CPI Plurilingüe Virxe da Cela e Plan Proxecta

Calidade, equidade, inclusión e innovación para unha educación “por e para a vida”
Nestas pequenas liñas, o CPI Plurilingüe Virxe da Cela presenta os eixes xerais da súa participación en diferentes modalidades do Plan Proxecta desde que este programa de innovación educativa comezou a súa andaina, aló polo curso escolar 2012/13. O modelo organizativo e pedagóxico no que se basea o seu desenvolvemento parte dun proxecto educativo comprometido cos principios nos que asenta unha educación de calidade "desde e para a vida”. Falamos de equidade, de inclusión e de compensación das desigualdades que precisan do esforzo compartido dos diferentes sectores da comunidade educativa para ser verdadeiramente efectivos (texto refundido da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, art. 1. Principios). Trátase de entender a educación como un proceso colectivo e social onde o alumnado é quen de expresar e desenvolver as súas potencialidades e, ao mesmo tempo, superar as dificultades desde a valoración positiva, tanto individual coma colectiva. Para que isto aconteza, debe contar coa posibilidade de sinerxías reais e contextualizadas onde se configure como protagonista activo dos procesos de ensinanza-aprendizaxe desde unha perspectiva crítica, onde poida actuar con responsabilidade e de forma cooperativa. Así, as diferentes situacións de aprendizaxe permitiranlle resolver problemáticas e crear empoderamento persoal e social.

M.ª del Camino Pereiro González
Mestra de educación primaria e directora do CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero - A Coruña)
pereirogonzalez@edu.xunta.gal

 

 

Imaxe representativa da participación do centro nos premios Proxecta Innovación

 

O contexto do centro educativo

Situámonos nun enclave patrimonial de especial singularidade: as Fragas do Eume. Alí, os concellos de Monfero e Irixoa (2037 habitantes Monfero e 1369 habitantes Irixoa, fonte: INE, 2015) da provincia da Coruña dotan de alumnado o CPI Plurilingüe Virxe da Cela. Son un total de 137 discentes que cursan os seus estudos nas etapas educativas de educación infantil, primaria e secundaria.

Falamos dunha comarca eminentemente rural que, á parte das problemáticas asociadas ao contexto (despoboamento, escaseza de servizos, dificultades de conectividade, detrimento das relacións sociais, entre outras), conta con innumerables recursos aproveitables desde un punto de vista educativo (riqueza patrimonial, valores culturais e tradicionais do rural galego, novas xeracións moi formadas, tempos e espazos non delimitados etc.).

 

Un proxecto educativo de centro consensuado: punto de partida do Plan Proxecta

A traxectoria de participación do centro no Plan Proxecta parte dun proxecto educativo consensuado establecido ante a prioridade de dar unha resposta clara e efectiva ás demandas educativas actuais. Aséntase na identificación das necesidades tanto contextuais coma educativas do noso alumnado a partir da reflexión crítica realizada no seo dos órganos de goberno e coordinación docente.

Este proceso de reflexión camiña cara a unha liña pedagóxica renovadora e transformadora (Barahona, R.; Gratacós, J. e Quintana, G. , 2013) que ten como última finalidade establecer propostas de traballo coordinadas entre as tres etapas educativas impartidas no centro con repercusión efectiva tanto no desenvolvemento persoal coma social do alumnado.

Nas devanditas actuacións debemos ser quen de entrelazar o ámbito curricular co valor práctico e funcional das aprendizaxes e coa asunción de valores cívicos, democráticos e solidarios. Falamos de proxectos de traballo que fomenten a responsabilidade, o sentido crítico, cooperativo e, asemade, transferibles e con repercusión efectiva no medio. Alén disto, establécese a necesidade da posta en valor do centro educativo como dinamizador da actividade cultural e social da comarca.

Como xa sinalamos, situámonos no ámbito rural, no que o inverno demográfico (Martínez, X. e Peón, D., 2015) dificulta as relacións comunitarias e, polo tanto, o centro educativo sente a necesidade de ser algo máis, de converterse nun espazo relacional e de colaboración da comunidade educativa con diferentes organismos e institucións. Así, debemos ser quen de identificar as fortalezas do medio para que as dinámicas xeradas partan da identidade cultural propia, realizando unha posta en valor que contribúa a sentar as bases dun desenvolvemento endóxeno sustentable nas súas diferentes vertentes: social, cultural e económica. Neste senso, o noso obxectivo principal é dar valor tanto á dimensión comunitaria coma ao centro en si mesmo e á súa vertente educativa. Trátase de que a configuración identitaria se entrelace coa vida educativa para que rapaces e rapazas comprendan a realidade e adquiran valores emocionais e creativos asentados na superación persoal e colectiva. Terán entón, ademais de capacidade para superar as problemáticas ás que se enfronten na vida diaria, a conciencia global necesaria para formar parte dos procesos de empoderamento social.

Desde esta perspectiva nace Monfero Solidario proxecto de innovación educativa de centro cuxa finalidade é desenvolver e transmitir valores e habilidades que fornezan as capacidades imprescindibles para crear unha cidadanía informada, responsable, activa e solidaria con conciencia crítica capaz de dar resposta ás situacións ás que se enfronten na vida cotiá e as problemáticas globais (Cancela e López, 2014).

Este proxecto basea os seus comezos en propostas puntuais que teñen como obxectivo favorecer o traballo cooperativo e o voluntariado. Rapidamente se establecen nexos de cooperación entre unha gran variedade de organismos e institucións. Delas, destacaremos a colaboración entre o centro educativo e as ONG, universidades e entidades públicas e privadas. Así nace a nosa forma de entender os procesos educativos: partindo da suma de coñecementos e esforzos e do diálogo da comunidade educativa para ser quen de establecer estratexias que dean resposta ás inquedanzas tanto contextuais coma sociais. Apoiámonos na colaboración con axentes significativos, que nos abren as portas á realidade e nos ofrecen  tanto sustento científico coma recursos persoais e materiais. Nesta liña de traballo enmárcase a nosa participación no Plan Proxecta.

 Liña organizativa e pedagóxica de centro para o desenvolvemento do Plan Proxecta

 

Por que o Plan Proxecta?

En primeiro lugar, esta iniciativa educativa permite tanto o desenvolvemento competencial do alumnado coma un adecuado tratamento dos elementos transversais e da educación en valores de forma integrada no currículo. Outro dos seus aspectos fundamentais radica en que facilita a colaboración entre institucións.

Por unha banda, parte da iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, en colaboración con diferentes organismos, establece propostas de traballo adaptadas ás necesidades sociais. Os centros educativos adscritos adáptanas á súa realidade e ás características do alumnado, establecendo canles de participación activa tanto coa comunidade educativa coma cos organismos implicados. Isto supón, ademais de facilitar un tratamento integral dos elementos curriculares, transversais e da educación en valores, anteriormente mencionados, implicar e facer partícipes as partes fundamentais da sociedade na formación das novas xeracións. Ademais, os centros educativos contan co apoio e a colaboración de institucións e profesionais cualificados, o que abre no sistema educativo inmellorables fiestras á realidade e ás súas necesidades.

Así, o Virxe da Cela participa no Plan Proxecta desde os seus comezos a través do desenvolvemento de varias das súas modalidades. A continuación destacaremos tanto as premisas que asentaron este traballo coma as liñas de actuación que consideramos máis relevantes.

Liñas xerais de actuación

O punto de partida é a identificación daqueles elementos contextuais que nos permitirán entender a realidade e establecer os retos de futuro máis significativos para o alumnado. Partimos, polo tanto, da análise da realidade e dos seus intereses e motivacións. Así, temos en conta as variantes culturais (valores tradicionais de pertenza ao medio natural, de coñecemento e respecto pola lingua ou os usos e costumes de cooperación, entre outros) e as características do ambiente educativo (escola non masificada e que conta cuns recursos que debemos ser quen de optimizar). Estes factores constitúen o primeiro chanzo para que a organización do centro facilite a posta en marcha de actuacións adaptadas ás necesidades contextuais e sociais. Son os órganos de goberno e coordinación docente os que teñen esta función. A reflexión crítica permite paliar as resistencias e limitacións e dar cabida a novas posibilidades, en definitiva, definir o modelo pedagóxico do centro, concretando finalidades e obxectivos realistas.

A chave de referencia é o proxecto Monfero Solidario, cuxa proposta metodolóxica se asenta na participación activa e na acción colaborativa tanto no ámbito da comunidade educativa coma no ámbito de axentes externos. Isto facilita a integración no ámbito curricular das actuacións, indo máis aló de iniciativas puntuais e, a un tempo, propiciando a implicación e participación activa da comunidade educativa.

Neste, outro dos seus eixes centrais é un adecuado tratamento dos recursos á nosa disposición, tanto humanos coma materiais. Dentro destes últimos, teñen un papel relevante as tecnoloxías da información e a comunicación, entendidas, non como unha finalidade en si mesmas senón como un medio para crear aprendizaxe e coñecemento, compensar as desigualdades sociais, brindar novas expectativas de futuro e ser un referente de desenvolvemento persoal e social desde unha perspectiva de xénero.

Deste xeito, partindo da experiencia previa co proxecto Monfero Solidario e establecendo o necesario debate interno, somos quen de definir que entendemos por educación e que modelo educativo e de realidade queremos acadar. Determinamos como referente e como modelo pedagóxico a educación para o desenvolvemento e a cidadanía global (EpDCG), identificada, como sinala Ortega (2008; 19), como un «proceso educativo (formal, no formal e informal) constante encaminado a promover una ciudadanía global a través de conocimientos, actitudes y valores capaces de generar una cultura de la solidaridad comprometida en la lucha contra la pobreza y la exclusión, así como con la promoción del desarrollo humano y sostenible».

Levar a cabo propostas de traballo asentadas na EpDCG supón contar e actuar coa realidade, asumir as súas problemáticas e perspectivas de futuro e, ao mesmo tempo, crer no cambio social como algo posible se a responsabilidade é compartida. O Plan Proxecta encaixa á perfección con esta forma de sentir e entender a educación xa que está deseñado para facilitar a interacción e colaborar cunha gran variedade de organismos e institucións. Desta forma, o centro educativo, grazas á súa participación nesta iniciativa de innovación educativa, é quen de dotarse dun amplo abano de recursos de calidade aos que dificilmente a escola pode acceder por iniciativa propia e que lle posibilitan o coñecemento e a comprensión da realidade desde diferentes ópticas. Estes recursos facilitan idear, programar e desenvolver proxectos de traballo integrados no currículo nos que, colaborando e cooperando con diferentes organismos, somos quen de entender e actuar na realidade desde diferentes perspectivas.

 Blogs de difusión dos proxectos de centro:

https://cpivirxedacelasolidario.blogspot.com.es/

http://paisaxevida.blogspot.com.es/

 

Así, participamos na modalidade Querote + o que supón contar coa colaboración de profesionais para crear unha estratexia socioeducativa na que participa o conxunto da comunidade educativa e que pon en valor a convivencia, a afectividade e a sexualidade, a diversidade, a imaxe corporal e a autoestima como fonte de desenvolvemento social e persoal.

De igual forma, para establecer propostas educativas que permitan un tratamento global das problemáticas contextuais, participamos na Rede de centros escolares solidarios a través da cal a cultura do centro se impregnou de solidariedade e de cooperación cun enfoque transversal, fomentando e facilitando a participación do conxunto da comunidade nas actuacións. Nesta trabállase a conciencia crítica, a motivación cara á participación social e a defensa dunha educación integral e solidaria para promover unha cidadanía activa, informada e responsable. É dicir, visibilizar e darlle valor ao poder e a capacidade que ten o alumnado, como nova xeración, para transformar o mundo. Así, partindo da base dos dereitos e deberes das persoas tanto como elemento individual coma pola pertenza a sociedade, deseñáronse propostas de actuacións asentadas no coñecemento da realidade cultural propia e de diferentes culturas para, a partir do diálogo e da cooperación, ser quen de deseñar propostas de actuacións efectivas. Isto concretouse durante a última década, por exemplo, na participación do centro na Campaña Mundial pola Educación. En ambos os programas a premisa é establecer un modelo educativo centrado no respecto, na cooperación, na solidariedade, na convivencia e no respecto das diferenzas. Ao mesmo tempo, facilita a adquisición da capacidade decisoria, a autoestima, a autoxestión e a autonomía necesarias para poder afrontar retos, sen que nestes as diferenzas persoais ou a identidade de xénero supoñan unha limitación para afrontalos con éxito.

Isto senta as bases dun enfoque socioeducativo contextualizado e transformador. Trátase de implicar o conxunto da comunidade na resolución das problemáticas, facéndoa partícipe, ao mesmo tempo, do proceso educativo do alumnado. Competencias relacionadas coa investigación, o diálogo e a reflexión son as máis desenvoltas, unidas ao cuestionamento e a capacidade de propoñer e ofrecer solucións de forma conxunta ás problemáticas. Desta forma, somos quen de entender diferentes puntos de vista e ao mesmo tempo sentir a valoración das propias premisas. Así, participamos no programa Voluntariado miúdo: Móvete! xa que facilita o deseño de actuacións onde a autonomía, a responsabilidade e a solidariedade se entrelazan para acadar capacidade transformadora. A partir desta destacaremos a posta en marcha da asociación infantil e xuvenil Soño Rural que levou a cabo iniciativas como a presentación de dúas mocións nos concellos de Irixoa e Monfero para solicitar plans específicos de revalorización e revitalización da comarca.

Esta iniciativa entrelázase coa perspectiva de traballo proposta co programa Paisaxe e Sustentabilidade, no que a educación medioambiental e patrimonial (Morón-Monge, H. et alii, 2017) permiten traballar a relación entre o medio físico e humano (interdependencia) afrontando as problemáticas e os retos de futuro tanto desde o punto de vista local coma global de forma interrelacional. O seu tratamento pasa por comprender as relacións entre os aspectos físicos, biolóxicos, sociais, culturais, económicos e políticos que determinan as características das problemáticas medioambientais e socioeconómicas actuais. Esta actuación comeza pola identificación e valoración do medio no que vivimos para, a continuación, analizar criticamente o papel que o ser humano exerce nel. Así, partindo da conciencia crítica e da responsabilidade compartida, establécense as propostas concretas, cuxo obxectivo se centra na valoración, conservación e coidado medioambiental desde o punto de vista da sustentabilidade.

O medio non pode entenderse sen as relacións humanas que se producen nel. Na época da globalización, da degradación e do esgotamento de recursos, da expansión urbana, da crise enerxética, económica, dos fenómenos de exclusión, das crises migratorias, do etnocentrismo cultural, da inxustiza social, entre outros, estas problemáticas deben ser afrontadas desde a responsabilidade individual e social.

Ao mesmo tempo, os avances científicos e tecnolóxicos da información, da comunicación e dos medios de transporte configuran unha mobilidade social que debe converterse en recurso para o empoderamento comunitario local e global, como constatan diversas investigacións (Gutiérrez, Benayas e Calvo, 2006). Desta forma, cremos na necesidade de adquirir valores de xustiza social e competencias informacionais, comunicativas e de cooperación asentadas na valoración da identidade persoal, social e cultural da cultura propia e allea.

Estas premisas son as que asentan a nosa participación na devandita modalidade dos Proxecta, concretándose as actuacións no proxecto de centro Somos paisaxe, somos vida (Pereiro, 2013), o cal pretende o coñecemento e a valoración da paisaxe natural próxima e das relacións identitarias que nela se establecen como primeiro paso para colaborar coa finalidade de acadar un territorio máis sustentable a partir de procesos de desenvolvemento endóxenos. Como exemplo de actuación dentro desta liña programática nace a nosa participación no proxecto de investigación-acción colaborativo A vaquiña polo que vale levado a cabo entre o CPI Plurilingüe Virxe da Cela e a súa comunidade educativa, a asociación Solidariedade Internacional de Galicia e a Universidade da Coruña, co cal pretendemos asentar as bases pedagóxicas e organizativas para o tratamento efectivo da EpDCG no ámbito educativo tendo como eixe central a revalorización do sector lácteo como elemento propio da configuración identitaria da paisaxe contextual sen deixar de lado a perspectiva global.

Igualmente, destacaremos a nosa participación na modalidade do Plan Proxecta Aprendo Programando, a partir da cal desenvolvemos o pensamento computacional, as vocacións tecnolóxicas, a competencia STEAM do alumnado primando a perspectiva de xénero e o tratamento coeducativo das tecnoloxías. Deste xeito asumimos que as tecnoloxías non deben ser entendidas como un fin en si mesmas senón como un potente recurso educativo para conectar a realidade social dos discentes cos procesos educativos. Ao mesmo tempo, desenvólvese a competencia tecnolóxica do profesorado e da comunidade educativa en xeral. Así, somos quen de compensar as desigualdades e propiciar a inclusión educativa sen deixar de lado o uso responsable e a creación tecnolóxica.

Por último, hai que destacar a participación do centro no PDC (proxecto deportivo de centro) Centros activos e saudables, o que permite dinamizar e promover hábitos de vida activa e saudable a través da actividade física, do exercicio físico ou deporte como hábito de vida saudable. Para tal finalidade contamos coa colaboración dos concellos de Monfero e Irixoa e pódense realizar as actuacións tanto no horario lectivo coma non lectivo. Igualmente, a actividade física convértese en ferramenta para inculcar valores e mellorar a convivencia e o espírito de equipo, ademais dunha vía para reivindicar e dar visibilidade a causas solidarias. Exemplo disto é o desenvolvemento no centro da carreira solidaria Kilómetros de Solidaridad en colaboración con Save the Children, que permite traballar a defensa e promoción dos dereitos da infancia dentro e fóra da aula.

Repercusión

Como fomos destacando, a participación do Virxe da Cela no Plan Proxecta foi un revulsivo e un apoio fundamental para iniciar o tránsito cara a unha escola renovadora, con capacidade para afrontar os retos educativos que veñen da man dos cambios sociais actuais. E podemos asentar esta afirmación porque hoxe en día os proxectos de traballo desenvoltos ao redor do Plan Proxecta son referente e sinal identitario da comunidade educativa e ademais posibilitaron a posta en valor da autonomía pedagóxica, organizativa e de xestión establecida no texto refundido da LOE e desenvolta no seo dos órganos de goberno e de coordinación docente. Ademais, foron quen de establecer pautas sólidas de relación e cooperación coa sociedade en xeral, revertendo as iniciativas tanto no progreso académico do alumnado como nas expectativas persoais de futuro. No ámbito organizativo e pedagóxico supuxo establecer vías efectivas de coordinación docente e a asunción de propostas pedagóxicas innovadoras (traballo por proxectos, tarefas de aprendizaxe ou aprendizaxe servizo) asentadas na investigación-acción e no traballo cooperativo.

De igual forma, no ámbito social, configuráronse como elemento dinamizador e referente identitario da contorna, ao tempo que é recoñecida a súa relevancia no ámbito institucional.

 

Vídeo da curta de presentación da traxectoria de desenvolvemento do Plan Proxecta no CPI Virxe da Cela

 

Neste sentido, hai que destacar que no curso 2017/18, o centro educativo foi recoñecido co primeiro premio do Certame Proxecta Innovación. Foi unha valoración a unha traxectoria de participación na que ademais contamos con outra serie de distincións. Son as seguintes: premio dentro do Programa paisaxe e sustentabilidade (primeiro premio Paisaxe e Sustentabilidade 2014/15), premio do Programa paisaxe e sustentabilidade (segundo premio Paisaxe e Sustentabilidade 2013/14), premio do Programa 12 meses, 12 paisaxes (primeiro premio 12 Meses, 12 Paisaxes 2012/13, premio do I Concurso Aprendo Programando Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) no ano 2016 e primeiro premio do II Concurso Aprendo Programando Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en 2017. Estas últimas distincións dentro da modalidade do Plan Proxecta Aprendo Programando.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

BARAHONA, R.; GRATACÓS, J. e QUINTANA, G. (2013):  Centros educativos transformadores: ciudadanía global y transformación social. Intermón Oxfam  (Dispoñible en: http://www.kaidara.org/es/centros-educativos-transformadores).

CIEZA GARCÍA, J. A. (2010): "El compromiso y la participación comunitaria de los centros escolares. Un nuevo espacio-tiempo de intervención socioeducativa". Pedagogía Social. Revista Interuniversitaria,17, pp. 123-136.

DÍEZ-PALOMAR, J. & FLECHA, R. (2010): «Comunidades de aprendizaje: un proyecto de transformación social y educativa». Revista Interuniversitaria de Formación del Profesorado, 67 (24,1), pp. 19-30.

DOPICO, V. D. e CASTRO, Y. C. (2014): "Monferosolidario: educando en valores a unha nova xeración disposta ao cambio". Eduga: revista galega do ensino, 68, 48 (Recuperado de: http://www.edu.xunta.es/eduga/664/plan-proxecta/monferosolidario-educando-valores-unha-nova-xeracion-disposta-ao-cambio).

GUTIÉRREZ, J.; BENAYAS, J. & CALVO, S. (2006): "Educación para el desarrollo sostenible: evaluación de retos y oportunidades del decencia 2005-2014". Revista Iberoamericana de Educación, 40, 25-69 (Recuperado de: http://www.educandonline.com.ar/biblioteca_virtual/MATERIAL%20BIBLIOGRAFICO%2013%20GENERAL.pdf).

LONGÁS, J. e outros (2008): "Escuela, educación y territorio. La organización en red local como estructura innovadora de atención a las necesidades socioeducativa de una comunidad", Pedagogía Social. Revista Interuniversitaria,15, pp. 137-151.

MARENGO, M. (ed.) (2006): La dimensione locale, esperienze (multidisciplinari) diricerca e questione metodologiche. Aracne Ed. Roma.

MARTÍNEZ, X. e PEÓN, D. (2015): "Patróns de despoboamento do rural galego: unha análise por comarcas". Revista Galega de Economía, 24 (1), pp. 63-80.

MORÓN-MONGE, H. et al. (2017): "¿Educación patrimonial o educación ambiental?: perspectivas que convergen para la enseñanza de las ciencias", Revista Eureka sobre Enseñanza y Divulgación de las Ciencias, 14 (1), pp. 244-257.

PEREIRO, M. C. (2013): “Unha paisaxe única, unha escola única. Desenvolvemento do proxecto A nosa paisaxe, a nosa vida no CPI Virxe da Cela de Monfero (Programa 12 meses, 12 paisaxes)”. Eduga: revista galega do ensino, 66, 48 (Recuperado de: http://www.edu.xunta.gal/eduga/513/plan-proxecta/unha-paisaxe-unica-unha-escola-unica).

ORTEGA, M. L. (2010): "Comunicación y educación para el desarrollo en la estrategia de educación para el desarrollo española". En Teresa Burgui & Javier Erro (coords.), Comunicando para la solidaridad y la cooperación como salir de la encrucijada. Pamplona: Foro Comunicación, Educación y Ciudadanía, pp. 89-100.

VIVANCOS, J. (2010): "De les TIC a les TAC: reflexiones sobre les tecnologies en l'educació", Perspectiva escolar, 344,  2-9.

Sección: