
Proxecto Abalar e a implantación do libro dixital nos centros educativos de Galicia
Carlos Vázquez Mariño
Manuel Ángel García Gómez
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
Xa ninguén dubida de que a incorporación das TIC á educación en xeral e aos procesos ensino-aprendizaxe en particular é xa unha realidade en Galicia e de que se mostra como unha peza fundamental para producir o cambio metodolóxico que leva a conseguir o obxectivo dunha mellor calidade educativa.
En Galicia, afortunadamente, xa levamos traballando desde hai uns anos cunha estratexia de incorporación das novas tecnoloxías ao proceso educativo en todos os seus ámbitos. Sen retroceder moito no tempo, desde o curso 2010/11, o Proxecto Abalar hai que entendelo como un proceso de incorporación das novas tecnoloxías ao sistema educativo en todos os seus ámbitos: unha estratexia educativa global e integradora que supuxo un salto cualitativo e cuantitativo no modelo educativo; un proxecto que buscou maximizar o aproveitamento dos recursos, coordinar e impulsar un cambio apoiado na formación do profesorado e na modernización do ensino.
Para o desenvolvemento e implementación das TIC en educación, por unha banda, constitúe un alicerce fundamental a implicación da Administración, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e, doutra banda, da vontade dos equipos directivos e do profesorado dos centros que voluntariamente participan neste proxecto.
No desenvolvemento do Proxecto Abalar conseguíronse fitos dunha grande envergadura, como o mostra o feito de que no último ano de implantación deste proxecto preto de 50 000 alumnos e alumnas de 531 centros educativos de Galicia se benefician do proxecto nos niveis de quinto e sexto de educación primaria e primeiro e segundo de educación secundaria obrigatoria (ESO).
Iniciativa E-dixgal
Dentro do contexto do Proxecto Abalar, a iniciativa de Educación dixital (E-Dixgal) xurdiu no curso 2014/15 como unha iniciativa experimental coa intención de facilitarlles aos centros educativos galegos a incorporación de materiais dixitais nos cursos de quinto e sexto de educación primaria e nos de primeiro e segundo da ESO.
Está dirixido aos centros cunha cultura dixital afianzada como parte do seu proxecto de centro, apoiado e coñecido pola comunidade educativa e, en especial, polas familias, que se están beneficiando cunha maior alfabetización dixital na súa contorna próxima, ademais dos aforros en custos nos materiais educativos. Por outra lado, posibilítase un maior aproveitamento dos recursos dixitais dispoñibles e a súa adecuación ou, de ser o caso, actualización ás necesidades cambiantes, tanto no relativo ao hardware como ao software, que a evolución da sociedade da información esixe constantemente.
Profesorado e alumnado dos centros implicados desenvolven a súa actividade educativa diaria nunha contorna virtual de aprendizaxe (EVA), propia para Galicia, con contidos curriculares que permiten darlle cobertura completa ao proxecto específico e que aseguran unha implantación completa para o alumnado, profesorado e familias nos centros participantes. Dous son os provedores que se incorporaron a este proxecto desde o inicio: a editorial Edebé e a empresa de contidos dixitais Netex.
Os docentes poden elaborar a súa propia mochila dixital seleccionando os contidos formativos a través da plataforma dixital e podendo incorporar os materiais complementarios que desexen, así como contidos de elaboración propia. Estes centros teñen tamén á súa disposición o espazoAbalar, con máis de 3100 recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas.
O alumnado pode acceder ao material seleccionado polo profesorado tanto a través dunha conexión a Internet (modo en liña) coma desde o seu netbook (modo desconectado). Deste xeito, garántese que os estudantes que non dispoñan de conexión a Internet desde as súas casas poidan seguir o curso sen dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será actualizado de maneira automática na plataforma en canto oficial, favorecendo o traballo diario tanto na aula coma fóra dela ferramentas e contidos dixitais instalados neste e gratuítas para o alumno.
Todos os centros participantes na iniciativa E-Dixgal contan co apoio da Amtega (para a parte técnica), da Rede de formación permanente do profesorado e da supervisión da Inspección Educativa.
Ademais, o desenvolvemento da competencia dixital non se consegue co simple uso de ferramentas, senón que hai que promover o uso crítico, creativo e seguro das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Así, para poder alcanzar unha boa competencia dixital en educación, as TIC non poden ser introducidas como un fin en si mesmo senón como un medio a través do cal se produza un cambio na metodoloxía no proceso de ensino-aprendizaxe.
Ferramenta de autor
Dentro da contorna virtual de aprendizaxe existe unha ferramenta de autor que dota o profesorado de recursos para a creación de unidades didácticas complementarias ao temario oficial, favorecendo o traballo diario tanto na aula coma fóra dela.
Trátase dunha plataforma que prevé o desenvolvemento das principais funcionalidades de xestión de proxectos nos que se inclúen unha secuencia organizada de contidos e exercicios que poderán ser publicados en contornas virtuais.
Esta ferramenta de autor integra as seguintes funcionalidades:
1. Xeración de exercicios de distinto tipo que poden ser utilizados como recurso complementario no EVA.
2. Xeración de contidos que poden ser enriquecidos con arquivos multimedia (imaxes, vídeos, audios etc.). O docente pode incorporar todo o contido que necesite para completar a información que necesita expoñer.
3. Creación de proxectos que se poderán configurar como unidades didácticas complementarias utilizando os exercicios e contidos creados previamente.
4. Posibilidade de publicar os proxectos en formato SCORM directamente na plataforma E-Dixgal.
5. Capacidade para compartir proxectos e xerar un espazo común de traballo entre o profesorado.
Actualmente está operativa unha nova versión na que se incorpora, entre outras melloras, o sistema karma, no que se pode puntuar e comentar cada traballo publicado. Desta forma, a puntuación dos elementos repártese entre os puntos que se lle dá a un elemento só por publicalo no repositorio, os puntos outorgados polos outros docentes a ese elemento do repositorio, os puntos que se dan a un elemento cada vez que un profesor o descarga do repositorio, a suma dos puntos dos distintos apartados etc. Cabe destacar que un docente só pode votar unha vez e que non se suman puntos polas accións en elementos do repositorio dos que o docente é propietario.
Outra nova funcionalidade é o formato de créditos, que permite recoller en cada recurso o autor orixinario e os autores, no caso de que houbese, das futuras revisións ou modificacións.
Novo equipamento para o alumnado e o profesorado
Desde o curso 2017/18 renovouse a dotación nos centros adheridos á iniciativa E-Dixgal. Foron un total de 18 500 ultraportátiles para o alumnado e de 3000 portátiles para o profesorado, cos que se renovou o equipamento co que desenvolven a súa actividade diaria os 267 centros que actualmente empregan o libro dixital.
Os novos equipos do alumnado poden ser empregados como portátil ou como tableta, son táctiles e traen integrado un amplo conxunto de aplicacións educativas agrupadas por categorías: imaxes en 3D de planetas, táboa periódica ou editor de moléculas para ciencias; dicionarios para as materias de lingua; aplicacións de experimentos e circuítos eléctricos para física ou de operacións e gráficas para matemáticas etc.
Servizo de soporte premium
No actual curso 2018/19 activouse o servizo de soporte premium para as familias, alumnado e profesorado dos centros educativos que empregan o libro dixital, ofrecendo tres tipos de asistencia: remota (telefónica e en liña), in situ, con desprazamento ao lugar do incidente, e a través de puntos físicos de atención.
Así, a comunidade educativa dispón dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital, as 24 horas do día os 7 días da semana. Desde este punto, atenderanse todas as dúbidas, consultas e incidentes que poidan ter os usuarios e resolveranse de maneira remota, se é posible, ou activaranse os servizos presenciais para que estas se resolvan onde se atopen os usuarios.
Outra das opcións que se establece para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que o alumnado e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidentes sobre os computadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.
Novos contidos dixitais
Con respecto aos contidos, a principios de 2018 a Editorial Planeta incorporouse como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de quinto de primaria a segundo da ESO, sumándose así aos provedores Netex e Edebé.
Actualmente xa está dispoñible na contorna virtual de aprendizaxe o acceso ao banco de contidos de aulaPlaneta. Trátase dunha ferramenta coa que a comunidade educativa (profesorado, alumnado…) pode ampliar e enriquecer a súa información coa consulta ao banco de contidos dixitais. Ofrece a posibilidade de buscar unha información de diversas maneiras: a través do buscador de texto, do buscador visual, mediante procuras temáticas etc. Inclúe máis de 400 000 recursos educativos non curriculares para fomentar a indagación e afondamento do alumnado e do profesorado, e conta con animacións, fotografías e gráficos de alta calidade, vídeos e fragmentos sonoros, estatísticas actualizadas, atlas mundial, cronoloxías, artigos de temas de actualidade e un navegador visual.
Ademais incorporouse un acceso ao repositorio de recursos de aulaPlaneta (máis de 7800 recursos curriculares dixitais para quinto e sexto de primaria, e máis de 12 500 para secundaria), que están integrados co EVA para que poidan incorporarse de forma fácil, ofrecendo un seguimento individual das respostas desde o EVA, así como o caderno do docente e o caderno de estudo.
Ademais, e unido a isto, vai poñerse en funcionamento o centro de produción de contidos educativos dixitais, que lles facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos innovadores. Tamén está en proceso de licitación o contrato do provedor de contidos en inglés.
Novos contidos intelixentes
Desde o curso 2017/18, os docentes dispoñen de novas funcionalidades para os contidos da Editorial Netex para Inglés e Matémáticas (quinto e sexto de primaria e primeiro e segundo da ESO), Lingua Castelá (quinto de primaria) e Lingua Galega (primeiro da ESO). Neste sentido, o profesorado pode personalizar e actualizar o contido editorial mediante unha sinxela interface. Ademais, pode crear os seus propios materiais didácticos e ofrecerlle contidos individualizados ao alumnado sen saír da propia unidade didáctica.
O profesorado pode ter información do que ocorre na aula en tempo real, así como novas ferramentas para marcar o ritmo da clase e controlar, en todo momento, o que ven nas súas pantallas: levar o alumnado a unha páxina específica para poder seguir as explicacións, bloquear a navegación polas unidades etc.
Os novos contidos proporciónanlles aos docentes as ferramentas necesarias para atender a diversidade da aula: análise intelixente do rendemento individual e grupal, asignación de tarefas específicas, agrupación dos estudantes segundo as súas necesidades, personalización de contidos e traballo colaborativo etc.
Finalmente, os docentes van ter proximamente á súa disposición gráficas que indican como evoluciona cada alumno nos estándares de aprendizaxe que se traballan nas unidades didácticas.
Mellora da conectividade
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspectos clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento, o 94 % dos centros que empregan o libro dixital ten conexións cun mínimo de 100 Mbps. En total, máis do 92 % de centros dispón polo menos desta velocidade e no ano 2018 chegará ao 100 % dos centros educativos públicos de primaria e secundaria.