Promoción de estilos de vida saudables desde o fomento da actividade física e a boa alimentación en Galicia

Experiencia no IES Valadares de Vigo
Entre as accións encamiñadas a atallar a obesidade, considerada a epidemia do século XXI e unha das enfermidades máis prevalentes nos menores de vinte anos, destaca a inclusión nos estudos de primeiro ou segundo da ensinanza secundaria obrigatoria a materia de libre configuración autonómica: Promoción de estilos de vida saudable. Baixo este contexto, explícase a forma na que, no curso 2017/18, se desenvolveu esta no IES Valadares en Vigo, coa idea de compartir experiencias de boas prácticas relativas á promoción de hábitos saudables de alimentación e actividade física. A finalidade última é conseguir mellorar a ensinanza-aprendizaxe da adquisición duns bos hábitos presentes e futuros dos nenos e nenas galegos.

Belia Méndez Rial  
Profesora de Educación Física en ensinanza secundaria  
beliamendez@edu.xunta.es

 

1. Presentación

A obesidade é un problema de saúde declarado en 2004 como a «epidemia do século XXI» a escala mundial pola OMS (Suárez & Díaz-Flores, 2014) e a enfermidade máis prevalente nos menores de vinte anos pola comunidade científica (Consellería de Sanidade, 2014).

Entre os estudos epidemiolóxicos máis recentes, o estudo ALADINO (Estudio de vigilancia del crecimiento, alimentación, actividad física, desarrollo infantil y obesidad en España en 2015), presentado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (UCM, AECOSAN e Labrado, 2016), amosa os datos por comunidades autónomas dos niveis de sobrepeso e obesidade e corrobora, tal como se fixera con anterioridade noutras investigacións, que as cifras de sobrepeso e obesidade en España e en concreto en Galicia son elevadas (Estudio ENKID de Serra-Majem et al., 2003, sobre obesidade infantil e xuvenil en España de 1998 a 2000; Programa Thao de prevención da obesidade infantil e promoción de estilo de vida saudable España 2006-2015 (Thao-Salud Infantil, 2019) en www.programathao.com; entre outros estudos amosados na revisión feita por Méndez, 2007). O mesmo que ocorre no ámbito nacional e noutros países de Europa e do mundo (véxase IASO, 2019 e Méndez, 2013).

Ao ser un grave problema de saúde pública (Martínez et al, 2013 e Méndez, 2013) relacionado co nivel educativo (Márquez, 2016), a Comunidade Autónoma galega desenvolve iniciativas para atallar o problema, aliñadas coa estratexia da Organización Mundial da Saúde (Estratexia mundial sobre o réxime alimentario, actividade física e saúde do 2004 ou a Estratexia Health 2020, explicada en World Health Organization, 2013), a Unión Europea e o Goberno do Estado (Estratexia NAOS para a nutrición, actividade física e prevención da obesidade de AESAN, 2005).

En concreto, a Consellería de Sanidade (2019a), no marco da estratexia NAOS, desenvolve o Plan PASEA (programa galego de actividades saudables, exercicio e alimentación) que ten como obxectivo a promoción da actividade física e a alimentación saudable. A través deste póñense en marcha diferentes páxinas web (www.xenteconvida.com) e programas para toda a comunidade galega. A maiores, desde esta consellería destácase a elaboración e posta en marcha dun plan para a prevención da obesidade infantil en Galicia denominado Plan Xermola (Consellería de Sanidade, 2014), que supón unha serie de accións estratéxicas encamiñadas a mellorar o nivel de saúde presente e futura dos nenos e nenas, o cal foi formulado en abril de 2013 polo Parlamento Galego á Xunta de Galicia a través dunha proposición non de lei.

Por outra banda, a Secretaría Xeral para o Deporte desenvolveu un plan galego para o fomento da actividade física e do deporte (Galicia saudable) encamiñado á axuda da incorporación da actividade física na vida cotiá de toda a poboación galega.

A idade escolar e a adolescencia son unhas etapas cruciais para a configuración dos hábitos alimentarios e outros estilos de vida que persistirán en etapas posteriores, con repercusións non só nesa etapa senón na idade adulta e incluso na senectude (Batrina et al, 2005).

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional desenvolve accións como a inclusión da materia de libre configuración autonómica Promoción de estilos de vida saudables nos centros docentes na etapa secundaria obrigatoria (Orde do 15 de xullo de 2015) e a posta en marcha do Plan Proxecta en colaboración con outras consellerías que inclúe os seguintes programas:

a) Aliméntate ben, en colaboración coa Consellería do Mar, Medio Rural e Sanidade, coas modalidades Xermoliño, Xermolón, Froita na escola, Lácteos na escola, Ponlle as pilas ao teu bocata, O sabor da aventura está no mar, Cociñando con saúde e Fai eco do lóxico.

b) Proxecto deportivo de centro e centros activos e saudables en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte-Fundación Deporte Galego, que inclúe as modalidades de Proxecto deportivo de centro, DAFIS, XOGADE, Máis e mellor actividade física, Móvete+, Camiña en bici á escola, Milla diaria.

Estas e outras accións e programas son exemplo do enfoque que na Comunidade Autónoma galega ten o tema, tratando de atallar o problema desde unha perspectiva interdisciplinar e baixo as dúas liñas marcadas: a) uns hábitos de alimentación saudable e b) unha vida activa que inclúa a actividade física no día a día e ao longo da vida.

 

2. Obxectivos e metodoloxía

Neste contexto, o presente artigo amosa a experiencia desenvolvida no segundo curso de ensinanza secundaria obrigatoria (ESO) no IES Valadares de Vigo na provincia de Pontevedra nas clases da materia Promoción de hábitos de vida saudables.

O principal obxectivo é difundir a programación que se levou a cabo e as reflexións que se realizaron tras a posta en marcha da materia no curso 2017/18 e así compartir experiencias e recordar a importancia que ten a promoción e a aprendizaxe de hábitos saudables de alimentación e actividade física desde a escola.

 

Entrada do centro do IES Valadares co decálogo saudable (curso 2017/18)

 

3. Descrición da experiencia

3.1 Contextualización do centro, alumnado, profesorado e materia

O IES Valadares é un centro de ensino de titularidade pública dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia que comezou a impartir educación secundaria obrigatoria no curso 2010/11. Localízase ás aforas da cidade de Vigo, nunha área practicamente sen edificar rodeada de zona verde, ao lado dun centro de primaria (o CEIP Sobreira-Valadares) e a carón da avenida Clara Campo Amor, que une a zona urbana da cidade co campus da Universidade de Vigo, o Parque Tecnolóxico, o Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro, a Autoestrada do Atlántico e a Autovía das Rías Baixas.

Un total de 40 profesionais (docentes e non docentes) son os encargados de lles dar apoio e clase a case 350 alumnos procedentes dos cinco colexios públicos adscritos: CEIP Sobreira-Valadares, CEP Igrexa-Valadares, CEIP Josefa Alonso-Matamám, CEIP Mestres Goldar-Castrelos e CEIP Alfonso Rodríguez Castelao en Navia.

No curso 2016/17 implántase a materia optativa Promoción de hábitos de vida saudable para segundo da ensinanza secundaria obrigatoria, impartida inicialmente nese curso escolar polo Departamento de Bioloxía. Posteriormente, no curso 2017/18, o encargado de impartila foi o Departamento de Educación Física, a través de Belia Méndez Rial, profesora de Educación Física de secundaria que posúe un doutoramento pola Universidade de Vigo no sector deportivo e un máster de nutrición deportiva.

A programación didáctica da materia elaborouse ao principio do curso con base na de anos anteriores. As propostas de actividades desenvolvidas está fundamentada na lexislación vixente e na revisión documental realizada referenciada en cada unha das unidades didácticas expostas a continuación e ao final do documento.

Hai que destacar que, dos 100 alumnos e alumnas de segundo da ESO matriculados no curso 2017/18, máis do 59 % elixiu esta optativa. Nese mesmo curso, houbo lista de espera para a materia e finalmente fixéronse dous grupos de 29 e 30 alumnos, respectivamente, entre 14 e 17 anos.

A docencia desenvolveuse nunha sesión de 50 minutos cada semana por grupo. O alumnado tiña coñecementos xenéricos de alimentación e actividade física recibidos en primaria e en primeiro da ESO nas materias de Bioloxía e Educación Física.

Este alumnado incluía 8 alumnos de PMAR (Programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento), un alumno e unha alumna NEE (necesidades educativas especiais), alumnado con déficit de atención (7), inmigrantes con descoñecemento da lingua galega (1) e castelán (2), alumnado con outras dificultades, como dislexia (2), discapacidade intelectual leve (1), problemas emocionais e/ou de conduta (2).

3.2 Obxectivos e contribución ás competencias clave

Os obxectivos da materia para o curso indicado anteriormente, á parte de cumprir o programado e desenvolver as clases da mellor forma posible, conseguindo satisfacción no proceso de ensinanza-aprendizaxe tanto para o alumnado como para o profesorado, foron:

- Contribuír a mellorar o desenvolvemento do alumnado e traballar as competencias educativas de:

a) Matemáticas, ciencias e tecnoloxía: coa resolución de exercicios sinxelos e probas vinculadas coa materia (cálculo do índice de masa corporal, investigación sobre o temario).

b) Lingüística: elaboración e exposición de traballos (o decálogo saudable), lectura de documentos, análise de vídeos, debates.

c) Dixital: elaboración de traballos en formato dixital (presentacións, infografías, pósters), procuras en páxinas web, uso de programas ofimáticos para a elaboración de traballos, tarefas en liña e uso da aula virtual.

d) Social e cívica: traballo en parellas e grupos, o que implica o respecto, a tolerancia e a aceptación dos demais, concienciación de hábitos tóxicos e saudables.

e) Aprender a aprender, sentido da iniciativa e espírito emprendedor: á hora de elixir e propoñer opinións, temas de debate, facer as tarefas, distribuír o traballo en grupo, entre outras.

- Contribuír á formación do alumnado adquirindo os obxectivos marcados para a materia:

a) Valorar a importancia e repercusión que unha correcta alimentación e uns bos hábitos de actividade física e deporte teñen para a saúde, así como os prexuízos de non facelo.

b) Coñecer e poñer en práctica recomendacións dietéticas e de actividade física para a súa idade, sexo e actividade física diaria.

c) Entender e interpretar correctamente a información das etiquetas dos alimentos e seleccionar os máis saudables.

d) Deseñar menús equilibrados e saudables con almorzos, comidas, merendas e ceas.

e) Avaliar a postura, composición corporal, actividade física desenvolvida e a inactividade, propoñendo e aplicando plans de mellora.

f) Deseñar, utilizar e difundir estratexias para o fomento e adquisición de hábitos de alimentación, hidratación e actividade física saudables.

3.3 Aula e recursos didácticos

A aula na que se impartiu a materia foi a propia aula do alumnado, xunto coa aula de informática e o salón de actos. Os recursos utilizados concrétanse en medios informáticos e visuais (ordenadores Abalar e de sobremesa, conexión a Internet, encerado dixital e proxector) e a documentación documental que se detalla en cada unha das unidades didácticas e no final do artigo.

3.4 A metodoloxía proposta

A metodoloxía foi eminentemente práctica, aínda que baseada na fundamentación teórica. A profesora expuxo contidos, víronse e analizáronse vídeos, realizáronse debates, elaboráronse tarefas e proxectos variados individuais, en parellas e en grupos. Intentouse que as actividades fosen adaptadas á diversidade do alumnado e significativas para todos, contextualizándoas no momento no que viven. Por exemplo, analizáronse os hábitos cotiáns das persoas do seu ámbito, tanto de actividade física como de alimentación (almorzos, merendas, menús semanais); colaborouse nas tarefas do día a día (lista da compra, valoración da etiquetaxe nutricional, confección de menús saudables, proposta de rutinas saudables de actividade física); examinouse a postura individual e a dos compañeiros; debateuse sobre temas concretos de actualidade (vídeos, anuncios, noticias, lexislación, modas…); revisáronse os recursos naturais e deportivos da súa zona de residencia e propuxéronse rutas saudables, entre outras.

3.5 Atención á diversidade. Medidas ordinarias e extraordinarias

Intentando chegar a todo o alumnado participante na materia e tomando de referencia a lexislación educativa (Decreto 86/2015 e Decreto 229/2011), puxéronse en práctica medidas de atención á diversidade ordinarias en canto que o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo fixo parte do seu traballo con apoio do profesorado específico do centro. A maiores, destácase a distribución do alumnado nos grupos e na clase, que se planificou e acordou previamente para que aqueles con máis dificultades (TDA, TDAH, repetidores, alumnado PMAR e NEE, entre outros) estivesen preto da profesora e/ou tivesen apoio dos compañeiros.

Adaptáronse os tempos requiridos para facer as probas e traballos solicitados ás necesidades do alumnado, diversificáronse as tarefas e asignáronse roles nos traballos en grupo e fomentouse a aprendizaxe cooperativa con equipos de persoas equilibrados en canto á súa competencia.

Nas tarefas individuais, o alumnado que o requiriu tivo fragmentación e adaptación destas á súa dificultade e obtivo unha supervisión da súa evolución para acadar os obxectivos marcados. Intentouse que o estilo de ensinanza da profesora fose empático, motivador e adecuado para atender a todas as necesidades xurdidas. O alumnado máis avantaxado puido profundar nos contidos de forma guiada con traballos de investigación e ampliación.

3.6 Vinculación cos diferentes plans e programas do centro

Cómpre destacar a vinculación da materia cos diferentes plans e programas do centro: a) respectouse a Hora de ler do plan lector nas clases de hábitos saudables; b) utilizáronse ferramentas TIC (Plan de tecnoloxía da información e da comunicación) en todos os trimestres, sexa para a procura de información en Internet, sexa para facer tarefas en liña, uso de programas ofimáticos para elaborar presentacións e/ou infografías; víronse vídeos, achegas á aula virtual etc.); c) como actividades complementarias levouse a cabo unha charla de nutrición para todo o alumnado de segundo da ESO no segundo trimestre e unha saída ao monte Galiñeiro para facer unha ruta de sendeirismo no terceiro trimestre; d) colaborouse na integración do alumnado promovendo as relacións entre eles coa organización de traballos en grupo e respectáronse en todo momento os protocolos establecidos no Plan de convivencia incluído no NOF (normas de organización e funcionamento) do centro; e) como novidade no curso 2017/18 vinculouse a materia co Plan de formación permanente de profesorado (PFPP), que versou sobre o fomento de hábitos saudables desde unha perspectiva competencial e integradora dos diferentes departamentos do centro.

Así, fixéronse diferentes actividades integradas desde diferentes materias. En Educación Física fíxose un estudo da frecuencia e tipo de práctica físico-deportiva de cada alumno, os datos analizáronse na clase de Matemáticas, na unidade didáctica de estatística. En Plástica fixéronse murais sobre os contidos do decálogo saudable que se expuxeron no centro a modo de recapitulación, divulgación e difusión de boas prácticas. O Departamento de Ciencias colaborou no traballo naqueles contidos vinculados coas materias de Bioloxía.

 

Decálogo saudable

 

3.7 A secuenciación, temporización das unidades didácticas (contidos, actividades e outros aspectos curriculares)

Respectando o marcado na Orde do 15 de xullo de 2015 pola que se regula o currículo das materias de libre configuración autonómica galega, a temporización das diferentes unidades didácticas seguiu a secuencia que se inclúe na táboa 1.

Cronoloxicamente, o primeiro e segundo trimestre dedicáronse ao bloque dous, de alimentación para a saúde, e o segundo e terceiro trimestre ao bloque un, de actividade física para a saúde. A xustificación desta secuenciación é buscar desde o inicio do curso a concienciación e adopción de hábitos de alimentación e actividade física saudables. Os contidos relativos á alimentación comezaron a recibilos no primeiro trimestre nas clases de Promoción de hábitos saudables e os de actividade física empezaron desde o inicio do curso a recibilos na materia de Educación Física. Son alumnos que teñen Educación Física no seu currículo polo que, como mínimo, reciben dúas sesións de cincuenta minutos semanais desta materia desde o inicio do curso. Por outra banda, o tempo bo do segundo e terceiro trimestre permite facer máis actividades ao aire libre, de aí a inclusión da actividade física na última parte do curso.

Táboa 1. Unidades didácticas da materia por trimestreCada unidade didáctica desenvolveu os elementos curriculares da materia especificados na citada Orde do 15 de xullo de 2015 (táboa 2).

 

Táboa 2. Elementos curriculares das diferentes unidades didácticas da materia

Explícase a continuación o enfoque e as tarefas propostas para cada unidade didáctica, incluíndo as referencias bibliográficas nas que se sustentaron, para que calquera persoa interesada poida utilizar estes recursos, profundar e propoñelos ou mesmo axustalos á súa realidade educativa.

Primeiro trimestre. O hábito saudable de alimentación

O primeiro trimestre dedícase principalmente ao bloque dous: a alimentación para a saúde e, en particular, as unidades didácticas unha e dúas (táboa 3) que, seguindo a metodoloxía explicada en páxinas precedentes, inclúe as seguintes tarefas:

Táboa 3. Tarefas propostas nas unidades didácticas do primeiro trimestre

 

Segundo trimestre. Dous piares na saúde persoal: a alimentación e a actividade física

O segundo trimestre estivo enfocado a ambos os bloques, remátase o de alimentación e comézase co de actividade física. As unidades didácticas son as seguintes (táboa 4).

Táboa 4. Tarefas propostas nas unidades didácticas do segundo trimestre

 

Terceiro trimestre. Promoción de estilos de vida saudables

O último trimestre ten dúas unidades didácticas (táboa 5) que teñen unha estrutura similar e coas que se pretende pechar a materia elaborando un decálogo saudable de alimentación e actividade física onde se establezan as pautas para levar una vida sa.

Táboa 5. Tarefas propostas nas unidades didácticas do terceiro trimestre

 

Recreos activos e merendas saudables

 

3.8 Avaliación da materia, proceso de ensinanza-aprendizaxe e programación didáctica

A avaliación da materia partiu dunha avaliación inicial a través de preguntas, cuestionarios, fichas en cada unidade didáctica para coñecer o nivel de partida do alumnado. Levouse unha ficha de cada alumno para anotar a progresión individual do principio ao final do curso, así como un diario do desenvolvemento da programación para axustar o progreso da materia ao planificado e facer a memoria final do curso. Os contidos e baremos de puntuación das probas de avaliación do alumnado incluíronse ao principio do curso na programación didáctica publicada na web do centro. Cada trimestre e unidade didáctica tivo unhas probas e criterios específicos para avaliar o alumnado incluíndo en liñas xerais: o traballo de clase, o traballo teórico-práctico individual e grupal, probas escritas. As rúbricas de avaliación facilitáronlle tanto ao alumnado como á profesora o proceso. Fíxose o seguimento e recuperación pertinente, entregáronselle ao alumnado que o precisou actividades de reforzo e recuperación e supervisáronse.

Ao final do curso e logo da avaliación extraordinaria de setembro, aprobou un 90 % do alumnado. O resto non presentou os traballos requiridos e non puideron ser avaliados. En conxunto, fíxose unha valoración positiva do curso, que se expón no apartado seguinte de resultados e conclusións.

 

4. Resultados e conclusións

A modo de resultados e conclusións destacamos como positivo da experiencia o comezo no centro dun traballo multidisciplinar con actividades e proxectos integrados no que participan diferentes departamentos e materias: Matemáticas (cálculos nutricionais, estatísticas etc.), Bioloxía (vinculación da materia co coñecemento do corpo humano, o aparello dixestivo, o metabolismo, a prevención de enfermidades, a saúde), Química (o balance electrolítico), Xeografía e Historia (a cultura e a súa influencia na alimentación, as comidas do mundo, a influencia da publicidade na alimentación), Educación Física (a importancia da nutrición no deporte, a importancia dunha vida activa, a hidratación), Plástica (elaboración de materiais de difusión, creatividade na exposición dos traballos e campañas publicitarias), outras.

Recalcamos a importancia que ten a promoción de hábitos saudables na etapa secundaria e, en concreto, nun período onde o corpo do alumnado cambia, os requirimentos nutricionais e de actividade física comezan a ser diferentes entre rapaces e rapazas, se consolidan hábitos de alimentación e actividade física xa que o alumnado comeza a ter autonomía e liberdade á hora de consumir ou de preparar o seu propio almorzo, merenda ou cea, así como de elixir o seu tempo de ocio (máis ou menos sedentario).

Como propostas de mellora, cómpre mencionar: a) a importancia de implicar as familias (por exemplo, a través de escola de nais e pais, ENAPA); b) a programación doutras actividades complementarias como a realización de visitas a supermercados, restaurantes ou empresas de alimentación ou restauración; c) a posibilidade de mellorar as tarefas e contidos traballados en cada unidade didáctica, así como facer visibles os traballos do alumnado na páxina web do centro, por exemplo; d) colaborar con algún programa máis da Consellería de Educación como os Proxecta, entre outras.

 

 

Bibliografía: 

 

AECOSAN (2019). El etiquetado cuenta. Madrid: Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad. Recuperado de http://eletiquetadocuentamucho.aecosan.msssi.gob.es

Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición (2005). Estrategia Naos para la nutrición, actividad física y prevención de la obesidad. Madrid: Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición, Ministerio de Sanidad y Consumo.

Alonso, I. e López, M. (2017). 10 pasos para conseguir una alimentación saludable. Madrid: ERGON.

Ayuntamiento de Valencia (2008). Guía de nutrición y alimentación saludable en el adolescente. Valencia: Concejalía de Sanidad del Ayuntamiento de Valencia.

Barrios, E. M.ª et al. (2011a). Guía pediátrica de la alimentación. Pautas de alimentación y actividad física de 0 a 18 años. PIPO. Programa de intervención para la prevención de la obesidad infantil. Canarias: Sociedad Canaria de Pediatría.

Batrina, J. A. et al. (2005). Epidemiología y factores determinantes de la obesidad infantil y juvenil en España. Rev Pediatr Aten Primaria. 2005; 7 Supl 1:S, 13-20.

Borrel, J. M.ª (2015). Alimentación y planificación del menú: qué debemos aprender. Colección hacia una vida independiente 1. Huesca: Down Huesca.

Carbajal, A. (2013). Manual de nutrición y dietética. Madrid: Universidad Complutense de Madrid. Recuperado de https://eprints.ucm.es/22755/1/Manual-nutricion-dietetica-CARBAJAL.pdf

Carbajal, A. e Martínez, C. (2012). Manual práctico de nutrición y salud Kellogg´s. Madrid: Kellogg España.

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (2019). Plan Proxecta. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Recuperado de https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta

Consellería de Sanidade (2014). Plan Xermola. Plan para a prevención da obesidade infantil en Galicia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Consellería de Sanidade (2015). Aprende a ler a nova etiquetaxe dos alimentos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Recuperado de https://xenteconvida.sergas.gal/Paginas/Articulo/cat/1/art/90/aprende-a-ler-a-nova-etiquetaxe-dos-alimentos

Consellería de Sanidade (2019a). Actuaciones en el marco de la estrategia NAOS en la Comunidad Autónoma de Galicia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Recuperado de http://www.aecosan.msssi.gob.es/AECOSAN/docs/documentos/nutricion/Presentacion_5_Manuel_A_Varela_-Ponente_VI_Convencion_NAOS.pdf.

Consellería de Sanidade (2019b). Campaña Xente con vida. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Recuperado de http://xenteconvida.sergas.es/Paginas/Portada.aspx

Dapchich, V. et al. (2004). Guía de alimentación saludable. Madrid: SENC.

Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Decreto 86/2015, 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

EROSKI (2019). Memoria de energía para crecer. Programa educativo en alimentación y hábitos saludables, de fundación EROSKI. España: Fundación EROSKI. Recuperado de http://www.gosasun.net/wp-content/uploads/files/act_83_Memoria%20Programa%20Educativo%20Fundaci%C3%B3n%20Eroski%20220515.pdf.

Flemish Institute Healthy Living (2017). The food triangle and physical activity triangle: how and why?. Belgium: Flemish Institute Healthy Living. Recuperado de https://www.gezondleven.be/files/voeding/Healthy-Living-2017-Food-Triangle-en-PA-Triangle-how-and-why.pdf

Forteza, K. et al. (2011). El entrenador personal. España: Hispano Europea.

GADIS (2019). Alimentes. Material didáctico para profesores. A Coruña, España: GADIS. Recuperado de https://www.gadis.es/pdf/alimentes/manual_alimentes.pdf

Giráldez, M. A., Pintor, N. e Castro, J. (2010). Móvete pola túa saúde. Gaña saúde cunha vida activa. Santiago de Compostela: Secretaría Xeral para o Deporte.

Grupo de trabajo de la UE Deporte y Salud (2008). Directrices de actividad física de la UE. Actuaciones recomendadas para apoyar la actividad física que promueve la salud. Madrid: Presidencia del Gobierno e CSD.

Gusi, N., Prieto, J. e Madruga, V. (2007). Actividad física y deportiva para la salud. Documento de apoyo a las actividades de educación para la salud 3. Badajoz: Junta de Extremadura.

Harvard Medical School (2019). El Plato para comer saludable (Spanish). Boston, EU: Harvard Medical School. Recuperado de https://www.hsph.harvard.edu/nutritionsource/healthy-eating-plate/translations/spanish/

IASO (2019). Cifras de los países que presentan más prevalencia de obesidad y sobrepeso en el mundo. International Association for Study of Obesity. Recuperado de: http://www.worldobesity.org/?map=children

Instituto Galego do Consumo e da Competencia (2019). Alimentación y etiquetado. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Recuperado de https://consumo.xunta.gal/es/alimentacion-y-etiquetado

Instituto Navarro de Deporte y Juventud (2007). Guía de hábitos saludables para jóvenes. Navarra: Gobierno de Navarra.

Jiménez, J. e Cantó, R. (1997). La columna vertebral en edad escolar. Madrid: Gymnos.

Lozada, V. (2018). La buena nutrición. La salud empieza en tu lista de la compra. Barcelona: Plataforma Actual.

Márquez, R. R. (2016). Obesity: prevalence and relationship with educational level in Spain. Nutr. clín. diet. hosp.; 36(3), 181-188.

Martínez, A. et al (2013). Childhood obesity in Spain: to what extent is a public health problema or about the reliability o the pools. Nut. clin. diet. hosp; 33 (2), 80-88.

Méndez, B. (2007). La obesidad infantil, la epidemia del siglo XXI. Una problemática actual y un reto de futuro. En Ruiz, F. et al. (septiembre de 2007). VII Congreso Internacional sobre la Enseñanza de la Educación Física y el Deporte Escolar. Libro de comunicaciones y talleres. Volumen I. Badajoz: Artes Gráficas Marcipa.

Méndez, B. (septiembre de 2013). Síntesis de informes, declaraciones y acciones contra el sedentarismo y la obesidad de principios del siglo XXI. En X Congreso Internacional sobre la enseñanza de la educación física y el deporte escolar. Educación Física y Deporte promotores de una vida saludable. Recursos del medio natural y cultural para intervenir en el sedentarismo y obesidad. Comunicación levada a cabo no Congreso da Federación Española de Asociacións de Docentes en Educación Física, Pontevedra.

Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad (2015). Actividad física para la salud y reducción del sedentarismo. Recomendaciones para la población. Estrategia de promoción de la salud y prevención en el SNS. Madrid: Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.

Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad (2019). Activilandia. Cuaderno de actividades y fichas para el profesor. Madrid: Ministerio de Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad. Recuperado de http://www.activilandia.aecosan.msssi.gob.es/plancolegios/descargas/fichas.pdf

Morales, F. A. et al. (2017). Evaluación de los anuncios de alimentos procesados y ultaprocesados en televisión en España, aplicando el modelo de semáforo nutricional de Reino Unido. Rev Esp Nutr Hum Diet, 21(3), 221–229.

Muñoz, J. y Delgado, M. (2010). Guía de recomendaciones para la promoción e la actividad física. Sevilla: Consejería de Salud de la Junta de Andalucía.

OCU (2019a). Comer sano es fácil. Consejos para cuidar tu alimentación. Madrid: OCU. Recuperado de https://www.ocu.org/Content/pdfs/Promoguides/ComerSano.pdf

OCU (2019b). El etiquetado de los alimentos. Madrid: OCU. Recuperado de https://www.ocu.org/site_images/30_fichas_alimentacion/PDF/5etiqueelem.pdf

OMS (2010). Recomendaciones mundiales sobre actividad física para la salud. Suiza: OMS.

Orde do 15 de xullo de 2015 pola que se establece a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes nas etapas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, e se regula o seu currículo e a súa oferta (DOG 135 do 21 de xullo de 2015).

Palacios, N., Montalvo, Z. e Ribas, A. M.ª (2009). Alimentación, nutrición e hidratación en el deporte. Madrid: Consejo Superior de Deportes.

Ruiz, M., Herrera, E. M.ª e Suárez, R. G. (2011b). Menús saludables desde los 4 hasta los 18 años. PIPO: programa de intervención para la prevención de la obesidad infantil. Canarias: Sociedades Canarias de Pediatría. Dirección General de Salud Pública del Servicio Canario de Salud.

SENC (2007a). Alimentación saludable. Cuaderno del alumno. Programa Perseo: ¡Come Sano y muévete!. Madrid: Ministerio de Sanidad y Consumo. Recuperado de http://www.aecosan.msssi.gob.es/AECOSAN/docs/documentos/nutricion/educanaos/cuaderno_alumnado_alimentacion_saludable_PERSEO.pdf

SENC (2007b). Actividad física saludable. Cuaderno del alumno. Programa Perseo: ¡Come sano y muévete!. Madrid: Ministerio de Sanidad y Consumo. Recuperado de http://www.aecosan.msssi.gob.es/AECOSAN/docs/documentos/nutricion/educanaos/cuaderno_alumnado_actividad_fisica_PERSEO.pdf

SENC (2016). Guía de la alimentación saludable. Madrid: Sociedad Española de Nutrición Comunitaria. SENC. http://www.nutricioncomunitaria.org/es/noticia/guias-alimentarias-senc-2016

Serra-Majem, L. et al. (2003). Childhood and adolescent obesity in Spain: results of the enkid study (1998-2000). Med Clin (Barc), Nov 29, 121 (19), 725-732.

Sociedad Española de Dietética y Ciencias de la Alimentación (2016). La rueda de los alimentos. Una herramienta didáctica para alimentarse mejor y más fácilmente. Madrid: SEDCA. Recuperado de http://www.nutricion.org/recursos_y_utilidades/PDF/RuedadelosAlimentos_InstruccionesUso.pdf

Suárez, R. G. e Díaz-Flores, J. (xuño de 2014). PIPO: Programa de intervención para la prevención de la obesidad infantil del Gobierno de Canarias. II Congreso Extraordinario Latinoamericano de Pediatría. Conferencia levada a cabo no Congreso da Asociación Española de Pediatría, Madrid.

Thao-Salud Infantil (2019). Programa Thao-Salud Infantil. España: Thao-Salud Infantil. Recuperado de www.programathao.com

UCM, AECOSAN e Labrado, E. (2016). Estudio ALADINO 2015: Estudio de Vigilancia del Crecimiento, Alimentación, Actividad Física, desarrollo Infantil y Obesidad en España 2015. Madrid: Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad. Recuperado de http://www.aecosan.msssi.gob.es/AECOSAN/docs/documentos/nutricion/observatorio/Estudio_ALADINO_2015.pdf

World Health Organization (2013). Health 2020. A european policy framework and strategy for the 21st century. Denmark: WHO Regional Office for Europe.

Xunta de Galicia (2019a). Galicia Saudable. Plan galego para o fomento da actividade física. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Recuperado de http://galiciasaudable.xunta.es e Galicia activa: http://galiciactiva.xunta.es

Xunta de Galicia (2019b). Rexistro de entidades deportivas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Recuperado de http://www.xunta.es/rexistros/RexistroRED.htm

 

Sección: