Joyce Epstein
Leticia López-Castro e Jesica Núñez-García
Grupo de Investigación ESCULCA - Rede RIES
Universidade de Santiago de Compostela
A Dra. Joyce Epstein, da Johns Hopkins University (Baltimore, Os Estados Unidos), é unha reputada especialista no campo da implicación familiar na escola. Leva máis de 30 anos investigando para comprender os compoñentes e os efectos da alianza entre escola, familia e comunidade. Dirixe o National Network of Partnership Schools (NNPS) da Johns Hopkins University (Baltimore, Os Estados Unidos), co obxectivo de axudar os educadores a utilizar enfoques, ferramentas e aprendizaxes prácticas baseadas nas súas investigacións.
Como define a «alianza entre escola, familia e comunidade»?
Referímonos á «alianza entre escola, familia e comunidade» para reforzar a idea de que estes axentes teñen un papel que desempeñar para axudar o alumnado a dar o mellor no ámbito escolar. Este enfoque no alumnado contrasta cos conceptos máis antigos e familiares de «implicación parental» ou «participación parental», máis centrados nos proxenitores. Incorporamos estes conceptos baixo o termo «alianza» co propósito de que as persoas constrúan vínculos para unha boa relación entre fogar, escola e comunidade. Empregamos «familia» mesmo cando nos referimos a «proxenitores», posto que moitos menores teñen a outros membros da familia —avós/avoas— como responsables das principais relacións cos centros educativos e co profesorado. Gústanos o termo «alianza» para axudar as persoas a comprender a nova forma de pensar, superando a concepción simplista de «implicación parental».
Que é un programa de alianza?
Non hai un tema en educación no que exista un maior acordo ca no referente á necesidade de implicación parental. Todos queren unha maior e mellor participación, pero a maioría dos educadores necesitan desenvolver programas efectivos de alianza entre escola, familia e comunidade.
Co fin de que as familias e a comunidade se informen e involucren na educación dos rapaces e nos centros educativos, as alianzas deben considerarse como un compoñente fundamental da organización escolar. Un bo programa de alianza debe ser planificado, ao igual ca un programa de lectura ou de matemáticas. A participación da familia e da comunidade non debería ser vista como unha actividade opcional ou traballo extra senón como parte dunha boa escola.
Durante a última década, investigadores, educadores, proxenitores, alumnado, membros da comunidade e outros traballaron xuntos para aprender como axudar os centros de educación primaria e secundaria a planificar, desenvolver, avaliar e mellorar continuamente os programas de implicación familiar e comunitaria, o cal contribúe ao éxito escolar do alumno. A National Network of Partnership Schools (NNPS) na Johns Hopkins University convida a escolas, organizacións e departamentos de educación estatal a traballar xuntos para utilizar enfoques baseados na investigación coa finalidade de desenvolver programas de implicación familiar e comunitaria máis efectivos, o que contribúe ao éxito escolar do alumnado (véxase www.partnershipsschools.org para máis información).
Cal é o marco conceptual dos seis tipos de implicación?
O marco dos seis tipos de implicación axuda o profesorado a desenvolver programas máis integrais da alianza entre a escola, a familia e a comunidade. Inicialmente, os nosos estudos identificaron catro tipos de implicación, logo cinco e, finalmente, foron recoñecidos seis. Esta tipoloxía foi analizada por factores, o que permitiu coñecer, dunha banda, a existencia de diferentes categorías de prácticas, desafíos e resultados para o alumnado e, doutra, resultados provisorios para educadores, proxenitores e a comunidade en xeral. Os seis tipos de implicación constatan que os programas educativos poderían involucrar as familias na escola e na comunidade de diferentes maneiras e en diferentes lugares. Isto é importante porque os proxenitores e os socios comunitarios non poden acudir a miúdo ao centro educativo.
Cada tipo de implicación inclúe diferentes prácticas de alianza e formula desafíos específicos que deben ser coñecidos para implicar a todas as familias, á vez que require redefinicións dalgúns principios básicos de implicación. Finalmente, traen consigo diferentes resultados para o alumnado, as familias e os docentes.
Aínda que todos os centros educativos poden utilizar o marco desta tipoloxía como unha guía, cada escola debe elixir as prácticas específicas que axudarán a alcanzar os seus obxectivos e coñecer as necesidades do seu alumnado e familias.
- Tipo 1. Crianza: axudar as familias coa paternidade e a maternidade e mesmo con pautas de crianza, comprender o proceso de desenvolvemento en nenos e adolescentes e establecer condicións no fogar para apoiar aos menores como estudantes en cada idade e nivel educativo. É dicir, axudar ás escolas a entender as familias.
- Tipo 2. Comunicar: intercambio de información coas familias sobre os programas educativos e o progreso do alumnado a través de comunicacións efectivas e bidireccionais entre a escola e o fogar.
- Tipo 3. Voluntariado: fomentar a incorporación, a formación, o traballo e os horarios para implicar as familias como voluntarias e asistentes na escola ou noutros lugares da comunidade, dando soporte ao alumnado e aos programas educativos.
- Tipo 4. Aprender no fogar: implicar as familias cos seus fillos nas actividades de aprendizaxe no fogar, incluíndo as tarefas escolares e outras actividades vencelladas ao plan de estudos.
- Tipo 5. Toma de decisións: incluír a familias como participantes nas decisións escolares, de goberno e promoción a través de asociacións ou organizacións de pais/nais e docentes, consellos escolares, comités etc.
- Tipo 6. Colaborar coa comunidade: coordinar recursos e servizos para as familias, o alumnado e os centros educativos xunto con empresas, axencias e outros grupos, así como proporcionar servizos á comunidade.
Cales son os pasos esenciais para desenvolver un programa educativo de alianza escola, familia e socios comunitarios?
O noso manual, School, Family and Community Partnerships: Your Handbook for Action (Epstein et al., 2009), describe os pasos que calquera centro de educación infantil, primaria e secundaria pode tomar para organizar o seu traballo na implicación familiar e comunitaria. Entre outras accións, as escolas deben:
- Crear ou identificar un equipo de acción para as alianzas (ATP – Action Teams for Partnerships), composto por dous ou tres docentes, proxenitores e un director, que dá como resultado un comité escolar oficial. Asemade, poden incluírse socios comunitarios no equipo. Cómpre destacar que nos centros educativos de educación secundaria, os estudantes tamén son membros do equipo.
- Obter o apoio oficial do director do centro educativo para desenvolver e mellorar continuamente o Programa de alianza. Os directores deben prestar soporte aos plans educativos baseados na implicación da familia e da comunidade. Os orientadores da contorna próxima poden ser clave para axudar a moitas escolas a levar adiante o traballo en equipo e o Plan de Alianzas.
- Proporcionarlles formación e orientación aos membros do Equipo de Acción para a comprensión do marco dos seis tipos de implicación e a aplicación de obxectivos da alianza.
- Identificar puntos de partida: mencionar as propostas de mellora, fortalezas e debilidades. O inventario chamado Starting Points, dirixido ás escolas, que está no manual e ao que se fixo referencia con anterioridade, permítenos facer un balance das prácticas actuais co fin de implicar as familias e os socios comunitarios.
- Escribir un Plan anual de acción para alianzas. O Plan de alianzas detallado céntrase nos obxectivos que os docentes están a desenvolver nos procesos de ensinanza-aprendizaxe co alumnado. O devandito plan especifica e programa actividades que implican os proxenitores, outros membros da familia e socios da comunidade en accións no marco dos mesmos obxectivos; isto debería axudar a máis alumnos a lograr o éxito escolar.
- Avaliar a calidade do desenvolvemento e dos resultados. O manual inclúe ferramentas de avaliación integradas. NNPS realiza avaliacións anuais do progreso de cada escola que se une á rede.
- Realizar reunións anuais, compartir as mellores prácticas e informar do progreso a todos os participantes.
- Continuar traballando cara un programa integral, continuo e positivo de alianzas que se estenda para informar e implicar a todas as familias.
Por que a comunicación bidireccional entre a escola e o fogar é tan importante?
As comunicacións claras entre docentes, alumnado e proxenitores producen resultados positivos. Facendo referencia ao segundo tipo no marco desta tipoloxía de implicación, a comunicación sobre os programas educativos e o progreso do alumnado axuda os proxenitores a comprender o que os seus fillos están a aprender nos centros educativos e como o están a desenvolver. Entón, pódese supervisar o seu progreso en varias materias e dar axiña unha resposta ás problemáticas do alumnado, dun xeito máis positivo.
O alumnado tamén se beneficia posto que, cando é coñecedor de que o profesorado e os proxenitores están a comunicarse sobre o seu traballo e progreso, se torna máis consciente do que debe facer para manter ou mellorar as súas cualificacións e as tarefas na aula. Unha boa comunicación entre familias e alumnado tamén lle axuda a este á toma de decisións sobre os seus cursos ou programas especiais nos centros educativos.
Ademais, pódense acadar resultados para os proxenitores. O emprego das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) axuda os mestres a manter unha comunicación directa con todas as familias, da que deriva unha mellor comprensión das opinións destas sobre asuntos escolares. Cando existe unha base comunicativa axeitada, os proxenitores estarán máis capacitados e dispostos a traballar con eles na resolución de problemas académicos ou relacionados coa conduta, no caso de que acontezan.
Por que o traballo en equipo é determinante nos programas de implicación familiar e comunitaria?
Os equipos de acción son a cerna do noso enfoque para construír programas de alianzas que funcionen nos centros educativos e departamentos de educación públicos. O equipo de mestres, proxenitores e directores, así como o alumnado no caso dos centros de educación secundaria, emprega o marco dos seis tipos de implicación para seleccionar prácticas co obxectivo de aproximarse á participación de todas as familias.
Todos os membros —proxenitores, mestres, directores e outros— están representados nas decisións do equipo. O obxectivo principal é a participación de todas as familias, pensando en axudar a que os seus fillos melloren no ámbito escolar. Esta estrutura e finalidade é esencial para cambiar a implicación dos proxenitores nas escolas.
Malia que acotío asignemos só un coordinador ou un director para tratar coas familias, unha única persoa non pode desenvolver un programa de alianza efectivo. Pola contra, o Equipo de Acción para Alianzas asume un rol activo na redacción do Plan anual de acción para as alianzas, poñendo en marcha as actividades deseñadas, coidando de que todas as familias son incluídas nas actuacións educativas e avaliando o seu progreso.
Por que desenvolviches Teachers Involve Parents in Schoolwork (TIPS) Interactive Homework?
Os investigadores de NNPS traballaron con moitos mestres para deseñar, levar a cabo e avaliar un proceso de alianza entre profesorado e proxenitores chamado Tarefas interactivas de mestres que involucran os pais no traballo escolar (TIPS-Teachers Involve Parents in Schoolwork Interactive Homework). Con TIPS, calquera mestre pode axudar regularmente a todas as familias a manterse informadas e a involucrarse nas actividades de aprendizaxe dos seus fillos no fogar, e axudar a todos os estudantes a completar as súas tarefas. Neste senso, supón que os mestres deseñen a tarefa que guía os estudantes para mostrar, compartir e debater ideas cun familiar unha vez á semana ou dúas veces ao mes nunha materia específica.
Non se agarda que os proxenitores ensinen materias escolares, o que non é xusto nin posible para a gran maioría dos pais e nais. Malia iso, todos eles queren saber como lles vai aos seus fillos na aula e poden ser guiados para ter conversacións positivas sobre o traballo escolar con eles (máis información en www.partnershipschools.org).
TIPS ten varios obxectivos:
- Favorecer a confianza dos estudantes ao esixirlles que amosen o seu traballo, compartan ideas, recollan opinións, entrevisten os proxenitores ou realicen outras interaccións cun membro da familia.
- Vencellar o traballo escolar con situacións da vida real.
- Axudar osa pais/nais na comprensión do que os seus fillos están a aprender na escola.
- Incentivar os proxenitores e fillos a falar regularmente sobre as tarefas e o seu progreso escolar.
- Permitir que os pais/nais e o profesorado se comuniquen a miúdo en relación co traballo, o progreso ou os problemas dos nenos.
Cales son algúns dos desafíos que se repiten co tempo para as escolas que se embarcan neste tipo de accións e actividades?
Todos os centros educativos e as comunidades asumen innumerables desafíos para chegar a todas as familias e permitir que todo o alumnado teña éxito na escola, desenvolvendo todo o seu potencial. Traballamos cos docentes para asumir que, cando resolvan un desafío, decontado aparecerá outro. Un desafío recorrente que enfrontamos nas escolas en NNPS é o cambio bastante dramático e frecuente dos directivos, que ocorre cada ano. O profesorado muda, cambia de posto ou xubílase, o que afecta ao liderado das alianzas, aos equipos educativos e a outros compoñentes do programa. Estes cambios suceden nas escolas e organizacións, o que pode supor interrupcións inmediatas para os plans e o progreso do programa.
Isto constitúe un gran desafío no noso traballo, coma en todos os programas de mellora escolar. Aprendemos que unha das variables máis importantes que afecta positivamente á calidade dos programas de alianza da escola é o liderado polo director. Curiosamente, descubrimos que un sólido equipo de acción de alianza pode axudarlle a un novo director a seguir mellorando un programa de alianza en lugar de deter o progreso.
Que evidencia ten de que estas estruturas e procesos funcionan para axudar os centros educativos de todos os niveis a mellorar os seus programas e o éxito escolar dos estudantes?
En 2016, NNPS chegou ao seu vixésimo aniversario como rede. Actualmente, está integrada por unhas 600 escolas, varias organizacións e algúns departamentos estatais de educación. Durante este período, aprendemos moito traballando con eles.
Cada ano publicamos un libro de Promising Partnership Practices no que os centros educativos de NNPS comparten aquelas actividades vinculadas a obxectivos do programa que acadaron maior éxito. Tamén contamos con programas de premios de alianzas anuais para recoñecer a aqueles que puxeron en práctica os elementos esenciais dun programa de investigación baseado en: traballo en equipo, marco de seis tipos de implicación, plan vinculado aos obxectivos, enfoque claro nos resultados dos estudantes e alcance a todos os proxenitores.
Os exemplos de diferentes centros educativos nos Estados Unidos son importantes porque como investigadores podemos realizar estudos e suxerir o que funciona para ter un programa de alianza de alta calidade, pero cómpre que os resultados das investigacións poidan traducirse en accións para as escolas, atendendo ao alumnado e ás familias con diversos niveis socioeconómicos, lingüísticos e orixe étnico-cultural. Pódense ver exemplos de centros de educación infantil, primaria e secundaria que están a desenvolver os seus programas e prácticas axeitadamente en www.partnershipschools.org na sección "Historias de éxito (Success Stories)".
O noso equipo está motivado para seguir traballando coa finalidade de aprender, investigar e producir pautas máis sólidas que se leven a cabo facilmente en calquera comunidade. As escolas dinnos: «Si, a investigación axúdanos a deseñar, desenvolver e chegar ás familias do noso alumnado dunha maneira moi innovadora». Deste xeito, os centros educativos aprenden uns dos outros e nós, como investigadores, tamén aprendemos deles sobre o que ten éxito e sobre aqueles aspectos da alianza entre escola, familia e comunidade que precisan máis e mellores investigacións.
EPSTEIN, J. L. (2011). School, family, and community partnerships: Preparing educators and improving schools (2.a ed.). Boulder, CO: Westview Press.
EPSTEIN, J. L.; SANDERS, M. S.; SHELDON, Simon, B.; SALINAS, K.; JANSORN, N.; VANVOORHIS, F.; MARTIN, C.; THOMAS, B.; GREENDFIELD, M.; HUTCHINS, D. e WILLIAMS, K. (2009). School, family, and community partnerships: Your handbook for action. (3.a ed.). Thousand Oaks, CA: Corwin Press.
EPSTEIN, J. L. e SHELDON, S. B. (2016). Necessary but not sufficient: The role of policy for advancing programs of school, family, and community partnerships. Russell Sage Foundation Journal of the Social Sciences, 2, pp. 202-219.
SANDERS, M. G., e SHELDON, S. B. (2009). Principals matter: A guide to school, family, and community partnerships. Thousand Oaks, CA: Corwin Press.