A biblioteca aumentada

Reflexión sobre o proxecto interdisciplinar levado a cabo no IES Aquis Celenis, coordinado pola biblioteca, coa finalidade de fomentar nas aulas de diferentes materias unha metodoloxía activa asociada ao manexo de ferramentas interactivas centradas na realidade aumentada.

Cristina María López Graça, crislg@edu.xunta.es
Ana Rial Aparicio, arial@edu.xunta.es
IES Aquis Celenis (Caldas de Reis-Pontevedra)
 

Non, este non é un artigo sobre reformas nos espazos de lectura. Este artigo trata sobre as novas tecnoloxías da comunicación, sobre aprendizaxe cooperativa, sobre dinamización da lectura, sobre proxectos interdisciplinares, sobre aprendizaxe-servizo, sobre normalización lingüística e sobre tratamento integrado de linguas. Por que se titula “A biblioteca aumentada”? Porque ese é o título do proxecto que no curso 2017/18 desenvolvemos no Aquis Celenis, coordinados desde a biblioteca, para implementar nas nosas aulas metodoloxías activas en varias materias e en cursos diferentes. Fixémolo traballando coa realidade aumentada e coa obra Os nenos da varíola de María Solar, e diso imos falar aquí.

Interior do libro

 

Na idea inicial estaba traballarmos a través da lectura dunha obra literaria, porque queriamos demostrar que a literatura non só é lecer ou un espazo reservado para as materias de lingua senón que tamén pode ofrecernos formación e a oportunidade para profundar en temas de historia, de bioloxía, de xeografía, de moral… das disciplinas todas, en definitiva, un ingrediente fundamental na formación persoal de cada alumno e alumna.

Animar a ler porque ler é pasalo ben e tamén é aprender 

Ademais queriamos tamén que o noso proxecto servise para promover entre o alumnado o uso da lingua galega pois, dada a situación de continua perda de falantes entre a mocidade, o pouco apoio e a escasa presenza que ten o galego nos medios de comunicación, pensamos que a escola (e a biblioteca escolar en particular) ten a obriga de ser un axente activo na dinamización da nosa lingua. Por isto non desaproveitamos nunca a oportunidade de que o galego sexa a lingua de referencia (sobre todo cando están implicadas as novas tecnoloxías da comunicación coas que tan cómodos se senten): tratamento integrado de linguas e plurilingüismo en estado puro: reforzar a competencia comunicativa noutras linguas (neste caso portugués e inglés) ao tempo que melloramos a competencia na propia e partindo sempre dos coñecementos do alumnado e da súa realidade.

Para isto, conscientes de que a cultura do audiovisual e as novas tecnoloxías da información e da comunicación teñen unha influencia absolutas entre o alumnado, quixemos aproveitar para motivalo a implicarse neste proxecto interdisciplinar no que, non vaiades pensar outra cousa, os profesores que participamos o que queriamos era traballar os contidos (os estándares ditosos, vaia!) que figuran nas programacións das nosas respectivas materias. Implicarse nun proxecto deste tipo non significa non atender o programa que temos que explicar, ao contrario, trátase de impartir os mesmos contidos (os contidos concretos que se seleccionen para traballar a través dese proxecto), pero mudando a metodoloxía para motivar o alumnado, impartindo a materia dun xeito innovador adaptado aos novos tempos, mais que non esquece o principal: fomentar a curiosidade e o interese de cada rapaz. A maioría do profesorado traballara xa nalgún momento do curso a través de pequenos proxectos na súa materia, o feito dese proxecto ser colectivo e interdisciplinar o que nos permite é optimizar recursos e aforrar tempo (no caso de que varios profesores realicen o proxecto no mesmo grupo) porque facilita a retroalimentación e, polo tanto, que o alumnado non conciba o coñecemento adquirido nas distintas materias como saberes que debe gardar en compartimentos estancos e entre os que non existe transferencia.

Elaborar mapas interactivos, editar vídeos, crear códigos QR, manexar o croma… en fin, actuar con ferramentas que permiten crear información é un fin para materias como TIC, forma parte dos contidos que o alumnado ten que adquirir nelas, pero nas outras materias é unha posibilidade ou, máis ben, unha estratexia docente na que o profesorado intentou ilusionar os participantes para que, cos coñecementos adquiridos en cada unha das materias implicadas no proxecto, puidesen recompoñer o quebracabezas dunha aprendizaxe integral. Para crear información a través das TIC non abonda con saber manexar as ferramentas informáticas precisas, primeiro hai que investigar sobre o que se quere contar, comprender os procesos e as súas causas, asimilar os conceptos e saber explicalos, organizar a información nos textos, coñecer e manexar os mecanismos precisos para unha correcta expresión escrita e/ou oral. En fin, traballar para mellorar as competencias en comunicación, en aprender a aprender, en ciencia e tecnoloxía… en todas e cada unha das competencias clave. E despois si, despois vén o resultado, o produto (o vídeo, o mapa…), onde realmente o alumnado demostra o que aprendeu e demostra tamén que foi unha aprendizaxe significativa porque sabe aplicar eses coñecementos. E é agora cando os profesores podemos avaliar as competencias porque comprobamos se o alumnado é competente (ou non), se aprendeu os contidos que estamos traballando pero, sobre todo, se é quen (ou non) de aplicar na súa vida real os contidos que aprendeu nas diferentes materias.

Ademais, á motivación que supón o emprego das novas tecnoloxías, hai que engadir a que supón o feito de ser avaliado pola elaboración dun produto fronte á avaliación a través de probas tradicionais, sobre todo se ese produto vai ser exposto ou se vai dar a coñecer publicamente porque a ninguén lle gusta quedar mal en público, e menos aos adolescentes, por moi desganados ou desleixados que aparenten. Ademais, no noso caso, os produtos que propuxemos tiñan como finalidade o enriquecemento dunha obra literaria para futuros lectores-usuarios da biblioteca (da do noso instituto pero tamén doutros), é dicir, optamos pola aprendizaxe-servizo: aprender axudando a outros.  Con isto o alumnado sente que o que fai transcende as aulas e lle vale a alguén, e iso mellora moito a súa autoestima e a vontade de facelo ben. O reforzo que supón ser o modelo, a intensidade que xera para eles sentirse valorados pola comunidade educativa e ser fonte de inspiración para futuros rapaces que vexan os seus proxectos e decidan continuar o seu labor pode supoñer o pulo necesario que algúns precisaban.

E como se leva a cabo nas aulas todo isto? Pois aí está a outra pata do banco: a aprendizaxe cooperativa. Traballar por proxectos é unha boa ocasión para pór en práctica estruturas de aprendizaxe cooperativa na que cada alumno ten o seu papel e onde a inhibición dos alumnos con máis dificultades non é posible; presentar cada equipo de traballo un único produto implica que necesariamente ten que haber por parte de todos e todas os integrantes de cada equipo implicación para conseguir que o alumnado que parte con máis dificultades consiga tamén lograr o obxectivo que se lle encomenda en cada actividade. Non queremos con isto dicir que a aprendizaxe cooperativa non se poida empregar nas aulas de tipo máis convencional, ao contrario, pero si que é certo que a propia idea de elaborar un produto conxunto parece que require un traballo en equipo.

Ben, pois ata aquí comentamos as orientacións metodolóxicas empregadas pero, chegados a este punto, igual conviña xa ir dicindo que foi o que fixemos. Se queredes oílo, neste vídeo teredes un pequeno petisco da receita celena.

Captura do vídeo ligada a youtube

 

Daquela, o noso obxecto de investigación foi a realidade aumentada (formámonos para aprendermos a usar diversas ferramentas e aplicacións), pero non só. A temática que se trata na obra Os nenos da varíola abríanos un amplo abano de posibilidades para a investigación. En primeiro lugar, o libro de María Solar era unha oportunidade para coñecermos unha parte da historia do pobo galego que permanece descoñecida para a maioría da sociedade e que tivo especial relevancia no desenvolvemento da medicina no ámbito mundial. O noso alumnado (e o profesorado tamén) descubriu aspectos da historia que non aparecen nos manuais: que desde orfanatos galegos, nenos e nenas (sen protección familiar) transportaron nos seus corpos a vacina da varíola a América, o papel tan significativo que desenvolveron algunhas mulleres como Isabel Zendal, a case nula consideración que se lle outorgaba á infancia en épocas pasadas… Pero, alén destes temas de interese xeral e de contidos interdisciplinares como o manexo de fontes de información (desde a consulta nos fondos da biblioteca ata o traballo de campo para a obtención de datos entre as familias), este proxecto tamén nos abriu as portas a que o alumnado realizase unha serie de investigacións sobre temas relacionados cos contidos curriculares particulares de distintas materias, pois é importante non esquecer que o noso obxectivo era traballarmos cos estándares específicos de cada unha das disciplinas implicadas neste proxecto. Así pois, grazas a este proxecto abordamos os seguintes aspectos dos nosos temarios: en Bioloxía de primeiro da ESO: as vacinas; en Física e Química de cuarto da ESO: a lactación materna; en Xeografía e Historia, tamén de cuarto: as fontes históricas, os eixes cronolóxicos e os mapas históricos; en Lingua Galega de segundo da ESO: os elementos do texto narrativo, os textos expositivos e certos elementos da lingua oral; en Lingua Portuguesa (cuarto da ESO) e Lingua Inglesa (segundo da ESO): a dicción nas respectivas linguas; en Música (terceiro da ESO): a transmisión de sensacións; en Tecnoloxía e TIC (primeiro de bach.): creación e edición de materiais audiovisuais; en Ética e Filosofía do Dereito (segundo de bach.): a Declaración universal dos dereitos humanos.

E a todo isto, cal foi o produto que se elaborou? Pois basicamente códigos QR. Se queredes ver como foi o proceso para decidir que iamos facer podedes ler o contiño Ficción aumentada, que se publicou na revista do noso centro (pp. 22-23). E se queredes ver a realidade que se esconde detrás dos códigos QR, desde aquí mesmo podedes facelo, só tendes que escanear estes que aquí vos deixamos e deste xeito teredes a oportunidade de descubrir o mesmo que van ver os lectores dos exemplares de Os nenos da varíola que se encontran na biblioteca do no noso centro:

Códigos QR

 

Se queredes ver o traballo enteiro coas correspondentes explicacións do proceso, podedes visitar o blog da nosa biblioteca, onde tedes a información completa.

Captura cabeceira do blog da biblio

 

Pero, realmente, cal foi o papel da biblioteca escolar en todo este proxecto? Grazas a este traballo, o espazo biblioteca cobrou vida como lugar físico de traballo, tanto para o alumnado coma para as reunións do profesorado; por suposto, o equipo de biblioteca puxo todos os medios para que isto fose así, pois é fundamental crear un ambiente de traballo agradable que atraia os usuarios.

En realidade, o papel da biblioteca foi múltiple pois, por un lado, fomentou que a lectura se constituíse como ingrediente fundamental na formación persoal do alumnado animando a ler para coñecer e descubrir mundos paralelos e diverxentes, que contribúen á capacidade crítica e a alentan; por outro, como coordinadora do proxecto, posibilitou o acceso á formación necesaria para que o profesorado que participou no proxecto coñecese as ferramentas da realidade aumentada e o seu manexo; ademais, colaborou activamente na aplicación das técnicas aprendidas para mellorar a atención que lle ofrecemos ao alumnado. 

Neste último sentido cabe destacar que este proxecto non rematou aquí, xa que o equipo da biblioteca implementou esta práctica de xerar códigos QR como incentivo en actividades organizadas para a animación á lectura e como medio de dar a coñecer os novos fondos bibliográficos (por exemplo, na revista do centro).

Panel creado para o concurso

 

Para rematar, queremos destacar a intención do equipo de biblioteca e do profesorado participante no proxecto de seguir xerando códigos QR asociados aos traballos de investigación do alumnado para continuar enriquecendo outras obras literarias. Deste xeito agardamos que esta realidade dunha biblioteca activa e dinámica que empezamos a crear siga medrando máis alá da realidade aumentada.

 

 

Sección: