A árbore de Trasancos

 Jéssica Fernández Polo jessicafernandezpolo@gmail.com
 Manuel Rivera Iglesias manuelfdorivera@gmail.com
    IES Terra de Trasancos

 

O logo do noso centro é unha árbore. Foi elixida porque plasmaba o que, como comunidade, entendiamos que debía ser a educación, algo vivo, en crecemento, que precisa ser alimentado, que enraíza na nosa contorna e medra cara a fóra para dar os seus froitos. E aí, dentro dos froitos e das follas desta árbore, medran os Obxectivos de
Desenvolvemento Sustentable como unha parte máis do proceso educativo. Así nace A árbore de Trasancos no marco do Proxecto de formación permanente do profesorado do centro.
Este proxecto, que resultou gañador do premio Vicente Ferrer 2018, nace de dúas preocupacións en relación coa educación para o desenvolvemento:

  • Como facer chegar os obxectivos de desenvolvemento sustentable ao maior número de alumnos e alumnas, obxectivos que buscan poñerlle fin á pobreza, protexer o planeta e garantir a calidade de vida de todas as persoas.
  • Como integrar a educación para o desenvolvemento dentro do currículo e facela parte do centro.

Con este proxecto pretendiamos incorporar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable na programación das materias, nas actividades de aula do instituto, nas actividades do centro e na formación do profesorado, promovendo iniciativas emprendedoras solidarias de traballo cooperativo (microproxectos) que consoliden e complementen as actividades da aula e do centro, e creando unha ferramenta que lle permita a calquera alumno do instituto ser cooperativista solidario e participar nun proxecto de cooperación ao desenvolvemento, substituíndo a achega de capital financeiro por traballo voluntario.
Ademais, queriamos coñecer a realidade económica, social e cultural de Ferrolterra, mediante o traballo cooperativo de aula e os emprendementos do alumnado (microproxectos), focalizando na calidade de vida, a situación das persoas inmigrantes e outros colectivos con risco de exclusión e pobreza. Queriamos coñecer tamén, da man do noso alumnado inmigrante, a realidade socioeconómica das súas cidades de orixe. E optamos por Río de Xaneiro, por ser a comunidade brasileira unha das máis numerosas de Narón.
Por último, buscabamos implicar o alumnado en actividades de axuda mutua, resolución de conflitos, non violencia, interculturalidade, identidade de xénero e actividades que teñan como finalidade mellorar a sociedade desde o contorno local ao global.
Ao tempo que traballabamos no ámbito da educación para o desenvolvemento, estabamos a traballar tamén o currículo e obxectivos propios da etapa, que aparecen recollidos na lexislación.

No desenvolvemento do proxecto levamos a cabo distintas actividades en distintos cursos da ESO, que recollemos a continuación:

Proxecto igualdade mates: nais e fillas (segundo da ESO )
Traballamos na aula igualdade de xénero e calidade do ensino. O alumnado desenvolveu unha serie de traballos de investigación estatísticos, referidos a aspectos de igualdade entre homes e mulleres.
Os estudos centráronse en:

  • Xénero dos titores legais que acoden ás visitas da titoría
  • Xénero do profesorado, cargos directivos e servizo de Inspección Educativa da comarca de Ferrolterra
  • Corresponsabilidade no fogar
  • Demanda de profesións segundo xénero
  • Estereotipos familiares de xénero

Unha vez que os traballos de investigación estiveron finalizados, vimos unha curtametraxe titulada Nais e fillas escribindo o futuro (https://www.youtube.com/watch?v=5trxR4heQJ8&t=2s)
Nela aparecen parellas de nai/filla que explican como era e como é a súa vida actualmente. Con cada parella reflexionamos sobre o que contan e se vemos algo similar na nosa contorna.
Con toda esta información expuxéronse os traballos na entrada do instituto.

Resolución de conflitos. Identidade de xénero (primeiro e terceiro da ESO )
Traballamos: igualdade de xénero, educación inclusiva, equitativa e de calidade. Titoría entre iguais
O obxectivo básico é mellorar a integración escolar e traballar por unha escola inclusiva e non violenta, fomentando que as relacións entre iguais sexan máis satisfactorias e orientadas á mellora ou modificación do clima e da cultura do centro con respecto á convivencia, conflito e violencia.
Consideramos a participación activa dos iguais como elementos básicos do proceso de prevención e intervención en situacións de violencia (física e emocional). Desenvólvese unha estratexia preventiva desde unha perspectiva emocional, traballando competencias cognitivas, psicolóxicas e emocionais centradas no grupo e no desenvolvemento cooperativo.

Integramos a tolerancia cero coa violencia como trazo de identidade do centro
Establécense parellas de alumnado de terceiro e de primeiro da ESO, de xeito que o alumnado de terceiro tutela o de primeiro ao longo do curso, axúdalle a integrarse adecuadamente no centro e detecta posibles problemáticas.

Traballando en equipo os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (cuarto da ESO)
Incorporamos o desenvolvemento sustentable na materia de Valores Éticos de cuarto da ESO para lograr un cambio profundo na nosa forma de pensar e actuar. Presentamos a posibilidade de imaxinar un mundo mellor e participar nas actividades e microproxectos do instituto, tendo sempre presentes a sustentabilidade e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable necesarios para promover un mundo máis sustentable, converténdonos en axentes de cambio.
Utilizamos dúas ferramentas para lograr este obxectivo, o visual thinking e o traballo en equipo.


Talleres de economía solidaria (cuarto da ESO, primeiro e segundo de bacharelato)
Organizámolos en todas as materias do Departamento de Economía, incluída Iniciativa Emprendedora de cuarto da ESO, tamén en Economía de primeiro e segundo de bacharelato, adaptándoos ás competencias e aos estándares de aprendizaxe correspondentes á programación.
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable traballados foron: fin da pobreza, saúde e benestar, cidades e comunidades sustentables, traballo decente e crecemento económico, produción e consumo responsables, industria, innovación e infraestrutura; paz, xustiza e institucións sólidas.

Nos talleres intentamos profundar na realidade socioeconómica dos lugares onde vivimos e/ou de onde procedemos. Pretendemos que teñan visibilidade e adquiran protagonismo alumnas e alumnos adolescentes que chegan doutros territorios e deixan un contorno familiar para vivir en outro moi diferente, que teñan a oportunidade de explicar as dificultades, pero tamén o valioso e estimulante do seu lugar de orixe, e contrastalo co seu lugar de destino. O alumnado migrante que chega ao instituto procede maioritariamente de contornos desfavorecidos, igual ca moito do noso alumnado, por iso focalizamos nos talleres na calidade de vida, baseándonos na idea de Amartia Sen de «Funcionamentos, capacidades e realizacións» que podemos ver no blog de clase: http://ecotrasancos.blogspot.com/2015/10/calidade-de-vida_25.html

Algúns dos microproxectos realizados no centro son os seguintes:

Produto local
Desenvolvido co alumnado de cuarto da ESO con apoio de alumnado e profesorado do instituto.
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable traballados son: fame cero, saúde e benestar, cidades e comunidades sustentables.
A pregunta inicial do microproxecto foi: Por que non se comercializan en Ferrolterra máis produtos autóctonos derivados da horta e do mel? Realizamos unha investigación, puxémonos en contacto con produtores locais, concretamente coa Agroalimentaria do Eume, e acabamos poñendo polo Nadal un posto dentro do instituto onde comercializamos mel, pastelería, pastelería artesanal, marmeladas, queixos...
Fixemos unha campaña de divulgación do produto local.

Comercio xusto
Desenvolvido co alumnado de cuarto da ESO con apoio de alumnado e profesorado do instituto.
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable traballados son: redución das desigualdades, traballo decente e crecemento económico, alianzas para acadar obxectivos.
A principios do pasado curso realizamos unha consulta ao alumnado e comprobamos que o comercio xusto era pouco coñecido, que as familias en xeral non sabían onde poderían comprar produtos de comercio xusto. Puxemos en marcha un proxecto de divulgación e comercialización simbólica para que a comunidade escolar se familiarizase cos produtos e o contido do comercio xusto como sistema comercial alternativo que favorece a vida digna, a equidade de xénero e raza, o desenvolvemento dos pobos, o respecto ao medio ambiente e a loita contra a pobreza.

Finanzas solidarias

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable traballados son: fin da pobreza, redución das desigualdades, alianzas para lograr obxectivos.
O proxecto consistiu en crear e xestionar un fondo de diñeiro non recuperable para afrontar casos de exclusión entre o noso alumnado.
Fondo sen capacidade de retorno para:

  • Facilitar a participación de todos nas actividades extraescolares e evitar que ninguén quede excluído por razóns económicas.
  • Poder facerlle fronte a pequenas situacións de urxencia social da comunidade escolar.
  • Evitar a marxinación escolar que supón a imposibilidade de adquirir apuntamentos, facer fotocopias ou comprar material escolar.
  • Elaborar materiais didácticos de finanzas solidarias e banca ética.

Viaxes solidarias

Desenvolvido co alumnado de cuarto de ESO con apoio de alumnado e profesorado do instituto.
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable traballados son: redución das desigualdades, saúde e benestar.
Organizamos con todo o alumnado participante excursións gratuítas que financiamos colectivamente mediante a organización dos microproxectos anteriores. A cambio dun traballo solidario, outros axentes sociais encargáronse de financiarnos a viaxe ou excursión ao río Sesín con visitas á escola museo e un percorrido pola Capela.
En todas as actividades que conforman este proxecto seguíronse unhas pautas metodolóxicas nas que se busca que o alumnado sexa responsable da súa propia aprendizaxe, como parte activa esencial, favorecendo procesos de reflexión sobre o que fan, como o fan e que resultados logran.
Promóvese unha participación que permita intercambiar experiencias e opinións cos compañeiros e así desenvolver a conciencia grupal e a reflexión individual e colectiva.
Os recursos utilizados foron os propios do centro tanto no ámbito persoal coma material. A maiores compartimos os recursos proporcionados polas asociacións e/ou entidades que colaboraron: Concello de Narón, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Agroalimentaria do Eume, Museo Etnográfico A Capela, Euroeume.

 

 

Sección: