Espazos creativos nas bibliotecas... Por que e para que? A súa necesidade nun centro rural

O artigo intenta facer unha análise de como a escola debería darlles resposta aos novos retos da era tecnolóxica, fundamentando ao tempo a pertinencia da evolución das bibliotecas escolares cara a espazos creativos de aprendizaxe e convivencia. Por outra banda, achega pinceladas do proceso de cambio da biblioteca do noso centro con esa idea como guía.

Alicia Nimo. Titora e coordinadora da biblioteca do centro
CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña (Santa Comba-A Coruña)
alicia_nl@edu.xunta.es

 

 

Moitos son os cambios que definen o tempo no que vivimos en canto ao que a nosa maneira de interactuar co mundo se refire.

Por un lado, observamos a democratización do acceso á información. E é certo que nun acceso tan amplo debemos ser moi críticos con todo aquilo que podemos atopar na Rede, pero tamén é certo que nunca antes tivemos, de xeito tan estendido a tanta poboación, a posibilidade de investigar ou atopar información sobre calquera tema que poida ser do noso interese de xeito tan inmediato a través de múltiples dispositivos.

Por outro, contamos cunha maior variedade de medios e canles polos que nos chega esa información, e dos formatos textuais que empregan. Non é o mesmo escribir un chío ca unha publicación de Facebook ou recibir/producir información moito máis visual en Instagram... e iso facendo só referencia aos textos empregados en tres das redes sociais de maior audiencia.

A aparición da linguaxe dixital e da robótica supón a ameaza da desaparición de multitude de postos de traballo á vez que aumentan os retos laborais no campo da programación. Tampouco nunca antes se tivera un acceso maior a crear comunidades de profesionais de igual ou diversa índole, pero cos mesmos intereses, e sen importar a súa localización. Vivimos un mundo hiperconectado e, grazas á Rede e a todos os recursos que esta pon á nosa disposición para tal fin, hoxe podemos colaborar con persoas nun mesmo proxecto coas que anos atrás sería impensable polo seu afastamento.

O nacemento do movemento DIY (Do it yourself, ‘faino ti mesmo’), movemento anticapitalista que busca a loita contra o consumismo e a creación propia daquilo que se precisa, no seu desenvolvemento tecnolóxico deu lugar á cultura maker, que gaña día a día máis adeptos xa non só polo carácter de protesta social senón pola personalización e adecuación total ao usuario dos produtos que se crean.

E a todos os aspectos anteriores, únese a impresión 3D, que vén para abrir un abano inmenso de posibilidades, xa que incluso é a primeira vez que unha máquina é quen de fabricarse a si mesma, é dicir, de reproducirse.

Por suposto, de xeito paralelo a eses cambios, observamos unha evolución no concepto de alfabetización. Comezamos falando de alfabetización informacional, que é aquel proceso, sempre inacabado, de aprendizaxe sobre o uso da información, desde a súa selección, pasando polo seu necesario contraste, reformulación etc.

Coa diversificación dos medios a través dos que nos chegaba a información, o concepto de alfabetización informacional evolucionou cara á alfabetización mediática xa que, ademais de saber tratar con ela, era preciso coñecer os medios, o seu funcionamento, a selección e tratamento que estes fan do que proxectan e os intereses que inflúen e dirixen tales accións.

Na nova era de proliferación da tecnoloxía, o concepto segue a ampliarse cara á multialfabetización, que é o dominio das distintas formas de alfabetismos precisos para acceder, interpretar, criticar e participar nas novas formas emerxentes de comunicación da nosa sociedade. A multialfabetización implica, polo tanto, dominio lectoescritor, multimedia, audiovisual e dixital.

Estes son algúns dos cambios que definen a era tecnolóxica na que nos atopamos e as escolas deben presentarse permeables ante eles para aventurarse a educar e preparar cidadáns para retos futuros, que nin sequera sabemos se serán estes, pero que probablemente estarán vinculados a competencias que podemos desenvolver atendendo aos presentes. 

Polo tanto, os novos retos da escola pasan polo fomento da creatividade no máis amplo sentido da palabra. A ciencia avanza a pasos axigantados e a creatividade é necesaria para reinventar a realidade do futuro.

Por suposto, é necesario darlle ferramentas ao alumnado para avanzar en procesos de multialfabetización e que estes se leven a cabo tendo en conta os multisoportes tanto de achegamento a contido coma para a súa produción.

O traballo en grupo, cooperativo e colaborativo, faise imperativo e é preciso ensinarlle ao alumnado a traballar con eses novos contextos xa que, como dixo Javier Pérez Iglesias nas IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, «A persoa máis intelixente non é unha persoa senón a colaboración de todas as que conviven nun espazo», sexa este físico ou virtual.

Por último, debemos trasladarlle ao noso alumnado que todo ese poder está nas súas mans e que é a súa responsabilidade empregalo do mellor xeito posible, apoderándoos cara a unha sociedade máis proactiva.

O CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña atópase nunha zona rural da comarca do Xallas polo que, se todo o comentado ata o momento é importante trasladalo a calquera escola na súa función compensadora de desigualdades, máis o é nun contorno rural onde a dispoñibilidade destes recursos e ensinanzas na educación non formal, e o contacto con estas temáticas nos seus fogares, é practicamente inexistente.

Foi por este motivo que, da man dos proxectos piloto de Bibliotecas Escolares de Galicia proxecto Escornabots, na actualidade Bibliotecas creativas, e proxecto Radio na biblio, decidimos que a nosa biblioteca camiñase nesa dirección.

Foron varios os pasos dados. Primeiro chegaron os escornabots que xa desde un primeiro momento nos inspiraron para a creación dun espazo onde estes robots de hardware libre fosen unha ferramenta máis. Tras a formación do propio proxecto e a investigación sobre espazos, recursos e dinámicas, planificamos e puxemos en marcha o noso primeiro recanto maker.

Primeiro recanto maker na biblioteca do Pepe de Xan Baña

 

Uns meses despois, e grazas á continuidade neste proxecto, chegou ao noso centro unha impresora 3D e o acceso á formación pertinente. Esta impresora foi integrada tamén na biblioteca como parte do propio recanto maker, aínda que fisicamente foi imposible localizala no espazo dedicado a este pola imposibilidade dunha conexión eléctrica próxima a limitación de espazo.

Impresora 3D na biblioteca do centro

 

Coa introdución destes recursos entraron tamén no centro dinámicas de traballo e xogo distintas, que achegaban o alumnado a todos os obxectivos antes detallados. Obradoiros maker internivel, iniciación á programación, deseño de pezas 3D... Comezouse a detectar no alumnado unha familiaridade cada vez maior con estes recursos, denotada tanto pola seguridade no seu emprego coma pola adquisición de vocabulario específico do campo.

 Momentos de interacción libro cos materiais do recanto

 

Foi nese mesmo curso cando se puxo a andar tamén o proxecto Radio na biblio, que trouxo consigo novas dinámicas moi interesantes, pero que puxo de relevancia un problema que levabamos anos arrastrando, a falta de espazo na nosa biblioteca.

Tras unha nova investigación e análise de posibilidades, presentamos un proxecto de relocalización e ampliación da biblioteca, de tal xeito que puidese integrar de xeito efectivo e significativo todos aqueles espazos que o seu desenvolvemento estaba a demandar.

Plano do proxecto de relocalización e reforma da biblioteca escolar do centro

 

No presente curso, e despois dun intenso proceso, estreamos un espazo que se achega máis á utopía que perseguiamos. Un espazo no que conviven as diferentes linguaxes de xeito específico por zonas, pero tamén integrado, entrelazándose a través das distintas dinámicas que se levan a cabo neles. Un espazo que amplía moito as posibilidades de dotar de significado e función social os elementos prescritivos incluídos no currículo. E un espazo que ademais nos fai moito máis felices como comunidade escolar.

Espazos da nova biblioteca escolar do centro

 

 

Sección: