3, 2, 1 acción, aprendizaxes competenciais en comunidade
M.ª Teresa Domínguez Pérez, directora e coordinadora
CRA Mestra Clara Torres (Tui - Pontevedra)
cra.mestra.clara@edu.xunta.es
Contextualización
O CRA Mestra Clara Torres é un colexio que resultou da agrupación de escolas unitarias no ano 2000. Ten como un dos seus sinais de identidade o profesorado itinerante. No momento de desenvolvemento do proxecto o centro tiña 10 unidades e 98 alumnos e alumnas e nestes momentos ten 7 unidades e 68 nenos e nenas. Contamos con profesorado especialista en Educación Física, Música, Inglés e Relixión Católica. As aulas están dispersas en 9 parroquias do concello de Tui.
Descrición
O proxecto 3, 2, 1 acción, aprendizaxes competenciais en comunidade supón un elo máis nas accións do noso centro xa que, desde hai 15 anos, todas as propostas didácticas e curriculares integran valores, a participación e o compromiso das familias e da cidadanía, secuencias de aprendizaxe-servizo, a compensación de desigualdades das nosas comunidades rurais (temos aulas espalladas polas aldeas do concello) ou a integración do medio como recurso educativo. Non son actuacións puntuais ou engadidas e forman parte dun macroproxecto integrado por proxectos globais, multicontextuais, competenciais, multitemáticos, diversos, compensadores, de servizo á comunidade que se desenvolven e cobran vida co compromiso cívico, altruísta do alumnado, das familias e da cidadanía.
Resulta gratificante e marabilloso comprobar que a cidadanía elabora recursos para o centro a partir das suxestións e toma de decisións do alumnado —carteis, folletos, rutas medioambientais...— ou que o centro promova formación para as familias de todos os centros —cine mensualmente etc.—. Neste proxecto abordáronse temáticas relacionadas co medio ambiente (auga, reciclaxe, hortas escolares), cine, promoción da lectura, solidariedade e inclusión, formación de familias, alimentación etc.
O centro ten como sinal de identidade o abrir as ventás físicas e as do corazón ao contexto sociocultural para mergullarnos xuntos e para compensar. Polo tanto, unha educación "infusionada" con, para e desde o contexto social e cultural a través do currículo formal, informal e non formal de forma creativa empregando a reflexión e a crítica cun forte compromiso social.
A meta é ofertar accións educativas de aprendizaxe, servizo e competencias para que alumnado-familias-cidadanía sexan competentes para aprender e educar, pois a educación é unha tarefa compartida e o éxito educativo acádase compensando múltiples desigualdades.
Pretendemos ser unha escola que abre portas para vivir aprendizaxes competenciais (saber, saber facer, saber ser). Desexamos aprender xuntos, descubrir xuntos, gozar xuntos querendo seguir aprendendo xuntos, pois sempre queda moito por compartir, sentir e vivir.
As actuacións das aprendizaxes-servizo, dos proxectos ou UDI están integradas co desenvolvemento curricular coma unha segunda pel, así que a maridaxe é perfecta. O partenariado entre familias, profesorado, alumnado, cidadanía foi integrado desde os inicios e sempre continuou ampliándose.
Obxectivos
Cando se tomou a decisión de ir camiñando a través das temáticas e ámbitos descritos anteriormente, considerouse necesario solicitar as achegas dos diferentes membros da comunidade educativa e da cidadanía para identificar necesidades e os ámbitos de actuación que desen resposta a esas necesidades. A partir destas premisas establecéronse obxectivos para orientar o proceso de ensino e aprendizaxe, que se reformularían se fose necesario.
Obxectivo xeral: Desenvolver un proceso de ensino-aprendizaxe "situado", contextualizado e de servizo dinámico, interdisciplinar, cun carácter integral para que se produzan cambios organizativos na cultura escolar, cambios nas prácticas de traballo e métodos de ensino a través da creación de coñecemento en práctica por medio de prácticas sociais activas no contexto formal, informal, non formal.
Obxectivos específicos:
Obxectivos para alumnado, familias e cidadanía:
- Impulsar aprendizaxes-servizo, funcionais e "situadas" .
- Promover o deseño de accións para a concienciación e respecto ambiental.
- Identificar, coñecer, respectar e conservar espazos naturais de auga en Tui.
- Dinamizar accións sociais, dinámicas, compensatorias, cívicas e altruístas.
- Impulsar a promoción da lectura dentro e fóra do centro.
- Promover accións colaborativas entre o alumnado-profesorado-familia-cidadanía.
- Establecer accións sociocomunitarias para o desenvolvemento das sete competencias clave no contexto social, natural, cultural e artístico.
- Fomentar a inclusión e solidariedade a través de actitudes e valores asociados coa educación efectiva dos valores prosociais.
- Promover a solidariedade e compensar con accións comunitarias.
- Desenvolver coñecementos, habilidades e valores na integración curricular.
- Estimular a formación familiar do centro e doutros centros da área municipal ou de comarca a través da integración activa nas propostas didácticas e curriculares.
- Significar a importancia do desenvolvemento curricular en contextos formais, informais e non formais.
- Aumentar o éxito escolar baseado na formación familiar.
- Fomentar o traballo cooperativo entre todos os membros da comunidade educativa.
- Promover hábitos de vida saudables
- Fomentar a dinámica da lectura como fonte de coñecemento.
- Promover o coñecemento do contexto a través de accións "inseridas" no propio medio.
- Provocar a participación dos cidadáns en proxectos comúns.
Actividades
As diferentes accións integraban formación familiar, promoción da lectura no centro e no contexto social, coidado e respecto do medio ambiente, promoción do cine no concello onde non existían salas comerciais, dinamización de hábitos de vida e alimentación saudables, aprendizaxe-servizo con mercados solidarios nos que se trocaban libros ou roupa por alimentos para entregar a diferentes ONG, promoción da formación familiar en materia de educación con sesións formativas mensuais e a través de calendarios competenciais (currículo doméstico).
As diferentes accións do proxecto estaban distribuídas en 6 bloques temáticos pero tendo como fío condutor unha aprendizaxe situada e de servizo.
Na transposición didáctica desenvolvíanse procesos cognitivos tales como recoñecer, clasificar, argumentar, decidir, avaliar, agrupar, seriar, identificar, aplicar, crear… no contexto escolar formal e tamén no contexto non formal e informal, polo que o currículo traspasaba portas e ventás escolares integrándose no contexto a través dun compromiso cívico, unha aprendizaxe de coñecementos, valores e habilidades útiles para a vida que melloran a competencia curricular a través da solidariedade, altruísmo, intelixencia creativa, sentido cidadán, sentido da iniciativa e espírito emprendedor etc. Conformaban paisaxes de aprendizaxe onde tamén se desenvolvían intelixencias múltiples.
As actividades realizadas están integradas transversalmente na planificación didáctica-curricular tendo as aprendizaxes competenciais en familia, para a vida e abertas ao medio como eixe vertebrador.
Os bloques temáticos elixidos foron:
BLOQUE 1. XUNTOS CO MEDIO AMBIENTE
Deseñouse un proxecto documental integrado (PDI) sobre o tesouro da auga en Tui, no que se investigou sobre a utilidade da auga, onde estaba localizada, que recursos patrimoniais estaban relacionados coa auga (muíños, fontes, lavadoiros). Este feito levounos a deseñar rutas de auga na zona xeográfica para descubrir tesouros de auga coa colaboración das familias e dunha empresa de lecer e aventura. Tamén realizamos unha campaña de concienciación cidadá para un consumo responsable a través da repartición dun decálogo responsable. Ademais, coas familias e unha comunidade de montes do concello, reforestamos un monte nunha das nosas aldeas e nun contorno de río para que auga e árbores formasen unha maridaxe perfecta. Esta acción supuxo a integración da temática no currículo para que indagasen e reflexionasen sobre a tipoloxía de árbores da contorna, espazos sen sombra na zona, coidados, tamaños e lugar máis axeitado para a reforestación e por iso decidiron que a ribeira do río no que se bañaban cada verán debía ser un dos espazos, xa que non existía moita sombra.
Plantación de árbores
De igual maneira, creamos unha horta escolar para promoción dunha alimentación sa xa que os produtos recollidos serían empregados como ingredientes de ensaladas que mesturabamos con froita. Moitos días eran empregados para os almorzos de media mañá ou para o xantar que se realizaba na aula.
Tamén elaborabamos recursos educativos con material de refugallo (recipientes para a horta, belén de Nadal, túnel sensorial para unha alumna con necesidades educativas especiais).
BLOQUE 2. LENDO XUNTOS
Para promover a lectura entre o alumnado, familias e cidadanía, realizamos un mercado solidario trocando libros por alimentos.
Outra iniciativa centrouse en realizar propostas lectoras a través da actividade denominada Queres ler? na que faciamos propostas de lecturas coa súa guía (ademais podían ler a través do blog de bibliotecas ao estar “colgadas”). Para complementar esta acción, as familias realizaban contacontos polas aulas. Persoeiros importantes, como o conselleiro de educación, facían propostas de libros.
Cartel lecturas solidarias
De igual maneira, e para promover a lectura e a escoita activa, deseñouse a proposta de emisión de dous contos semanais na radio municipal creando o programa Cóntasme un conto? e, como derradeira acción deste bloque, fixéronse reparticións de libros para crear cafeterías lectoras.
BLOQUE 3. CINECRA
Esta acción consistía en proxectar películas infantís e para adultos mensualmente en dous espazos diferentes (salón de actos municipal e casas culturais das aldeas de forma itinerante) para promover o audiovisual en comunidades rurais. As proxeccións realizábanse fóra do horario escolar: os xoves, para adultos; os venres, para poboación infantil; e os domingos, nas casas culturais. Estas proxeccións estaban abertas a toda a poboación, eran gratuítas e contaban coa autorización da SXAE. O conselleiro de educación estivo presente na inauguración.
CineCRA maio
BLOQUE 4. A COMER BEN!
Para que as familias visen a necesidade dunha alimentación sa e que ao alumnado lle gusta a froita e o peixe creamos un show cooking co xefe de cociña do parador de Tui no que participaban as familias e o alumnado. As receitas elaboradas eran tamén presentadas na radio municipal. Ademais creouse un libro de receitas con froita elaboradas na aula coas familias durante 20 días.
BLOQUE 5. SOLIDARIEDADE E INCLUSIÓN NA COMUNIDADE
Nesta acción realizáronse mercados solidarios de roupa e de libros que doaron cidadáns, familias e editoriais nos que trocabamos roupa ou libros por alimentos, os cales se entregaron a ONG e servizos sociais.
Cartel Troco roupa X alimentos
Esta actuación de aprendizaxe-servizo deu lugar a tres mercados solidarios. Teceuse unha rede de relacións, o que propiciou un auténtico partenariado. O alumnado creou carteis que a cidadanía de forma voluntaria transformou nos carteis publicitarios, campañas publicitarias, deseñou etiquetas, inventariou, catalogou, empaquetou… tendo como resultado 1200 quilos de alimentos recollidos.
Ante a publicidade e repercusión do proxecto, chegou roupa doutros lugares e unha empresa con furgonetas foi facer a recollida.
Mercadillo solidario
Outras accións deste bloque foron: a creación dun túnel multisensorial para alumnado de educación especial e a recollida de tapóns para un banco de tapóns que axuda o alumnado de educación especial e, por último, sesións intercentros con centros de educación especial para poder coñecer a realidade do alumnado diverso e lograr a normalidade e o respecto pola diferenza xa que esta é un valor.
BLOQUE 6. FORMACIÓN FAMILIAR E CIDADÁ A TRAVÉS DE COMUNIDADES DE APRENDIZAXE: FALADOIROS CON FAMILIAS
Cada mes, desenvolvíanse sesións formativas creativas con propostas literarias e estratexias para aprender a educar mellor: seguridade nas RRSS e Internet, estratexias para mellorar a autonomía, a atención, intervención nas condutas disruptivas, propostas de lectura e de cine para nenos e nenas e adultos etc.
Outra acción dentro deste bloque era a edición de calendarios competentes con propostas de aprendizaxes funcionais para a vida… a través de suxestións diarias ao longo dos días da semana durante todos os meses do ano para que desenvolvan un currículo doméstico que leve ao desenvolvemento das sete competencias clave. Algúns exemplos son:
- Redactar unha lista da compra
- Ordenar o cuarto
- Cantar e ler en familia
- Realización de rutas medioambientais
- Deseñar a planificación de actividades corresponsables en familia
- Realizar un orzamento de gastos mensuais
- Conversas en familia
- Recoller ou poñer a mesa
- Deseñar menús saudables
- Realizar tarefas domésticas igualitarias e corresponsables..
Todas as actuacións estaban integradas no currículo, o que favorecía a coherencia, o dinamismo, as paisaxes de aprendizaxes, xa que integran diferentes procesos cognitivos, modelos de pensamento, competencias e intelixencias múltiples.
Metodoloxía
Púxose en marcha un grupo de traballo colaborativo como comunidade profesional de aprendizaxe formado por familias, profesorado e cidadanía para darlles visibilidade ás necesidades da comunidade e decidir ámbitos temáticos de acción que se xunguían coa finalidade de ser unha escola educadora para, por, desde o medio cultural, natural e social.
A partir dun cronograma, incorpóranse as acciones sociais e compensadoras ás UDI que integran o currículo e desenvolve as sete competencias. En cada UDI establecíanse secuencias didácticas de aprendizaxes-servizo orientadas á acción social altruísta, crítica, compensadora, solidaria que organiza o pensamento de alumnado, familias e cidadanía; favorece a reflexión, a crítica, a elaboración de hipóteses, a tarefa investigadora asumindo a responsabilidade de aprendizaxes, aplicando os seus coñecementos e habilidades ás situacións reais.
Para potenciar a motivación pola aprendizaxe competencial requiríanse, ademais, metodoloxías activas, dinámicas, "situadas" e contextualizadas. Aquelas que faciliten a participación e implicación do alumnado e a adquisición e uso de coñecementos en situacións reais serán as que xeren aprendizaxes máis transferibles e duradeiras. As nosas metodoloxías activas apóianse en estruturas de aprendizaxe cooperativa a través da resolución conxunta de tarefas-acción.
O proceso de ensinanza-aprendizaxe competencial contou sempre coas estratexias interactivas entre familias-alumnado-cidadanía por seren as máis axeitadas, o que permitiu compartir, dinamizar e construír o coñecemento mediante o intercambio verbal e colectivo de ideas. Os métodos partiron da perspectiva do docente e tamén das familias como orientadores, promotores e facilitadores do desenvolvemento competencial no alumnado; ademais, dinamizáronse deseños curriculares por situacións-problema, formuladas cun obxectivo concreto: que o alumnado resolva facendo un uso axeitado dos distintos tipos de coñecementos, destrezas, actitudes e valores. Así mesmo, tívose en conta a atención á diversidade e o respecto polos distintos ritmos e estilos de aprendizaxe mediante prácticas de traballo individual e cooperativo. Para un proceso de ensinanza-aprendizaxe competencial, as estratexias interactivas foron as máis axeitadas, ao permitir compartir e construír o coñecemento e dinamizar as sesións de clase mediante o intercambio verbal e colectivo de ideas.
Estas metodoloxías activas apoiáronse na aprendizaxe cooperativa e, a través da resolución conxunta das tarefas, os membros do grupo coñecen as estratexias empregadas polos iguais para aplicalas a situacións similares.
Outras cuestións non menos importantes céntranse na aprendizaxe nun marco colectivo e recíproco, nun marco das interaccións entre administracións e institucións, o que favorece as redes de alianzas. Esta concepción de ensinanza competencial e, xa que logo, de aprendizaxe dinamiza a experiencia, a reflexión, a toma de decisións.
En canto á competencia curricular, lógrase un incremento de adquisición de contidos dado que se traballa de forma globalizada poñendo as diferentes áreas e bloques en conexión. Ademais lógrase un servizo escolar, social, cidadán e o impacto "vívese" e "séntese".
As metodoloxías que contextualizan a aprendizaxe e permiten a aprendizaxe por proxectos, os centros de interese, o estudo de casos ou a aprendizaxe baseada en problemas favorecen a participación activa, a experimentación e unha aprendizaxe funcional que vai facilitar o desenvolvemento das competencias, así como a motivación do alumnado ao contribuír decisivamente á transferibilidade das aprendizaxes.
Avaliación
A final do curso avaliábanse mediante diferentes instrumentos (escalas, rexistros, rúbricas, listas de cotexo...) as diferentes actuacións e propostas a partir de determinados indicadores como:
- Número de persoas implicadas
- Número de actuacións desenvolvidas
- Número de alimentos recollidos
- Número de usuarios
- Grao de satisfacción do alumnado, familias, institucións e cidadanía
- Grao de impacto social
- Calidade das redes de interacción creadas etc.
Tamén empregamos rúbricas para coñecer o nivel de desempeño do proxecto a través de catro niveis ou rangos de desempeño (valoración das aprendizaxes, recursos e escenarios, integración curricular dos elementos curriculares, tipoloxía de tarefas e actividades...). De igual maneira, rubricamos as aprendizaxes do alumnado.
Consideracións finais
O proxecto foi una experiencia que acadou o éxito en todos os ámbitos: curricular, aprendizaxe-servizo, aprendizaxe situada ou participación da cidadanía. Favoreceu o desenvolvemento de diferentes modelos de pensamento (deliberativo, analóxico, analítico, lóxico, creativo...) e de diferentes procesos cognitivos (coñecer, aplicar, avaliar, comparar, estimar, crear, identificar...).
É certo que o traballo desenvolvido en actuacións anteriores, onde o centro abría portas ao contexto para implementar accións solidarias e comunitarias de visibilización (muller traballadora, Día da Paz, consumo responsable de auga ou luz...), fixo que 3, 2, 1 Acción, aprendizaxes competenciais en comunidade fose logrando os seus obxectivos e incluso os superase.