Proxectos STEM a través do Programa de bolsas Fulbright
Heather O’Connell, asesora de educación secundaria na WHEA (Hawaii)
Diana Pastoriza, asesora no Departamento de Formación, Innovación e Internacionalización no CAFI (Galicia)
cafi.internacional@edu.xunta.es
O Programa de bolsas Fulbright para senior specialists ten como obxectivo facilitar a colaboración entre un especialista americano e unha institución española a través dun proxecto específico. O propósito do programa é traballar as capacidades nunha variedade de campos académicos e favorecer as relacións a longo prazo entre Os Estados Unidos e España a través de proxectos académicos. Dentro deste programa, recibimos no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) a Heather O’Connell, unha profesora americana que leva anos traballando na West Hawaiian Explorations Academy (WHEA).
A WHEA é singular polo seu obxectivo e a súa estrutura e forma de traballo. A meta principal é facilitar a aprendizaxe auténtica a través de proxectos integradores, manipulativos e autodirixidos relacionados con desafíos do mundo real. O sistema baséase no apoderamento dos alumnos, aos que converte en centro do proceso de ensino-aprendizaxe como practicantes produtivos e responsables que colaboran e traballan en equipo para se transformaren en pensadores críticos que teñen seguridade e confianza nas súas habilidades para resolveren problemas complexos.
É un centro pioneiro en varios ámbitos: foi o primeiro instituto de educación secundaria start-up charter (público, independente) en Hawaii (2000); o currículo innovador da WHEA recibiu varios recoñecementos no ámbito internacional (George Lucas Educational Foundation, 2001 e 2007), Intel and Scholastic Schools of Distinction (2005) e Blue Ribbon Lighthouse Schools (2005); e os resultados da WHEA están consistentemente nos primeiros postos da avaliación estandarizada de Hawaii (NCLB).
A través de Heather O’Connell, profesora STEM que traballa como high school advisor (asesora de educación secundaria) na WHEA, puidemos explorar a aprendizaxe baseada en proxectos científicos nun contorno exterior e cun achegamento manipulativo. A expresión escrita enmárcase dentro dun contexto STEM real, onde non hai división entre materias nin un horario organizado arredor delas, senón un currículo integrado e unha xestión do tempo e das tarefas sobre tres proxectos obrigatorios e avaliables que cada alumno selecciona segundo os seus intereses. A maiores, lévanse a cabo outros proxectos optativos que non reciben unha cualificación e que están máis orientados á adquisición de habilidades (traballo de laboratorio).
Xa que os proxectos son variados e moi específicos, o profesorado traballa en colaboración estreita con mentores, figuras externas ao centro educativo relacionadas sobre todo co mundo da investigación e da empresa que colaboran de xeito voluntario ofrecendo apoio e asesoramento.
De esquerda a dereita: Katherine Matles, xefa do programa da Comisión Fulbright, Leticia Ibáñez, adxunta á xefa do programa, Heather O’Connell, Diana Pastoriza,
asesora de formación do CAFI e Ángel Rodríguez, director do CAFI
No CAFI, seguindo as liñas estratéxicas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, interesábanos explorar a visión integradora do STEM, así como os aspectos loxísticos e organizativos da implantación do traballo por proxectos centrados no alumnado. Por outra banda, na relación simbiótica que tiñamos en mente, Heather desexaba coñecer as iniciativas do ámbito STEM en Galicia, así como o funcionamento dun centro de formación do profesorado.
Para asegurarnos de cumprir estes dous propósitos e aproveitar o traballo durante o mes de duración da estancia, coordinamos o traballo conxunto desde o Departamento de Formación, Innovación e Internacionalización, logo da consulta coa Comisión Fulbright, e estruturámolo en cinco fases:
- Posta en común e intercambio
- Comprensión e organización da información
- Comunicación interna e externa
- Creación de produtos
- Reflexión final e establecemento de vías de colaboración continuada
Como parte da posta en común e intercambio, ademais de familiarizarse co currículo e a estrutura do sistema educativo galegos e coñecer o traballo dos diferentes departamentos do CAFI reuníndose co persoal asesor de varios ámbitos, Heather asistiu a varios eventos de formación, un organizado polo CAFI (xornada de acollida e auxiliares de conversa), outro polo Servizo de Formación do Profesorado (xornada de formación para persoal asesor da rede) e un terceiro pola Fundación Amancio Ortega e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre (XIII Encontro InspiraTICS: Unha experiencia de cobuilding educativo). Tamén visitou varios centros educativos da zona: O IES Plurilingüe Rosalía de Castro, o IES Arcebispo Xelmírez I, o CEIP Lamas de Abade, a EOI de Santiago de Compostela e o Departamento de Cursos Internacionais da USC. E, por suposto, implicamos a Heather tamén no proxecto KA1 «Profesores competentes desde a perspectiva STEM» coordinado polo CAFI, no que participan seis IES galegos: IES A Cachada, IES Pino Manso, IES de Meaño, IES Carlos Casares, IES Xelmírez II e IES da Pobra do Caramiñal. Estivo presente na primeira reunión de organización, é administradora nos TwinSpaces do proxecto e tutelará o módulo relacionado co STEM en Hawaii que forma parte do curso Platega que o profesorado destes centros está a realizar.
Reunión co profesorado STEMbach do IES Plurilingüe Rosalía de Castro
Para a comunicación interna e externa deseñamos varias xornadas de presentación, coloquio e intercambio no propio CAFI e no IES Plurilingüe Rosalía de Castro, neste último caso para analizar puntos comúns entre o STEMbach e a metodoloxía da WHEA. A maiores, organizouse un encontro na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) o día 15 de outubro ao que se convidou a todo o profesorado que imparte STEMbach nos centros educativos galegos. Alén disto, fíxose unha sesión de presentación para o persoal asesor do ámbito científico-tecnolóxico de todos os centros de formación e recursos (CFR). E por último, o 26 de outubro, Heather demostrou unha clase de Matemáticas na Aula Nova do CAFI á que asistiron asesores do ámbito científico-tecnolóxico e persoas asesoras de innovación da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Dinámica de traballo para facer visible a metodoloxía e as ferramentas empregadas nos proxectos STEM da WHEA
Deste xeito garantimos que o impacto da visita non quedase só na propia institución senón que beneficiase o maior número de profesorado e persoal asesor con intereses semellantes. Para Heather tamén resultou enriquecedor explorar estes ámbitos, especialmente o do deseño, estrutura, aplicación e avaliación da formación do profesorado, que lle era practicamente alleo.
No que ten que ver coa creación de produtos, Heather O’Connell compartiu varios documentos relevantes:
- Resumo do currículo da WHEA
- Grella para a organización da xestión do tempo do alumnado que participa en proxectos
- Guía de boas prácticas STEM
- Pautas metodolóxicas para proxectos STEM
- Presentación do sistema de aprendizaxe baseada en proxectos na WHEA
- Unidade didáctica de Matemáticas: Ondas do mar con curvas sinusoidais
Estes produtos van ter un uso inmediato ao ser parte dos contidos do curso Platega do proxecto KA1 STEM e estamos explorando xeitos de poñelos ao dispor de calquera persoa interesada no futuro.
Antes da fin do mes de actividade, establecemos vías de colaboración para mover á acción unha vez rematada a estadía. As accións van na dirección de difundir o aprendido en ambos os contextos (o americano e o galego); establecer un sistema de peer reviewing entre o alumnado de Heather O’Connell e o alumnado STEMbach; facer partícipe a Heather do proceso de elaboración dos produtos do proxecto Erasmus+ KA1 sobre STEM, contando coa súa revisión e retroalimentación; e manter o contacto coa perspectiva de manter a colaboración a longo prazo.