Radiuvín. A radio de Lectuvín

Para que poidas coñecer o que pasa no cole de Sober. Proxecto Radio na biblio
A biblioteca xa non pode entenderse como un espazo cuxa actividade principal é o préstamo de libros e a consulta de enciclopedias, senón que temos que camiñar cara a unha biblioteca onde traballemos con novos espazos, novas metodoloxías e novos proxectos como Radio na biblio. Neste artigo detallamos a incorporación e desenvolvemento deste proxecto na nosa biblioteca e no noso centro.

Flora Grande Rodríguez
Mestra Educación Musical e coordinadora da biblioteca escolar
CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober)
floragrande@edu.xunta.es

 


O CEIP Plurilingüe Virxe do Carme está situado en Sober, na zona sur da provincia de Lugo, na comarca de Lemos. É un centro pequeno que conta na actualidade con catro mestres definitivos máis tres provisionais e 57 alumnos repartidos en dúas aulas de infantil e catro de primaria.

Esta característica leva implícitas vantaxes e inconvenientes. Unha das vantaxes é que somos poucos e, polo tanto, é doado organizarse e poñerse de acordo. Esta mesma razón é o principal inconveniente: queremos que o noso alumnado teña as mesmas oportunidades e actividades ca alumnado de centros máis grandes pero somos poucos para levalo a cabo e, á tarefa titorial con dous cursos en cada aula, únese todo o que supón o día a día dun centro escolar: proxecto plurilingüe, Voz Natura, normalización lingüística, extraescolares e complementarias…

Por estas razóns, desde hai varios cursos a biblioteca é o eixe central do noso centro, o punto do que parten o resto de proxectos e programas nos que participamos e, se en todos os centros o labor bibliotecario require un compromiso de traballo en equipo que permita unha atención estable e coordinada á biblioteca, nun centro pequeno coma o noso aínda máis; sobre todo cando queremos poñer en marcha prácticas que non se establecen como tales no currículo e implican un traballo extra.

Entón, por que embarcarnos en proxectos como Escornabots na biblioteca escolar ou Radio na biblio? A resposta é clara: cremos na biblioteca, no seu potencial e nestes proxectos como base de futuro para o noso alumnado. Como cremos tamén nos obxectivos establecidos na convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 17 de outubro de 2017, do proxecto piloto Radio na biblio:

1.    Estimular o desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a «centros creativos de aprendizaxes» e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio no contexto destas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

2.    Ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

A estes obxectivos iniciais que permiten traballar a comunicación lingüística (CCL), a competencia dixital (CD) e aprender a aprender (CAA) fóronse unindo outros durante o proceso de desenvolvemento deste proxecto relacionados coas demais competencias clave recollidas no Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, título I, artigo 5.

- Reforzar as competencias sociais e cívicas (CSC) en todo o que se refire ao traballo en equipo: respecto ás opinións dos demais, escoita activa, posta en común, toma de decisións, realización de críticas construtivas…

- Fomentar a competencia referida á conciencia e expresións culturais (CCEC) achegándonos á nosa cultura, á nosa contorna e ao noso patrimonio a través de entrevistas e proxectos de investigacións.

- Potenciar a competencia relativa ao sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE) en canto que o alumnado colabora no desenvolvemento de aspectos relativos á organización da radio: desde propostas para o seu nome ata propostas para seccións ou emisións.

Para conseguir os obxectivos propostos e levar a cabo o proxecto contamos cun espazo propio de laboratorio de radio construído coa colaboración de catro pais albaneis e carpinteiros e persoal do Concello que reformaron e trasladaron unha estrutura en desuso doutra zona do colexio.

Unha vez que tivemos este espazo, mercamos unha mesa de mesturas, un ordenador, cinco micrófonos, cinco auriculares e os cables necesarios para conectalo todo.

Ademais o alumnado colaborador accedeu a todos os recursos da biblioteca: ordenadores e tabletas para a busca de información á hora de elaborar os seus programas e os guións correspondentes; fondos bibliográficos para as seccións de lectura na radio e a impresora 3D na que imprimimos a mascota do cole que os convidados aos nosos estudios levan como recordo.

Con todos estes recursos á disposición do proxecto, realizáronse actividades diferentes con finalidades tamén diferentes.

Para a difusión da participación no proxecto e a súa visibilización, creouse unha pestana específica no blog da biblioteca e un apartado tamén específico na web do centro. Ademais a prensa da nosa comarca fíxose eco da elección do noso centro para participar en Radio na biblio.

A continuación fomos dando os primeiro pasos: montamos a estrutura exteriorda nosa radio tal como dixemos no apartado anterior, coa colaboración dalgunhas familias e do Concello; convocamos o alumnado a participar na elección do nome da radio a través da proposta Como se chamará a nosa radio?e publicamos o nome elixido. Tamén escollemos un lema e un logo identificativo.

Aínda que non é unha actividade de posta en marcha propiamente dita; este ano dedicamos o Entroido e a nosa comparsaá radio para dar a coñecer a toda a xente de Sober que o cole contaba cun laboratorio de radio. Os nenos e nenas do PAI e o alumnado de infantil foron os nosos reporteiros e os micrófonos foron os de terceiro e cuarto de primaria. Para escoitar o que os reporteiros e xornalistas nos queren transmitir, tamén se necesitan aparellos de radio; o alumnado de quinto e sexto de primaria fixo un traballo de investigación sobre a evolución destes aparellos e disfrazouse de radios de todos os tempos. Os alumnos de primeiro e segundo de primaria, aos que lles fai moita ilusión que os seus avós e avoas os poidan escoitar a través das ondas, caracterizáronse de velliños e velliñas cos seus transistores. Esta actividade tamén foi recollida pola prensa da nosa comarca.

En canto á formaciónrealizáronse dúas sesións a través de Rede Espora. A primeira sesión realizouse o día 24 de xaneiro destinada aos mestres do centro para achegarnos á realidade desta nova ferramenta educativa que nos era allea e para poñer en marcha o estudo, montando todos os materiais necesarios e gravando algunha proba.

A seguinte sesión, organizada tamén a través de Rede Espora, estivo dirixida ao alumnado de terceiro a sexto de primaria(22 alumnos e alumnas) e tivo lugar o día 4 de abril. Esta formación estivo centrada en tres aspectos: que o alumnado tomase conciencia da importancia da locución(entoación, pausas, expresión de emocións, traballo coa voz…), a elaboración de tres guións radiofónicos a través da proposta de tres retos diferentes (programa de recomendacións lectoras a través dunha entrevista a outro compañeiro, programa sobre o noso concello para o que debían investigar e recompilar a información necesaria e un programa de lectura dramatizada á que engadir sons e música libre) e aprender a utilizar o programa de gravación e a mesa de mesturas para ser capaces de facer eles mesmos os programas anteriores. Ao final recibiron un diploma e un carné de técnico de biblioteca.

As emisións son as actividades visibles do proxecto. Estreámonos cunha emisión na que demos a coñecer a sintonía de Radiuvín tocada con instrumentos de placas por alumnado do centro e un programa inaugural que era unha carta aberta da nosa directora explicando por que, como e para que poñiamos en marcha este proxecto.



A estas emisións iniciais fomos engadindo outras:

  • Programas de animación á lectura como Lecturradio. As túas lecturas na nosa radio que é un programa con dúas seccións: ou ben o alumnado fala das súas lecturas seguindo un formato de entrevista ou ben fai lecturas dramatizadas de libros. Dentro deste programa tamén teñen cabida as familias, realizando unha variante da actividade As familias contan que levamos a cabo na biblioteca desde fai varios cursos: As familias contan en Radiuvín.
  • Programas de recitado de poesías a través da radio: para conmemorar o Día de Rosalía e o Día da Poesía, alumnado de todo o centro, desde infantil ata sexto de primaria, pasou polo estudio de radio para recitar as súas poesías, individualmente ou en grupo.
  • Entrevistas a persoas e asociacións relacionadas coa comunidade educativa: o alumnado entrevistou o alcalde sobre un dos acontecementos máis importantes do noso concello como é a Feira do Viño de Amandi; a nosa cociñeira que falou sobre o seu traballo e as receitas que utiliza; a nai dunha compañeira inglesa, á que entrevistaron en inglés preguntándolle pola súa chegada a España e a adaptación a súa vida aquí; a Asociación Sober Vivo que organizou unha xornada didáctica sobre a Infancia e o Medio Ambiente para todo o alumnado do colexio ou as organizadoras da I Escaleira Literaria, un acto poético musical para conmemorar o Día das Letras Galegas no que tamén participou a nosa directora.
  • Emitíronse dous programas sobre o noso Concello, programas que saíron do reto proposto na formación ao alumnado. Para eles, o alumnado tivo que investigar sobre aspectos xeográficos e culturais, a gastronomía, as festas… e, por suposto, falar do colexio e da nosa biblioteca.


Houbo emisións para conmemorar datas especiais como o Día do Libro,no que varios alumnos lle puxeron voz ao texto de Fran Alonso; o Día das Letras Galegas, para o que o alumnado gravou varios programas sobre a orixe deste día, a biografía de María Victoria Moreno ou lecturas dalgunhas das súas obras; o Día Mundial da Radio,no que gravamos unha colaboración con Rede Espora nun programa común con outras radios que tamén forman parte deste proxectoMulleres nas súas marcas - Women in her marksou o programa de Entroidono que o alumnado contou as actividades de Entroido no centro e explicou o noso disfrace.

Para rematar, falaremos de Sobericias,que é o programa de noticias do noso cole; nel poden escoitarse noticias relacionadas co colexio, coa contorna ou coa comunidade autónoma. Unhas emisións especiais foron as feitas pola Semana da Prensa na que o noso alumnado só podía empregar noticias positivas encontradas noutros medios de comunicación.

Despois de programar, realizar e avaliar as actividades expostas e aínda que só levamos desde febreiro emitindo, é indubidable que o uso deste recurso está influíndo moi positivamente na evolución e na educación do noso alumnado.

Desde o inicio, o alumnado mostrouse moi motivado, cunha actitude de interese e implicación moi difícil de conseguir con outros recursos; deste modo realizaron tarefas que melloraron aspectos como a súa expresión oral e escrita, o tratamento da información (busca, selección e presentación) ou o manexo de programas e recursos que antes nin sequera coñecían dunha maneira amena, gratificante e satisfactoria cunha metodoloxía activa e práctica.

O traballo interdisciplinario é outro dos puntos fortes da radio escolar. A música, por exemplo, tivo moita presenza tanto na elaboración de sintonías para os nosos programas que foron compostas e interpretadas polo alumnado do centro con instrumentos de placas; coma á hora de complementar outras emisións.

A plástica e os medios audiovisuais tamén se traballaron para sinalizar o camiño que leva desde a biblioteca ata Radiuvín que, por razóns de espazo, non se encontra fisicamente dentro da biblioteca: fixeron frechas, pegáronas, sinalizaron o estudio e gravaron un vídeo explicando como chegar.

Por todas estas razóns, a valoración dos mestres é favorable xa que coa radio escolar traballamos directamente a competencia lingüística e a dixital, pero tamén podemos abordar competencias que dentro do desenvolvemento das clases máis tradicionais na aula resultarían máis difíciles de tratar: o traballo en equipo e de posta en común da información obtida, o respecto á opinión dos demais e ás quendas de palabra durante a gravación dos programas, o sentido de iniciativa e espírito emprendedor presentando ideas e temas para tratar en vindeiras emisións, as relacións interpersoais co traballo en equipo entre nenos de diferentes idades ou alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico e a aprendizaxe manipulativa; así como a autonomía e a responsabilidade na realización das tarefas.

En canto ás familias, é un recurso que sorprende, motiva, gusta e favorece a comunicación; sobre todo desde que Radio ECO FM Ribeira Sacra, que é unha emisora da comarca, emite todos os sábados os nosos programas. Se escoitarse a través de podcast nos móbiles, ordenadores ou tabletas xa resultaba motivador; escoitarse tamén a través dos aparellos tradicionais nas súas casas cos pais/nais e cos avós/avoas supuxo unha dose extra nesta motivación.

Para concluír, hai que dicir que o laboratorio de radio é unha nova ferramenta para traballar os contidos do currículo e as competencias e, aínda que precisamente por esa novidade, foi un recurso que implicou horas de dedicación dos profesores xa que primeiramente tivemos que formarnos nós e organizarnos cunha ferramenta ata o momento descoñecida pois ningún contaba con experiencia previa; cremos que pagou a pena porque os resultados obtidos co noso alumnado son mellores do esperado.


Escoitalos nos primeiros programas onde só lían os guións elaborados e escoitalos agora nos últimos programas onde son capaces de transmitir emocións coas súas voces, de improvisar ou de adaptarse ás respostas dos convidados nas entrevistas é para nós unha gran recompensa e un grande avance nas competencias traballadas.

 

 

Bibliografía: 

 


Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 17 de outubro de 2017, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (lectura, información e aprendizaxe), do proxecto piloto Radio na biblio, para a introdución da radio nas bibliotecas escolares de centros que matriculan alumnado de educación infantil, primaria e secundaria integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/18.

Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección: