O saber ten premio no IES Fernando Blanco

Estimulando as ganas de saber e o traballo en equipo do alumnado. Por que ten tanto mérito a nosa olimpíada cultural?

Consuelo Trillo Lago
Directora do IES Fernando Blanco (Cee - A Coruña)
 

 

No ano 2010 foron dous os equipos directivos dispostos a dirixir o Instituto Fernando Blanco. Este dato ten moita importancia: a tónica xeral nos centros non é esa xa que dirixir un instituto supón unha enorme dedicación e responsabilidade. Púxose de manifesto o interese de tanto profesorado por involucrarse e comprometerse no mellor funcionamento posible dun instituto histórico que facía naquel momento 125 anos. É de destacar igualmente que os integrantes dos dous equipos seguiron a traballar conxuntamente, á marxe de que figurasen ou non como cargos directivos.

Unha das primeiras reflexións que fixemos foi que afortunados eramos porque nun mesmo espazo estabamos a convivir profesionais con distintas especialidades e alumnado con intereses académicos tan diversos.

Á beleza arquitectónica deste histórico edificio había que sumarlle a riqueza de ensinanzas nel ofertadas. A mellor maneira de poñer en valor esa variedade de talentos e inquietudes era favorecer o traballo en equipo e buscar un proxecto en común que puidese englobar a todo o persoal e a todo o alumnado do centro. Con ese obxectivo en mente comezamos a preparar a olimpíada cultural O saber ten premio no IES Fernando Blanco.

Presentada a idea ante o claustro, atopámonos cunha resposta de total colaboración. Enseguida todos os departamentos elaboraron preguntas con respostas múltiples que facían referencia a aspectos curriculares dos diferentes cursos. Creouse un total de máis de 600 preguntas referidas a temas de literatura, cálculo, electricidade, mecanizaxe, linguas estranxeiras, física, contabilidade, historia...

Un dos profesores do centro, experto en TIC, reuniu toda esa sabedoría e deulle formato. Creou un xogo dixital exclusivo do Instituto Fernando Blanco.                                                                        

O paso seguinte era que os auténticos protagonistas da nosa iniciativa puidesen xogar para probar os seus múltiples coñecementos e que fosen premiados pola súa participación. De aí o nome O saber ten premio.

Contactamos entón cunha empresa da zona, Ferroatlántica, e contámoslles o noso proxecto. Encantados con esta iniciativa, aceptaron ser os patrocinadores e responsables de que o alumnado participante tivese un premio en metálico. Ese patrocinio repetiuse ao longo de todas as demais convocatorias.

Dado que o alumnado podía encontrar todo tipo de preguntas, os equipos debían estar integrados por estudantes das diferentes ensinanzas. Nas bases de participación, redactadas por unha comisión formada por profesorado de todas as ensinanzas, estableceuse que, para que se constituíse un equipo, debería haber dous alumnos de ciclos, dous alumnos de bacharelato e un alumno de ESO, EPA ou CUALE. Non era tarefa fácil que se xuntasen con esas condicións, polo que o papel do profesorado foi fundamental para axudarlles a que creasen eses grupos, en moitas ocasións, con rapaces e rapazas que non se coñecían previamente.

Levamos actualmente sete convocatorias e o número de equipos participantes seguiu medrando cada ano, ata chegar a 11 no curso 2017-18.

Durante a primeira parte da olimpíada, o alumnado é convocado para xogar a O saber ten premio. As preguntas aparecen aleatoriamente para cada equipo nunha pantalla e hai que contestalas nun tempo determinado. Resulta moi gratificante ver as súas reaccións: expresión de decepción cando non saben algo, de orgullo cando controlan a resposta, de sorpresa cando o que para eles é descoñecido, resulta tan familiar para outro membro do grupo.

Ese é o verdadeiro traballo en equipo!

Logo de terminar as semifinais e revisar as puntuacións acadadas, os tres mellores equipos son seleccionados para a gran final. Ese día os 15 alumnos e alumnas xogan a O saber ten premio no escenario do salón de actos, en presenza do resto do alumnado do centro e as preguntas pódense ver nunha pantalla. O público asistente pode ir xogando ao mesmo tempo e cubrindo as respostas nuns modelos que se lle entregan ao entrar.

Os dous equipos que obteñen os mellores resultados pasan á segunda parte. No mesmo escenario teñen que levar a cabo un debate sobre un tema que coñecen previamente aínda que só nese momento se lles di se deben manifestarse a favor ou en contra. Nos últimos anos, tocáronse temas como «a adolescencia é a mellor época da nosa vida», «as tecnoloxías da información e da comunicación servirán para crear un mundo mellor?», «a crise fai mellores ou peores as persoas?», «é mellor a vida no mundo rural ou no mundo urbano?». Ser quen de debater no escenario dun salón de actos repleto de público  é admirable e sérvelles para futuras experiencias, tales como exames orais ou entrevistas de traballo.

A gran final vese aínda máis embelecida por actuacións musicais, a lectura de microrrelatos escritos por alumnado do centro, proxección de interesantes vídeos etc., que fan desa unha xornada inesquecible para todos os presentes.

Nas pasadas edicións foron dous os encargados de presentar este fermoso acto: Darío Areas Domínguez, historiador e secretario da Fundación Fernando Blanco, e María Canosa Blanco, enxeñeira e escritora. Nesta edición contamos con Fran Hermida, locutor de SER Galicia como mestre de cerimonias.

A grandeza da olimpíada cultural é que integra nun mesmo proxecto profesorado, persoal non docente, alumnado e familias... Está incluída nunha das actuacións do Contrato-Programa ofertado pola Consellería de Educación e supón un fermoso exemplo máis do compromiso de tantos centros educativos de Galicia que albergan grandes profesionais que día a día levan a cabo unha infinidade de actividades que van máis aló das súas responsabilidades académicas e que teñen un único obxectivo: incentivar no seu alumnado un meirande interese pola súa formación e que esta sexa o máis completa posible.

No Instituto Fernando Blanco cremos firmemente que o saber sempre sempre ten premio.

 

 

Sección: