Coordinando vontades
Irene Jiménez Cortiñas
pipiacceder@hotmail.com
Fundación Secretariado Gitano
O meu inicio escolar non foi coma o de calquera outro neno. Se penso na miña primeira escola, penso nas dúas clases que había naquel entón, a de pequenos e a de maiores. O ter libros, pinturas e unha profe que nos ensinaba cousas. Encantábame ir, aínda que tiña poucas ocasións, xa que eu non residía no poboado onde se atopaba a Escola Ponte, a «escola xitana».
A miña segunda escola xa era máis real, con moitas clases, cada unha para unha idade e con diferentes niveis. Eu xa tiña 9 anos e iniciaba primeiro de EXB. Ía con atraso con respecto ás miñas compañeiras e compañeiros, pero contaba coa vantaxe de saber ler e escribir, grazas ao apoio dunha mestra xubilada que acudía á chabola ensinarnos o que o sistema educativo non estaba a facer. Nesta escola estiven ata terceiro de EXB e recordo que obtiven tanto algúns PA coma algún que outro NM. Non era doado alcanzar o nivel de cada curso!
Porén, todo cambiou cando accedemos a unha vivenda de protección oficial, é dicir, unha vivenda normalizada. As miñas condicións de vida cambiaron completamente: auga corrente, cuarto, baño, cociña… era un luxo! E, aínda por riba, un barrio con todos os servizos, veciños e nenos con quen xogar no patio do edificio.
A miña vida cambiaba e no novo colexio o meu nivel tamén. As miñas notas foron a mellor e ían mellorando a medida que avanzaba de curso. Mesmo fun delegada durante os 3 últimos cursos da etapa de EXB.
Lembro que dispuña dun espazo para facer os deberes, do meu cuarto para estudar para os exames, acudir á biblioteca para facer os traballos coas miñas amigas… Tamén me acordo dos meus pais preocupándose de que estudase e levase os deberes feitos. De ensinarme a responsabilizarme da miña obriga, que non era outra ca a de aprobar todas para pasar ao seguinte curso. Sentíanse moi orgullosos da súa filla, das súas boas notas, satisfeitos dos logros conseguidos con tanto esforzo.
A etapa do instituto foi algo diferente. Era a etapa da adolescencia, da rebeldía, na que non todo era xa estudar, examinarse, facer deberes… e claro, algunha materia quedou suspensa, en contraste con algunha outra con notable.
Por outra banda, durante estes anos a miña vida empezou a ser moi distinta da das miñas amigas, primas e coñecidas xitanas e a asemellarse máis ás doutras nenas. Non puiden acudir ás vodas de familiares por non faltar ás clases, por non ter tempo para preparar os exames… pero as miñas clases, estudos, exames eran prioritarios, sagrados na casa.
Tamén lembro unha conversación entre o meu avó e o meu pai que terminou en enfado «porque a nena é maior para continuar no colexio e seguir a relacionarse con nenos non xitanos».
Os anos pasaban e eu continuaba pasando de curso, recuperando algunha materia en setembro. O non aprobar a selectividade, por exemplo, foi unha decepción na casa. Pero atopamos a alternativa dunha universidade na que non se esixía nota de selectividade para entrar. Era a miña oportunidade, aínda que iso significaba irme fóra da casa, da miña cidade; fixérao xa a miña irmá, así que eu tamén podía.
Que é necesario para que unha nena ou neno xitano teña éxito educativo? Que elementos, que astros teñen que conxugarse ou que desexo pedirlle a unha estrela fugaz?
Tras varios anos vendo un fracaso tras outro, dáste de conta de que son varias as partes implicadas e diferentes os motivos do abandono escolar por parte do alumnado xitano. É fundamental que familia, escola e alumnado estea involucrado no proceso e loiten para conseguir o mesmo obxectivo ou meta. A familia debe ser o principal apoio do neno e a escola, o elemento motivador e de unión entre ambos. A escola non é só o profesor, titor, senón a totalidade do profesorado, o orientador, o director. E o neno debe querer estudar e valorar a importancia que ten isto para o seu futuro. O colexio debe de tratar o alumnado xitano con normalidade, sen prexuízos nin estereotipos, centrando a súa función en lograr a motivación, consecución e superación dos obstáculos do seu alumnado independentemente da súa orixe racial ou étnica. Durante a etapa educativa o neno xitano só desexa ser tratado coma o resto de compañeiros. Quere ser un máis.
A comprensión, o entendemento, o coñecemento, a empatía por parte do centro educativo (entendido este na súa totalidade) cara á comunidade xitana é esencial para non prexulgar nin menosprezar tradicións e costumes da cultura xitana que lles afectan aos alumnos e que en ocasións provocan conflitos familia- escola.
Os cambios no sistema educativo son necesarios para unha maior interculturalidade, pero tamén os cambios na comunidade xitana son necesarios para obter maiores éxitos educativos.