Un centro para a inclusión
Eva López Rodríguez evalo@edu.xunta.es
Naiara Castillo González-Redondo naiaracastillo@edu.xunta.es
Sonia Sobral Boga soniasobral@edu.xunta.es
CEIP de Viñas (Poio, Pontevedra)
O camiño dun centro multicultural cara á inclusión é a innovación metodolóxica. Desde o 2016 o profesorado do CEIP de Viñas embárcase na aventura de crear un centro vivo, permeable aos cambios, no cal o alumnado teña un papel activo, participativo e asista con ilusión e motivación, ao mesmo tempo que adquire estratexias de control emocional para afrontar as dificultades tanto do día a día coma as futuras.
O CEIP de Viñas é un centro multicultural, xa que nel se escolariza unha ampla porcentaxe de alumnado xitano e tamén temos unha pequena comunidade de alumnado inmigrante. A diversidade sociocultural, o factor motivacional e o peso curricular presentes no noso día a día provocou a necesidade de levar a cabo un proxecto de formación permanente feito á nosa medida. Necesitabamos respostas para mellorar a convivencia, abordar a carga curricular, mellorar a imaxe social do centro, restablecer os índices de matrícula, elevar a motivación nas aulas...
Nun inicio o proxecto constituíuse con dúas liñas de traballo, pero na actualidade artéllase con tres. Este cambio obedece á reformulación dos camiños iniciados, sumando aos factores e ás necesidades mencionadas a tarefa de inclusión do alumnado e procurando que esta sexa real e que non quede soamente nun adxectivo que cualifique o centro.
Por unha banda, temos unha liña para traballar as matemáticas dun xeito manipulativo, o que facilita a construción dun pensamento lóxico-matemático por parte do noso alumnado. Desde aquí ofrecemos actividades lúdico- manipulativas que divirtan e entreteñan o alumnado ao mesmo tempo que xeran aprendizaxes.
Outra das liñas de traballo persegue formar o profesorado no campo da robótica. En consonancia coa anterior e aproveitando a curiosidade innata do alumnado, potenciamos a manipulación, o traballo en equipo, a diversión na aula, o espírito emprendedor e a adquisición dunha ferramenta básica para a vida, como é a imaxinación.
Por último, o noso caixón de xastre é a terceira liña de formación. Baixo a epígrafe de «Metodoloxías inclusivas», pretendemos dar resposta a todas aquelas necesidades formativas que xorden no noso claustro.
O noso principio metodolóxico básico é a introdución do pensamento competencial, o que supón modificar as vellas e obsoletas maneiras de programar a actividade docente, na procura dun xeito máis natural e lúdico que respecte os diversos ritmos de aprendizaxe que temos no noso centro, desde educación infantil ata sexto de educación primaria.
No 2016 iniciamos esta andaina formativa, a cal pouco a pouco foi dando resposta ás nosas inquedanzas. Non foi un traballo doado xa que, como todos os cambios que se pretenden e inclúen a moitos membros, tivemos que pasar por varias fases e moitos intentos improdutivos. Neste primeiro ano tivemos formacións moi variadas que espertaron tamén o noso espírito crítico e axudaron a focalizar as nosas demandas. Ao igual ca o noso alumnado, nós tamén necesitabamos unha formación lúdica, motivadora, creativa e activa que dese resposta ao día a día.
Nunha segunda fase (curso 2017/18), a partir das docencias que tivemos, conseguimos definir e concretar as liñas prioritarias de traballo do noso proxecto: a posta en marcha da radio escolar, o traballo por proxectos e tarefas, a introdución das matemáticas manipulativas nos cursos mais baixos (infantil, primeiro e segundo de educación primaria) e a xestión emocional mediante o mindfulness.
Dado o interese xerado na nosa comunidade educativa, no presente curso decidimos continuar coa formación e seguir ampliando a súa aplicación nas aulas.
Afondando un pouco na pegada do noso proxecto, pasamos a continuación a describir brevemente as actividades que se levan a cabo na actualidade.
En primeiro lugar, destacamos a experiencia coa radio escolar, mediante a cal se traballan habilidades e competencias tanto no ámbito individual coma grupal e a diferentes niveis como o lingüístico, artístico, musical... Tamén fomenta o traballo cooperativo, a responsabilidade e a creatividade. A decisión de introducir a radio obedece á necesidade dunha mellora nas competencias lingüísticas.
Esta experiencia estase levando a cabo en todos os niveis educativos: en primaria, a través duns talleres de estimulación lingüística que desenvolve a mestra de AL coa colaboración das titoras e titor e, en infantil, desde as propias titorías. A valoración tras un curso de aplicación é moi positiva, xa que todo o alumnado está moi motivado e desenvolveron as competencias lingüísticas necesarias (cada curso ao seu nivel) para poder realizar un programa de radio con bastante autonomía.
Podedes escoitar os nosos podcast na nosa canle de IVOOX (https://www.ivoox.com/podcast-radio-vinas-2017-2018_sq_f1481829_1.html).
Outras actividades que están tendo moi boa acollida entre o alumnado son as relacionadas coas matemáticas manipulativas, que se están aplicando desde os cursos mais baixos, para continuar ano tras ano a medida que o alumnado vai promovendo.
Interesounos implementar este tipo de metodoloxía para mellorar a motivación do alumnado cara ás matemáticas a través dunha aprendizaxe activa, lúdica e multisensorial («tocando» as matemáticas).
Traballamos desde este enfoque con varios obxectivos: mellorar a xestión da aula facendo o alumnado protagonista da súa aprendizaxe e mellorar a competencia matemática.
A través da manipulación de materiais como regretas cuisinaire, ábacos, palillos ABN, táboa de números..., os conceptos que son abstractos (unidades, decenas, sumas con levadas…) son máis doados e divertidos de aprender.
Con esta metodoloxía observamos que o alumnado traballa máis concentrado e crea as súas propias hipóteses e algoritmos matemáticos.
O proxecto de robótica estase a levar a cabo en sexto de primaria, dándolle continuidade ao iniciado no curso 2017/18. Seguindo a nosa premisa dun contorno de aprendizaxe manipulativo, naceu a idea de traballar a robótica nas nosas aulas. En infantil estase a introducir coa abelliña beebot, a cal favorece a adquisición de nocións espazo-temporais nun ambiente colaborativo onde o alumnado ten un perfil activo. En primaria traballamos nos cursos altos, nos cales desde o inicio se introducen conceptos básicos de programación, mecánica, electrónica..., que redundan nun alumnado imaxinativo, resolutivo e sobre todo autónomo na súa aprendizaxe.
A introdución do mindfulness nace no curso 2016/17 para dar resposta a unha casuística de centro: en varias titorías dábanse situacións de alta conflitividade e as malas condutas eran case diarias, desembocando nalgúns casos ata en expulsións. Estas situacións de conflito, sumadas á impulsividade, a unha mala xestión emocional e a unha adolescencia precoz, resolvíanse moitas veces con violencia verbal e física. As intervencións realizadas desde orientación remataban con frustración, choros, aceptación de responsabilidade e culpabilidade, ademais do consecuente parte de conduta contraria á convivencia.
Por parte do profesorado tamén existía un estado de frustración xa que nin as conversas titoriais, nin as medidas tomadas, nin as sancións resolvían os conflitos. Eran evitables? Que estaba na nosa man? Malia traballar a educación emocional desde infantil, o noso alumnado precisaba algunha ferramenta máis que lle achegase habilidades e estratexias para poder xestionar os diferentes estados de ánimo nos que se atopan. Nesta liña empezamos a indagar sobre o mindfulness e a súa aplicación educativa.
Coa integración das competencias socioemocionais buscamos: autoconciencia profunda, a xestión emocional, a empatía coma base e a compaixón, e todo iso estrutura un bo clima de inclusión no centro.
A nosa experiencia co mindfulness dinos que é un traballo a longo prazo, por iso é necesario comezar coa adquisición das primeiras competencias nese campo. Centrámonos en catro puntos clave: respiración, relaxación, sentidos e postura.
Algún dos beneficios que detectamos serían o fomento da atención, a calma, a redución de ansiedade, a estimulación da creatividade e a mellora da comprensión do noso mundo interior
Por todo o exposto, a nosa valoración do proxecto de formación, hoxe en día, é moi positiva. Cando arrancamos con el, hai tres cursos, tiñamos claro que precisabamos cambios, pero non sabiamos onde afondar. Ao longo deste tempo, o ensaio-erro foinos amosando o camiño que debiamos seguir. Na actualidade podemos dicir con rotundidade que xa se están recollendo os froitos deses cambios: somos un centro inclusivo. O noso alumnado e profesorado, ao longo deste tempo, adquiriu estratexias significativas para a convivencia.
Avaliando os resultados obtidos, a continuidade do noso proxecto está asegurada. O noso reto é avanzar cara a uns cambios máis profundos que modifiquen a identidade, asenten uns patróns de traballo propio, así como que muden a imaxe social que proxecta o noso centro; porén, sabemos de antemán que suporá unha ardua tarefa.
Por último, non queremos rematar sen darvos as grazas a todos os membros da comunidade educativa que facedes posible este cambio.