As bibliotecas escolares: lugares para a exploración e a experimentación

Un novo modelo de biblioteca que reborda absolutamente a conceptualización tradicional que a relaciona co recollemento, a lectura silenciosa e á sacralización do libro como obxecto de culto e sitúa a biblioteca escolar como un espazo de converxencia cultural, o hub central, o centro de recursos para a aprendizaxe e mesmo cara a espazos creativos de aprendizaxe, onde non son os libros os únicos recursos dispoñibles, senón que o deseño de amplos espazos multidisciplinares, diversos, e a disposición de recursos que inclúen os medios de comunicación, os dispositivos dixitais conectados á rede, así como outras posibilidades para a experimentación, a cultura maker, en definitiva a cultura da participación.

Cristina Novoa
Asesoría de Bibliotecas Escolares
Dirección Xeral de Centros e RRHH
cnovoa@edu.xunta.es

 

As bibliotecas escolares galegas teñen vivido unha gran transformación nos últimos anos, en parte debida aos recursos económicos postos á disposición do seu desenvolvemento por parte da Administración autonómica, pero sobre todo polo esforzo do profesorado que, con empeño, horas de formación, traballo de colaboración e moita profesionalidade, contribuíu a esta evolución, en beneficio sempre do alumnado e da súa formación integral. Os resultados estatísticos no ámbito estatal non deixan lugar a dúbida: as bibliotecas escolares galegas, ademais de ofrecer maior cantidade de recursos ca a media, presentan tamén unha importante diferenza ao seu favor en canto a actividades máis aló das denominadas «de fomento da lectura», presentándose como espazos para a educación en materia de información a través da denominada alfabetización informacional, entre outras moitas propostas.

A través dos diferentes lemas e carteis propostos anualmente polo programa de Bibliotecas Escolares da actual Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pódese intuír unha evolución do modelo de biblioteca, gañando en profundidade e, ao mesmo tempo, en amplitude de usos e de oportunidades, desde o inicio en 2008 destas campañas anuais para dar a coñecer as múltiples posibilidades e aspectos da biblioteca escolar.

Aquel primeiro «Biblioteca escolar, servidor central» do curso 2008/09 era xa unha declaración de intencións e falaba da biblioteca con vocación de servizo para o desenvolvemento dos diferentes programas e procesos de formación e de desenvolvemento curricular que se levan a cabo no centro. Viñeron despois outros lemas que foron matizando os diversos aspectos do modelo de biblioteca escolar que se estaba a propor desde a Consellería de Educación: a biblioteca como espazo de lectura, como «mundo» de oportunidades, como aceleradores de innovación; as bibliotecas «última xeración», lugares para ler ciencia, descubrir as matemáticas, explorar xeografías reais ou imaxinarias; territorio das artes, plataformas para aprender a pensar ou para aprender a mirar e descubrir as «poéticas diversas» presentes no mundo que nos rodea.

Pasados uns anos, a realidade social e educativa obriga a revisar as prácticas metodolóxicas e, tamén, os modelos de uso dos espazos, dos tempos, así como a cultura organizativa dos centros escolares, e neste contexto a biblioteca ofrece opcións que cómpre non desprezar.

Viveiro de proxectos, ideas e oportunidades de aprendizaxe

Cando falamos dunha biblioteca escolar adaptada aos tempos actuais, o modelo de biblioteca ten que ser aberto, flexible e dinámico, cunha gran capacidade de adecuación ás necesidades dos diferentes membros da comunidade educativa: unha biblioteca que se pode concibir como un gran «mundo de oportunidades» para a aprendizaxe académica e para a formación individual e social. Unha biblioteca configurada como un viveiro de ideas e prácticas activas e significativas, de proxectos de lectura e de investigación; tamén para a educación nos usos e hábitos elementais dunha sociedade democrática, como son o diálogo e o respecto polo outro ou a participación activa dos distintos sectores da comunidade educativa.

Desde a configuración da biblioteca nos seus aspectos físicos (metros cadrados dispoñibles, luminosidade, accesibilidade; tipoloxía e distribución do mobiliario; equipamentos imprescindibles e contido da colección; integración de recursos electrónicos e incorporación de laboratorios específicos como unha emisora de radio ou o «espazo creativo») ata os aspectos organizativos e as actividades e servizos ofertados, deben servir a ese principio inicial de ofrecer oportunidades de aprendizaxe diversas e con enfoque inclusivo, para atender debidamente a diversidade, tamén, das persoas en toda a súa amplitude e circunstancia (alumnado, profesorado, familias; alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, alumnado con diversidade funcional, inmigrantes, alumnado de altas capacidades ou integrantes de etnias minorizadas, alumnado chegado recentemente á lingua vehicular do centro etc.).

A evolución do modelo de biblioteca proposto hai máis dunha década, ao amparo do manifesto de IFLA/UNESCO sobre a biblioteca escolar, publicado en 1999, que recoñecía xa entón a necesidade de crear recantos diferenciados para a lectura individual (formal e informal), o traballo de investigación en pequeno ou gran grupo ou o equipamento necesario para garantir o acceso á información, foi dando cabida a novos servizos e renovadas posibilidades de formación para o alumnado, pero tamén a outras dinámicas de uso dos recursos educativos para o equipo docente no seu labor de formación nos distintos aspectos que lle corresponden, desde os simplemente instrutivos ata os valores éticos, pasando por unha amplitude de situacións que debe deseñar para facilitar o desenvolvemento de competencias complexas integradas no currículo actual.

