreiro.

Divididos en grupos, repartimos o traballo, gravando catro planos nos que se retrataba todo o traballo que alí se realiza, como é o proceso e o lugar. Para rematar, no centro, montáronse os planos feitos na queixería e aprendemos como inserir voces nos planos, como modulalas, como superpoñer imaxes, transición de son e imaxe, a importancia de ter planos de duración suficiente para ter liberdade na montaxe…

A gravación do retrato foi moi interesante e permitiu aprender como hai que dirixirse ás persoas que filmamos, presentándose e explicando que é o que se está a facer. Outra das aprendizaxes que permitiu o traballo co retrato é a importancia de respectar o tempo das persoas coas que se está a falar, darlles tempo para pensar e para responder as preguntas e prestar atención a como dirixirse a eles, falarlles con respecto e ser moi agradecidos co tempo dedicado. Este retrato pode verse na seguinte ligazón.

A través da gravación dos Planos do mundo, o alumnado fixo un redescubrimento documental do seu contorno (espazos, retratos de persoas e oficios etc.) e foi consciente do seu potencial, poñéndoo en valor.

Gravación paisaxes na primavera

 

Documentándose, observando os espazos, prestando atención ás súas vivencias e historias, o alumnado non só descubre a creación cinematográfica, senón que tamén se aproxima aos lugares e persoas dunha forma diferente, máis intensa e sensible. Foron moitos os planos filmados polo alumnado, a súa implicación foi moi alta, ao igual ca o número de gravacións achegadas; algunhas delas poden verse na páxina web de Cine en curso.

Durante todo o proxecto é importante realizar fotos de todo o proceso, recollendo todas as actividades. Os responsables son os alumnos e alumnas. Tamén son eles os que as van colgando na páxina web do proxecto realizando as distintas entradas nas que explican as actividades realizadas. Deste modo son conscientes de como se lle está dando visibilidade ao seu traballo máis aló da propia comunidade educativa. Ademais, a páxina web permite que o alumnado poida ver o traballo que están a realizar outros centros implicados no proxecto en Madrid, Cataluña, Euskadi, Alemaña, A Arxentina e Chile, achegándolles outras realidades completamente diferentes ás que teñen ao seu redor.

Por outra parte, a participación das familias foi clave no desenvolvemento do proxecto, xa que permitiron que se realizase parte das gravacións nas súas casas e lugares de traballo, ademais de parte da comunidade que se amosou desde o primeiro momento disposta a colaborar no traballo realizado polos rapaces e rapazas.


Gravación coas familias

 

Tamén foi fundamental a coordinación co persoal do CGAI, Mónica Iglesias e Lucía Vilela e, por suposto, a coordinación permanente co cineasta Marcos Flórez.

2.3 Produto final

Para a realización deste documental final, comezamos pola documentación da película, a realización do guión e a súa concepción e planificación. Ideouse a partir de todos os planos que foron gravando os alumnos e alumnas.

Durante todas as sesións de ideación e concepción da película houbo espazo para ver os fragmentos dos documentais, que tamén eran fonte de ideas e inspiración. A ideación do documental foi realizada por completo polo alumnado xa que son os que mellor coñecen o contorno, os seus lugares, as súas xentes etc. O profesorado e o cineasta fixeron de guías e mediadores neste proceso que foi aberto, flexible, colectivo, cooperativo e consensuado.

Creouse un plan de rodaxe e organización, que foi constantemente reaxustado e revisado, establecendo un calendario, horarios e grupos de rodaxe coas rotacións de cargos oportunas (director, cámara, sonidista, script). A pesar da flexibilidade, houbo que establecer uns horarios fixos para certos momentos, como poder concertar as citas cos retratados, tendo en conta, ademais, aspectos como a luz coa que se quere gravar cada un dos lugares, decisión que debe tomar de forma consensuada o alumnado. Nesta fase reflexionamos co alumnado o orzamento con todos os recursos necesarios para a gravación da película: desprazamentos, comidas etc.

No guión da rodaxe hai que prever un mínimo de 4-5 horas seguidas para cada grupo, que estará formado por catro alumnos. É importante que entre a sesión de gravación dun grupo e outro haxa un momento de encontro e comunicación do grupo completo para que poidan comentar brevemente as súas experiencias de rodaxe e que o documental, a pesar de estar rodado por varios grupos distintos, poida ter unha coherencia e continuidade.
Para finalizar procedeuse á montaxe da película, comezando por ver todo o material filmado durante o proceso de rodaxe.


Proceso de montaxe

 

Antes de iniciar a montaxe co programa de edición de vídeo, o alumnado empezou a organizar o material con capturas impresas en papel. O grupo completo decidiu como sería a montaxe en liñas xerais. A continuación, cada un dos grupos de rodaxe montou o que gravou. Durante esta fase deciden os textos que aparecerán na película. Unha vez que a película estivo montada, viuse o traballo con todo o grupo para cerrar a película despois dun diálogo sobre o documental final, facendo as apreciacións oportunas e indicando posibles pequenos cambios que se poderían facer. Decidiuse o título de forma consensuada e buscando que se identifique coa idea do documental.

Ligazón ao documental

2.4 Impacto

Unha vez acabado o documental e coincidindo co final de curso, presentouse durante o festival de fin de curso para toda a comunidade, así como para os participantes no devandito documental e aquelas persoas que estean interesadas. O alumnado foi o encargado de elaborar as invitacións e os carteis anunciando o lugar e a hora da estrea da película. Tamén se anunciou a estrea do documental a través da páxina de Cinema en curso e da páxina web do centro. Tras ver a película, o alumnado fixo unha breve explicación de todo o proceso; como se concibiu, referentes cinematográficos que tiveron, proceso de rodaxe e montaxe etc.

A revista escolar reservou unhas páxinas para a explicación do proxecto. Esta revista non só chega a alumnado, profesorado e familias, senón que tamén reciben un exemplar os centros da montaña lucense, persoas que colaboran co centro como o profesorado de actividades extraescolares, o persoal de cociña etc., ademais do Servizo de Dinamización da Lingua Galega da Delegación de Lugo.

O documental foi presentado, así mesmo, na sala do CGAI na Coruña, xunto cos traballos dos outros centros participantes no proxecto Cine en curso en Galicia e na sala do Matadero de Madrid no eido estatal.
 

Proxección no CGAI

 

 

Bibliografía: 

 

 

http://www.cinemaencurs.org/es/
http://www.edu.xunta.gal/centros/cpiuxionovoneira/

Diarios de espazos

El cielo gira, de Mercedes Álvarez (España, 2004)

Innisfree, de José Luis Guerin (España, 1990)

Las estaciones /Vremena goda, de Artavazd Pelechian (URSS, 1975)

Travelling

Diary 1973-1983, de David Perlov (Israel, Gran Bretaña, 1973-1983)

Perfiles campesinos: la vida moderna/Profils paysans: la vie moderne, de Raymond Depardon (Francia, 2008)

Retratos

La Ville Louvre, de Nicolas Philibert (Francia, 1990)

Perfiles campesinos: la aproximación/Profils paysans: l’approche, de Raymond Depardon (Francia, 2001)

El cielo gira, de Mercedes Álvarez (España, 2004)

Daguerrotipos / Daguerréotypes, de Agnès Varda (Francia, 1976)

Sección: