A biblioteca escolar como axente de dinamización nun centro de ensino secundario

Colaborar, coordinar, dinamizar ou integrar son algunhas das funcións asignadas ao responsable dunha biblioteca escolar. A partir de aí realízase unha reflexión ao redor dunha serie de conceptos como a formación de formadores, a creación de vínculos e o traballo colaborativo que, xunto co fomento da creatividade, contribúen a explicar o proceso de dinamización dunha biblioteca escolar desenvolvido nun centro de secundaria, bacharelato, formación profesional e ciclos.

Glafira Fernández-Campoamor Fernández
Profesora de Lingua Castelá e Literatura e responsable de biblioteca
IES Fraga do Eume (Pontedeume-A Coruña)
glarifa@edu.xunta.es

 

 

As bibliotecas escolares constitúen un dos elementos esenciais do ensino nos niveis da educación secundaria e do bacharelato pola súa contribución ao fomento da lectura e ao acceso á información e aos diferentes recursos para a aprendizaxe. Ao mesmo tempo, a biblioteca pode ampliar as súas funcionalidades para converterse nun axente de dinamización xeral do proceso de ensino-aprendizaxe desenvolvido nos centros.

Describirase neste traballo a experiencia levada a cabo durante as últimas dúas décadas no IES Fraga do Eume de Pontedeume, que conta cunha ampla oferta educativa: FP básica, ESO, bacharelato e ciclos formativos de Servizos, Cociña e Pastelería. Esta diversidade de oferta, coa consecuente diversidade de enfoques, metodoloxías e formas de entender a docencia, fai necesarias estratexias de actuación que permitan a coordinación, a integración e a posta en común dos distintos talentos a través de propostas de dinamización. Neste proceso lento e laborioso, a biblioteca do centro converteuse nunha peza clave que, a través das accións e proxectos postos en marcha, se erixiu como un axente de coordinación interdisciplinar. Para conseguilo hai que ter en conta unha serie de factores que consideramos claves nesta tarefa: a formación, os vínculos, o traballo colaborativo, o rompemento de barreiras, a concepción da biblioteca como espazo creativo...

Como docente de Lingua e Literatura Castelá sempre tiven claro que tiña que desenvolver un papel básico como guía nas lecturas do alumnado e que a biblioteca tería que converterse nun lugar especial ao que acudir con el. Para desenvolver esta tarefa con eficacia, precísase dunha formación especializada que debe adquirirse en moitas ocasións despois de acceder á profesión docente. E aquí entra en xogo o importante papel que os CFR (centros de formación e recursos), en concreto o de Ferrol, desenvolveron ao longo destes anos. Nos noventa, Rufino González, asesor da área de Linguas, organizou cursos innovadores con relatores de relevancia no ámbito  nacional, formou grupos interdisciplinares e animounos a divulgar as nosas experiencias a través da revista Idea ou de relatorios en congresos como  Pé de  Imaxe.

Presentouse un proxecto de formación interdisciplinar titulado O teatro como factor dinamizador de futuros proxectos globais de centro, no que participaron profesores de distintas áreas dos dous IES de Pontedeume. «Factor dinamizador» e «proxectos globais» son as palabras clave que, dalgunha maneira, orientaron as accións levadas a cabo no centro durante todos estes anos. Neste proxecto os profesores participantes formámonos en técnicas teatrais e, como produto final, elaboráronse unha serie de propostas didácticas para as distintas materias co teatro como fío condutor. Ademais organizouse a representación dunha obra na que participaron profesorado e alumnado de ambos os centros. Esta acción supuxo a creación no IES Breamo dun grupo de teatro estable,  Arjé Teatro, que segue activo na actualidade.


Para o profesorado do IES Fraga do Eume, esta primeira experiencia significou entender que se podía traballar rompendo as fronteiras invisibles existentes entre os distintos departamentos e tamén a percepción da importancia da formación continuada a través dos grupos de traballo e dos proxectos de formación en centros.

Pero o impulso fundamental para a biblioteca foi a participación no PLAMBE (Plan de  mellora de bibliotecas escolares) posto en marcha desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. As actividades de formación que organiza a Asesoría de Bibliotecas Escolares (encontros, xornadas etc.) e as ideas que se achegan ao foro son unha inxección de ánimo e unha fonte constante de inspiración, tanto polo interese dos relatores que interveñen coma polas conversacións máis «informais» mantidas na hora do café ou da comida con compañeiros, que serven para potenciar a relación persoal entre os membros da comunidade educativa. Non podemos deixar de mencionar propostas da Asesoría como Maletas Viaxeiras, Hora de Ler ou os materiais de difusión que editan cada curso, como carteis, cadernos, marcapáxinas… Todos estes elementos foron moi positivos no proceso de cambio e dinamización.

Antes de entrar no  PLAMBE xa realizaramos pequenos proxectos de colaboración entre algúns departamentos. Ao mesmo tempo, algúns dos membros do grupo de biblioteca formamos parte de distintos equipos directivos. Esta participación nas tarefas de xestión permitíranos obter unha imaxe máis real e axustada do funcionamento do noso centro, así como da estrutura dos ciclos e departamentos e xeráronse importantes vínculos persoais que se traduciron en diversas experiencias.

No ano 2005 celebrouse o Centenario da Primeira Parte do Quixote coa colaboración do Departamento de Hostalería, que realizou un menú inspirado na gastronomía desta obra e o comedor escolar foi decorado con motivos cervantinos. Ademais, profesores e alumnos leron en voz alta fragmentos desta obra (algo que repetimos en moitas ocasións) nunha sesión especial para todo o centro.

En 2008, os departamentos de Plástica e Lingua desenvolveron conxuntamente un proxecto de ilustración de fragmentos de obras que o alumnado estaba a ler en clase xunto a unha recomendación-valoración. Decontado se constatou a importancia que para o alumnado tiña a difusión do seu traballo, así que se editou —de forma rudimentaria— e se arquivou na biblioteca, á vez que se animaba a todo o claustro a traer os seus propios: dos ciclos, por exemplo, consérvanse cartas de restaurante elaboradas no módulo de Proxecto integrado.

Con motivo da celebración dos Xogos Olímpicos de Londres en 2012, deseñouse un proxecto interdisciplinar denominado Xornadas do Olimpismo, cuxa novidade consistía en que os autores, alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato, expoñían o seu traballo aos seus compañeiros da ESO na biblioteca. Nese mesmo ano formulóuselle  á comunidade educativa do noso centro unha pregunta realmente comprometida: «Len os profesores?», desde o convencemento de que o exemplo é a mellor ferramenta para conseguir resultados positivos na tarefa educativa. Con ese motivo deseñouse un persoal para que o alumnado de primeiro da ESO entrevistase a varios profesores do centro e os resultados obtidos publicáronse no vestíbulo.  

Outro proxecto colaborativo que se converteu nun clásico ao longo dos anos é a celebración do Día da Biblioteca (24 de outubro) que, pola súa proximidade con Defuntos e a tradición do Samaín, se foi transformando nunha escusa para ler contos de medo en distintos idiomas (francés, inglés, galego e castelán) coa participación de profesores, alumnos dos cursos superiores e ata membros do persoal non docente. Así danse a coñecer fragmentos de obras relevantes na historia da literatura.

Ademais da pertenza ao gran círculo PLAMBE, o pequeno círculo do grupo das bibliotecas escolares de Ferrolterra resultou fundamental para o éxito das nosas accións. Unha das primeiras propostas de traballo en grupo foi a do CEIP Isaac Peral de Ferrol que, xunto ao escritor Gonzalo Moure, nos animou a colaborar co proxecto  Bubisher, unha iniciativa para dotar de bibliotecas e  bibliobuses os campamentos de refuxiados saharauís. Coñecernos para querernos foi o título proposto e no noso centro leváronse a cabo varias accións: plantouse unha kjaima (fig. 1) na biblioteca; escribíronse cartas a nenos que vivían no deserto; gravouse un vídeo sobre o parque natural das Fragas do Eume, no que o alumnado explicaba que era un bosque e que foi enviado a  Smara xunto coas cartas. Pero esta proposta tivo aínda unha maior transcendencia ao contar coa colaboración do profesorado e alumnado do ciclo de Pastelería, que elaboraron doces propios da repostería tradicional do norte de África.

Este vínculo creado polo grupo de Ferrolterra levou á realización de reunións periódicas que ao principio tiveron lugar no CFR e despois nas diferentes bibliotecas da zona adscritas ao PLAMBE. Tamén se realizaban nos distintos centros os cursos de bibliotecas organizados polo CFR e ao IES Fraga do Eume correspondeulle o que acolleu ao poeta Raúl Vacas, que supuxo unha experiencia extraordinaria.

O IES Fernando Esquío de Neda cedeunos a estupenda exposición titulada «Historia do libro» que foi completada cunha procura do tesouro co obxectivo de «vivila» activamente por medio do traballo en equipo cos distintos grupos da ESO.

A nosa biblioteca converteuse nun punto de encontro entre o noso alumnado e alumnado doutros centros, como os do club de lectura do IES de Mugardos. Para iso propúxose como lectura a obra A casa da lanterna,  escrita polo profesor do IES  Breamo, Carlos de Castro Álvarez. Mantívose un encontro, realizouse unha ruta literaria polas rúas de Pontedeume nas que se desenvolve a obra e finalizouse cun faladoiro literario co escritor, acompañado dunha comida de confraternización. Ademais organizouse unha viaxe ao Museo Provincial de Lugo onde participamos na actividade Contos do museo e se leron uns poemas de Luís  Pimentel diante da súa casa natal.

Nese momento aínda non tiñamos club de lectura propio —creouse hai tres anos— e, con motivo da inauguración, a profesora e o alumnado do módulo de Industrias  Alimentarias elaboraron unhas galletas cos títulos de moitas das obras existentes na biblioteca nunha nova mostra de traballo colaborativo.

Máis recentemente e con motivo da reunión inaugural anual do club de lectura, a profesora de Servizos realizou unha práctica xunto co seu alumnado de FP básica servindo cafés e tés nun ambiente xenuinamente británico que serviu de ambientación para unha das lecturas deste curso: Asasinato no Orient Express de Agatha Christie.

No club utilizamos o concepto de «constelacións literarias» proposto por Guadalupe Jover e que consiste en realizar un itinerario de lectura por medio dun fío condutor: o primeiro ano as protagonistas foron as mulleres e o ano pasado a figura do «monstro». En paralelo vese a versión cinematográfica de cada un dos títulos, mentres compartimos un bocadillo na biblioteca.

Paralelamente a todo isto, hai algúns anos xa, decidimos liberar os libros quitando os cadeados e as portas de cristal dos andeis. Isto supuxo un avance importante na transformación da visión que o resto do instituto tiña sobre que é ou para que serve unha biblioteca escolar. Compramos pezas de mobiliario (sofás e pufs) co obxecto de crear un espazo agradable de lectura informal e sacamos os libros fóra da biblioteca de moi diversas maneiras. Utilizáronse as paredes das escaleiras do centro como espazo expositivo colocando poemas con contido matemático, colgando portadas de libros e películas que temos no noso fondo para promover libros de temática científica ou tamén literaria, como no caso de Rosalía de Castro ou do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, ou conmemoramos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Nas aulas e durante a Hora de Ler, aproveitamos para propoñer lecturas de todo tipo. Por exemplo, para conmemorar o Día da Poesía varios profesores de diversas materias leron, á mesma hora, textos nas aulas. Outra iniciativa de éxito foi a construción dunhas árbores de madeira, símbolo do bosque que lle dá nome ao noso centro. As árbores de madeira que viaxan cara ao corredor sérvennos para anunciar actividades, pero tamén para moitas cousas máis. Estas árbores son o resultado dunha proposta do ano 2011 para celebrar o Ano Internacional das Árbores, propuxémolo no claustro para que cada departamento achegase as súas ideas. As árbores convértense nun soporte comunicativo xa que serven para colgar corazóns-poemas, anunciar actividades ou publicar os textos gañadores ou participantes nos concursos.

Aos poucos foise ampliando a influencia da biblioteca a outros espazos do centro no que poderiamos denominar unha estratexia de biblioteca aumentada. No vestíbulo do centro léronse fragmentos de textos ou realizouse unha lectura continua do Quixote durante os recreos da semana. No comedor léronse, durante a comida do día 23 de abril ou durante a época de Entroido, poemas ou textos segundo a temática proposta pola biblioteca: a paz, o amor, as artes, as ciencias… intercalándoos na exhibición de disfraces. Nese espazo, organizouse un acto de homenaxe no ano 2016 con motivo do Centenario da Morte de Cervantes e Shakespeare no que dous alumnos-presentadores interpretaban o papel dos autores homenaxeados. Para esta ocasión os alumnos de ciclos crearon un ambiente íntimo para a lectura (fig. 2). O Departamento de Plástica elaborou pósteres coas siluetas de ambos os escritores e os alumnos de Literatura Universal reflexionaron sobre Hamlet. Tamén se leron en inglés sonetos de Shakespeare e levouse a cabo unha dramatización por grupos de fragmentos do Quixote seleccionados por eles mesmos.

A rotura de barreiras e sacar a biblioteca do seu ámbito facilitou o obxectivo de convertela nun espazo que puidese dar cabida ás diferentes inquietudes, os diferentes talentos. Desde a biblioteca realízanse propostas, pero tamén se acollen as de quen se achega a nós con iniciativas interesantes. Por exemplo, un concurso co título Mulleres e Matemáticas? ou un taller sobre Literatura e Matemáticas. O Departamento de Francés estivo presente, primeiro, coas experiencias dos seus intercambios con Toulousse ou agora, que acollemos a tradición francesa de Les Catherinettes, coa edición dunha publicación cos poemas que o alumnado lles dedica aos chapeus elaborados polos seus compañeiros. Fomos altofalantes para actividades variadas en ciencias: estreamos un vídeo de Ciencias Naturais nun recreo, publicamos un boletín coas súas recomendacións, promovemos varios concursos (de poesía, relato, noticias científicas de xénero-ficción…) ou exposicións como «O universo: un haiku galego». Participamos tamén no Proxecto Amazonas. Observatorio contra a violencia de xénero. Laboratorio de Igualdade, que recibiu o premio Concepción Arenal en 2015.

Dado que os obxectivos propostos teñen que ver con formar, sensibilizar e reivindicar a igualdade de xénero, promovéronse concursos, como o de xénero-ficción, e adquiriuse moito material relacionado co tema, facendo exposicións, propoñendo lecturas no club ou vendo algunha película con esta temática. E, por suposto, hai que mencionar o Concurso de Cociña e Coctelería José Rodríguez-Moldes Rey, que se leva a cabo desde hai 18 anos. A biblioteca convértese no escenario da modalidade de Coctelería e súmase aos actos, editando boletíns e marcapáxinas nos que lles damos publicidade aos libros e películas que adquirimos ao longo do ano; moitos deles son recomendados por profesores e alumnos de ciclos a través dunha caixa de correos de suxestións.

Todas estas actuacións foron convertendo a biblioteca nun espazo que favorece o desenvolvemento da curiosidade intelectual e da creatividade. Queremos ser para as persoas que nos rodean unha especie de “disparadores creativos” que, na liña exposta por Gianni Rodari, axuden os alumnos para conseguir un rol creador, produtor e investigador; que a biblioteca sexa un lugar acolledor e de encontro no que as persoas se sintan cómodas para expresarse e compartir os seus talentos. Deste xeito, xurdiu a idea un tanto transgresora de que o alumnado de Plástica de cuarto da ESO reproducise a imaxe da escena dun crime no corredor de entrada ao centro para promover a convocatoria dun concurso de historias de intriga con motivo da celebración do Samaín (fig. 3). Outra actividade moi creativa foi un encontro coa escritora Ledicia Costas. Os alumnos de primeiro da ESO leran Escarlatina, a cociñeira defunta e os alumnos de cuarto da ESO en Plástica elaboraron unhas ilustracións inspiradas na obra que logo se expuxeron dentro e fóra da biblioteca, ademais do habitual coloquio coa autora.

Nos últimos anos incorporamos ás lecturas pequenas dramatizacións, música, baile, vídeos, cancións… Trátase de actividades que lles presentan dificultades aos alumnos destas idades ante a necesidade de espontaneidade e de superación dos medos que xorden ao actuar en público. Arte e creatividade uníronse en maio de 2017 con motivo do Día das Letras Galegas do curso pasado: textos e cancións en varios idiomas, participación de alumnos de ciclos, ESO e bacharelato, rap, guitarra, todo iso coa colaboración da nai dun alumno, o que permitiu desenvolver unha experiencia conmovedora no comedor do centro.

Ao longo dos anos celebramos o Día de Rosalía de varias formas, sempre coa lectura de poemas por parte dos alumnos. Nas dúas últimas edicións acompañouse con música e neste ano 2018 coa dramatización do poema «Miña casiña, meu lar». Tamén se adoptou con grande éxito a idea da Casa Museo de Rosalía para celebrar este día cun «caldo de Gloria», logrando deste xeito unha nova fusión entre poesía e gastronomía.

En conclusión, a clave de todo o traballo realizado reside no entusiasmo e na motivación das persoas implicadas. Isto fai que as vivencias compartidas por profesores e alumnos se convertan en ocasións en momentos máxicos.

Un destes momentos, que pode servir como exemplo de todo o exposto anteriormente, foi no día 1 de marzo de 2018, cando se convocou no noso centro, para unha xuntanza-cea, aos membros das bibliotecas escolares de Ferrolterra integradas no PLAMBE. Durante os preparativos dos detalles da cea os profesores de Hostalería pediron información sobre libros e lecturas que tivesen algunha conexión coa comida e entre os títulos propostos seleccionaron as aventuras de Harry Potter. A partir dese momento púxose en marcha un potente «disparador creativo» que mobilizou toda unha serie de talentos. No día sinalado e tras a reunión na biblioteca, pasamos ao comedor que, de forma misteriosa, se converteu nunha versión de Hogwarts, a escola de maxia e feiticería do universo de Harry Potter. A creatividade desbordante do profesor e dos alumnos do ciclo superior de Restauración conseguiu transportarnos a unha dimensión na que non faltaron as vasoiras máxicas e as snitchs sobrevoando as nosas mesas. Incluso os grandes volumes da nosa biblioteca se desprazaran ata alí e tiñamos como mestre de cerimonias o mesmísimo Harry dedicándonos unhas emotivas palabras (fig.4). Naturalmente serviuse un xenuíno menú máxico con algunhas denominacións terroríficas como «cunco das tebras», «espírito sanguento» ou unha sobremesa tan literaria e evocadora como a «montaña máxica». Gozamos da comida, da compañía e da conversación.

Dalgún modo todos os vínculos establecidos durante estes anos, a colaboración, a creatividade e a fantasía plasmáronse nun momento máxico no que se respiraba camaradería e paixón polo traballo. É ese o principal trazo que caracteriza a(s) nosa(s) biblioteca(s): a presenza de persoas entusiastas, formadas e que gozan co que fan. E niso radica precisamente a maxia do noso traballo, a maxia da lectura é unha das condicións necesarias para calquera proceso de dinamización na tarefa de educar.

 

 

Sección: