O patio que soñaMOS

Elvira Fernández Pena
elvira.fdez.pena@edu.xunta.es
CEIP Mestre Martínez Alonso
 

Todos temos soños. Pero para poder facelos realidade, necesítase unha grande cantidade de determinación, dedicación, autodisciplina e esforzo.
                                                                                                                                                                                                                          Jesse Owens

 

No impulso da mellora da convivencia escolar en centros educativos, e no marco de reflexión da importancia do xogo no desenvolvemento das capacidades do alumnado, o CEIP Mestre Martínez Alonso desenvolveu un proxecto para conseguir no patio ambientes de lecer máis inclusivos e didácticos.
O patio que soñamos é un proxecto do CEIP Mestre Martínez Alonso a modo de proxecto documental integrado elaborado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega, Dinamización de Biblioteca, Actividades Extraescolares e Convivencia. Comeza no curso 2017/18 para dar resposta á formación recibida no Plan de formación permanente do profesorado en colaboración co CFR de Vigo. En palabras dos nosos propios nenos, O patio que soñaMOS foi un modo de facer un patio para ser máis felices.

Coma todo proxecto educativo, comeza cunha detección de necesidades. Os patios son en moitos casos fontes de conflitos. No noso caso, levabamos anos percibindo unha situación preocupante. O noso alumnado unicamente xogaba ao fútbol e, se non practicaba este deporte, dedicábase a correr polo patio berrando e golpeándose cos seus compañeiros. Pensamos que a falta de xogo de regras e popular, xunto cun aumento do xogo tecnolóxico, favoreceu a proliferación de conflitos cotiáns, o illamento social (especialmente do noso alumnado con diversidade funcional) e un retroceso nas habilidades sociais.

Conscientes das nosas necesidades de mellora en relación coa convivencia pacífica e no fomento da resolución de conflitos e mediación entre iguais, decidimos dar un paso máis para reformar tanto a estrutura espacial coma a organización dos tempos de lecer entendidos como momentos de aprendizaxe, de vivencias e de traballo de valores e decidímonos a soñar cun patio mellor, onde poder ser, todos, mellores persoas.

As nosas motivacións xiraron sobre este obxectivo desde dous puntos de vista diferenciados:

  • Dinamizar os tempos de lecer.
  • Redeseñar, reestruturar e reformar o patio escolar, así como outros espazos comúns.

 

Dinamización dos tempos de lecer

Seguindo a teoría de patios e parques dinámicos de Gey Lagar, que enfoca o tempo de ocio desde un punto de vista inclusivo; decidimos realizar actividades que aumentasen a sociabilización do alumnado con diversidade funcional, creando un clima de entendemento, respecto e participación. Este proceso foi posible porque adaptamos o modelo de xogo dun modo dirixido, achegando as estruturas necesarias para a comprensión dos diferentes xogos cooperativos, explicados con métodos de comunicación aumentativa. Deste xeito creamos os #PatiosColectivos para promover un xogo de calidade, inclusivo e fornecedor da convivencia.
 

Redeseño, reestruturación e reforma do patio escolar, así como outros espazos comúns

O proceso de redeseño foi a fase máis longa e na que máis esforzos levamos investidos, pois tiñamos a convicción de que debía estar guiado polos cativos de modo cooperativo, por encima das decisións singulares por máis atractivas que resultasen. Deste xeito, producíronse unha serie de accións que nos foron levando ao novo deseño do patio que soñaMOS dun modo paidocentrista e democrático, onde o alumnado foi en todo momento o protagonista. Así foi o proceso de cambio:

Valoración de necesidades

Concluímos na necesidade de transformar os ambientes escolares. Este proceso, que comezara cunha transformación persoal do alumnado e do profesorado, continuou cun cambio dos espazos comúns do centro.

Presentación do proxecto

Presentamos o proxecto no Samaín, como un preludio do evento cultural que se iniciaba. Pedímoslles ás diferentes aulas do centro que resumisen nunha palabra como imaxinaban o noso patio en forma de accións. Atopámonos coa necesidade de desconectar, co xogo como protagonista, con novidades como a exploración e con habilidades sociais como facer amigos.

Actividades previas

Creamos unha serie de actividades de toma de conciencia do patio, para analizar a súa morfoloxía e para prepararnos para este cambio. Unha delas foi a de cambio de roles. Coincidindo co 20 de novembro, Día Internacional da Infancia, o noso alumnado de primaria fixo o patio no destinado para infantil e o de infantil no de primaria.

Creación do Club de Convivencia

Conscientes da dificultade que un proxecto desta envergadura ten para conseguir a coordinación de todos os membros da escola, creamos o Club de Convivencia, entendido como un organismo asembleario democrático formado por:

  • REPRESENTANTES: alumnos de cada aula elixidos democraticamente que teñen as funcións de representar os compañeiros, trasladar a información, velar pola convivencia pacífica e colaborar para que todo o alumnado se sinta protexido, informado e feliz no recreo.
  • MEDIADORES: alumnado de quinto e sexto encargado de mediar nos conflitos nos recreos. Cargo voluntario, por quendas dun recreo semanal máis unha quenda rotativa. Os agrupamentos son de catro alumnos distribuídos dous a dous nos patios de infantil e primaria. Os mediadores levan unha gorra distintiva co logo do proxecto para seren facilmente recoñecibles. Foron formados seguindo a liña de traballo do modelo integrado de mellora da conviencia, aplicando medidas de tipo relacional entre iguais, técnicas de escoita activa e desenvolvemento de habilidades sociais, empatía, resolución de problemas en situación de indefensión, confusión e dificultades relacionais. Este ano continuamos coa formación recibida polo CRF de Vigo en materia de convivencia e educación emocional cun novo PFPP relacionado coa mediación escolar, O patio que creaMOS, para dar máis ferramentas a este cargo.
  • ÁRBITROS: ante os problemas provocados polo fútbol, xestionouse este cargo voluntario. Os árbitros forman grupos de dous alumnos por recreo (árbitro e xuíz de liña) e seguen un regulamento adaptado á etapa de educación primaria.
  • OUTROS ENCARGADOS: encargados voluntarios de sexto de primaria da vixilancia de escaleiras nas saídas do alumnado.

O modo de traballo do Club de Convivencia é de pleno asembleario cunha reunión semanal durante a Hora de Ler. Unha vez ao mes, convócase unha reunión xeral onde todos os membros debaten sobre melloras na convivencia e se trasladan queixas e conflitos para a busca de solucións.

 

Formación de profesorado
O profesorado do centro formouse en patios dinámicos, redeseño de patios escolares e inclusión educativa co CFR de Vigo e outras organizacións (Andaina, Familias Azuis...) con Gey Lagar, Nuria Garabal González e Marta Álvarez Iglesias do CEIP Nº 1 de Tui e Beatriz Pires e Melu Lago do CEP Santa Mariña.

Enquisas iniciais
Paralelamente ao traballo de formación, realizáronse enquisas sobre gustos e preferencias relativas ao patio escolar ao alumnado, profesorado e familias.

Reflexión sobre os resultados das enquisas
Unha vez recollidas as enquisas, realizouse un traballo de reflexión sobre a viabilidade, funcionalidade, preferencias e avaliación de que as propostas fosen inclusivas e coeducativas.

Deseño de patios
Con total liberdade de estratexia e de agrupamento, creouse unha serie de actividades cun fin común: construír unha maqueta para presentarlle ao colexio. Nesta maqueta estarían materializados os soños dos nosos nenos. As clases de matemáticas transformáronse en talleres de arquitectura onde as unidades de medida se estudaban no patio dun xeito experiencial; as clases de linguas traballaban o vocabulario do patio, dos xogos, da tradición popular no tempo de lecer. En definitiva, fíxose un deseño de actividades integrando o currículo das diferentes áreas.

Confección de maquetas e presentación de propostas
A confección das maquetas facilitou o desenvolvemento da creatividade ao darlles forma ás diferentes propostas. Este traballo creativo veu acompañado dunha presentación para todo o colexio, no que cada clase defendía o seu deseño. O noso alumnado traballou a competencia lingüística coas presentacións orais con apoio TIC. Estas presentacións foron avaliadas polo Club de Convivencia no que cada representante actuou como xuíz ou xuíza do proceso creativo global mediante unha rúbrica de avaliación deseñada no Club de Convivencia. Co resultado destas rúbricas, creouse o proxecto definitivo.

 

Sección: