A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia

Formando conservadores-restauradores de bens culturais desde 1991
A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia vén desenvolvendo dous papeis fundamentais na comunidade galega: por unha parte, cumpre co seu cometido de formar restauradores-conservadores cun alto nivel de excelencia. Por outra banda, leva a cabo nos seus talleres a intervención, en contexto académico, de numerosas pezas do patrimonio galego. Dúas cuestións que supoñen un alto grao de responsabilidade e compromiso da escola coa sociedade e co patrimonio cultural galegos.

Andrea Fernández Arcos
Restauración e Conservación de Bens Pictóricos
afarcos@edu.xunta.es

 

 

O 17 de maio de 2017, o Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea aprobaron a Decisión pola que se establece a declaración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018, que se basea en que o patrimonio cultural europeo é un legado do pasado, pero tamén un recurso imprescindible para o futuro, cun incuestionable valor educativo e social, un gran potencial económico e unha importante dimensión para a cooperación internacional. Queremos aproveitar esta celebración para lembrar o papel que a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia vén desempeñando desde 1991 neste ámbito.

Que é a ESCRBCG?

A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, en adiante ESCRBCG, é un centro oficial dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o único nesta comunidade que imparte o título superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais, equivalente para todos os efectos ao grao universitario segundo o Decreto 174/2015, do 29 de outubro, que dispón:

Artigo 4. Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais. A superación das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais dará lugar á obtención do título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, especificando a especialidade correspondente, que queda incluído para todos os efectos no nivel 2 do Marco español de cualificacións para a educación superior e será equivalente ao título universitario de grao. Sempre que a normativa aplicable esixa estar en posesión do título universitario de grao, entenderase que cumpre este requisito quen estea en posesión do título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.”

Neste sentido cómpre mencionar que a escola vén solicitando a adscrición á universidade desde hai moitos anos.

Creado, como dixemos, en 1991, é o segundo centro máis antigo de España destas características e nel son impartidas as especialidades de conservación e restauración de bens arqueolóxicos, escultóricos e pictóricos (Decreto 352/1991, do 17 de outubro, de creación da ESCRBCG (DOG do 24 outubro).
A escola tivo como primeira sede o mosteiro de Poio, cuxas instalacións resultaban insuficientes para cubrir as necesidades do centro. Por este motivo, ao pouco tempo decidiuse o seu traslado e consideráronse diversas opcións.
Finalmente, a ESCRBCG situouse en Pontevedra, nun edificio compartido coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que antes fora o cuartel de San Fernando. Está moi próxima á zona vella, preto dos edificios administrativos da cidade.

Andar baixo da escola, con acceso ao patio interior compartido coa Facultade de Belas Artes

Como se traballa?

Superado o bacharelato, os alumnos acceden á escola mediante unha proba específica que se realiza no centro. Cada ano ofértanse 20 prazas para primeiro curso.
A formación que se imparte é multidisciplinar: antes de diagnosticar o estado das pezas e dar comezo á intervención, cómpre profundar no coñecemento dos materiais con que foron feitas e o por que das alteracións que sofren, así que é preciso formarse en Física, Química e Bioloxía tanto coma en Historia, Historia da Arte e Iconoloxía.
Para entender mellor o proceso de elaboración das obras, a preparación compleméntase con formación teórica e práctica das técnicas artísticas, onde o alumnado deberá reproducir as técnicas de creación segundo as receitas tradicionais no ámbito da especialidade que escolleron. Así, o alumnado de Pintura realizará a moenda do pigmento, o aglutinado con diversos medios, como ovo ou aceite, a preparación da tea, da táboa ou do muro…, o alumnado de Bens Escultóricos practicará a modelaxe en barro ou a talla en madeira, e o de Bens Arqueolóxicos realizará mosaicos con estilo romano e reprodución de cerámicas, entre outras prácticas. Non se trata de ser artistas senón de comprender perfectamente o proceso creativo das pezas, tanto os materiais empregados coma as técnicas de execución.
Tamén se imparten materias vinculadas con técnicas de documentación para facilitar a recollida de información (Fotografía, Debuxo Arqueolóxico, Recreación 3D…) xa que todas as obras sobre as que se vai intervir son fotografadas desde a primeira toma de contacto ata a súa devolución, recollendo en imaxe toda a información posible e a evolución da peza ao longo da intervención. E, por suposto, impártese a necesaria formación en canto a criterios, técnicas e materiais específicos de conservación e restauración, o que permitirá aplicar os tratamentos máis axeitados ás necesidades das obras.
A miúdo é o contorno da obra o que provoca alteracións; por este motivo fórmase o alumno para que detecte estes factores e saiba corrixilos. É dicir, fórmanse en conservación preventiva, que consiste, a grandes trazos, na intervención no ambiente da peza para evitar ou minimizar a súa inxerencia na conservación da obra no seu lugar de exhibición (museo, igrexa etc.) ou de almacenamento, así como en aplicar as condicións necesarias para unha axeitada embalaxe e transporte se a peza cambia de localización xa sexa de forma permanente ou temporal, para unha exposición, por exemplo.
Para iso, a formación está estruturada en catro anos: primeiro e segundo son cursos comúns e terceiro e cuarto curso son de especialidade, onde os alumnos escollerán unha das tres ramas que oferta o centro: Restauración de Bens Escultóricos, Pictóricos ou Arqueolóxicos.

Taller de procedementos das técnicas artísticas durante unha clase de debuxo de primeiro curso

 

Para poder levar a cabo esta complexa formación, a escola ten as instalacións e equipamentos necesarios para as diversas áreas de coñecemento que abranguen estes estudos. Deste xeito, ademais das habituais aulas teóricas e de informática, a escola conta tamén con talleres de conservación e restauración para os cursos comúns e con talleres específicos para cada unha das especialidades.
Tamén hai aulas de debuxo e procedementos artísticos, de fotografía, laboratorio químico, sala de alumnos e unha sala de exposicións desde a que se trata de sensibilizar a sociedade da importancia da protección do patrimonio cultural e do papel clave do restaurador nesta tarefa.

Análise de restos de policromía no taller de restauración e conservación de escultura en pedra

 

Cómpre destacar a recente creación dunha biblioteca, que alberga xa máis de  3000 volumes de bibliografía especializada en conservación e restauración de patrimonio cultural e materias afíns, que facilita a formación e investigación de alumnos, profesores e visitantes, e cuxos fondos poden ser consultados a través do portal en liña de Meiga.
Antigamente os libros formaban parte de pequenas bibliotecas de aula, pero hai uns anos decidiuse centralizalos nunha biblioteca. Os nosos fondos contan na actualidade cun total de 3049 rexistros catalogados, ademais dun gran número de publicacións periódicas e material audiovisual. Desde a escola entendemos que a biblioteca debe ser un centro de recursos adaptados ás necesidades de alumnos e profesores tanto para a formación coma para promover e facilitar a investigación. Polo específico dos seus contidos e a súa cantidade e calidade, a biblioteca da ESCRBBCCG é xa o centro documental de referencia neste ámbito na nosa comunidade, así que que se facilita o acceso e préstamo aos profesionais (ex-alumnos da escola principalmente) e resto de persoas interesadas na protección de patrimonio. No presente curso a escola accedeu ao PLAMBE da Asesoría de Bibliotecas Escolares, o que permitiu facer unha grande ampliación de fondos, crear unha aula de lectura e lecer, un aula de recursos para o alumnado e ampliar enormemente o horario de apertura coa colaboración de alumnos voluntarios.

A ESCRBCG, como parte do seu proxecto educativo, contribúe á conservación e restauración de patrimonio cultural. Por este motivo, a escola realiza a intervención de pezas procedentes, normalmente, de institucións públicas (museos, concellos, institutos…) e, con frecuencia, tamén da igrexa, co condicionante de que as alteracións que presentan sexan de interese para a formación dos estudantes. Unha vez recibidas e baixo supervisión, o alumnado alterna a formación teórica coa práctica, realizando a intervención completa das pezas cos mesmos criterios, materiais e procedementos que deberán empregar xa como profesionais. Deste xeito, as pezas son analizadas, documentadas, diagnosticadas e tratadas nunha intervención custeada integramente pola escola. Ao finalizar o proceso, a obra devólvese acompañada dun informe co detalle do traballo realizado. Máis de 700 pezas de diversa procedencia pasaron polos laboratorios da escola desde a súa orixe.

Cruceiro de Valga á chegada á escola (esquerda) e durante a súa reinstalación tras a intervención feita polos alumnos (dereita)

 

Para completar a súa formación, o alumnado debe realizar unhas prácticas curriculares. Por iso, nestes 27 anos a ESCRBCG estableceu multitude de convenios de prácticas con institucións de ámbito público e privado, sen límites xeográficos. Así, ao rematar cuarto curso, o noso alumnado pon en práctica o coñecemento adquirido en institucións tales como o Museo de Pontevedra ou o Centro Galego de Arte Contemporánea en Galicia, no Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, o Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, a Alhambra de Granada ou o Centro de Arqueoloxía Subacuática de Cataluña no ámbito nacional, por poñer tan só algúns exemplos.
Pero poden optar por facer estas prácticas mediante unha bolsa Erasmus. Neste sentido, xa se desenvolveron experiencias no Museo Nacional de Dinamarca, na Universidade de Lisboa ou prácticas sobre megalitismo en Albania. Fóra do ámbito das bolsas Erasmus, podemos mencionar o Proxecto arqueolóxico Calakmul en Campeche (México) ou a participación no Proxecto de estratexias de xestión do patrimonio arqueolóxico en África Subsahariana (Tanzania e Guinea Ecuatorial) en colaboración co CSIC-INCIPIT, entre outras moitas experiencias.
Durante a súa estadía na escola, tamén se organizan campañas para achegar o alumnado á realidade do traballo de campo. Neste contexto, os alumnos participaron nun gran número de proxectos de investigación e/ou intervención promovidos polos profesores, como a intervención no retablo maior de Santa Mariña de Fragas en Campolameiro, nos retablos laterais de Santa María de Darbo en Cangas do Morrazo, a restauración das labras heráldicas da zona histórica de Pontevedra, o traballo na pintura megalítica do Dolme de Montelirio (Sevilla) ou a intervención para a documentación, conservación preventiva e posta en valor da arte rupestre e do recinto fortificado na Cabeciña de Mougás.
Outras veces son os propios alumnos os que teñen esta iniciativa e involucran o profesorado, como aconteceu na recente campaña de xullo de 2017 de catalogación e conservación dos petróglifos do monte do Carrio, en Lalín, que presumiblemente continuará este ano. Cómpre salientar que ata o de agora todas as campañas realizadas pola escola foron financiadas con diñeiro público (Consellería de Cultura, universidades, CSIC...).

Alumnas e profesores de Restauración e Conservación de Bens Arqueolóxicos durante a campaña do monte do Carrio para a catalogación e conservación de petróglifos

 

Como formación complementaria, ao longo do curso organízanse distintas charlas e conferencias. Dentro da liña de difusión e achegamento do patrimonio cultural á sociedade, estas actividades a miúdo teñen acceso libre para o público, de xeito que calquera persoa teña a posibilidade de asistir.

En canto a conferencias, hai que salientar as organizadas pola escola en colaboración co Museo de Pontevedra e co apoio da Deputación de Pontevedra, cita anual que, baixo o nome de Encontros de Conservación e Restauración, ten lugar cada novembro desde 2010 na sede do museo. Destacados convidados veñen compartir con alumnos, profesores, profesionais —e outra xente interesada— os seus coñecementos sobre os diversos temas que cada ano se propoñen. O prestixio dos relatores e o éxito de público converteron estes encontros nun referente do noroeste peninsular e nun dos grandes eventos anuais para que teñan en conta os profesionais do ramo.
Pola súa parte, os profesores, comprometidos co papel que desenvolven e co patrimonio e a súa conservación, realizan unha constante actualización da súa formación. En cumprimento da lexislación vixente que promove a investigación no centro (Decreto 174/2015, do 29 de outubro: “Artigo 1.4. Os centros de ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais fomentarán programas de investigación científica e técnica propios desta disciplina para contribuír á xeración e difusión do coñecemento e á innovación no dito ámbito”), son activos en iniciativas de investigación e en publicacións periódicas ou monográficas, chegando a converterse algúns destes libros en auténticos referentes para os profesionais no ámbito nacional. Como exemplo, os libros de Ana Villarquide Jevenois, profesora do centro, son bibliografía indispensable en calquera centro onde se forme en conservación e restauración de pintura ou se practique esta disciplina (A pintura sobre tea. Historiografía, técnicas e materiais, Ed. do Castro, 1999; Restauración e conservación de pintura sobre tea. Alteracións, materiais e fundamentos, Ed. do Arte, 2001; ou Artistas y tratadistas. Las técnicas pictóricas de la antigüedad al Renacimiento, Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, 2015). Outros libros e artigos de enorme interese, especialmente para os profesionais da arqueoloxía, son os escritos por Fernando Carrera Ramírez, imposibles de enumerar pero entre os que destacamos El arte parietal en monumentos megalíticos del Noroeste Peninsular: dimensión del fenómeno y propuestas de conservación, tese de doutoramento dirixida por Ramón Fábregas Valcarce (dir. tese),  Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), 2005. No ámbito da intervención en escultura son moi relevantes as contribucións da profesora Cristina Montojo Santos e, entre elas, Las ruínas de Santo Domingo de Pontevedra, Universidade de Santiago de Compostela, 2014.

Que fan os restauradores-conservadores de bens culturais?

O restaurador-conservador de bens culturais é o profesional ao que a sociedade lle encomenda os seus bens máis prezados, de xeito que manteñan a súa orixinalidade e as características que os fan especiais o maior tempo posible, para que poida gozar deles agora e no futuro. Con este obxectivo, os restauradores poden realizar o seu traballo como autónomos, empresarios ou como traballadores por conta allea. Tamén é posible traballar en institucións privadas ou públicas de distinto ámbito (estatal, autonómico, provincial, municipal), como museos, arquivos ou bibliotecas ou servizos administrativos de protección do patrimonio.
Nestes 27 anos de vida da escola, a calidade do seu ensino ponse de manifesto no mellor dos seus expoñentes: o desenvolvemento profesional do alumnado que acadou aquí o seu título. Falamos de 27 xeracións de restauradores que saíron da escola preparados para traballar na conservación do patrimonio na nosa comunidade ou fóra dela, en empresas ou en institucións tanto públicas coma privadas. A formación obtida na ESCRBCG levou a moitos alumnos traballar en entidades de referencia en materia de conservación de patrimonio, tanto nacionais coma internacionais. Sirvan como exemplo deste nivel formativo no noso país a presenza de restauradores formados na escola no Centro Galego de Arte Contemporánea, no Museo de Belas Artes da Coruña, no Instituto de Patrimonio Cultural de España ou no Museo de Altamira. No plano internacional atopamos na Hispanic Society de Nova York ou no Victoria & Albert Museum de Londres restauradores formados na escola de Galicia.

Imaxe tomada no taller de conservación e restauración de bens pictóricos, pintura mural

Para rematar...

O lema para a celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018 é «O noso patrimonio: onde o pasado se atopa co futuro», entendendo esta herdanza como unha base fundamental na que construír o futuro de Europa. A formación de profesionais para a conservación deste importante, delicado e insubstituíble patrimonio, fonte de riqueza desde os máis variados puntos de vista, é o principal propósito desta escola, impartindo un ensino de calidade que forme restauradores-conservadores solventes e responsables co traballo que a sociedade lles encomenda. Para iso a comunidade académica desenvolve o seu traballo co propósito de distinguir a ESCRBCG como un referente nas disciplinas da conservación e restauración de bens culturais, tanto no ámbito docente coma investigador. Esta formación leva implícito facilitar a inserción laboral do alumnado, polo que se manteñen múltiples lazos de colaboración a distintos niveis que enriquecen a súa experiencia durante a etapa formativa. E como non pode ser doutro xeito, a ESCRBCG traballa pola protección e promoción tanto do patrimonio cultural coma dos profesionais da conservación-restauración, xa sexa con iniciativas individuais ou en colaboración con outros colectivos que perseguen os mesmos obxectivos.

 

 

Sección: