O CEIDA, centro de referencia para a educación ambiental en Galicia

Promovendo e dinamizando a educación ambiental en Galicia
O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) impulsa a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións para os problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido. Naceu coa vocación de ser o centro de referencia en educación ambiental da comunidade galega e cumpre a misión de coordinar, dinamizar e promover a educación ambiental.

Carlos Vales Vázquez, director–xerente do CEIDA
ceida@ceida.org
Equipo de Educación Ambiental do CEIDA
ceida@ceida.org;formacion@ceida.org; educacion@ceida.org
Centro de Documentación Domingo Quiroga do CEIDA
documentacion@ceida.org

 

 

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) naceu no ano 2001 coa vocación de ser o centro de referencia en educación ambiental da comunidade galega e cumpre a misión de coordinar, dinamizar e promover a educación ambiental. Os centros de referencia defínense no Seminario Internacional de Educación Ambiental de Belgrado (1975) como «centros rexionais ou subrexionais para centralizar a información e estimular o desenvolvemento coordinado da educación ambiental».
Así, o CEIDA ten como obxectivos impulsar a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións para os problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Constitúese a través da figura dun consorcio rexido por un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros, propietario das instalacións.

Contexto xeográfico e histórico do CEIDA

O CEIDA ten a súa sede no concello de Oleiros, castelo de Santa Cruz, situado nunha pequena illa do golfo Ártabro, na ría da Coruña, unha das formacións costeiras máis ricas e singulares de Galicia, integrada na reserva de biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A situación é estratéxica, pois trátase dun castelo construído inicialmente en 1594 como parte do sistema defensivo da cidade da Coruña para evitar as invasións navais. Constitúe un símbolo como monumento histórico-artístico e  está declarado como ben de interese cultural, protexido por patrimonio. O castelo foi reformado ao longo do tempo e, entre outras funcións, foi pazo que lle serviu de residencia de verán á escritora Emilia Pardo Bazán.

A partir de 1990 fanse diversas obras e transfórmase a súa función inicial cara á defensa do medio. Ao interese e valores naturais da súa contorna mariña e costeira, súmase tamén o seu xardín con 30 especies diferentes de árbores, algunhas delas senlleiras e centenarias.

Nos arredores, o porto de Santa Cruz foi no pasado un importante refuxio para moitas embarcacións dos pescadores locais, aínda que hoxe en día só quedan algunhas embarcacións de recreo ou destinadas á pesca deportiva. Nas proximidades existen dous espazos naturais de elevado interese ambiental, o monumento natural da costa de Dexo e a ría do Burgo.
Educación, formación e documentación para todos

O CEIDA conta con tres áreas de traballo: Formación e Capacitación, Educación e Divulgación e o Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga.

A Área de Formación encárgase da organización de actividades de capacitación para a xestión ambiental nos seus aspectos máis diversos, tentando responder ás necesidades de profesionais e xestores, así como a demanda de coñecemento da cidadanía cada vez máis preocupada pola protección do noso patrimonio natural. As actividades formativas están dirixidas a profesionais do ámbito da educación (persoal docente, educadores/as ambientais, monitores…); responsables políticos e/ou técnicos da Administración local e/ou autonómica; colectivos profesionais; estudantes e público xeral interesado.

O formato das actividades organizadas é moi diverso, incluíndo cursos, xornadas, congresos internacionais e seminarios de formación inicial ou continua. A área de educación ambiental desenvolve actividades e programas anuais dirixidos á comunidade educativa e a todo tipo de grupos sociais, tales como a terceira idade ou colectivos de discapacitados.

Complementa a súa oferta divulgativa coa produción de exposicións monográficas itinerantes, conferencias e a elaboración de publicacións de carácter tanto divulgativo coma científico e técnico. Así mesmo, o centro acolle ao longo do ano diversas exposicións nas salas destinadas para ese fin. Actúa tamén como punto de encontro e de cooperación entre as diferentes administracións, colectivos e axentes que traballan pola sustentabilidade desde as súas competencias e enfoques, aplicando a participación como un proceso e praxe necesaria para a procura de solucións aos problemas ambientais.

A Área de Documentación Ambiental cataloga e pon á disposición dos potenciais usuarios monografías, revistas, cartografía, folletos, documentos non publicados e outros materiais, tanto en soporte papel coma en formato dixital. Esta unidade de información ambiental, especializada en educación ambiental, conservación e sustentabilidade, é a única que ofrece un servizo aberto a toda a cidadanía en Galicia. O centro traballa ademais en rede con 115 bibliotecas e centros de documentación ambiental de todo o territorio español: a rede RECIDA (www.recida.net).

O Centro de Documentación Ambiental leva o nome de Domingo Quiroga Ríos, un dos promotores do xurdir da conciencia ambiental nos anos setenta do pasado século e primeiro presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), fundada en 1974.

O CEIDA conta cunha liña de publicacións propia, que inclúe monografías tales como a Guía de equipamentos de educación ambiental de Galicia ou materiais didácticos sobre o cambio climático ou sobre as mareas negras. Mención especial merece a publicación, conxuntamente co servizo de publicacións da Universidade da Coruña, da revista AmbientalMenteSustentable.

Outro aspecto que merece ser destacado é que, ao longo dos anos, se foi consolidando unha importante liña de traballo de cooperación internacional. Este traballo aproveita o feito de que Galicia dispón dunha lingua de orixe común e moi próxima á de Portugal, o que facilitou fortalecer os intercambios, non só con este país, senón especialmente co Brasil e cos chamados PALOPS (países africanos de lingua oficial portuguesa).

Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga

Todos os días aparecen novas nos medios de comunicación sobre a problemática ambiental: cambio climático, sobreexplotación pesqueira ou crise enerxética son algúns exemplos. Non obstante, a pesar do volume de información, non resulta doado transmitirlle á opinión pública a dimensión real do problema. Por este motivo é preciso que os comunicadores e educadores dispoñan de ferramentas que faciliten achegarlle esta cuestión á cidadanía. Entre esas ferramentas, a información ambiental posiciónase como un valor fundamental nos distintos encontros de carácter internacional e foi recoñecida finalmente no Convenio de Aarhus (1998) como dereito de acceso á información ambiental, á participación dos cidadáns na toma de decisións e o dereito de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, e aplicados os seus principios nas distintas directivas comunitarias.

O CEIDA, consciente disto, desde os seus inicios, recoñece como un dos seus fins nos estatutos da entidade «establecer un sistema de recollida de información ambiental co obxectivo de crear un fondo documental e un banco de datos ambientais que permita difundir todo tipo de documentación». De aí que se estableza na sede do CEIDA o Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, que dispón do fondo documental de temática ambiental máis amplo de Galicia.

Ademais, a través da colaboración con outros centros da mesma natureza no ámbito estatal, conseguiu establecer lazos de unión que permiten traballar en rede e que repercuten nunha mellor atención ao público. Así, o Centro recompila información en todo tipo de soportes: libros, revistas e materiais audiovisuais son os que forman a maior parte do fondo, pero tamén dispón de cartografía, folletos e recursos electrónicos.

Entre os servizos que o Centro de Documentación Ambiental do CEIDA lle ofrece á cidadanía, atópase o préstamo de materiais, tanto na sala coma por envío postal, o servizo de buscas especializadas de información ambiental na Rede, a edición de guías de recursos e boletíns de novidades bibliográficas ou os ciclos de cine documental Butaca Verde.

Para poder ofrecer un servizo rápido e eficiente, as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental e o correo electrónico é un dos principais medios de comunicación cos usuarios, tanto para a solicitude de documentos coma para dar resposta ás demandas de información ambiental.

Ciclo de cine documental ambiental e solidario Butaca Verde

O CEIDA, a través do seu Centro de Documentación Ambiental, pon á disposición de todas as entidades galegas o ciclo de cine ambiental e solidario Butaca Verde, co obxectivo de fomentar e facilitar a realización de actividades de carácter ambiental e provocar, con elas, a reflexión necesaria na cidadanía sobre o noso estilo de vida e a adopción de condutas diarias máis sustentables e responsables con nós e co planeta.

Esta actividade ofrece en préstamo 19 documentais que recollen algunhas das principais problemáticas ambientais e sociais dos nosos días. Poden solicitalos todas aquelas persoas ou entidades (concellos, centros educativos —secundaria ou ciclos formativos—, asociacións, entidades culturais, colectivos etc.) que dispoñan dun espazo habilitado para as proxeccións, que deberán realizarse de maneira pública e de balde. http://www.ceida.org/gl/biblioteca-e-documentacion/centro-de-documentacion-ambiental-domingo-quiroga

Programa de actividades de educación ambiental

Os/As educadores/as ambientais do CEIDA están a desenvolver diversos programas de educación e sensibilización ambiental dirixidos aos distintos sectores da sociedade e con formatos diversos, como itinerarios ambientais, exposicións, obradoiros, audiovisuais, campañas divulgativas, visitas á aula do mar. Na súa praxe educativa asumen que a educación ambiental ten que ser social, práctica, crítica e integradora e, polo tanto, orientada a construír sociedades sustentables coa implicación dos participantes na resolución dos problemas ambientais.

En liñas xerais, os participantes asimilaron conceptos novos e estableceron relacións afectivas co medio, reforzando a visión respectuosa coa contorna.  http://www.ceida.org/gl/categorias-educacion-e-divulgacion/actividades-dirixidas-a-centros-educativos

 

Programa de visitas ao CEIDA e ao castelo de Santa Cruz

Co fin de dar a coñecer os valores históricos e naturais da illa de Santa Cruz, desde o ano 2001, o CEIDA vén realizando visitas guiadas ao castelo de Santa Cruz. Este programa lévase a cabo todo o ano e está aberto a calquera tipo de colectivo. Dada a demanda de centros de ensino no 2010, este programa adaptouse a este colectivo e comezouse o programa A illa de Santa Cruz, un rico patrimonio natural e histórico, que se lles oferta anualmente aos centros escolares galegos. Ademais de dar a coñecer os valores ambientais e históricos da illa, realízanse obradoiros vinculados ás exposicións temporais do castelo de Santa Cruz.

Na actualidade están participando neste programa educativo aproximadamente 1000 visitantes/ano, fundamentalmente alumnado de educación primaria pero tamén coa participación de centros de educación infantil, educación secundaria e diversas tipoloxías de asociacións.

O mar e a costa, recursos valiosos para todos. Un programa maduro e estable para conservar a beiramar

No 2004 o CEIDA asumiu o desafío de desenvolver a longo prazo un proxecto de educación ambiental co obxectivo de fomentar entre a sociedade actitudes positivas e comportamentos favorables cara á protección e a conservación da costa galega, a través do coñecemento dos valores naturais e culturais e da análise das súas problemáticas ambientais.

Así é como naceu o programa de educación e sensibilización ambiental O mar e a costa, recursos valiosos para todos, patrocinado pola Deputación da Coruña e dirixido aos centros de ensino e aos colectivos sociais de toda Galicia. Desde o seu inicio participaron nas diversas actividades incluídas neste programa máis de 25 000 persoas, fundamentalmente do ámbito educativo nos niveis de educación primaria e secundaria.

A continuidade deste programa ao longo do tempo fixo que as actividades que nel se desenvolven fosen evolucionando e os escenarios da súa realización fosen cambiando. Inicialmente, as actividades tiñan lugar na illa de Santa Cruz e en diferentes espazos da súa contorna (ría do Burgo, porto de Lorbé…) e, na actualidade, o programa ten como escenario o espazo Natura 2000 e o monumento natural costa de Dexo.

Este espazo, unha das áreas mellor conservadas da Costa Ártabra, constitúe un lugar de importancia ecolóxica tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats coma pola súa xeomorfoloxía e paisaxe. A estes valores naturais e, sobre todo, paisaxísticos súmanse valores históricos e patrimoniais, o que lle outorga un elevado potencial didáctico en diferentes eidos.

O equipo de educación ambiental do CEIDA desenvolve este programa dunha maneira lúdica e participativa, adaptando os contidos da actividade á idade do colectivo co fin de que esperten as súas emocións. Polo tanto, o fin último destas actividades é fomentar actitudes e comportamentos positivos cara á conservación, promovendo unha interacción do ser humano coa natureza e o uso sustentable da costa galega, xa que os participantes do programa ambiental deberán extrapolar o caso da costa de Dexo ao resto do litoral galego

Congresos de educación ambiental dos centros de ensino

Dentro das necesidades da sociedade actual, o respecto e a conservación do patrimonio segue a ser unha materia pendente. As voces das comunidades educativas, identificadas no alumnado como actores transmisores, seguen a ser a mellor referencia dos movementos que se están a desenvolver para a difusión desa nova conciencia ambiental, que nace no xerme dos protagonistas das sociedades futuras.

O obxectivo fundamental foi brindarlles aos centros de ensino un espazo de intercambio e punto de encontro. Consolídase deste xeito a idea de incentivar os centros de ensino para que traballen en experiencias de conservación e divulgación do medio natural e do patrimonio, promovendo na comunidade escolar o contacto entre os diferentes centros, dándolle espazo á voz do alumnado a través da divulgación das súas investigacións.

Os traballos realizados co esforzo de todos os participantes recóllense nunha publicación electrónica editada polo CEIDA. Este é un compromiso adquirido que pretende espallar as actividades do congreso máis aló deste, que inclúe as descricións dos proxectos, os materiais audiovisuais elaborados para as presentacións e fotografías do evento.

Exposicións itinerantes

As exposicións itinerantes son ferramentas de divulgación que lle permiten ao CEIDA traspasar os muros da súa sede e chegar a toda a cidadanía galega, co fin de fomentar entre ela a importancia de loitar contra o cambio climático ou de axudar na conservación do patrimonio natural e cultural. http://www.ceida.org/gl/categorias-educacion-e-divulgacion/exposicions-itinerantes

Formación e capacitación en medio ambiente

Un dos principais obxectivos marcados nos estatutos que concibiron o CEIDA é a formación dirixida a diferentes sectores da sociedade, xa que a aprendizaxe especializada axuda á creación e consolidación dunha conciencia fundamentada na crise ambiental que sofre o planeta.

O CEIDA organiza accións formativas multidisciplinares de moi diverso formato, como xornadas, cursos, seminarios internacionais… nas que participan persoas de ámbitos profesionais moi diversos: enxeñeiros/as, técnicos municipais, traballadores do sector turístico, biólogos, cooperantes e educadores... para os que estas actividades supoñen un complemento no ámbito curricular.
As temáticas principais destas actividades formativas pódense incluír nos seguintes bloques:
    • Educación ambiental/Interpretación do patrimonio
    • Medio mariño
    • Turismo
    • Cambio climático
    • Concellos e Administración local
    • Conservación do patrimonio natural
    • Auga
http://www.ceida.org/gl/formacion-gl

O CEIDA e a cooperación internacional

É incuestionable que o modelo de consumo das sociedades occidentais desencadeou unha crise ambiental profunda que ten como máximos expoñentes problemas globais como o cambio climático, a desertización, a perda de biodiversidade, o espolio de recursos naturais... xunto cunha infinidade de casos locais e espallados por todo o mundo.

Aínda que a principal razón de ser do CEIDA é a de contribuír á sustentabilidade e á conservación da natureza en Galicia, desde a institución asúmese a responsabilidade de participar na resolución ou minoración da problemática global que, malia manifestarse en territorios afastados, é consecuencia do estilo de vida occidental. Mediante a cooperación internacional achéganse aos gobernos e á sociedade civil doutros territorios a experiencia e os recursos precisos para desenvolver procesos positivos no eido socioambiental.

Entre as actuacións de cooperación levadas a cabo polo CEIDA está a de establecer relacións de colaboración con axentes ambientais, gobernamentais e sociedade civil doutros países para compartir ideas e metodoloxías, trazar estratexias e traballar en rede. Nesta cooperación en dúas direccións, Galicia benefíciase coa visita de expertos que expoñen experiencias e iniciativas concretas, que achegan novas bases de debate, coñecemento e acción, que pola súa vez redundan nunha maior creatividade e efectividade do traballo ambiental.
http://www.ceida.org/gl/cooperacion
 

 

Sección: