Símbolos de Galicia: a bandeira, o escudo e o himno
Susana Rútolo Brantuas
CRA de Caldas de Reis (Pontevedra)*
surubrant@edu.xunta.es
* Durante a licenza, mestra de quinto de primaria no CEIP Amor Ruibal (Barro-Pontevedra).
Materia ou materias e cursos a que se dirixe
A secuencia didáctica e os ODE (obxectos dixitais educativos) independentes deste proxecto están orientados ao currículo de quinto de primaria na materia de Ciencias Sociais, aínda que tamén pode utilizarse en sexto e incluso en primeiro e segundo da ESO. Todos os contidos tratados contan con versión adaptada para a atención á diversidade enriquecidos con pictogramas. Os ODE sobre o himno galego teñen utilidade, ademais, na materia de Educación Musical.
A lingua da secuencia e ODE independentes será o galego, segundo dispón o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
Xustificación do proxecto
As TIC (tecnoloxías da información e a comunicación) e, de xeito máis concreto, as TAC (tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento) son unha excelente oportunidade para axudar a liberarnos dunha vez por todas da escravitude que supoñen os libros de texto. Son o complemento ideal para metodoloxías de traballo baseadas en filosofías máis abertas e construtivistas e para o traballo por proxectos, algo que nunca conseguiremos se seguimos apoiando a nosa ensinanza en solucións prefabricadas como son os CD comerciais, pensados para un alumnado estándar que non temos e para unha realidade completamente allea á nosa.
O obxectivo fundamental que persigo é complementar e incluso prescindir de cando en vez do papel a prol doutro tipo de soportes (neste caso o dixital) para o traballo en determinados temas e áreas. Neste caso está pensado para o quinto nivel de primaria na área de Ciencias Sociais e en forma de secuencia didáctica en soporte dixital.
Utilicei diferentes ferramentas de autor:
- EdiLIM (libros interactivos multimedia). Foi unha mágoa que nese momento a ferramenta só exportaba en flash e non en HTML 5 coma agora.
- Araword (dentro do Arasuite), para crear os textos cos pictogramas de Sergio Palao – Arasaac.
- Powerpoint, para crear animacións nas presentacións das diapositivas.
- Author Point, para pasar as animacións anteriores a formato Flash.
- E por último, ExeLearning, para maquetar os diferentes materiais do curso e integralos en dous contedores (un cos ODE do proxecto e outro cos tres ODE adaptados).
A pertinencia da temática que se vai tratar —Os símbolos de Galicia: a bandeira, o escudo e o himno— xustifícase en que os materiais de editoriais que chegan aos centros nunca entran nas peculiaridades e orixe histórica de como se consolidaron e chegaron a nós estes símbolos e sempre os tratan cun carácter homoxenizador en todo o Estado sen atender ás peculiaridades dun ou doutro territorio.
Relación co currículo
(Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia).
Esta secuencia (ou secuencias) está moi relacionada con todo o bloque 4 de Ciencias Sociais para quinto curso de primaria que leva por título «As pegadas do tempo» , así como algúns contidos do bloque 3 «Vivir en sociedade».
BLOQUE 3. Vivir en sociedade
BLOQUE 4. As pegadas do tempo
Tamén ten relación con temas do bloque de contidos comúns de Ciencias Sociais para este curso, como o B1.2. Busca e selección de información empregando as TIC e outras fontes (directas e indirectas), organización, análise, documentación do proceso (mediante uso dos cartafoles) e comunicación das conclusións, e o B1.3. Planificación e xestión de proxectos co fin de acadar obxectivos. Iniciativa emprendedora.
Obxectivos educativos en relación coa secuencia didáctica
- Aproximarse ao concepto de «símbolo».
- IIdentificar cales son os símbolos distintivos dun territorio.
- Coñecer a relación entre a evolución histórica dun pobo e os seus símbolos.
- Valorar e respectar os símbolos propios, así como os das demais comunidades do Estado ao que pertencemos.
Contidos que se traballarán en relación coa secuencia
- O himno de Galicia
- O escudo de Galicia
- A bandeira de Galicia
Competencias clave que traballaremos de xeito especial nesta SD
- Competencias sociais e cívicas (CSC), en especial na interacción con outras persoas e grupos de diferentes comunidades do Estado conforme normas baseadas no respecto mutuo e en conviccións democráticas.
- Conciencia e expresións culturais (CCEC), cunha actitude aberta e respectuosa ás diferentes manifestacións culturais e artísticas consideradas como gozo e parte da riqueza e patrimonio dos pobos.
- Comunicación lingüística (CCL): o alumno vai ser produtor e non só receptor de mensaxes e actuará con outros interlocutores a través de textos en múltiples formatos e soportes.
- Competencia dixital (CD): aplicando novos coñecementos, habilidades e actitudes necesarios para ser competentes nunha contorna dixital sempre desde unha posición responsable, creativa, crítica e respectuosa.
Metodoloxía de aplicación
Presentei este traballo en dous formatos:
- Como ODE independentes que poderemos integrar na nosa aula virtual (por exemplo, o LMS Moodle), no noso blog de aula, nun CMS como Drupal, no servidor de centro nunha aula Abalar ou E-Dixgal… ou executar directamente en local mediante o correspondente arquivo index.html. Para facilitar a comunicación cos estándares LMS, podemos editar cada un dos ODE coa ferramenta EdiLIM e exportalos como paquetes SCORM 1.2.
- Presentei igualmente toda a secuencia didáctica en dous paquetes nos que poderemos navegar e acceder aos diferentes contidos.
Polo tanto, cada docente poderá integrar este recurso no seu esquema de clase e evitar a permanente dependencia do «papel».
Sería conveniente usar estes recursos dixitais formando parte de metodoloxías activas de aprendizaxe (aprendizaxe baseada en proxectos, en retos, clase invertida ou flipped classroom, design thinking, gamificación…). O importante de verdade é que o alumnado sexa o protagonista da súa propia aprendizaxe e o noso traballo, á fin e ao cabo, sexa tan só como facilitador, un punto de partida ou un catalizador desta actividade.
Estratexias de atención á diversidade
O emprego de metodoloxías activas de aprendizaxe facilita a integración de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo mediante agrupamentos heteroxéneos e a valoración da diferenza. A temática que se trata facilita este tipo de traballo onde a curiosidade e observación serán calidades moi valoradas.
De cada unha das tres temáticas principais da secuencia realicei dous ODE: un coa totalidade do contido que se quere traballar e outro contido adaptado con menos texto e resaltando as principais ideas. Este segundo contido incluirá textos en pictogramas, pensados fundamentalmente para alumnado con trastornos do espectro autista.
Así mesmo, nos ODE coa totalidade do contido creados co EdiLIM e, polo tanto, baseados en Flash (unha tecnoloxía de por si non demasiado accesible), configurarei todas as posibilidades de accesibilidade que a ferramenta de autor me permite, como son: texto alternativo en todas as imaxes e vídeos para os nenos con discapacidade visual que utilicen lectores de pantallas como JAWS ou NVDA, posibilidade de activar skins con maior contraste para os botóns do libro, incluirei un botón para activar o FOCUS e poder manexar o libro tan só co cursor para alumnado con discapacidade motórica do tren superior, poñerei son en todas as páxinas para que o alumno poida acceder a cada un dos contidos en diferentes formatos (visual, auditivo…), incluirei texto alternativo avisando das páxinas que se abran nunha ventá nova…
Avaliación
Realizaremos o proceso avaliativo en tres momentos:
Unha avaliación inicial ou diagnóstica cando comecemos a aplicación desta secuencia didáctica, na cal os docentes e o propio alumnado deberemos determinar o grao de coñecementos sobre o tema co que contamos previamente, as falsas crenzas, prexuízos, as posibles eivas técnicas ou conceptuais para a realización do proxecto.
Avaliación continua de carácter formativo durante as sesións precisas, na que revisaremos como evoluciona o traballo, se se cumpren os obxectivos ou deben ser revisados ou rectificados.
Unha avaliación final ao remate da secuencia didáctica, a partir da cal extraeremos conclusións prácticas cara a posteriores temáticas que se traballen (se é efectivo este xeito de traballo, se funcionaron os agrupamentos, os espazos utilizados, os medios técnicos, como foi a motivación, se os resultados acadados se axustaron ou non ás expectativas…).
Atenderemos especialmente os seguintes criterios na avaliación:
- Grao de coñecemento acadado por parte do alumnado nos temas traballados.
- Grao de implicación do alumnado nas tarefas propostas (tanto individuais coma grupais).
- Incidencia do uso das TIC e das TAC na práctica docente.
- Atención aos intereses e motivacións do alumnado.
Instrumentos de avaliación
Aínda que os propios recursos teñen páxinas con actividades interactivas con autoavaliación e aínda que teñamos a posibilidade de rexistrar todos estes resultados se temos estes ODE subidos en formato SCORM dentro dunha aula virtual, esta interactividade non debería ser utilizada nunca como instrumento de avaliación e si como un reforzo e estímulo para o alumnado. Recomendo outro tipo de instrumentos, como son a realización dunha rúbrica na que cada grupo valore o seu progreso ao longo de toda a actividade.
Estrutura da secuencia didáctica
ODE1: A bandeira de Galicia
ODE2: A bandeira de Galicia (versión adaptada para a atención á diversidade e co complemento de texto en pictogramas)
ODE3: O escudo de Galicia
ODE4: O escudo de Galicia (versión adaptada para a atención á diversidade e co complemento de texto en pictogramas)
ODE5: O himno de Galicia
ODE6: O himno Galicia (versión adaptada para a atención á diversidade e co complemento de texto en pictogramas)
(Cada un dos seis ODE anteriores presentareinos en formato zip)
SD: Secuencia didáctica: Os símbolos de Galicia: a bandeira, o escudo e o himno. Esta secuencia didáctica está maquetada en ExeLearning e utilicei o estilo Platega.
SD: Secuencia didáctica adaptada: Os símbolos de Galicia: a bandeira, o escudo e o himno. Coas principais ideas do contido orixinal e con máis opción de accesibilidade.