Facemos visible o invisible

No noso constante e continuo compromiso co tema da igualdade, as actividades desenvolvidas no curso 2017/18 no IES Ánxel Fole obedeceron á denuncia de prácticas de (in)visibilización que normalizan e perpetúan comportamentos sexistas. A aceptación inconsciente de micromachismos no uso cotián da linguaxe e a invisibilización da muller en distintos ámbitos constituíron os eixes primordiais sobre os que se articulou todo o proxecto. Participamos no Plan Proxecta Donas de si e no Contrato-Programa Mellora da Convivencia e Promoción da Igualdade nos centros da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e colaboramos con distintas institucións (Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte, Consellería de Educación, Universidade de Santiago de Compostela, Secretaría Xeral de Igualdade e Casa da Muller do Concello de Lugo, Deputación de Lugo e distintos medios de comunicación). Organizamos as I Xornadas de Igualdade que foron o acicate para a reflexión, o compromiso, a motivación e a concienciación, cimentos básicos na procura dunha educación igualitaria.

Felisa Redondo Valín
Profesora de Lingua Castelá e Literatura e de Igualdade de Xénero
IES Ánxel Fole (Lugo)
felicia@edu.xunta.es

 

Non é a inferioridade das mulleres o que determinou a súa insignificancia histórica, senón que foi a súa insignificancia histórica o que as destinou á inferioridade.
Simone de Beauvoir

 

Introdución

A contorna escolar configúrase como o ámbito de actuación para ofrecer unha formación integral, libre e responsable, exenta de prexuízos e estereotipos. A nosa tarefa educativa debe enfocarse ao desenvolvemento de estratexias procedementais e actitudinais que fomenten a concienciación e a actitude crítica. Un ano máis continuamos co noso compromiso na loita pola igualdade de xénero. Levamos a cabo actividades moi dispares de investigación, denuncia, crítica e creación. Todas elas foron conformando un único proxecto.

Obxectivos

  • Concienciar sobre a situación de desigualdade, causante de situacións de discriminación e violencia.
  • Reflexionar sobre as dificultades das mulleres para visibilizarse (nos postos de responsabilidade pública ou no acceso ao poder político, social e económico).
  • Analizar a súa discriminación nos ámbitos público e privado (mercado laboral, salarios, tarefas domésticas, linguaxe...).
  • Investigar a invisibilidade no transcurso da historia, recollendo información sobre algunhas das mulleres esquecidas nos distintos ámbitos do saber e esferas sociais, tanto na antigüidade coma no mundo contemporáneo.
  • Visibilizar as achegas das mulleres nos distintos campos do saber, con especial énfase no ámbito literario.
  • Identificar micromachismos no uso da linguaxe cotiá.
  • Promover o intercambio de experiencias e crear vínculos coas distintas institucións e organismos.
  • Facer visible o noso compromiso co tema da igualdade de xénero e concienciar dentro e fóra da escola.
  • Usar as tecnoloxías, especialmente as da información e a comunicación, para organizar, coordinar, deseñar e transmitir a realización dos distintos proxectos.
  • Utilizar distintas fontes de información cun sentido crítico.
  • Fomentar a aprendizaxe creativa, cooperativa e construtivista.
  • Desenvolver o espírito emprendedor e crítico, a participación, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.
  • Realizar os proxectos en lingua castelá ou/e en lingua galega e expresarse con corrección, oralmente e por escrito.

 

Metodoloxía

Na procura dunha metodoloxía participativa, expansiva e transversal, o noso plan de actuación non se viu constrinxido aos límites do instituto. Participamos en distintos proxectos vinculados ao Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte, á Consellería de Educación, á Universidade de Santiago de Compostela, á Secretaría Xeral de Igualdade, ao Concello de Lugo, á Casa da Muller, á Deputación de Lugo e aos medios de comunicación. Somos conscientes da importancia da implicación de toda a cidadanía para concienciar, sensibilizar e, en definitiva, crear unha sociedade mellor. O espazo da aula debe ir máis alá da escola. Ten que ser un lugar de inclusión, de experimentación multidisciplinaria e de conexión co mundo exterior. Trátase de levar a cabo unha aprendizaxe simbiótica: concienciar na escola e desde a escola.

Mantemos a nosa liña de intervención e os nosos principios metodolóxicos, así como os instrumentos que utilizamos para coordinar todo o noso traballo (uso da plataforma Moodle e o blog: El club de los poetas insomnes). Este curso creamos unha páxina web para facilitar o acceso a proxectos, unidades didácticas e recursos vinculados á igualdade.

O leitmotiv que guiou cada unha das nosas iniciativas foi «facer visible o invisible». En todo este proceso de remover conciencias e acadar un cambio, o que nos queda é a educación e a palabra. Foi esta precisamente o fío da nosa primeira exposición plástica. Chamamos a atención sobre micromachismos que se filtran na nosa vida cotiá a través da linguaxe.

Nunha segunda fase de análise, observación e contraste, organizamos as I Xornadas de Igualdade para mostrar esa invisibilización en distintos ámbitos: doméstico (violencia machista), educativo, laboral e social. O alumnado puido contrastar opinións con especialistas na materia e verter logo toda esa bagaxe informativa en producións propias vinculadas fundamentalmente aos xéneros periodísticos, pero tamén a traballos de investigación e artísticos. Nesta terceira fase os estudantes convertéronse en produtores proactivos. Levaron a cabo traballos de investigación e denuncia e participaron como relatores nas aulas e no salón de actos para compañeiros e compañeiras de todo o centro.

Tendal pola igualdade

Son machismos sutís do cotián que en xeral non se ven, pero que lles causan dano ás mulleres e que os homes exercemos desde a concienciación de superioridade que nos dá a cultura.
Luís Bonino

 

O Concello de Lugo promulgou en novembro a campaña «En negro contra a violencia» con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Nós decidimos facelo extensible a todo o curso e, por esta razón, todas as actividades que realizamos se tinguiron de branco e negro. Esta causa reflectiuse tamén na axenda escolar que deseñamos para o próximo curso escolar.

O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o alumnado de segundo da ESO (Igualdade de Xénero e PMAR) e o de primeiro de bacharelato realizou un tendal con pezas de roupa nas que gravaron frases de denuncia. Unha forma de violencia «branda» é a palabra. Na nosa vida cotiá permitimos a filtración de micromachismos que fomentan o desprezo, a desigualdade e a vexación. Por esta razón, usamos a palabra para visibilizar, denunciar, convidar á reflexión e á repulsa de condutas represivas e violentas. A nosa acción tivo alcance mediático e publicouse en La Voz de Galicia a toda páxina.

Acceso ao vídeo para ver o tendal

 

Detrás dun grande home

O alumnado de segundo da ESO (Igualdade de Xénero e PMAR) acordou realizar un traballo cooperativo de investigación a través da aula virtual. Nun documento compartido verteron os froitos das súas indagacións e mostraron a mulleres invisibles tras un «grande home». Descubriron, por exemplo, que existe un concepto para designar o prexuízo en recoñecer os logros das mulleres científicas (Efecto Matilda) ou que moitas escritoras se esconderon baixo nomes de home para ver recoñecido o seu labor. O 8 de marzo, Día da Muller, montaron a exposición no vestíbulo do instituto. De novo, o seu traballo tivo difusión e publicouse en La Voz de Galicia.

As nosas I Xornadas de Igualdade de Xénero

A igualdade é unha necesidade vital da alma humana.
Simone Weil

 

O noso centro foi seleccionado no Contrato-Programa Mellora da Convivencia e Promoción da Igualdade nos centros da Consellería de Educación da Xunta de Galicia polo noso compromiso e traxectoria na educación en igualdade de xénero. Organizamos as I Xornadas de Igualdade de Xénero con distintas intervencións e actividades. Charlas-coloquio, relatorios, mesa redonda e monólogo foron os formatos elixidos para abordar desde distintos ámbitos e materias o complexo fenómeno da igualdade de xénero nas sociedades democráticas avanzadas. Tratouse a prevención, detección e actuación ante a violencia machista desde un enfoque legal e de saúde («Seguridade e igualdade de xénero» e «Entre iguais»), a análise e a reflexión sobre a igualdade de xénero, as relacións de parella e a invisibilización da muller desde un enfoque interdisciplinar: o filosófico («Moral e sexo: modelos de relacións de parella» do profesor de Filosofía Moral da USC Luís G. Soto), o literario («A visión do mundo na obra de Rosalía de Castro» de Francisco Rodríguez e «Escritoras galegas» de Carmen Blanco), o científico («Coñecendo a María Wonenburger» de Víctor Pollán), o empresarial e laboral («Mulleres emprendedoras» coa alcaldesa Lara Méndez, a oficial de policía Nuria E. García e as empresarias Rebeca López e Alejandra Iglesias).

Cartel de Jessica Mera das I Xornadas de Igualdade no IES Ánxel Fole

 

O alumnado participou dunha forma activa en todo o proceso elaborando artigos de opinión, noticias, entrevistas, encrucillados, test, folletos, traballos de investigación e exposición vinculados ás xornadas. O remate das xornadas foi o 18 de xuño, coa intervención creativa de carácter crítico e reflexivo de Samuel López Legaspi que nos deleitou co monólogo «Si, si, eu tamén son feminista». Derrubou de forma crítica, reflexiva e en clave de humor estereotipos e prexuízos sexistas. Foron presentados ao público asistente no salón de actos cun espectáculo de maxia por Ignacio Sampayo.

A realización das xornadas tivo acollida nos medios de comunicación (La Voz de Galicia e El Progreso). No blog publicamos todo o proceso e seleccionamos algúns dos traballos para o noso periódico particular. Tamén a revista do centro aludiu á nosa traxectoria.

Escolma cos traballos do alumnado

 

A invisibilización da muller nos libros de texto

Non deixa de sorprender o paradoxo existente no sistema educativo entre os programas encamiñados a fomentar a igualdade de xénero e a pouca presenza das mulleres nos libros de texto. Estas seguen asociadas a roles estereotipados de coidadoras, enfermeiras, nais, santas... De cando en cando menciónanse científicas, enxeñeiras, matemáticas, pensadoras ou artistas. As escritoras teñen a honra de facerse oco nalgunhas liñas esquecidas nunha columna á marxe, aquela reservada ao de menor relevancia, obxecto de curiosidade. Esta práctica discriminatoria incide, sen ningunha dúbida, de maneira directa na discriminación da muller que se perpetúa de xeración en xeración. O alumnado pasa pola escola coa idea de que a muller non existiu na historia de nada. Pois ben, este foi un dos nosos principais obxectivos este curso: visibilizar a grandes mulleres. Investigamos, lemos, analizamos, compartimos, asistimos a conferencias de especialistas no tema e realizamos entrevistas.

  • a) Conferencia de Tania Vázquez García: «Mulleres medievais no noroeste peninsular: mitos e realidades»

As profesoras do Departamento de Lingua Castelá e Literatura decidimos solicitarlle á Universidade de Santiago de Compostela unha charla para profundar no estudo das mulleres na Idade Media. O 24 de xaneiro Tania Vázquez García, graduada en Linguas e Literaturas Modernas no itinerario de Filoloxía Románica, impartiu unha conferencia titulada «Mulleres medievais no noroeste peninsular: mitos e realidades» para o alumnado de primeiro de bacharelato e terceiro de secundaria. Sen dúbida, derruíu moitos mitos sobre o papel da muller nesa época.

  • b) Conferencia de Francisco Rodríguez: «A visión do mundo na obra de Rosalía de Castro»

O 27 de abril tivemos unha intervención memorable, a de Francisco Rodríguez. A súa tese de doutoramento, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, foi a primeira en defenderse na Universidade de Santiago de Compostela sobre a escritora, en 1988. Publicou logo Rosalía, estranxeira na súa patria.

Veu para romper mitos sobre a escritora e, sen dúbida, non deixou indiferente o alumnado. Conseguiu transmitir a esencia de Rosalía, a complexidade e profundidade da súa obra, o seu compromiso coa nosa identidade e a súa rebeldía. Foi unha adiantada ao seu tempo e todo un referente para homes e mulleres. A paixón do relator contaxiou o estudantado de primeiro de bacharelato e quedou patente nos seus artigos de opinión.

  • c) Conferencia de Carmen Blanco: «Escritoras galegas»

O 14 de maio, con motivo, ademais, da próxima celebración do Día das Letras Galegas recibimos a Carmen Blanco que mostrou a realidade do papel desempeñado polas escritoras galegas. Centrouse especialmente en Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, pola súa implicación co feminismo. Destacou como, a pesar de ser escasa a presenza de mulleres na literatura galega, é destacable o valor e a calidade das súas obras.

  • d) Conferencia de Claudio Rodríguez Fer: «Valente, poeta galego universal: compromiso e erotismo»

No marco do Plan de fomento da lectura e dentro do programa ¿Por qué leer a los clásicos? do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o 21 de febreiro tivemos a conferencia «Valente, poeta galego universal: compromiso e erotismo» de Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente da Universidade de Santiago de Compostela.
Recibímolo cunha exposición plástica no vestíbulo do instituto que lle rendía homenaxe ao seu vínculo profesional e persoal co escritor ourensán. Inmortalizamos ese encontro coa montaxe dun vídeo Entre a ausencia e a permanencia que alude ao leitmotiv na obra de Valente e tamén ao vínculo de Rodríguez Fer co noso centro. A súa visita foi motivo de inspiración para o alumnado que realizou monólogos, diarios, orixinais vídeos coa vida e obra de Valente e, mesmo, unha viaxe no tempo para convencer o poeta de que non abandonase a paixón pola escritura. O relator agasallounos traéndonos en primicia a Pancho, o boneco fetiche de Valente, aproveitando que cumpría a súa maioría de idade, e convidounos a visitar a Cátedra Valente para coñecer a súa compañeira, a boneca Pili. Fer manifestou a relevancia de Rosalía de Castro na obra do escritor ourensán e isto abriunos camiño para o noso seguinte proxecto.

Dúas alumnas encargáronse de lle facer unha entrevista a Claudio Rodríguez Fer sobre a súa relación co poeta ourensán.

Acceso ao vídeo homenaxe a Fer e Valente

 

En marzo organizamos unha actividade interdisciplinar entre os departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá dirixida ao alumnado de primeiro de bacharelato. Esta actividade integrouse no proxecto iniciado co relatorio de Claudio Rodríguez Fer. Visitamos a Casa-Museo Rosalía de Castro, a Cátedra Valente na Facultade de Filoloxía en Santiago de Compostela e o Museo Gaiás na Cidade da Cultura.

Folleto da ruta a Padrón e Santiago

 

Pero, por que Rosalía e Valente? A pegada da escritora está latente na produción creativa de poeta ourensán. É imposible chegar á esencia do home sen achegarnos á esencia de Rosalía. Nunha entrevista para a revista Residencia Valente afirmaba:

Unha escritora que ten sobre min unha influencia radical é Rosalía de Castro. Escribín repetidas veces sobre ela e considéroa un grandísimo poeta. Creo que na segunda metade do século non hai máis ca dous poetas importantes de verdade: Rosalía e Bécquer. (...) Pero sobre todo Rosalía, Rosalía pasa os límites da lingua galega e inflúe cos seus libros en galego e en castelán en Machado e en Juan Ramón Jiménez. E está presente nun poeta que ninguén o sospeitaría, que é Cernuda. Cernuda utiliza anacos de canción que son rosalianos. Rosalía é un poeta moi importante, a liña que ela marca é para min moi iluminadora. (Revista Residencia,  número 8, 2018).

Tampouco podemos entender a obra de Valente sen coñecer a súa intensa relación coas artes, especialmente a pintura e a música. A Cidade da Cultura acababa de inaugurar a mostra máis ambiciosa sobre a arte galega contemporánea. Nela puidemos ver obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos. Foi unha oportunidade única para achegarnos ao proceso de construción da nosa identidade cultural e comprender a dimensión universal da arte galega.

Acceso ao vídeo da nosa ruta artístico-literaria

 

  • f) Un espazo na biblioteca para a igualdade

A seguinte fase neste proxecto foi a lectura, análise e investigación de escritoras decimonónicas e contemporáneas, así como libros de ensaio vinculados á igualdade de xénero.
No mes de abril recibimos a Maleta de Igualdade que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Igualdade pon á disposición dos centros educativos. Contiña corenta e dúas obras de narrativa, poesía, teatro, banda deseñada, ensaio e divulgación apropiadas para os distintos niveis. Foi pouco tempo para poder gozar as lecturas e intercambialas. Un dos asuntos pendentes no centro é abastecer a nosa biblioteca de libros escritos por mulleres ou centrados en figuras femininas de relevancia en distintos campos do saber, da cultura ou da historia, así como prover de obras coa temática do feminismo e da igualdade de xénero. A participación no Contrato-Programa permitiunos investir nesta iniciativa na procura do equilibrio e da equidade.
Os discentes de bacharelato contaron, pois, con libros para levar a cabo o seu labor investigador. En maio e xuño convertéronse en relatores e expuxeron os seus traballos aos seus compañeiros e compañeiras de aula. Algún deles presentounos tamén noutros grupos e no salón de actos. Proporcionóuselles unha listaxe ampla de autoras e obras. Cada grupo debía encargarse da investigación dunha escritora, indagar os impedimentos aos que tivo que enfrontarse como muller, ler e facer un comentario crítico dunha das súas obras, verter nunha presentación dixital toda esa información e realizar unha exposición oral. Algunha das presentacións dixitais foron compartidas no noso blog.

A nosa axenda pola igualdade

Non hai barreira, fechadura nin ferrollo que poidas impoñer á liberdade da miña mente.
Virginia Woolf

Para mostrar a implicación no tema da igualdade, darlle continuidade a todo ese traballo e compartir a responsabilidade cos seus compañeiros e compañeiras, un grupo de estudantes voluntarios deseñou na última semana do curso a axenda escolar para o vindeiro ano. A Deputación de Lugo sufragou as axendas para todo o alumnado do instituto como recoñecemento ao noso compromiso continuo.

Acceso á nosa axenda pola igualdade

 

Valoración, transcendencia e continuidade

O tempo é quizais o peor inimigo do ser humano. Loitamos a miúdo co seu paso inexorable. Ese paso foi o que lle impediu ao alumnado mostrarlle á comunidade educativa todo o resultado do seu esforzo e a súa aprendizaxe nesta longa traxectoria de concienciación co tema de igualdade de xénero.
Non obstante, un dos principais obxectivos era a conexión coa contorna e a concienciación dentro e fóra do marco da escola. Como levamos a cabo este propósito?

  • O alumnado recibiu información de expertos e expertas desde distintos campos e disciplinas. Estas persoas percibiron o noso compromiso e colaboraron con nós en diversas actividades (vídeos, entrevistas, artigos, axenda…).
  • Produciuse un intercambio de experiencias con distintas institucións (MECD, Secretaría Xeral de Igualdade e Casa da Muller do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, a Asociación contra a Violencia de Xénero Si Hai Saída).
  • Logramos a cooperación proactiva con distintos organismos do Concello de Lugo. Establecemos un vínculo de traballo cooperativo coa Casa da Muller. Por esta razón, recibiremos en xaneiro de 2019 obradoiros de igualdade para alumnado dos niveis de secundaria nos que non existe a materia de Igualdade de Xénero e traballaremos en proxectos comúns de carácter creativo fomentando o espírito emprendedor e crítico do alumnado. Para o presente curso colaboraremos, ademais, coa campaña Lugo en Negro.
  • Por segundo ano consecutivo, a Deputación sufragou a nosa axenda pola igualdade para todo o alumnado do instituto.
  • A nosa implicación transcendeu aos medios de comunicación (La Voz de Galicia e El Progreso).
  • Fixemos visible o noso traballo no centro con exposicións, performances, vídeos, folletos, carteis…
  • Concienciamos no uso dunha linguaxe inclusiva nos distintos documentos, proxectos, traballos e materiais vinculados ao centro.
  • Observamos unha maior implicación de toda a comunidade educativa no tema da igualdade, especialmente do alumnado. Este curso triplicamos o número de matriculados en segundo da ESO na materia de Igualdade de Xénero.
  • Implicamos as familias nos proxectos realizados polo alumnado: participación en vídeos reflexionando sobre roles e estereotipos, micromachismos na vida cotiá ou a desigualdade da muller en distintos ámbitos.
  • Os/As estudantes que participaron dunha forma máis activa traballaron as competencias clave nesa metodoloxía construtivista, cooperativa e creativa e adquiriron unha postura máis crítica sobre a necesidade de «facer visible o invisible».

Se botamos a vista atrás, vemos que frutífero foi o percorrido. Todos e cada un de nós sumamos na sensibilización sobre a igualdade de xénero.
Grazas a toda a comunidade educativa pola súa paciencia e colaboración para poder levar a cabo o noso proxecto. Grazas aos/ás relatores/as que compartiron xenerosamente o seu tempo e experiencia. Grazas, especialmente, a vós, alumnas e alumnos de primeiro de bacharelato pola vosa implicación, pola vosa constancia, polo voso esforzo e polo voso compromiso activo.

 

 

Sección: