CEIP Plurilingüe O Pombal (Vigo)
Daniel García Reigosa
Mestre especialista en Lingua Estranxeira
Após ascender a pequena rúa que remata no CEIP Plurilingüe O Pombal, unha persoa corrente que o visite inevitablemente collerá folgos polo esforzo e erguerá a vista. Verá un colexio formado por dous edificios rodeados de ducias de árbores, así como varios patios nos que xogan unha morea de rapaces e rapazas. Nesa primeira ollada, a persoa corrente pensará erroneamente que está nun centro de ensino tamén corrente, semellante a outros e sen nada particular. Pola contra, nada máis lonxe da realidade: O Pombal é un centro de ensino moi especial cunha amplísima historia de case sete décadas que este artigo pretende resumir e que xorde como unha homenaxe de quen isto escribe motivada polo profundo cariño ao colexio e ás persoas que alí traballan.
Lavadores, barrio obreiro
O Pombal está situado na cidade de Vigo, concretamente no barrio de Lavadores, un dos máis poboados de Vigo que, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, ten máis de 17 000 habitantes. Como o seu topónimo indica, o barrio era rico en auga e estaba ateigado de lavadoiros, fontes e muíños que aínda existen. Lavadores foi unha vila independente de carácter rural cunha forte actividade política e sindical que lle valeu o apelativo da «Rusia pequena» e foi un dos últimos bastións republicanos en renderse ás forzas franquistas na Guerra Civil. En 1941 foi anexionada ao concello de Vigo e desde aquela forma parte da maior urbe galega.
Actualmente Lavadores continúa sendo un barrio obreiro habitado por familias traballadoras e unha poboación inmigrante en continuo aumento. Conta coa área peonil do Calvario, que nunha extensión de máis de medio quilómetro ten unha grande actividade comercial na que salienta o mercado municipal e os pequenos comercios tradicionais que sobreviven ás grandes áreas comerciais coma aquela aldea gala que non se rendía aos romanos.
Alén diso, a zona é un fervedoiro cultural. Conta con dúas asociacións veciñais moi activas, importantes instalacións públicas como a marabillosa biblioteca Xosé Neira Vilas, a piscina e os pavillóns polideportivos, cun centro sociocultural e coa famosa e políglota Escola Oficial de Idiomas de Vigo. Parte integrante deste barrio activo e dinámico é o CEIP Plurilingüe O Pombal, que leva traballando a prol do ensino público desde a súa construción na metade do século pasado.
Setenta anos de historia
O Pombal foi construído por Antonio Cominges Tapias, un arquitecto vigués ben coñecido que construíu na cidade outros famosos colexios, edificios e igrexas como o Instituto Santa Irene, a sede social de Abanca, a igrexa de Fátima etc. O centro inaugurouse no ano 1949 coa denominación Colexio Nacional Mixto Pombal, malia que o sexo do alumnado era un criterio de discriminación como ditaba a educación franquista. Estaba formado por un único edificio de dous andares distribuído en diferentes alas, edificio aínda en funcionamento.
Nestes case setenta anos de existencia, O Pombal experimentou importantes melloras que permitiron a súa supervivencia ata hoxe, cando acolle a case 350 estudantes das etapas de infantil e primaria. Así, un par de anos após a súa construción, a zona foi axardinada valéndose do alumnado maior, que plantou as árbores do recinto e da rúa que remata no colexio e que leva o seu nome. Coñecidas vulgarmente como «plátanos de sombra», estas grandes árbores agasallan o alumnado cunha tupida alfombra sobre a que xogar no outono.
Porén, o que permitiu a supervivencia deste centro de ensino foi, sen dúbida, a progresiva ampliación das súas instalacións que xurdiu para responder á demanda educativa. Así, o aumento da poboación en Lavadores obrigou a engadir un novo andar no edificio, posibilitando a ampliación de capacidade e o aumento de alumnado. Mais non será ata a década dos oitenta cando aconteza o fito máis salientable na historia do colexio: a posta en marcha do segundo edificio que permitiría novos espazos e máis capacidade e que configuraría a forma actual do Pombal.
Consecuentemente, o novo edificio provocou que os patios perdesen espazo, polo que tiveron que ser repensados. Comezou así unha serie de paulatinas melloras relativas ás áreas de lecer que culminará cun novo fito: a construción, xa no novo milenio, da pista polideportiva cuberta que permitiu salvar as condicións meteorolóxicas adversas. Alén diso e grazas ás mobilizacións de familias e estudantes que protestaron por unha época de nulos investimentos no colexio, conséguese a colaboración entre diferentes administracións para acondicionar o centro, mellorando os accesos e adquirindo o seu fermoso aspecto actual. Tamén foi redistribuído o interior dos edificios, construíronse novas aulas e espazos, o que demostra que este colexio está en permanente cambio e adaptación.
A evolución continúa
Hoxe en día o edificio de 1949 continúa a funcionar e acolle as aulas e os espazos da etapa de infantil e algunhas aulas de primaria. O alumnado menor do colexio tamén conta cun patio propio e un areeiro, unha sala de psicomotricidade e aulas grandes e ben acondicionadas. Porén, o paso dos anos nótase neste edificio orixinal, que volve requirir melloras para poder seguir funcionando en óptimas condicións.
Pola súa banda, o edificio novo acolle na actualidade as aulas de primaria, ademais do comedor, o ximnasio, os despachos e a sala do profesorado. Tamén está aquí a biblioteca, a sala de informática e as aulas de especialidades e de apoio, ademais doutras de uso compartido e variado. No exterior, a pista polideportiva cuberta continúa operativa e protexe o frutífero horto escolar que medra ao seu carón. Un circuíto de educación viaria rodea o edificio antigo, ademais doutros espazos ao aire libre.
Nesta longa historia de constante evolución, que tamén foi pedagóxica, O Pombal acaba de dar neste curso 2018/19 un novo paso ao sumarse á rede de centros plurilingües da Consellería de Educación, feito que implicou unha nova mudanza de nome para incorporar o apelido «Plurilingüe».
Testemuñas desta longa historia, as árbores orixinais perduran e contemplan impasibles desde as alturas a evolución dun centro de ensino público que sobrevive ao paso do tempo porque sabe adaptarse ás necesidades da sociedade á que quere servir. É escusado dicir que nada disto sería posible sen o esforzo e o compromiso dos profesionais da docencia que alí exerceron e exercen, traballando coa implicación e o apoio das familias e do alumnado, empeñados todos eles en seguir facendo historia ensinando e aprendendo no Pombal, toda unha institución educativa en Vigo que en 2019 cumpre setenta produtivos anos de servizo ininterrompido.
Para realizar o presente estudo o autor valeuse da seguinte bibliografía e webgrafía, ademais do material recompilado no “Proxecto Lavadores”, un proxecto realizado por profesorado e alumnado do CEIP Plurilingüe O Pombal para conmemorar o aniversario do centro e que se transformou nunha exposición amosada no museo Verbum de Vigo no ano 2015. Alén diso, recabouse información oral de persoas veciñas do barrio de Lavadores e profesorado do centro que foi contrastada e analizada para garantir a súa veracidade.
AGRASAR QUIROGA, F. (2003). Guía de arquitectura de Vigo 1930-2000. Vigo, COAG.
GIRÁLDEZ RIVERO, X. (2007). O antigo Concello de Lavadores: unha aproximación histórica. Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra.
PEREIRO ALONSO, J.L. (1981). Desarrollo y deterioro urbano de la ciudad de Vigo. Santiago de Compostela, COAG.
SOUTO GONZÁLEZ, X. M. (1990). Vigo: Cen anos de historia urbana (1880-1980). Vigo, Edicións Xerais de Galicia.
VÁZQUEZ GIL, L. (1999). A historia de Vigo nos seus documentos. Vigo, Concello de Vigo.
VÁZQUEZ XIL, L. (1991). Os alcaldes e os concellos de Vigo. Vigo, Editorial Cardeñoso.
VÁZQUEZ XIL, L. (1998). Historia dos monumentos de Vigo. Vigo, Editorial Cardeñoso.
Webgrafía
CEIP O Pombal
Concello de Vigo
Real Academia de la Historia