Aturuxo Films / Imaxinando músicas
Sergio Clavero Ibáñez de Garayo
Profesor de Debuxo IES de Cacheiras
Profesor asociado Facultade Ciencias da Educación USC
aturuxofilms@gmail.com
Sociedade dixital
No ano 2016 o vídeo representaba en España o 60 % do tráfico de datos en Internet fronte ao 70 % que se prevé que representará en 2021. Estes son datos da duodécima edición do informe Cisco Visual Networking Index (VNI) que certifican que a implantación masiva de Internet, das redes sociais e dos dispositivos móbiles poñen ao noso alcance unha extraordinaria cantidade de información visual a través de fotografías e vídeos que circulan libremente pola rede. Estas imaxes condicionan a nosa percepción da realidade e poñen en perigo a cidadanía porque, en moitos casos, as consumimos como espectadores pasivos sen capacidade reflexiva nin crítica.
Ante esta situación, a cuestión fundamental é se somos conscientes da existencia dunha linguaxe que articula as mensaxes audiovisuais e, polo tanto, da necesidade dunha alfabetización.
Descoñecer a linguaxe que constrúe esas mensaxes déixanos nun alarmante estado de indefensión pola súa eficacia comunicativa e a súa capacidade para condicionar a nosa personalidade e comportamento, especialmente en idades temperás.
Esta linguaxe xorde co nacemento do cinema e desenvólvese con el, por iso nos referimos preferentemente á importancia da alfabetización cinematográfica como o espazo para o coñecemento do cinema e a súa linguaxe que tamén utilizan a publicidade, o videoclip ou a reportaxe periodística mentres o termo audiovisual engloba tamén os produtos da televisión como talk-shows, magazines, concursos ou telexornais que se rexen por outros códigos distintos dos do cinema.
Polo tanto, calquera proxecto de creación audiovisual require dunha formación previa na linguaxe do cinema tanto do profesorado que o vai desenvolver coma do alumnado que vai participar nel. Formación para unha lectura e reflexión crítica das imaxes non só como consumidores senón tamén como produtores conscientes e responsables.
Aturuxo Films
Este é un proxecto de alfabetización cinematográfica que se desenvolve no IES de Cacheiras desde hai dez anos e que, ademais do primeiro Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018, obtivo o Premio de Alfabetización Audiovisual 2014 do Ministerio de Educación, así como numerosos recoñecementos e premios ás curtametraxes creadas polo alumnado.
Engloba programacións curriculares, proxectos audiovisuais e diversos blogs e recursos didácticos e dixitais. Unha das importantes liñas de traballo de Aturuxo Films é a formación de profesorado, trasladando os contidos, estrutura e metodoloxía deste proxecto como referencia para difundir a alfabetización cinematográfica e mediática entre os docentes co obxectivo de replicalo en centros de todas as etapas educativas.
Esta experiencia está baseada no desenvolvemento da creatividade do alumnado coa produción de obras audiovisuais que fomentan o traballo cooperativo e multidisciplinar coa participación de toda a comunidade educativa e a utilización das ferramentas TIC como elemento imprescindible para o seu desenvolvemento e difusión. Trátase dunha aprendizaxe baseada en proxectos onde o alumnado é un participante activo na elaboración de conceptos e o seu posterior desenvolvemento a través da experimentación. A necesidade xurdida no proceso de creación cinematográfica de compoñer as músicas para potenciar a expresividade dalgunhas obras foi o xerme en 2013 de IMAXINANDO MÚSICAS, un proxecto conxunto e colaborativo entre Aturuxo Films e o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que xera un espazo creativo para o alumnado cun diálogo entre música e cinema. Concretouse ata agora con dúas interesantes liñas de traballo que xeran traxectos creativos de ida e volta:
- Creación das bandas sonoras das curtametraxes creadas polo alumnado de Aturuxo Films compostas, interpretadas e gravadas polo alumnado do conservatorio.
- Composición de pezas musicais que lle inspiran posteriormente creacións visuais ao alumnado do instituto.
E tamén a través das proxeccións públicas das obras creadas coa interpretación en directo das bandas sonoras, onde o alumnado que produciu cada unha delas presenta e posteriormente desenvolve un coloquio cos asistentes.
Proxección da curtametraxe "Esta son eu" coa música en directo en Curtocircuíto 2017
Na actualidade desenvólvese no IES de Cacheiras na materia Educación Plástica, Visual e Audiovisual e coa oferta das materias optativas Cultura Audiovisual en primeiro de bacharelato e Cultura Cinematográfica en segundo de bacharelato. Tamén cun plan específico de alfabetizacións múltiples no proxecto da biblioteca do centro e proxectos interdisciplinares con materias como as linguas. No conservatorio participa alumnado de sexto de grao profesional na materia optativa Cinema e Música creada expresamente a raíz do éxito e da repercusión que tivo o traballo realizado neste proxecto conxunto.
Obxectivos
Obxectivo fundamental deste proxecto pedagóxico:
- Formar cidadáns críticos adaptados a esta sociedade dixital cunha formación comunicativa e non só instrumental ou tecnolóxica.
Este obxectivo acádase co desenvolvemento dos seguintes:
- Alfabetizar na linguaxe cinematográfica para desenvolver a capacidade creativa e reflexiva ante as mensaxes audiovisuais.
- Desenvolver metodoloxías activas onde se fomenta o traballo cooperativo como elemento de integración entre o alumnado.
- Fomentar a educación en valores a través das temáticas que abordan as diferentes obras audiovisuais.
- Empregar as tecnoloxías da información e da comunicación como ferramentas que nos permiten acceder, avaliar, crear e comunicar, ética e legalmente participando activamente na sociedade do coñecemento.
Metodoloxía. Contidos e procesos creativos
O desenvolvemento dun proxecto creativo de alfabetización cinematográfica permite traballar cada unha das competencias clave e facilita un traballo interdisciplinar, transversal e colaborativo para a construción do coñecemento e o desenvolvemento de destrezas de numerosas áreas e disciplinas. Estes proxectos deben estar integrados tanto no proxecto de centro coma nas programacións didácticas das áreas directamente relacionadas cos contidos audiovisuais e transversalmente no resto de materias tal e como recolle a actual lexislación educativa de primaria e secundaria.
Como referente para o seu desenvolvemento nos centros educativos, a filosofía do proxecto Aturuxo Films entende todo o proceso de alfabetización que se describe a continuación como un acto de expresión creativa cinematográfica e musical onde o alumnado é o seu impulsor a través dun traballo cooperativo por proxectos.
Unha experiencia completa de alfabetización cinematográfica, que por extensión pode ser tamén mediática, debe abordar todos os aspectos comunicativos dunha linguaxe e, polo tanto, proponse estruturar o proxecto pedagóxico en tres fases para lograr transformar a mirada.
1. Sintaxe cinematográfica
Un proceso de alfabetización debe iniciarse coa explicación dos fundamentos da sintaxe cinematográfica pero non dun modo teórico senón a través de exemplos gráficos e fragmentos de películas significativas da historia do cinema. Esta estratexia facilita a divulgación dos movementos artísticos xurdidos ao longo do tempo e as achegas dos seus creadores e creadoras, impulsa a formación dos seus gustos e inicia o alumnado no desenvolvemento dunha mirada atenta preparada para a reflexión. Estes coñecementos e destrezas adquiridas permitirán que o alumnado se enfronte con maior seguridade á introdución na análise para unha maior profundidade nas súas reflexións procurando unha aprendizaxe significativa.
Sintaxe cinematográfica con fragmentos de filmes
2. Análise da creación
Para abordar a análise cinematográfica debemos situarnos desde o punto de vista da creación, é dicir, como unha análise das opcións formais e expresivas elixidas polo director ou directora para expresar e emocionar e que lle permitirán ao alumnado comprender en que consiste o acto creativo e as posibilidades que ofrecen os elementos sintácticos. Para iso pódense utilizar fragmentos de películas ou curtametraxes para, tras unha mirada atenta, iniciar un coloquio onde o alumnado descubra a utilización dos recursos formais e expresivos, as metáforas visuais, a simboloxía e fundamentalmente o proceso creativo que deu lugar a esa obra.
O tema da publicidade tamén é moi interesante como elemento de análise pola súa brevidade e a utilización que fai de todos os recursos formais e expresivos do cinema para seducir o espectador-consumidor. Entre outros moitos temas permite dialogar sobre os estereotipos e a igualdade de xénero polos contidos sexistas que podemos encontrar en moitos dos anuncios publicitarios tanto a través da televisión coma de Internet e das redes sociais.
3. Proceso creativo cinematográfico
Tras os coñecementos previos dos fundamentos da sintaxe e a análise que nos permite entender as decisións formais e expresivas tomadas polos seus creadores e creadoras, é o momento de que o alumnado pase pola súa propia experiencia de creación cinematográfica. É un proceso que lle permite, a través da investigación, a experimentación e a toma de decisións dun equipo de traballo, descubrir e desenvolver capacidades e talentos.
Cada grupo está formado por tres ou catro membros que desenvolven cada unha das tarefas técnicas e artísticas nas diferentes fases da produción da obra con responsabilidade e autonomía. O proceso de traballo lévase a cabo cunha estrutura similar á do cinema profesional pero adaptando a complexidade da proposta á tipoloxía de alumnado, aos medios dispoñibles e, sobre todo, á temporización do proxecto. O alumnado debe ser o responsable de todo o impulso creativo tanto na preprodución, co desenvolvemento da idea ata o guión, coma na rodaxe e na montaxe de imaxes e sons.
Creación do guión e do storyboard
É fundamental que aprendan a organizárense e a planificaren para lograr o obxectivo común, participando colectivamente do proceso e levando a cabo cada unha das súas funcións con responsabilidade e autonomía. Esta metodoloxía de traballo potencia a autoconfianza e a autoestima do alumnado. Durante todo este proceso o profesor está atento á planificación, ao desenvolvemento dos diferentes proxectos e á resolución de dúbidas e problemas que vaian xurdindo. Ademais amplía información e realiza un seguimento dos avances convocando reunións periódicas con cada grupo, así como cos responsables das diversas funcións asignadas.
Ao final do proceso, os creadores e creadoras presentan a obra audiovisual como froito da experiencia educativa. É importante que o alumnado poida expoñer ante a comunidade educativa os seus logros e reflexionar sobre a súa experiencia de aprendizaxe detectando os puntos fortes e débiles do seu proceso de traballo en grupo cun carácter de autocrítica.
Recursos empregados
En moitas ocasións os medios técnicos necesarios para poñer en marcha un proxecto de creación cinematográfica parecen ser un obstáculo. Con todo, na actualidade a proliferación de dispositivos móbiles con cámaras HD e de aplicacións gratuítas de edición permiten desenvolver os procesos creativos completos de forma sinxela. Non é tan importante a calidade técnica do produto coma a calidade da mensaxe, dos recursos expresivos e artísticos da linguaxe fílmica utilizados e, sobre todo, da experiencia de aprendizaxe e desenvolvemento de todas as competencias durante o proceso creativo individual ou colectivo.
Proceso de edición das diferentes obras cinematográficas
Un libro de referencia imprescindible para a reflexión sobre a introdución do cinema na escola é La hipótesis del cine. Pequeño tratado sobre la transmisión del cine en la escuela y fuera de ella de Alain Bergala, cineasta, crítico de cine e docente.
Blog do proxecto con guías didácticas e ligazóns a recursos
Vídeo presentación do proxecto Aturuxo Films
Canle Youtube cunha selección de curtametraxes creadas polo alumnado
Avaliación
A aprendizaxe da linguaxe cinematográfica a través deste proceso de creación e traballo en grupo colaborativo é o eixe central do proxecto Aprendendo a utilizar as TIC como un medio imprescindible para alcanzar un obxectivo claro, a obra cinematográfica. Con todo, o importante é o propio proceso e que o alumnado sexa o responsable da súa propia experiencia de aprendizaxe sexa cal for o resultado.
Establécese unha relación co alumnado máis horizontal, onde a capacidade de organización dos membros do grupo e as responsabilidades que asumen lles permiten demostrar que son capaces de alcanzar o obxectivo despois dun longo e intenso período de traballo. É moi importante basear a relación entre profesor e alumnado e entre eles mesmos na confianza, a responsabilidade e o respecto. Aprenden a utilizar as TIC como ferramentas para crear unha mensaxe cinematográfica de maneira eficaz e responsable e que a procura de información a través de Internet debe facerse atendendo ás fontes e a unha selección lóxica. Ao longo do proceso de aprendizaxe realízanse varias avaliacións por parte do alumnado. A primeira delas ao final da análise publicitaria, onde poñen de manifesto de maneira explícita a súa sorpresa polas mensaxes asociadas que lles chegan inconscientemente nun anuncio televisivo e destacan que esta aprendizaxe cambiou por completo a maneira na que miran a televisión. En segundo lugar, realizan unha autoavaliación do funcionamento do grupo ao longo do proceso de creación da obra audiovisual. Valoran, así mesmo, o traballo e as achegas de cada membro para o logro do obxectivo final. Neste apartado cabe destacar as dificultades que din que teñen para lograr unha implicación similar en todos os compoñentes. Consideran necesario aprender a escoitar máis e ser máis responsables co traballo persoal en beneficio de todos. O alumnado valora positivamente o desenvolvemento do proxecto e o nivel de aprendizaxe alcanzado pero, sobre todo, que se lle permita traballar en grupo e dunha forma máis práctica utilizando as TIC como un medio que lle facilita o proceso de traballo. Finalmente, o alumnado expón o seu agradecemento por dispoñer dun espazo e dun tempo organizado que lles permitiu desenvolver a súa creatividade con outros compañeiros e participar conxuntamente co alumnado do Conservatorio Profesional de Música compartindo ideas, dúbidas e traballo.
A obra cinematográfica alcanzada ao final do proceso é tamén un elemento que axuda a establecer o cumprimento dos obxectivos propostos. Nestas obras obsérvase o dominio alcanzado coa linguaxe cinematográfica para expresar con claridade as ideas e mensaxes propostas polo propio alumnado. Dada a complexidade do proceso creativo, pódese considerar moi satisfactorio alcanzar a obra final polo que supón de aprendizaxe para elaborar ideas, desenvolvelas creativamente, planificar e organizar a produción e traballar en equipo de maneira colaborativa, tomando decisións desde a flexibilidade, a eficacia e o consenso e resolvendo problemas. O alumnado descubriu e desenvolveu capacidades e talentos, mellorou a súa autoestima e potenciou a súa capacidade para aprender.
Gravación da banda sonora da curtametraxe Persoas no CMUS de Santiago de Compostela
Conclusións
Para o correcto desenvolvemento da educación audiovisual non é suficiente unha introdución curricular nas diferentes etapas educativas senón que é necesario priorizar conceptos e sinalar o coñecemento da linguaxe do cinema como fundamento para o impulso dunha cidadanía de mirada máis atenta e reflexiva nesta sociedade dixital do século XXI.
É prioritario que as autoridades educativas deseñen plans de formación do profesorado nesta área de coñecemento para desenvolver os seus contidos e acadar os obxectivos propostos. Estes cursos ou grupos de traballo deben impartirse de forma experimental para facilitar os contidos, coñecementos e metodoloxías de traballo apropiadas para lograr no seu alumnado unha aprendizaxe profunda ligada ás emocións dos procesos creativos.
Estes proxectos cinematográficos non deben recoller unha simple relación de conceptos e un percorrido histórico senón unha linguaxe que serve de ferramenta para desenvolver o pensamento creativo, a colaboración e a solidariedade, que forma en valores e permite coñecer mellor a realidade social e cultural. Os centros de ensino deben ser espazos culturais onde, a través do coñecemento, o alumnado teña a oportunidade de definir os seus gustos persoais formando os novos espectadores.
Como educadores debemos descubrir o potencial do noso alumnado con metodoloxías máis activas e unha estrutura de contidos e actividades perfectamente deseñada para que experimenten nun proceso de creación que deixe pegada na súa aprendizaxe.
ACASO, M. e MEGÍAS, C. (2017): Art Thinking. Cómo el arte puede transformar la educación. Barcelona: Paidós.
BERGALA, A. (2007): La hipótesis del cine. Pequeño tratado sobre la transmisión del cine en la escuela y fuera de ella. Barcelona: Editorial Laertes.
FRANCO, F. (2018). Guía didáctica: Narrativa y lenguaje cinematográfico. ECAM. (Dispoñible en: http://ecam.es/media/GUIA-DIDACTICA-NARRATIVA-Y-LENGUAJE-CINEMATOGRAFICO.pdf)
RODARI, G. (2006). Gramática de la fantasía. Introducción al arte de contar historias. Barcelona: Editorial Planeta.
TERNAN, M. (2014). Animación Stop Motion. Cómo hacer y compartir vídeos creativos. Barcelona: Promopress.