Cara un «centro creativo de aprendizaxes»

É neste contexto actual de alfabetización múltiple e de modelo evolucionado no que se deseña, no ano 2016, unha iniciativa, destinada a introducir nas bibliotecas escolares galegas unha nova linguaxe (a linguaxe de programación), que impulsa a utilización de pequenos robots e outros medios propios da cultura maker en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, o razoamento lóxico, a creatividade, o traballo colaborativo, a investigación, a aprendizaxe manipulativa e o xogo. O proxecto Escornabots na biblioteca escolar nace así cun obxectivo claro: o de ampliar a presenza de distintas linguaxes nas propostas da biblioteca escolar, pero, sobre todo, o de abrir portas e xanelas desta biblioteca a outras posibilidades, permitindo que fosen os propios centros, con pequenos estímulos e orientacións, os que reflexionasen sobre esas outras oportunidades que xurdían coa incorporación da robótica á biblioteca. As reaccións de sorpresa e de crítica, nun primeiro momento, por parte de certo sector de axentes educativos non facían senón poñer de manifesto a distancia entre o profesorado usuario de formación en materia de bibliotecas escolares e outros sectores, que manteñen un concepto do que vén a ser unha biblioteca bastante restrinxido a temas de lectura e pouco máis.

Unha das consecuencias máis interesantes da incorporación de pequenos robots ás bibliotecas dos primeiros 20 centros de infantil e primaria integrados neste programa no curso 2016/17 foi a apertura, practicamente natural, de espazos maker nas súas bibliotecas, ao buscar a maneira de organizar un recanto para montar os robots e xogar con eles, aos que lles foron atopando moi variadas aplicacións pedagóxicas (desde a propia montaxe, a descrición das pezas, o achegamento ao mundo dos robots na actualidade ou a utilización dos pequenos escornabots para diversas aprendizaxes a través do xogo de manipulación: percepción espacial, educación viaria, linguaxe lóxica, uso de planos e mapas, uso de cadros de dobre entrada para relacionar imaxes ou conceptos diversos, circuítos etc.).

Aos pequenos robots e todos os xogos relacionados uníronse pronto outros materiais como pezas de construción e diverso material de reciclaxe para o deseño de circuítos, por exemplo, co que empezaron a diversificarse as posibilidades do espazo maker. Un centro de infantil que levaba un ano de adianto, a título individual, e profesores participantes do proxecto Escornabot (1) (un proxecto de ámbito galego, integrado en Bricolabs, unha asociación de fomento de investigación en tecnoloxías libres, que desenvolven un traballo aberto á comunidade, con participación de deseñadores e creadores de software, entre outros) foron o apoio formativo para o avance do programa.

No curso 2017/18 o proxecto Escornabots na biblioteca escolar tivo continuidade coa incorporación de 20 novos centros. Aquelas bibliotecas que estaban por segundo ano no programa recibiron medios para a impresión 3D, de forma que en todos eles (16 centros de segundo ano) o espazo maker viu ampliadas as súas posibilidades. Á pregunta comunmente formulada de que fai unha impresora 3D nunha biblioteca escolar, pódese responder con esta cita:

Trátase de proporcionar acceso ao proceso de crear; é a idea de avanzar cara a unha cultura de lectura/escritura na que a xente crea cultura en lugar de só consumila. (Gutsche, 2012) (2)

En 2018 o proxecto inicial muda de nome para responder á nova realidade das bibliotecas implicadas e pasa a denominarse Biblioteca creativa, no que participan no curso 2018/19 un total de 55 centros de ensino infantil e primario distribuídos por toda Galicia, fundamentalmente en concellos de ámbito rural.

As instrucións de comezos do curso 2018/19 (3), da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (responsable do programa de Bibliotecas Escolares no seu conxunto), sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar apoian de forma explícita unha nova configuración da biblioteca como «centro creativo das aprendizaxes» e concretan en relación coa distribución dos espazos:

O espazo da biblioteca deberá organizarse en función das prácticas que interesa incentivar. En lugar de dedicar todo o espazo dispoñible a postos de lectura individual, deberá distribuírse o mobiliario de forma que favoreza a circulación das persoas usuarias, así como actividades individuais e grupais de lectura (formal e informal), consulta, participación, expresión, investigación, manipulación..., ampliando as posibilidades da biblioteca cara a unha factoría ou laboratorio creativo de aprendizaxes no que o diálogo e a comunicación son imprescindibles.

En virtude da planificación en materia de bibliotecas escolares desta comunidade autónoma (4) puxéronse en marcha en 2017 outros programas como Radio na biblio, que vai dirixido á creación de laboratorios de radio vinculados á biblioteca escolar e que inciden nese modelo de biblioteca como factoría ou laboratorio de aprendizaxes. No curso 2018/19 participan deste programa un total de 50 centros públicos dos distintos niveis non universitarios, vinte deles por segundo ano consecutivo, con emisoras vinculadas á biblioteca escolar xa a pleno rendemento.

En canto á nomenclatura para estes novos espazos, desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares estase a optar polo «espazo creativo», aínda que en lingua galega existen termos moi expresivos polos que optaron xa algúns centros como o «espazo fedelleiro» ou o recanto «feito con xeito» por poñer algún exemplo (en Portugal optaron por «espazos facedores» nunha tradución literal do inglés).

Sobre os espazos

Neste aspecto (coma en todos os restantes) convén ter en conta a tipoloxía do centro desde o que se quere realizar unha intervención para a configuración dun recanto creativo na biblioteca escolar. En xeral, a superficie dedicada a biblioteca nos centros públicos (e nos privados) é moi escasa e está regulada a través do Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro (5), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan os ensinos do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria. Este real decreto mellora o anterior, pero aínda así resulta ridículo para as actuais necesidades das bibliotecas dos centros: 45 metros cadrados mínimos para un centro de primaria e 75 metros cadrados para un centro que imparta ensino secundario obrigatorio ou bacharelato. Nos centros públicos de nova construción son as unidades técnicas das delegacións provinciais en materia de educación (en Galicia, as xefaturas territoriais) de cada Administración autonómica as que deciden a superficie da biblioteca, pero é moi común que se fixen os mínimos como norma. En calquera caso, se se quere actuar en materia de renovación da biblioteca escolar, este é un aspecto crucial e cada equipo docente deberá buscar alternativas na distribución dos espazos do centro se o que está asignado para a biblioteca é insuficiente para cubrir as necesidades que se observan. Desde a práctica, faise evidente que unha biblioteca, canto maior é o uso que se fai dela, máis superficie demanda. E para poder pensar nunha distribución mínima de espazos para funcións diferentes debe contarse cun mínimo do dobre de superficie marcada pola normativa citada. De calquera forma, o tema do espazo para unha biblioteca actual choca coa vella concepción da biblioteca como lugar de estudo e de silencio, aínda moi presentes nos claustros, especialmente de secundaria e bacharelato.

Pódense buscar espazos alternativos no propio centro, pero a solución está (cando isto é posible) na retirada de tabiques medianeiros entre dúas aulas ou entre a biblioteca e a aula contigua ou (moito máis práctico) na apertura dun «oco» amplo para a comunicación entre dous espazos contiguos que sumen superficie suficiente para poder pensar en recantos diferenciados dentro da biblioteca. Como mínimo, debería pensarse na distribución de espazos coas seguintes funcións:

• Xestión e préstamo

• Lectura informal

• Lectura individual e en pequeno grupo

• Traballo en gran grupo

• Recuncho informático (que pode estar centrado nun recanto ou distribuírse por distintos lugares da biblioteca, en función de cada tipo de equipamento: computadores de mesa, portátiles, tabletas etc.)

• Espazo creativo ou espazo maker

• Laboratorio de radio 

• Recuncho audiovisual (para un uso autónomo)

• Espazo de creación audiovisual (gravación e edición de vídeo e fotografía)

• Zona de videoxogos, xogos de mesa e outros 

• Outros (exposición de novidades, información, comunicación de experiencias, espazo de desconexión, aula de estudo, espazo multisensorial...)

Os catro primeiros espazos son posibles en superficies pequenas, pero se se queren ampliar as posibilidades e os servizos da biblioteca é imprescindible contar con metros cadrados suficientes. Convén, ademais, pensar na superficie para a circulación fluída das persoas usuarias, co que a cuestión pode chegar a complicarse se só se conta coa superficie marcada pola normativa vixente. Algunhas bibliotecas gañan espazo anexionándose (colonizando) zonas próximas como corredores, cando son amplos, ou recunchos sen uso nas zonas comúns ou de paso. As entradas dalgúns centros educativos facilitan tamén algunhas zonas que poden ser gañadas para a biblioteca para «recuncho de familias lectoras» ou recunchos de lectura informal, «agora» para lecturas públicas, presentacións ou recitais, exposicións da biblioteca ou outros. Outra opción é utilizar pequenas salas (como, por exemplo, titorías) para laboratorios concretos, como o de radio ou o de creación audiovisual, vinculándoas a través dunha cor, un logo ou unha sinalización adecuada, que lembre que forma parte da biblioteca. Isto mesmo podería dicirse das vellas «aulas de informática», sempre a piques de desaparecer e aínda sen alternativa en moitos centros.

En xeral, debe coidarse que sexa un lugar «amigable», distinto ao das aulas (no senso de ter unha caracterización propia), luminoso, confortable e, especialmente nos centros de infantil e primaria, que teña o chan de madeira ou doutro material cálido e de fácil limpeza. En lugar de optar por ambientacións cargadas e permanentes (murais con «debuxos infantís» e cuestións dese tipo), mellor optar por unha man de pintura de cores alegres e mesmo impactantes, xenerosamente motivadores e enerxéticos. Obviamente, deberá haber suficiente número de puntos de conexión eléctrica e de acceso a Internet, dispostos estratexicamente por toda a sala. Para facilitar o uso de equipos informáticos portátiles deberá contar cunha conexión wifi minimamente aceptable.

Cando é posible, entón, montar un «espazo creativo», convén separalo da zona destinada á lectura individual ou ao traballo en grupo. A relación entre a superficie dispoñible e os obxectivos que poida cubrir este espazo maker deberá estar ben equilibrada desde un principio. Porque o primeiro de todo é ter claro, desde o equipo de biblioteca (ou o equipo docente no seu conxunto), para que se quere o espazo creativo. Que tipo de actividades van facilitar coa súa creación, se o alumnado vai facer un uso autónomo dos recursos, se a súa utilización vai ser sempre en grupos guiados por un profesor nunha disciplina determinada ou se se vai posibilitar un uso mixto por parte das persoas integrantes da comunidade educativa. En xeral, non debería confundirse o espazo maker coa aula de Tecnoloxía (en secundaria) ou coa aula de Educación Plástica (en primaria). Unha vez claros os obxectivos, o espazo creativo deberá responder á imaxinación, para empezar, do equipo de biblioteca, logo de oír o claustro e (o que sería recomendable) o resto de sectores da comunidade educativa: alumnado, familias, persoal non docente. E sempre, como a propia biblioteca no seu conxunto, deberá responder, de igual forma, aos obxectivos do proxecto educativo de centro.

Sobre o mobiliario e os equipamentos

En xeral, o mobiliario destinado á biblioteca escolar ha de estar adaptado á idade e características físicas do alumnado, fundamentalmente, aínda que hai que ter en conta que serán usuarios desta outras persoas como profesorado ou familias. A variedade, a versatilidade e a posibilidade de transformarse ou moverse de lugar dentro da sala da biblioteca serán imprescindibles. Obviamente, deben terse en conta aspectos de seguridade e de resistencia, pero sempre ha de fuxirse de solucións estáticas ou permanentes (exceptuando, quizais, o mobiliario para a xestión e o préstamo).

En relación co indicador tradicional de «postos de lectura» haberá que pensar en que a biblioteca non é xa soamente un espazo para a lectura individual, polo que non se debería ter en conta como indicador de calidade nin debe cubrirse toda a superficie da biblioteca con este tipo de mobiliario. Si ha de terse en conta que na sala poidan estar ao mesmo tempo todo o alumnado dun grupo-clase e para iso deberá adaptarse ás características de cada centro. Pero dan moi bos resultados os mobiliarios mixtos, con mesas e cadeiras por unha banda, combinados con asentos de tipo butaca ao redor dunha pequena mesa que poida servir para apoio de materiais ou pequenos equipos, e que se poidan mover facilmente. Tamén resultan de interese as mesas pregables (pero resistentes) e as cadeiras amoreables, que poidan utilizarse en caso de necesidade. Para o espazo de lectura informal, convén ter en conta que non estamos a falar do «espazo de infantil» senón dun recuncho habilitado con mobiliario cómodo no que poder facer lecturas individuais ou compartidas, faladoiros, traballos colaborativos etc.

Para o «espazo creativo», os centros educativos galegos están a atopar diversas solucións útiles. Desde un mesado pegado a unha parede, con tallos, aproveitando a fronte desa parede para andeis nos que colocar materiais diversos debidamente clasificados, ou simplemente unha cobertura de lousa ou outro material de fácil limpeza na que poder escribir ou deseñar, xunto con outro mobiliario complementario de carácter móbil que facilite tamén o traballo de pé (ou sentados) con materiais de construción ou outros. O recuncho destinado ao «espazo creativo» debe ser o máis amplo posible e permitir a mobilidade das persoas usuarias tendo en conta que poden traballar de forma moi cómoda, segundo con que materiais, tamén no propio chan. Este recuncho debe contar con suficiente mobiliario de almacenaxe que facilite a clasificación dos materiais, convenientemente rotulados.

En canto ao equipamento da biblioteca, deberá contar cos equipos informáticos que se consideren necesarios e en función dos orzamentos dispoñibles. O equipo de xestión ha de ser un computador de escritorio, con potencia e capacidade de almacenamento suficiente, e para o alumnado debe haber un número aceptable de equipos conectados a Internet. Cada vez son máis útiles os equipos portátiles e as tabletas fronte a outro tipo de equipos que ocupan moito espazo, excepto para o recuncho de creación audiovisual que tamén debe ter suficientes prestacións. Todos os recantos creados na biblioteca deben contar co equipamento específico necesario.

Entre outras posibilidades, habería que pensar neste tipo de equipamentos para incentivar a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de traballo colaborativo (é unha listaxe ampla para ver as distintas posibilidades, e non é exhaustiva):

• Monitores multitouch de ampla superficie, que permitan entre 6 e 10 toques simultáneos

• Proxector interactivo táctil de distancia ultracurta compatible con 2 lapis interactivos e resolución panorámica.

• Tableta con wifi (funda incorporada que se poida converter nun soporte para ler, escribir ou ver vídeos)

• App croma verde

• App que ofrece xestos multitouch para montar/crear vídeos. Posibilidade compartición en liña

• Fondo fotográfico croma verde 3 m x 3 m (con soportes)

• Fondo fotográfico pregable reversible con lingüeta para colgar 1,5 m x 2 m

• Portátil dun mínimo de 15 polgadas, suficiente potencia e capacidade de almacenamento, con wifi 

• Computadores de escritorio, o máis actualizados posibles (incluída pantalla, teclado, rato e cables)

• Software para edición de fotografía e vídeo; tamén para autoedición

• Cámara dixital de vídeo (que contemple o formato 4 K)

• Cámaras fotográficas compactas; cámara réflex 

• Trípode con mando a distancia

• Gravadora dixital portátil

• Micrófono de cana con pé de micro, extensión de cable e cable directo a cámara

• Micrófono de cana profesional (soamente o micro)

• Equipo megafonía portátil con posibilidade USB (1 altofalante) ou equipo megafonía 2 altofalantes con posibilidade USB

• Set 2 pés de altofalante e 2 cables de altofalante (10 m)

• Equipo videoconferencia 

• Auriculares (para audio e vídeo)

• Equipo para videoxogos

• Atril

Centrándonos no espazo maker, o equipamento pode ser moi diverso e en función de todas as variables das que xa se falou (orzamento e espazo dispoñible, obxectivos do centro e obxectivos específicos para o espazo creativo). A modo de exemplo relaciónase unha listaxe de equipos posibles (ampliable en función dos obxectivos e da imaxinación de todos e cada un dos participantes nesta aventura que se vai construíndo paso a paso):

• Pezas construción variadas, ladrillos de madeira e cartón; mecanos; pezas de engrenaxes etc. 

• Xogos de pezas tipo Lego; mural ou mesa para pezas Lego 

• Globo terráqueo e mapas

• Lupas e microscopios

• Cubos Rubik; xogos matemáticos e de habilidade

• Xogos de mesa: de estratexia e outros

• Banco de carpintería con materiais e equipos adecuados á idade do alumnado usuario

• Xogo de ferramentas para montaxe e desmontaxe, adecuado tamén segundo a idade do alumnado

• Material de xardinería 

• Robots e material complementario para a súa construción ou mellora

• Equipo para programación-impresión 3D

• Software para edición de audio e vídeo

• Equipamento para emisora de radio (6)

• Material para expresión plástica

• Materiais diversos para a elaboración de proxectos de creación (botóns, fíos, las, teas, cordas, madeiras de diverso tamaño e grosor, tubos e caixas de cartón e unha infinidade de materiais reciclables)

• Pequenos electrodomésticos ou aparellos diversos avariados para desmontar (desde reloxos a muíños de café, pasando por todo aquilo que se considere útil para os obxectivos marcados e que se poida ter convenientemente almacenado e etiquetado, con atención á seguridade do alumnado)

• Máquina de coser e outros para un recuncho de costura e calceta (de interese para traballar temas de igualdade e loitar contra estereotipos de xénero)

• Instrumentos musicais

• Expositores modulares

• Pistola de silicona

• Mesa de luz

• Máquina para facer chapas

• Equipo de plastificación

• E tamén bicicletas estáticas adaptadas-elípticas (con soporte para a lectura), balóns de pilates, coxíns e outros elementos para relaxación

No caso de incorporar unha impresora 3D, esta debe estar situada nun lugar fixo (para evitar problemas de calibrado) e, se fose un modelo cos laterais abertos, convén situala nun espazo controlable polos adultos, para os efectos de seguridade.

Sobre a colección

A colección da biblioteca escolar debe responder a este modelo de ampla perspectiva, atendendo a todos os ámbitos do coñecemento e a todas as áreas de aprendizaxe, dunha forma equilibrada que garanta pluralidade, diversidade, pertinencia e un número suficiente de recursos relevantes e actualizados para todas as áreas e materias e para a diversidade de persoas usuarias da biblioteca escolar. Cada día faise máis importante contar con materiais para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, material de lectura fácil entre outros (materiais en sistemas alternativos de comunicación, por exemplo). Así debe contarse con recursos en distintos soportes e formatos para alumnado con dificultades cognitivas ou con escaso coñecemento do idioma vehicular, recoñecendo ao alumnado inmigrante cun mínimo de materiais na súa lingua de orixe. (7)

É importante que os materiais en soporte impreso estean presentes na biblioteca escolar, ben seleccionados e actualizados, e que haxa unha mínima selección de recursos electrónicos, actualizada, en función dos temas tratados nos contidos curriculares e nos proxectos de carácter interdisciplinario nos que se poida embarcar o centro cada curso escolar.

Cando a biblioteca conta cun espazo maker no que se incentiva a creatividade e a elaboración de proxectos diversos, debe contar tamén con documentos que acheguen inspiración como libros de experimentos, de inventos, de tecnoloxía e outros (desde land art a arquitectura, pintura ou robótica, por exemplo, en toda a variedade posible). E é importante que estes recursos estean próximos ao recuncho destinado para este fin.

Un bo exemplo disto podémolo atopar no blog da biblioteca do CEIP Virxe do Carme, de Sober (Lugo), que recolle unha bibliografía relacionada co seu espazo creativo, ao que lle chaman «Queres argallar?» (8)

Sobre a organización

O aspecto fundamental para que o espazo creativo teña éxito non está na abundancia dos recursos nin dos equipos senón fundamentalmente na organización dos tempos e dos usos deste recuncho da biblioteca por parte dos distintos sectores da comunidade educativa. 

Como principio xeral, o equipo da biblioteca debe organizar un calendario de uso semanal dos recursos e reservar tempos para o préstamo e a utilización da biblioteca polos grupos-clase en centros de infantil e primaria, e por aqueles departamentos que así o soliciten, nestes e outros niveis educativos para traballos de procura de información, de investigación, de lectura compartida ou outros. Ademais, deberase acordar o uso do espazo maker (e doutros recunchos específicos) en función dos obxectivos, como xa se dixo anteriormente. Dependendo da superficie da biblioteca, esta poderá albergar actividades simultáneas de distinto tipo e por parte de distintos grupos, pero se isto non fose posible, o calendario de uso e as condicións para a reserva dos espazos nos tempos dispoñibles deberá organizarse escrupulosamente para evitar situacións confusas para o alumnado.

Tamén deberán organizarse os usos nos tempos de recreo e fóra do horario lectivo, de forma que o alumnado poida levar a cabo libremente os seus proxectos creativos e utilizar os recursos da biblioteca en función dos seus intereses, individualmente ou en pequenos grupos autónomos. Esta organización velará fundamentalmente pola seguridade do alumnado, canto menor sexa a súa idade, e polo equilibrio no uso da biblioteca como espazo para a aprendizaxe, a lectura, a información, a expresión artística e a creación tecnolóxica. Tamén deberá terse en conta a posible utilización destes recursos por parte dos adultos da comunidade escolar en tempos non lectivos.

En bibliotecas escolares que contan xa con este espazo creativo os recreos adoitan ser tempos complexos de organizar, pois é moita a demanda e escaso o número de profesores dispoñibles para atendela ou ben a propia biblioteca queda pequena para tanta actividade simultánea. Neste caso sempre é recomendable organizar quendas de uso durante a semana para distintos niveis e mesmo existen experiencias de uso do espazo maker para distintas actividades en función dos días da semana. Será o equipo docente o que, en función das circunstancias de cada centro (e se é posible en consenso co alumnado), tome as decisións que permitan un uso adecuado destes recursos. A existencia dun equipo de alumnado voluntario facilita a organización e supervisión dos usos do espazo creativo no tempo de lecer, segundo se observa en varias bibliotecas galegas.

Requisitos imprescindibles: enfoque participativo, traballo colaborativo, obxectivos educativos

Esta epígrafe explica por si soa a razón de ser dun espazo maker na biblioteca escolar e só configurado baixo esta perspectiva pode ter sentido a súa organización.

Como xa se indicou, antes de poñerse á tarefa, deben quedar claros os obxectivos que vai cubrir ou que vai contribuír a conseguir, sempre en función do proxecto educativo do centro e dos programas e proxectos que anualmente se consideren prioritarios.

Por poñer un exemplo común: se un centro decide que unha das necesidades do seu alumnado é a mellora da expresión oral, unha das funcións da biblioteca e do espazo maker será a de facilitar unha plataforma para a comunicación oral dos proxectos que se xeren, realizando presentacións duns alumnos para outros ou para as familias, ou a través de producións audiovisuais que máis tarde terán difusión, previamente autorizada no caso dos menores, a través dos espazos web do centro. Neste caso en concreto, a incorporación dun laboratorio de radio faise case imprescindible e pode dar excelentes resultados.

Outro aspecto que se debe considerar é o enfoque participativo, desde a propia «construción» do espazo creativo (9) á configuración deste en función dos intereses do alumnado e da comunidade educativa no seu conxunto, pasando pola distribución dos materiais, ferramentas e equipos ou a fixación dun calendario de uso. Desta maneira, ademais de aprender a pensar solucións, realizar propostas, escoitar opinións doutros ou tomar decisións de forma colaborativa, o alumnado sentirase protagonista e contribuirá ao coidado e mantemento de equipos e materiais.

Se a algo pode contribuír o espazo creativo, ademais de estimular a imaxinación e a creatividade do alumnado e das persoas usuarias, é a desenvolver habilidades de traballo colaborativo, non só entre os mozos e mozas, tamén entre estes e os adultos da comunidade educativa, nun intercambio xeracional que só pode producir bos resultados de convivencia, como mínimo.

A organización de xornadas maker ou xornadas creativas, nas que os distintos membros da comunidade escolar participan en proxectos de construción ou arranxo de obxectos, por exemplo, é unha fantástica oportunidade para a creación de lazos de convivencia, respecto e intercambio de experiencias e coñecementos entre mozos e maiores.

Desde o equipo docente pódese incentivar a elaboración de proxectos en grupos colaborativos, que poden mesmo estar formados por alumnado de distintos niveis educativos, e facilitarlle a exposición dos traballos, unha vez realizados, ao resto do centro.

En calquera caso, ha de organizarse o uso dos recursos do espazo maker de tal maneira que estes poidan contribuír a unha formación activa do alumnado e á adquisición por parte deste de habilidades e destrezas, simples ou máis complexas, que axuden ao desenvolvemento de competencias clave establecidas no currículo ou simplemente necesarias para a vida.

Propostas de uso. Comunidade educativa

A experiencia das bibliotecas escolares galegas, especialmente en centros de ensino infantil e primario, confirma que, cando se teñen claras as funcións da biblioteca e o equipo que coida da súa xestión e funcionamento está plenamente conectado coas necesidades de todas as súas persoas usuarias, se pode avanzar sen demasiados contratempos. É verdade que os recursos materiais son importantes, pero sobre todo o factor humano é esencial. Ademais do equipo da biblioteca, pode contribuír á configuración do espazo maker, como xa quedou dito, o conxunto da comunidade educativa. Pero hai unha fase intermedia, e é a colaboración do grupo de alumnos e alumnas voluntarios da biblioteca. Este grupo, formado na organización mínima dos espazos e no uso dos recursos para poder axudar os seus compañeiros, é ás veces o mellor intermediario na utilización deste espazo creativo, principalmente nos recreos. Así, vemos algúns exemplos nos que son os voluntarios da biblioteca (un grupo formalmente constituído, presente nunha boa parte das bibliotecas escolares da nosa comunidade) os que ensinan os seus compañeiros como se xoga a un determinado xogo de mesa que acaba de chegar á biblioteca, como se monta ou se «programa» un escornabot ou como se utiliza a cámara de vídeo ou a emisora de radio para a realización de produtos audiovisuais.

Outro exemplo fantástico de implicación da comunidade educativa a través dos recursos da biblioteca, neste caso dos recursos vinculados á robótica e á impresión 3D, constitúeo a escola de educación infantil Barrionovo (Arteixo, A Coruña), na que o alumnado de infantil leva para a casa unha «mochila escornabótica» (10) por quendas rigorosas e son os propios alumnos os que lles ensinan ás súas familias en que consiste un escornabot, como se xoga con el e que tipo de xogos se poden inventar. Cada mochila leva un pequeno robot, uns planos de dobre entrada para xogar sobre eles e o compromiso de elaborar un novo plano de xogo que se sumará aos xa existentes na biblioteca.

Prácticas de interese sobre exemplos reais en bibliotecas escolares de Galicia

Nas páxinas anteriores xa se fixo mención dalgunhas boas prácticas de bibliotecas escolares galegas que foron incorporando un espazo creativo ao servizo das súas finalidades educativas e para beneficio de toda a comunidade escolar.

CEIP Pepe de Xan Baña (Santa Comba, A Coruña). Trátase dunha escola moi pequena con alumnado de infantil e primaria, situada nunha localidade de ámbito rural, no interior da provincia da Coruña, pero que conta cunha biblioteca moi activa na que nenos, nenas e profesorado construíron un espazo maker con moita precariedade de espazo, pero cunha grandísima actividade (nestes momentos a biblioteca foi ampliada, o que posibilita unha maior diversidade de recantos e de usos por parte do alumnado). A través do seu blog podemos asistir a distintos momentos: desde a creación do espazo maker ata as diversas fases de impresión 3D ou os retos STEM nos que a escola, e a biblioteca por descontado, están implicadas.

o Diversas actividades no recuncho maker:

o «Todos somos maker». Con este lema organizouse no centro unha xornada maker, cunha agrupación heteroxénea de alumnos de distintos niveis educativos que durante o día foron pasando por distintos talleres. Este vídeo resume moi ben o que alí aconteceu.

EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña). A biblioteca da Escola de Educación Infantil Barrionovo é a alma de toda a actividade que se leva a cabo no centro. De alí xorden os proxectos de carácter interdisciplinario que implican a todo o alumnado e o profesorado do centro para o desenvolvemento de habilidades e destrezas básicas e de todos os contidos curriculares, pero tamén implica as familias, no que chegou a ser unha das experiencias educativas de maior interese dos últimos anos no territorio galego. A arte é o alimento cotián deste alumnado e para o desenvolvemento da súa creatividade en todos os ámbitos da vida van dirixidos os esforzos do pequeno grupo de docentes que mantén todos os proxectos anuais. Pola súa traxectoria e polo espazo con que contaban, tras un acordo coa Consellería de Educación, foron incluídos no proxecto Centros LÍA.2, polo que recibiron axudas extra para a ampliación da biblioteca. Esta consta de dous espazos en distintas plantas, vinculados pola súa decoración e polas súas actividades. O espazo fedelleiro acolle todas as actividades de carácter creativo, manipulativo e de expresión artística e conta con equipamento rico e estimulante. A través do seu blog podemos coñecer a súa actividade. Nesta ligazón pódese acceder a un vídeo gravado na primavera de 2018, no que profesorado e as familias dan conta do que significa para a comunidade educativa o espazo creativo desta biblioteca

CEIP Virxe do Carme (Sober, Lugo). Sober é unha pequena localidade da provincia de Lugo, en plena Ribeira Sacra. Alí, a biblioteca é tamén o eixe central da actividade do colexio e implica a toda a comunidade educativa.

o Refírense ao seu espazo creativo co lema «Queres argallar?» e nestas entradas do blog podemos ver parte da súa actividade:

o Tamén crearon a súa emisora de radio que xa está a pleno rendemento:

CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra). Este centro público integrado imparte ensinos de primaria e de secundaria. A súa biblioteca ten unha ampla traxectoria como espazo creativo de aprendizaxes, pero cada ano amplía as oportunidades que lle ofrece ao alumnado.

o No curso 2017/18 abriron, nun espazo vinculado á biblioteca, un laboratorio científico, que inaugurou o xenetista Ángel Carracedo, pero que ten unha grande actividade cotiá, como podemos ver nesta ligazón

o Esta biblioteca forma parte do proxecto Escornabots e podemos ver algunhas das actividades nesta ligazón

o A biblioteca deste centro é un bo exemplo de biblioteca como espazo de aprendizaxes. Unha das actividades sistemáticas é a dos obradoiros, talleres de distinto contido que levan a cabo de forma periódica e nos que, por exemplo, unha alumna de secundaria lles imparte un taller de manga aos seus compañeiros. Pódense ver distintos exemplos nesta ligazón

o Un dos recunchos con máis éxito nesta biblioteca é o CMAL: Centro Médico de Atención Lectora, con varios anos de actividade

CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra). Este centro ten tamén unha longa traxectoria como centro creativo de aprendizaxes. Conta cun laboratorio de comunicación e está integrado no programa Biblioteca creativa e en Radio na biblio. É un centro habitual nos premios de edición de vídeos coa técnica de stop motion e levan a cabo un proxecto de carácter interdisciplinario todos os anos, cun gran traballo no ámbito audiovisual. 

o Divertido making off dunha das súas producións audiovisuais

o Algunhas actividades de robótica simple e impresión 3D:

o Actividades no laboratorio de comunicación

o Primeiros pasos na montaxe da emisora de radio na biblioteca

CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense). Esta biblioteca conta tamén cunha ampla traxectoria como centro de lectura, información e aprendizaxe e nestes dous últimos anos están a ampliar as oportunidades da súa biblioteca.

o Aquí vemos un exemplo dun pequeno proxecto maker explicado polo alumnado

CEIP Vilar de Barrio (Vilar de Barrio, Ourense). Este pequeno colexio está tamén incluído no programa Biblioteca creativa e, a través del, dando os seus primeiros pasos na habilitación dun espazo maker

Algunhas achegas da biblioteca escolar ao movemento maker

Tras a breve experiencia que ata agora temos sobre esta materia no conxunto das bibliotecas escolares galegas, observamos algunhas achegas ao movemento maker desde este tipo de bibliotecas:

• O entusiasmo do alumnado ao poder contar con este equipamento e as posibilidades que ofrece fálanos da necesidade dos nenos e nenas por atoparse en espazos nos que poder crear e compartir proxectos, «inventos» e oportunidades de experimentación, de expresión, de xogo e de participación. Iso reforza a idea inicial que subxace ao movemento maker, a necesidade do ser humano de xuntarse con outros para construír e compartir coñecemento, a necesidade de facer as cousas por si mesmo e de forma creativa. 

• O espazo creativo non ten por que circunscribirse á maquinaria ou tecnoloxía punta; o analóxico tamén ten unha gran potencialidade de experimentación e de creación. A reciclaxe atopa no espazo maker da biblioteca un espazo privilexiado para infiltrarse na comunidade e impregnala coa súa filosofía e os seus obxectivos de sustentabilidade. 

• O espazo creativo é un lugar de apoderamento para nenas (e tamén para nenos con poucas habilidades de manipulación). Pódense facer moitas cousas moi diferentes, con distinto nivel de esixencia en canto a habilidades, é un lugar para experimentar e coñecerse. É un espazo para a educación en igualdade. 

• É importante dotar o espazo creativo de equipos e materiais suficientes, pero máis importante é organizar o seu uso e estimular mediante actividades concretas (concursos, mostras, xornadas, sesións específicas sobre algún material ou tipo de actividade, talleres de formación guiados por un monitor ou persoa experta…) a participación dos distintos membros da comunidade.

Cada biblioteca debe avanzar ao seu ritmo, dentro do seu contexto e das súas posibilidades, cara á súa evolución como centros creativos de aprendizaxe. O máis importante é ampliar a mirada e observar sempre as necesidades das persoas usuarias, as posibilidades que abre unha biblioteca así configurada para mellorar a educación do alumnado do centro e para a mellora da interacción entre os distintos sectores da comunidade educativa. A biblioteca baseará sempre a súa actividade sobre a lectura e a cultura escrita e audiovisual permitindo, ao tempo, a expresión, a exploración, a creatividade, a participación, a construción do coñecemento de forma compartida de todos os membros desa comunidade de aprendizaxe que finalmente debera ser calquera centro educativo.

 

 

Bibliografía: 

 

 

 

[1]Proxecto Escornabot: http://escornabot.com/web/es

[2]Recollida de Bibliotecas públicas e impresoras 3D: o debate está servido. De Maite Comalat-Navarra. No profesional da información (2015)

[3]Accesible en https://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/1133

[4]Plan LIA de bibliotecas escolares 2016-2020. Accesible en http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/965

[5]Accesible en https://www.boe.es/boe/dias/2010/03/12/pdfs/BOE-A-2010-4132.pdf

[6]Para consultar este tipo de equipamento específico, recoméndase visitar o espazo de «recursos» do programa Radio na biblio: http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=category/24/105

[7]Véxase a selección de materiais: Lectura e diversidade en https://www.pinterest.es/bescolaresgal/lectura-e-diversidade/, Por unha biblioteca inclusiva en https://www.pinterest.es/bescolaresgal/por-unha-biblioteca-inclusiva/  e Recursos para inclusión en http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redebe/mod/resource/view.php?inpopup=true &ide=2196

[8]http://bibliotecavirxedocarme.blogspot.com/search/label/escornabots%20%28bibliograf%C3%Ada%29]

[9]Un bo exemplo diso é o CEIP Pepe de Xan Baña, de Santa Comba (A Coruña), no que o alumnado colaborou na preparación do pequeno espazo maker na súa biblioteca: http://abibliodefuco.blogspot.com/2017/01/montamos-ou-moble-do-recanto-maker.html

[10]http://bibliobn.blogspot.com/2016/11/mochilas-viaxeiras-comeza-okupacion.html

Sección: