O club de voluntariado da biblioteca do IES Sofía Casanova

Unha experiencia de aprendizaxe-servicio
Partindo da experiencia do Club de Voluntariado, valoramos o noso proxecto dentro do programa de Bibliotecas Escolares Solidarias como un exemplo de aprendizaxe-servizo. Avaliamos moi positivamente a devandita experiencia que xorde dunha iniciativa do propio alumnado, que busca acompañar coas súas lecturas persoas maiores da nosa contorna. Describimos o proceso e a súa contribución na adquisición das competencias clave. Achegamos libros e películas sobre a terceira idade.

Pilar Berrio Martín-Retortillo e María José Vilaboy López
Profesoras de ensino secundario e membros do equipo de biblioteca
IES Sofía Casanova (Ferrol-A Coruña)
pilarberrio@edu.xunta.es  
vilaboylopez@edu.xunta.es

 

— O esforzo intelectual disque atrasa o alzhéimer. Así que leremos todos os días un par de horas. Que liches ata o de agora?
— Levo a metade deEl amor en los tiempos del cólera.
— Carafio, que rapidez... Eu preciso varias visitas ao cuarto de baño para poder acabar de ler a etiqueta do xampú.
— Sempre me gustou moito ler.
— E de que vai a novela?
— Pois... é un... é... non lembro moi ben.
— Non te preocupes. Le un parágrafo en voz alta.
— “Ela mesma non se decataba de que cada paso seu desde a casa deica a escola, cada lugar da vila, cada intre do pasado só parecía existir grazas a Florentino Ariza.”
— Moi ben. Que liches?
— Florentino... Florentino Ari... A cidade de Florencia... (TAP... PLAF)
— Eh...! Que? Xa é hora de deitarse?

                                                       Paco Roca: Engurras

Por facer un pouco de historia... xa hai algúns anos que, dentro do marco das actividades da nosa biblioteca escolar, o equipo pensaba facer unha que estivese vinculada á lectura aos maiores para dedicar o noso tempo e agarimo a un colectivo de persoas que o precisan moito. Pero, por diferentes razóns, ata agora non o puido levar a cabo.
No verán de 2017, as profesoras Pilar Berrio e María José Vilaboy asistiron a un curso da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña titulado Docentes Conectados, onde se expuxeron experiencias sobre aprendizaxe-servizos (APS) realizadas na nosa cidade. Falando co profesorado implicado, pensamos en organizar unha actividade deste tipo na nosa biblioteca. Cando comenzou o curso 2017-18, ao abeiro da convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do programa Bibliotecas Escolares Solidarias, solicitamos a nosa participación, logo de telo aprobado polo Claustro e o Consello Escolar.

Dentro da filosofía do APS establécese que é o propio alumnado quen debe detectar unha necesidade na súa contorna e propoñer unha acción para corrixila. Así foi. O pasado curso (2016-17) tivemos un grupo de rapaces voluntarios que traballaban na nosa biblioteca, pero soamente en labores internos. Eles suxeriron ampliar o seu voluntariado a unha acción externa. Contactamos coa Dirección de Geriatros, unha residencia da terceira idade que se atopa a carón do instituto. O noso voluntariado estivo unido á atención dos maiores desta residencia que, desde o primeiro momento, nos facilitou a posta en marcha da iniciativa.

A actividade comezou con poucos rapaces. De feito, na primeira saída viñeron 12. E pouco a pouco, ao contárllelo eles aos seus compañeiros, o interese por participar foi medrando de xeito espectacular. Cada vez eran máis os rapaces interesados e dunha clase de cuarto incorpóranse 14 alumnos/as de súpeto ata acadar o número de 27  rapaces ao final do curso. É dicir, que o número se duplicou amplamente. Foi o alumnado o encargado de organizar o grupo de whatsapp, de propoñer a relación co grupo de teatro, de animar a outros compañeiros: o seu grao de autonomía foi moi significativo.

Entre setembro e decembro organizouse oproxecto. Convocamos unha primeira xuntanza informativa á que acudiu un pequeno grupo de rapaces. Falámoslles das posibilidades de iniciar un proxecto de APS, do que significaba este tipo de voluntariado e de que nesta iniciativa se precisaba a súa implicación de xeito moi responsable porque da súa reflexión tería que saír o tipo de servizo que prestariamos. Eles serían os absolutos protagonistas de moitas tarefas e decisións. A acollida do proxecto resultou moi positiva, aínda que o grupo era pequeno.

Desde o primeiro momento informamos as familias do proxecto e pedimos a autorización habitual para participar nas actividades ligadas á biblioteca.

Na primeira fase de diálogo especificamos que era preciso ofertar un servizo relacionado coa función da biblioteca para satisfacer unha necesidade real dalgún grupo ou institución da contorna onde fósemos quen de desprazarnos sen dificultades co fin de manter o servizo no tempo. Da tormenta de ideas na que inicialmente intervimos as profesoras, eliximos a acción de acompañar os maiores dunha residencia próxima.

A responsable da biblioteca púxose en contacto con esta residencia e solicitoulles unha entrevista para informar da nosa proposta inicial ao seu director. Este aceptou a nosa demanda e delegou na súa animadora sociocultural, Marta. Ela encargaríase de coordinar con nós a programación concreta do proxecto, consensuando as datas, a periodicidade, as efemérides, os temas, a metodoloxía etc.  Deseñáronse unhas actividades de periodicidade mensual nas que se alternaría a visita dos voluntarios a Geriatros coa visita dos maiores ao instituto.

Vimos que era conveniente que as reunións se realizasen en dúas etapas:

  • Desde as 14.10 ata as 16.00 na biblioteca.
  • Desde as 16.00 ata as 17.00 no centro xeriátrico ou no centro educativo.        

Tiñamos moi claro o feito de que non poderiamos «perder» clase nin outras actividades extraescolares. Así que quedabamos a comer na biblioteca á saída de clase, ás 14.10. Preparabamos os carteis e ensaiabamos os textos no tempo en que os maiores espertaban da sesta. As actividades en Geriatros comezaban ás 16.00 e remataban pasadas as 17.00. Por iso tiñan que estar programadas en mércores ou venres, para que non coincidisen coas nosas clases do martes, nin cos ensaios de teatro. Porén, ás veces  os rapaces do grupo de teatro tiñan que rematar antes.

Neste período o grupo foi medrando e decidimos acollernos á convocatoria de Bibliotecas Escolares Solidarias.

Entre decembro e maio transcorreu a fase de realización do proxecto, que  pode verse reflectido no noso blog www.bibliotecasofia.blogspot.com


CELEBRANDO O NADAL (19 de decembro). Primeira saída.

Co lema «Nadal solidario. Regala tempo de lectura» materializouse a nosa primeira actividade fóra do centro. Tratouse dun recitado de poemas acompañado de vídeos ilustrativos sobre o seu contido. Ao ser a primeira toma de contacto, o obxectivo esencial era facerlles chegar o noso desexo de acompañamento e de contacto lúdico e charla distendida. Isto permitiríalles trabar amizade entre  alumnado e «avós». Os rapaces valoraron a experiencia vital destes, así que desta volta os roles mudaran: agora era a mocidade a que lles contaba contos aos avós.



 

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ (30 de xaneiro). Segunda visita.


«Mans para construír a paz» foi o lema desta segunda visita á residencia Geriatros. Nesta ocasión, ademais das lecturas de textos ou poemas relativos á paz que recitaron maiores e rapaces, estes decidiron cantar, ao entenderen que a música é unha linguaxe universal que facilita a transmisión de mensaxes e de afectos. O grupo, preocupado pola reducida mobilidade dalgúns dos maiores, preparou un cartel para que a actividade fose o máis lúdica e participativa posible. Nun enorme mural preparouse unha pomba e os avós terían que rematar a súa decoración con pintura de mans. Completamos o cartel e os rapaces foron escribindo o nome de todos os participantes. Nesta ocasión os maiores estiveron moi activos e animáronse a facer lectura de textos que tiñamos preparados, sumándose tamén aos cantos e gozando cos rapaces dunha xornada inesquecible.

CELEBRANDO O DÍA DA MULLER (8 de marzo). Visita dos maiores.


«Falemos de igualdade». Nese día un grupo da residencia achegouse ao noso centro para nos falar de igualdade. Marta comezou cunha tormenta de ideas sobre os estereotipos sobre o masculino e o feminino e fomos saíndo escribir no encerado os tópicos. Logo, as señoras falaron da súa experiencia de cando eran mozas: as dificultades de traballar fóra da casa, de vestir como querían etc. e acabaron animando a todos a loitar contra os estereotipos. Tamén fomos ver un ensaio da obra de teatro.



 

A MEMORIA DE FERROL (24 de marzo). Terceira visita.

Un grupo reducido de alumnos de segundo de PMAR foi falar cos maiores sobre como lembraban o Ferrol da súa mocidade. A partir da lectura duns textos de Ricardo Carvalho Calero sobre o seu barrio, Ferrol Vello, reflexionamos sobre os cambios nos costumes e sobre a necesidade de respectar a nosa cidade e o seus bens culturais.

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO (25 de abril). Cuarta visita.

Logo de ter ensaiado moito e de disfrazarnos, acudimos a Geriatros facer unha dramatización de dúas escenas do Quixoteadaptadas por Pilar Berrio, profesora de Lingua Castelá e Literatura: o capítulo da loita contra os muíños de vento (ata contamos cun par de muíños) e o dos galeotes. Rematamos con catro sonetos da obra de Cervantes. A experiencia, ademais de moi lúdica, resultou un éxito polo alto número de participantes (22) e pola pericia demostrada na súa dramatización.

Está prevista unha última sesión no mes de maio, concretamente o día 28, na que os maiores asistirán á estrea da obra do Grupo de Teatro IES Sofía Casanova. Como moitos de nosos voluntarios son tamén participantes deste grupo e, en ocasións, as nosas actividades coincidían cos seus ensaios, tivemos ocasión de falar desta actividade cos maiores, os cales mostraron o seu interese en ver a obra. Asistiron a uns ensaios o día que viñeron falar de igualdade e quedaron en vir vela. Debemos dicir que contamos sempre coa colaboración do director do grupo de teatro José Luis Paz.

Nunha definición abreviada de competencia, podemos dicir que esta integra o saber dicir ou o coñecemento conceptual; o saber facer, habilidades e destrezas para poñer en práctica eses contidos; e o saber ser, actitudes e valores que se poñen en xogo ao actuar.

E sabemos tamén que as competencias deben desenvolverse nos ámbitos da educación formal, tanto non formal coma informal.

COMPETENCIA

CONTRIBUCIÓN DO PROXECTO

LINGÜÍSTICA (CL)

Seguir instrución orais.
Participar de maneira activa e adecuada nos intercambios comunicativos.
Producir e comprender textos orais e escritos.
Seleccionar textos literarios adecuados para a súa recitación e relacionados con diferentes temas.
Ler e dramatizar os textos con expresividade.
Identificar a idea principal dos textos e a súa intención comunicativa.
Manter unha actitude favorable cara á lectura.
Identificar algúns trazos lingüísticos propios dos usos sociais dos textos.
Respectar as quendas de palabra e a cortesía nas interaccións verbais.

MATEMÁTICA  E EN CIENCIA E TECNOLOXÍA (CMCBCT)

Ordenar información seguindo procedementos matemáticos: clasificación, secuenciación, seriación.
Buscar información relacionada co mundo real.
Utilizar datos e procesos para alcanzar un obxectivo.


DIXITAL (CD)

Comprender información de diferentes medios de comunicación.
Acceder a información de diferentes canles e formatos.
Integrar información nun discurso con sentido.
Utilizar diferentes programas e navegadores.
Utilizar recursos TIC en diferentes soportes, tratar a información e publicala.
Utilizar recursos de son e imaxe para recoller información.
Implementar o sistema ALFIN da nosa biblioteca.

APRENDER A APRENDER (CAA)

Desenvolver estratexias para mellorar o pensamento creativo, crítico e emocional.
Aplicar os novos coñecementos en situacións parecidas.
Ser capaz de traballar de forma cooperativa.
Propoñer metas alcanzables.
Administrar o esforzo e autoavaliarse.
Aceptar as críticas positivas e reorientar a propia estratexia.
Valorar a propia creatividade e as contribucións dos demais.
Desenvolver a curiosidade por aprender.

SOCIAIS E CÍVICAS (CSC)

Involucrarse en accións con fins sociais.
Participar activamente nas actividades, cumprindo coas normas establecidas.
Mostrar respecto polas persoas maiores, axudándoas en todo momento con calquera problema de mobilidade, xordeira e todo tipo de disfuncionalidades.
Valorar a vida no pasado a través do testemuño dos maiores.
Apreciar e respectar os compañeiros.
Asumir responsabilidades e aceptar as críticas.
Dialogar practicando a escoita comprensiva.
Traballar en equipo mantendo os lazos de compañeirismo.
Respectar e coidar os bens materiais.
Manter unha actitude de respecto cara a toda a comunidade.

SENTIDO DE INICIATIVA E ESPÍRITO EMPRENDEDOR (CIEE)

Xestionar o traballo en grupo, coordinando tarefas e grupos.
Cooperar no traballo en equipo.
Ofrecer propostas de traballo innovadoras.
Asumir as tarefas encomendadas.
Coñecer, valorar e respectar as normas de convivencia en todas as institucións sociais visitadas.
Afrontar fracasos de forma positiva, aprendendo deles.

CONCIENCIA E EXPRESIÓNS CULTURAIS (CEC)

Enxuizar criticamente cales son as necesidades de cada idade.
Achegar ideas creativas ao proxecto.
Expresar sentimentos con diferentes códigos artísticos.
Utilizar diferentes linguaxes audiovisuais e plásticas.
alorar a liberdade de expresión, o dereito á diversidade, á interculturalidade.
Valorar a imaxinación como medio de resolución de conflitos.
Valorar textos artísticos de diferentes épocas.
Coidar a estética dos propios traballos.

No tocante á metodoloxía, sabemos que a característica esencial da metodoloxía por proxectos é a participación activa do alumnado na toma de decisións en todas as fases do seu desenvolvemento. O profesorado informa das posibilidades e os servizos, motiva, dinamiza, orienta na procura de información, facilita ferramentas, promove a reflexión e colabora na síntese das conclusións.

As actividades en grupos cooperativos permiten compartir o traballo entre iguais, estimulando a aprendizaxe activa e construtiva, facilitando a comunicación interpersoal e a aprendizaxe na toma de decisións consensuadas.

O feito de partir dunha necesidade ou situación-problema do mundo real permite abordar os contidos curriculares de xeito integrado, posibilitando que o alumnado faga análise e transferencia de coñecementos e habilidades a unha diversidade de contextos. Mellora as súas competencias cívico-sociais cara á súa integración como membro activo da comunidade educativa e de grupos sociais máis amplos. Deste xeito, o alumnado toma conciencia de que forma parte dunha comunidade, da pertenza e das posibilidades de participación na súa mellora, adquirindo no proceso competencias e habilidades para o seu desenvolvemento individual e social.

O método de traballo utilizado foi o seguinte:

- Fixabamos unha data de encontro e unha temática.

- Pensabamos a actividade concreta que realizariamos: recital poético ou de cancións, dramatización, decoración de murais...

- Concretabamos o material necesario para cada actividade. Por exemplo:

  • Na primeira sesión, para celebrar o Nadal, recitamos poemas de Antonio Machado, Rafael Alberti, Manuel María, Rubén Darío e José de Espronceda. Precisabamos presentacións sobre estes.
  • Na segunda sesión, para conmemorar o Día Internacional da Paz, recitamos poemas sobre a paz de Mario Benedetti, Miguel Hernández, Pablo Milanés e cancións de Antonio Flores e Ana Belén.
  • Na terceira sesión, Día da Muller, os maiores tomaron a iniciativa e fixeron pensar os rapaces a partir dunha actividade de posta en común de estereotipos masculinos e femininos. Necesitabamos unicamente un encerado.
  • Na cuarta sesión traballamos con textos de Ricardo Carvalho Calero.
  • Na sesión do Día de Libro representamos unha adaptación de dous capítulos do Quixote. Precisabamos aderezos e disfraces e aproveitamos o que tiñamos do grupo de teatro.

- Difundiamos a actividade a través da rede e outros medios:

  • Carteis nas paredes do centro.
  • Web do centro.
  • Blog da biblioteca, onde incluímos unha infografíacoas actividades que ata o momento fixeramos.
  • Web específica do voluntariadoe blog do voluntariado. Canlede YouTube.
  • Prensa: Cando viñeron os maiores ao centro, chamamos á prensa local. Saímos en La Voz de Galiciado día 10 de marzo.

- Repartiamos as tarefas entre os voluntarios.

- Comezabamos os ensaios e a preparación da actividade.

- Realizabamos a actividade tomando fotografías do evento.

- Reflexionabamos sobre o noso propio traballo en voz alta a través dunha tormenta de ideas.

- Faciamos presentacións ou vídeos nos que resumiamos as actividades.

- Publicitabamos a actividade na web e nos blogs.

A última fase do noso proxecto é a de avaliación, imprescindible para redixirir o noso labor. Debe abordar o proxecto, o servizo, as aprendizaxes e o grupo humano.

- Revisamos o propio proxecto. Todo canto planificamos: a identidade do proxecto, os obxectivos educativos, os requisitos de tipo formal, os aspectos organizativos, o balance xeral, as etapas do traballo co grupo. Hai que analizar a sustentabilidade do proxecto, o investimento en recursos humanos, a satisfacción efectiva da necesidade social, dispoñibilidade de recursos e orzamento.

- Avaliamos o servizo:

  • Por parte dos participantes e responsable da animación da entidade, é dicir, unha valoración externa.
  • Mediante formularios ou rúbricas por observación directa, é dicir, unha valoración interna. Nunha enquisa valoraron desta maneira:

1. O proxecto proporcionoulle unha gran satisfacción: 85 %

2. O proxecto proporcionoulle unha moderada satisfacción: 13 %

3. O proxecto non lle proporcionou ningunha satisfacción: 2 %

- Avaliamos as aprendizaxes. Os niveis de desempeño das competencias pódense medir a través de indicadores de logro, observados mediante rúbricas, formularios ou observación directa, contando coa autoavaliación do alumnado e a coavaliación do propio grupo de voluntarios. Estes modelos de avaliación favorecen a aprendizaxe desde a reflexión e valoración sobre as súas propias dificultades e fortalezas, sobre a participación dos compañeiros nas actividades de tipo cooperativo. Avaliamos as aprendizaxes conceptuais (que cousas novas sabemos ao rematar?), as aprendizaxes prácticas (que aprendemos a facer?) e a consecución de valores.

- Avaliamos o grupo. Observamos como evolucionaron os intereses e motivacións dos mozos, a experiencia, a dinámica do grupo, o xeito de xestionar os conflitos, o clima do grupo, as actitudes e os valores consensuados.

A valoración que as profesoras facemos do proxecto é moi positiva. Os rapaces conviviron con persoas maiores coas que acabaron establecendo lazos, xa que volvían atopalas nas seguintes actividades. Preocupábanse da súa mobilidade. Valoraban o feito de ter avós ou non telos. Aprendían a traballar en equipo, superando as dificultades. Buscaban o xeito de facer compatibles todas as súas obrigas, mantendo os seus compromisos previos. Por exemplo, os rapaces de teatro mostraron unha gran flexibilidade e iniciativa para non faltar aos ensaios polo voluntariado. Así mesmo, tanto os maiores coma o profesorado insistiamos en que o primeiro deber do estudante é a súa propia formación.

 

 

Bibliografía: 

 

 

LOMCE. Lei orgánica 5/2012, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

Real decreto 310/2016, do 29 de xullo, polo que se regulan as avaliacións finais de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

Orde 23 de maio de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/17.

Bibliotecas solidarias. Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do pasado 27 de novembro de 2017.

Centro Promotor del Aprendizaje y Servicio Solidario. Zerbikas. Dispoñible en: http://www.zerbikas.es/guias-practicas/

Competencias básicas en educación. Dispoñible en: https://sites.google.com/site/competenciasrua/practica-educativa/traballo-por-proxectos

Competencias básicas: as claves dunha nova escola, Xunta de Galicia. Dispoñible en: https://www.slideshare.net/ceiparua/competencias-basicas-xunta

Traballo por proxectos en educación infantil, primaria e secundaria. Dispoñible en: http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/DXC/9002463-Proxectos_Web.pdf

Portal das Bibliotecas Escolares de Galicia. Dispoñible en: http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=category/17/73http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=category/18/78

Aprendizaxe en grupos cooperativos. Dispoñible en: http://gruposcooperativosarua.blogspot.com.es/2010/12/apadrinamento-lector.htmlhttp://masquemayores.com/magazine/tiempo-libre/diez-libros-protagonizados-por-mayores/


 

Sección: