La grammaire inversée

No ámbito do ensino das linguas modernas, o desenvolvemento dos enfoques comunicativo-accional, construtivista e competencial levou nos últimos anos á busca de novas metodoloxías de ensino. Unha das que máis pulo parece estar collendo ultimamente é a da clase invertida. Neste traballo presentamos os resultados dun proxecto de creación de materiais de francés para poñer en práctica a clase invertida en cuarto da ESO e nos niveis básicos da EOI.

Marco Vélez Barreiro
EOI da Coruña (Dpto. de Francés)
marcovelez@edu.xunta.es
 

 

 

A implantación masiva das novas tecnoloxías da información e da comunicación nas aulas e nos domicilios do alumnado favoreceu que nos últimos anos se impulsase desde o colectivo docente a experimentación coa denominada «clase ao revés» ou «clase invertida» (do inglés flipped classroom). Esta técnica é, se cadra, xunto coa da gamificación e o traballo por proxectos, unha das que máis está dando que falar ultimamente na comunidade educativa, chegando a transcender os círculos estritamente pedagóxicos para saltar á prensa xeneralista en numerosas ocasións

A invención da clase invertida élles xeralmente atribuída aos profesores estadounidenses Jonathan Bergmann e Aaron Sams, autores do best-seller Flip your classroom (Bergmann 2014). Este innovador enfoque intenta aproveitar o potencial das novas tecnoloxías para favorecer a aprendizaxe autónoma das bases teóricas dunha materia por parte do alumno, liberando así tempo de clase para concentrarse nos seus aspectos máis prácticos.

A filosofía da clase invertida parece estar moi ben aliñada cos enfoques comunicativo-accional, construtivista e competencial imperantes no ensino de linguas modernas na actualidade: é unha filosofía comunicativa porque favorece a práctica na aula e deixa os aspectos teóricos, léxicos e morfosintácticos para a casa. É construtivista porque promove a aprendizaxe autónoma, concedéndolle o protagonismo ao alumno e fomentando a aprendizaxe en contexto a partir dos coñecementos previos de cada un. Finalmente, a clase invertida favorece a aprendizaxe por competencias porque subordina a teoría á consecución da competencia comunicativa a través da práctica na aula.

Unha das eivas que se lle adoitan atribuír á clase invertida é a dificultade para conseguir materiais audiovisuais sobre os aspectos teóricos e técnicos da materia por parte do docente. No ámbito do ensino público e, máis concretamente, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, os materiais necesarios para traballar seguindo a filosofía da clase invertida poden conseguirse seguindo unha destas tres estratexias:

  1. Recuperar materiais elaborados por outros profesores e compartidos por eles desinteresadamente a través de Internet ou en repositorios corporativos, como os que poida haber nos centros ou o de Abalar.
    Esta estratexia pode funcionar moi ben sempre que os materiais se adapten á intervención educativa concreta e ás necesidades específicas do caso de que se trate. Infelizmente, fóra dos repositorios institucionais, isto non é nada sinxelo, dada a enorme heteroxeneidade de recursos que abundan na Rede e que con frecuencia nos obrigan a combinar materiais de fontes diversas, coa conseguinte falta de coherencia en forma e contidos.

  2. Organizar a creación dos materiais por parte do propio alumnado no marco dun traballo de clase.
    Esta estratexia ten a vantaxe de que o alumnado se implica moitísimo, pero ten como inconveniente que os materiais non son de gran calidade lingüística, dado que é o propio alumnado o que grava os vídeos e os audios na lingua obxecto de estudo e non sempre a pronuncia axeitadamente.

  3. Desenvolver materiais propios.
    As vantaxes desta estratexia son evidentes: adaptación plena ao currículo, aos niveis e aos contidos; homoxeneidade dos materiais, calidade técnica e lingüística e posibilidade de reutilización e de difusión.
    Esta terceira opción foi a que nos levou a desenvolver un proxecto de deseño de materiais teóricos de tipo morfosintáctico para a materia de Lingua Estranxeira (Francés) no marco dunha licenza por formación, convocada pola Orde do 7 de xuño de 2016, para cuarto da ESO e para o nivel básico de Francés de escolas oficiais de idiomas seguindo, respectivamente, o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, e o Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

Os obxectivos da proposta foron adaptados a partir dos obxectivos de etapa tal e como aparecen mencionados no Decreto 86/2015, que foi o que se tomou como referencia primaria para a elaboración do traballo. Estes obxectivos son os seguintes:

  1. Desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual mediante o visionado regular de vídeos en lingua francesa e mediante a realización de actividades complementarias sobre aspectos morfosintácticos, seguindo as instrucións do profesor durante o curso académico, para o desenvolvemento da capacidade de aprender autonomamente e como medio de desenvolvemento persoal.

  2. Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes de información audiovisuais en francés, para adquirir novos coñecementos lingüísticos nesa lingua con sentido crítico, aprendendo a distinguir as fontes de información en liña fidedigna doutras menos fiables. Adquirir unha preparación básica no campo das tecnoloxías, especialmente as da información e a comunicación.

  3. Coñecer e aplicar os métodos para identificar os problemas no campo da comunicación nunha lingua estranxeira, aprendendo a resolver dúbidas morfosintácticas en autonomía, utilizando recursos audiovisuais, buscando información na Web, tomando notas e organizando as dúbidas para preguntalas posteriormente na clase.

  4. Desenvolver a confianza en si mesmo e na súa propia capacidade para traballar sen o control do profesor mediante o uso das novas tecnoloxías da aprendizaxe e da comunicación (TAC). Fortalecer o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.

  5. Comprender e expresarse en francés de maneira apropiada, servíndose das ferramentas web que sexan necesarias para aprender o idioma autonomamente (dicionarios en liña, conxugadores, correctores etc.), así como utilizando as ferramentas TAC que o profesor e o centro poñan á súa disposición para servir a ese fin (aula virtual, blog, foro de discusión etc.).

  6. Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura, da lingua e da historia francesas, así como o patrimonio artístico e cultural de Francia e, en xeral, da francofonía.

  7. Coñecer e respectar a diversidade lingüística e cultural como dereito dos pobos e das persoas, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito.

As unidades didácticas preséntanse en formato .zip, listas para seren subidas a un CMS (sistema xestor de contidos) compatible co formato SCORM (tipicamente, unha aula virtual Moodle coma as que teñen os centros de ensino secundario de Galicia). O profesorado ten que subir o conxunto das unidades do proxecto para poñelas á disposición do alumnado a medida que se vaia desenvolvendo a PAD durante o curso académico.

Para traballar con La grammaire inversée o alumno accede desde a súa casa á aula virtual e, desde alí, arrinca a unidade correspondente. Esta unidade consiste basicamente nun vídeo cunha explicación morfosintáctica en lingua francesa e subtitulada opcionalmente en galego, castelán, francés ou inglés, que se pode ver tantas veces como se queira. Durante a o visionado, o vídeo detense automaticamente nalgúns momentos e presenta un breve cuestionario con preguntas (de escolla múltiple, verdadeiro/falso, encher ocos ou resposta curta) sobre os contidos que se acaban de expoñer. O alumno non pode continuar á seguinte sección do vídeo sen contestar primeiro esas preguntas.

A seguinte clase, idealmente, debe dedicarse a solucionar dúbidas relacionadas co tema morfosintáctico presentado na unidade e a poñer en práctica o aprendido mediante actividades de tipo comunicativo. Por exemplo, despois de ver o vídeo sobre o passé composé, o ideal sería que o profesor planificase unha clase na que o alumnado tivese que contar unha historia en pasado, explicar o que fixo a fin de semana ou algo similar.

Cada unidade vai acompañada dun brevísimo informe pedagóxico con unha ou dúas actividades que traballan a morfosintaxe presentada no vídeo, para que o alumno faga autonomamente. As unidades están elaboradas cunha combinación de ferramentas informáticas e audiovisuais que detallamos a continuación:

  1. A cabeceira. Está feita utilizando os servizos de pagamento de Introchamp,  que permite a creación personalizada de cabeceiras cun texto e un logo. Tanto as imaxes coma a música incluídas na presentación están libres de dereitos de autor: a cabeceira é utilizable incluso para fins comerciais. O logo e os textos están feitos con Microsoft Publisher e Microsoft Word.

  2. A presentación. Está gravada cunha videocámara Sony Handycam FDR-AX33 4K e montada cun programa de edición de vídeo de TechSmith chamado Camtasia Studio 8,  que permite a elaboración de croma keys. Outro material que acompaña a cámara é un kit de vídeo e fotografía cunha pantalla de dous metros por dous e un set de iluminación, así como un micro de pinza. O Freemake Video Converter é unha aplicación que utilizamos puntualmente para converter os distintos formatos de audio e de vídeo cos que traballamos se isto resulta necesario.

  3. O corpo do traballo. Está elaborado con Powtoon  (versión premium, de pagamento, que dá dereito á explotación comercial dos materiais elaborados e á súa exportación en máxima resolución e sen marcas de auga).

  4. A voz en off. A narración que acompaña o corpo do traballo feito con Powtoon está gravada cun micrófono Shure unidireccional e cunha mesa de mesturas. A edición de audio faise co programa gratuíto Audacity.

  5. O informe pedagóxico. Está elaborado con Microsoft Word e publicado en formato PDF para facilitar a súa difusión e evitar problemas de incompatibilidade.

Os vídeos das unidades duran entre 3 e 7 minutos, en función da densidade dos contidos correspondentes. En xeral, resultaría moi difícil desenvolver un punto morfosintáctico axeitadamente en menos de 3 minutos. E un vídeo que durase máis de 6 ou 7 minutos tería dificultades para manter a atención do alumnado de forma sostida, tendo en conta que, ao tempo total de visionado, hai que engadirlle o tempo necesario para contestar as preguntas incrustadas neste e iso sen contar coa posibilidade de que o alumno requira visionar o material de novo total ou parcialmente para a súa correcta comprensión.

 

Para facilitar a avaliación de cada unidade, propoñemos o uso dunha rúbrica, que non se limita a avaliar a comprensión e adquisición dos coñecementos morfosintácticos de cada unidade: avalía tamén a competencia lingüística e a capacidade do alumno para poñer en práctica o aprendido nunha ou varias situacións comunicativas reais ou ficcionais que o profesor terá que propoñer na clase despois de traballar o vídeo correspondente. Cada unha delas debería incluír idealmente as catro destrezas comunicativas: comprensión oral e escrita e expresión oral e escrita.

 

O conxunto das 20 unidades que integran o traballo está dispoñible no repositorio de contidos educativos de Abalar. Ademais, os 20 vídeos correspondentes están publicados na canle de Youtube EOI Live.

As TAC ou tecnoloxías da aprendizaxe e da comunicación están aquí para quedar e xa están a revolucionar o xeito que temos de informarnos, de aprender e de ensinar. E probablemente isto non sexa máis que o principio dunha inexorable evolución cara a un modelo de educación e de sociedade que aínda está por definir.

Neste contexto tan cambiante e imprevisible, é a nosa responsabilidade como docentes preparar o noso alumnado para a aprendizaxe por medio deste tipo de ferramentas. Debemos ensinarlle a desenvolverse nun mundo no que a formación e a información son cada vez máis telemáticas, individuais e libres de filtros. Un mundo no que, polo tanto, o desenvolvemento dun espírito crítico e dunha actitude responsable na selección e uso de fontes fiables para a información e a aprendizaxe pode marcar a diferenza entre unha transición de éxito cara a un mundo mellor ou cara ao máis estrepitoso dos fracasos, como individuos e como sociedade.
 

Ligazóns ao repositorio de contidos do espazo Abalar

La grammaire inversée: L’article défini et indéfini

La grammaire inversée: La comparaison

La grammaire inversée: L’interrogation

La grammaire inversée: Les nombres

La grammaire inversée: La négation

La grammaire inversée: Le présent de l’indicatif

La grammaire inversée: Le passé récent, le futur proche et le présent progressif

La grammaire inversée: Le passé composé

La grammaire inversée: L’imparfait

La grammaire inversée: Le futur et le conditionnel

La grammaire inversée: Le pronom relatif

La grammaire inversée: Le pronom démonstratif

La grammaire inversée: L’adjectif possessif

La grammaire inversée: L’article partitif

La grammaire inversée: “C’est” et “il est”

La grammaire inversée: Le pluriel du nom et de l’adjectif

La grammaire inversée: Les pronoms compléments

La grammaire inversée: Le pronom “en”

La grammaire inversée: Le pronom “y”

La grammaire inversée: L’adverbe en “-ment”

 

 

Bibliografía: 

 

 

BERGMANN, John & Aaron Sams (2014): Dale la vuelta a tu clase. Barcelona: Ediciones SM.