A festa das letras e a literatura infantil e xuvenil galega (LIXG)

O prestixio da literatura infantil e xuvenil galega é tan evidente que levamos tres anos nos que as Letras Galegas se dedican a autores cunha profunda pegada neste campo.

Pilar Sampedro
pilarsampedro507@gmail.com

 

Unha noite soñei Mar adiante enteiro, desde o comezo ata a fin,
escribino nunhas vacacións de Nadal, con todas as palabras que eu
sabía daquela, e xa asinei para sempre o meu compromiso coa lingua
e cos nenos de Galicia: só escribo en galego, só escribo para nenos

                                                                    Maria Victoria Moreno
                           (Congreso de Poetas Alófonos en Lingua Galega)



No pasado

Primeiro, no 2016, foi Manuel María cos seus Soños na gaiola que andan a cumprir medio século. Aínda que se trataba dun autor (especialmente poeta) moi prolífico, a súa produción para rapazada tivo unha repercusión de gran calado, pois ademais deses versos engaiolados legounos As rúas do vento ceibe;en teatro, Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela;e en narrativa a triloxía de Manuel de Paderna (A tribo ten catro ríos, Cando o mar foi polo río; Viaxes e vagancias de M. P.), o xuvenil As ribeiras son escuras, o contado Unha sombra vai polo camiño, Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartose o derradeiro dentro deste ámbito, O bigote de Mimí.De todos eles, lembramos especialmente, polo seu papel case histórico e a resonancia que tivo no ensino, o libro de poemas que foi musicado por Suso Vaamonde, lido e cantado pola rapazada de varias xeracións, Os soños na gaiola,e unha das obras máis representadas por este mesmo alumnado Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.
Manuel María, no limiar á primeira destas obras, achegaba as razóns desta escrita: «Desas lembranzas (da infancia) foron nacendo os versos que seguen. Os versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan precisos son. Eu quixera encher, en parte ese oco (...)». Encheuno, sen dúbida, pois cos versos trouxo o país con todo o que nel había e a conciencia dunha identidade que, ademais de asentarnos na autenticidade do noso, nos ofrecía a posibilidade de legar ese patrimonio ao resto do universo co fin de enriquecelo. Con Manuel María, chegou tamén algo que nos era propio e que estaba a ser moi recoñecido no boom latinoamericano, o realismo máxico que inunda as historias de Manuel de Paderne e, tamén, o compromiso fronte á opresión, tal como correspondía aos días de loita contra a ditadura.

Despois, no 2017, tocoulle a Carlos Casares ser homenaxeado nas Letras. El era o autor que acadou o primeiro premio O Facho de Narración Infantil en 1968 con A galiña azul e o primeiro premio O Facho de Teatro Infantil en 1973 con As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, e tamén, o que creou a primeira serie galega con Toribio (Este é Toribio, Toribio contra o profesor Smith, Toribio e o contador de contos, Toribio ten unha idea e Toribio revoluciona o tráfico). Un verdadeiro iniciador desta literatura, tanto que, cando en 2004 o Centro Dramático Galego (CDG) estreou por primeira vez unha obra para nenos e nenas, escolleu a súa.

Casares asume esa maxia que percorre o noso realismo rural con obras como O can Rin e o lobo Crispín, Lolo anda en bicicleta, Un polbo xiganteou O galo de Antioquia.Narrativa para pequenos e non tan pequenos que parte da realidade para introducir o marabilloso que semella vir do tempo no que os animais falaban, das grandes hipérboles ou das lendas.

El era consciente das necesidades da nosa literatura para a infancia e a xuventude e actuou en consecuencia, tanto no seu rol de autor coma de editor. Sabía da importancia da fantasía e o nonsense, dos valores imprescindibles como a tolerancia ou a diferenza e de como se precisaba afundir os pés na terra, por iso, escribe en A galiña azul «(...) eu díxenlle a túa nai: «Que non se esqueza de que é galega.»Eu non sei se te decatas de que es galega, Ana, nin sei sequera se sabes que é Galicia ou como é (...)».Rapazas e rapaces, mozos e mozas leron a Casares e achegáronse algo máis ao que Galicia é, porque o fixeron a través da súa lingua e con textos que falaban do seu mundo, do de cada día e do que se constrúe con soños e imaxinación.


Na actualidade

Este ano, 2018, foi a quenda de María Victoria Moreno. Con ela son catro as mulleres recoñecidas coa distinción das Letras Galegas: Rosalía de Castro en 1963, Francisca Herrera en 1987 e María Mariño en 2007.
No ano 2015, a plataforma de crítica literaria feminista, A Sega, adiantouse dedicándolle o II Día das Galegas nas Letras a María Victoria Moreno, despois de comezar a celebración o ano anterior homenaxeando á musicóloga e recompiladora Dorothe Schubart.

Así como no caso de Manuel María e Carlos Casares a súa obra infantil e xuvenil estaba a carón da de adultos, María Victoria Moreno foi sobre todo escritora de LIX. O resto da súa obra é máis ben minoritario: unha antoloxía en bilingüe Os novísimos da poesía galega. Los novísimos de la poesía gallega, os ensaios Verso e prosa e As linguas de España, o libro de poemas Elexías de luz e o memorialistaDiario da luz e a sombra. É na LIX onde resplandece o seu xenio, onde consegue unha luz propia que nos aproxima ao que se estaba a facer naquel momento fóra das fronteiras do país e deixa unha pegada indeleble. A crítica definiuna ao longo do ano como unha pioneira desta literatura.

Un par de alusións vainos aclarando a incursión na LIX co seu primeiro libro Mar adiante: Alonso Montero puntualiza que para escribilo se mergullou na nena que cadaquén leva dentro de si e a autora dedícalle o libro a M.ª Begoña que é «quen lle di que os demais nenos tamén queren escoitar os contos que ela lle conta cada tardiña no lar». A historia está contada pola mestra que pon clase nun barco para que a educación sexa significativa e aventureira, libre de medos e rutinas; estamos, polo tanto, ante un libro que reivindica unha nova escola fronte á tradicional (igual que o faría A escola dos piratas de Agustín Fernández Paz). Os contos que aquí se relatan, continuando o vello esquema de contadas nunha situación de illamento, teñen a tenrura e os valores que deben rexer a sociedade para chamarse así: o da casa sen brillo porque os seus habitantes non quixeron ir buscar as vítimas dun naufraxio, a de Mariquiña e o lobo (que trae reminiscencias do poema de J. L. Goytisolo), o dos paxaros que foxen da aldea onde os tratan mal e calumnian, o do vagalume namorado do luceiro que sae de primeiro para que poida distinguilo... O libro, entre o lirismo e a fantasía, introduce o tema da morte no personaxe da cociñeira que camiña sobre o mar para conseguir argazos, careixóns e burbullas para que a rapazada poida montar a árbore de Nadal e logo fica durmida para sempre. Unha historia de historias onde M.ª Victoria estrea esa característica tan propia dela: a introdución dos nomes de persoas reais para denominar os personaxes, neste caso tratarase da súa familia, da de Alonso Montero e Xesús Rábade. Un dos contos que forma parte deste libro, “Crarisca e o luceiro”, acadara o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho en 1972. E sérvenos este dato para lembrar, unha vez máis, a importancia desta convocatoria que puxo a escribir para pequenos/as ás mellores plumas da nosa literatura.

Poderiamos citar outros títulos como A festa no faiadono que os xoguetes cobran vida, A brétema que forma parte deses contos nos que se intenta explicar un fenómeno natural a través dunha invención, O cataventos no que acaba convertido un galo fachendoso e co que acadara o primeiro  premio do Concurso Nacional de Contos Infantís da Agrupación Cultural O Facho no 1975, Pan con chocolate no que se relata unha fermosa historia de amor entre unha nena paia e un neno caló ou os contos rimados que se recollen en Un cachiño de bica?, E haberá tirón de orellas?, Eu conto, ti cantas nos que, coa máxima tenrura, nos achega ao mundo dos animais, especialmente os seus cansou os medos das primeiras idades... pero queremos ir directamente a unha novela dirixida a lectorado experto e que consegue o terceiro premio O Barco de Vapor en 1986, Leonardo e os fontaneiros.

Unha boa historia, moi ben contada, con altas doses de sentimentos e humor na que un rapaz de catorce anos se dirixe a un can da rúa para contarlle o que lle sucede e preocupa. A voz do neno narra no ton infantil, coa inxenuidade e comicidade que se produce cos malentendidos e puntos de vista propios da idade... un recurso que utilizarían tamén Fina Casalderrey en moitas das súas obras (O misterio dos fillos de Lúa, O misterio do cemiterio vello...) ou Concha Blanco en A min que me importa!É imposible non rir mentres se len as observacións do rapaz sobre a súa familia e a escola, non emocionarse coa relación que establece co can, non reflexionar sobre o comportamento humano ou non atender aos cambios que están a transformalo. De novo, aparecen os nomes dos amigos, neste caso descubrimos a un Xabier Docampo. A novela obríganos a pensar en asuntos como o trato aos animais e introdúcenos na posibilidade de lectura de maneira lineal ou saltando capítulos ao modo de “escolle a túa propia aventura”.



A seguinte obra será Anagnórise,unha das pezas de máis éxito da literatura xuvenil que vai formar parte da lista de honor do IBBY en 1990. Unha novela dedicada ao seu alumnado de Vilalonga. Ela que escolleu, máis ca ningún outro oficio o de docente, vai escribir unha novela que poidan ler, con interese e en profundidade, eses alumnos e alumnas de bacharelato.

Anagnórise é un título acaído para reflectir unha trama narrativa que oculta, ata ben avanzado o argumento, a identidade dun dos personaxes; ese recoñecemento da muller que o leva en autostop desde Galicia ata Madrid, que lle vai desfacendo todos os prexuízos machistas cos que el entra no coche e que o obriga a abrirse a outros mundos e a madurar. Unha novela de estrada e viaxe, que levou a mocidade galega a utilizar unha palabra de difícil comprensión: anagnórise. Unha obra de iniciación e amor, na que as dificultades familiares, a relación con adiccións e drogas ou a amizade entre persoas de diferente idade son banzos para percorrer. A voz do mozo protagonista relata a viaxe e as conversas con ela que o obrigan a «pensarse», mentres a chama «muller sen nome», o que nos fai pensar no que máis tarde sería o título da novela de Suso de Toro: Home sen nome.

Unha derradeira novela xuvenil, Guedellas de seda e liño, será recoñecida polos Premios da Crítica de Galicia na modalidade de Creación Literaria cun accésit e tamén é incluída na lista dos White Ravensda Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002. Aínda así, máis alá do prestixio acadado polo seus libros no ámbito de premios e crítica, foi a gratitude dos lectores e lectoras a que fixo posible a súa reedición unha e outra vez.

A profesora que espertara o gusto pola literatura, a escritora que encheu os libros de sentimentos e afouteza, de realismo cotián ou social, e tamén, de innovación na escrita é a homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. Con ela, xa non se pode disimular o papel da literatura infantil e xuvenil como obra de pleno dereito para chegar ao máis alto cumio das letras.

Ademais, cando a LIX se fai presente, á beira da literatura están as artes plásticas: a ilustración, como outra expresión artística que complementa e enriquece a literaria. A carón de cada autor e autora, hai case sempre un ilustrador ou ilustradora de man, alguén con quen se estableceu un vínculo especial. Sucede con Manuel María e Xaquín Marín ou Pepe Barro, que deseña e pon imaxes á obra de teatro. As historias de Carlos Casares casan moi ben con Penélope Ares, Pedro de Llano, Manuel Uhía, Enjamio ou Andrés Meixide. As de María Victoria Moreno atopan a súa alma xemelga en Manuel Uhía pero tamén nos achegan os debuxos da propia autora en Mar adiante, detrás da cuberta de Carmen Arias (a compañeira de Díaz Pardo e deseñadora de xoias de Sargadelos).

A rapazada que sempre pon todo o empeño na celebración das Letras Galegas estendéndoas a todo o ano e tendo presente a homenaxe aos autores e autoras a quen se dedica está de parabéns, igual que o están as bibliotecas escolares que levan tres anos festexando!