Transformando realidades

Transformando realidades é o título dunha experiencia interdisciplinar e creativa que pretende fomentar a cultura emprendedora e a educación artística en todas as etapas educativas, a través da creación e xestión dun centro de arte contemporánea no IES As Barxas de Moaña, especializado en catro áreas: produción, exhibición, documentación e formación.

Luz María Beloso Rodríguez (Educación Plástica)
beloso@edu.xunta.es
María José Soto Lorenzo (Economía)
mjosesoto@edu.xunta.es
IES As Barxas (Moaña-Pontevedra)

 

Descrición

O proxecto céntrase no poder da arte para reflectir e transformar realidades, comunicar, concienciar, emocionar, e no papel do noso alumnado como creador e distribuidor de arte. Cremos que todos levamos un artista dentro e queremos potenciar os distintos talentos do alumnado a través da creatividade e o emprendemento como actitude ante a vida, priorizando a educación emocional, o respecto e a educación en valores.

A arte non ten fronteiras e nós rompémolas creando con pintura, escultura, fotografía, vídeo-animación, proxección, deseño 3D, realidade aumentada, gamificación. Por que? Porque é un dereito social e actualmente o mundo da creación artística é demasiado elitista, só accesible para uns poucos. Só coa educación podemos achegarnos á arte.

 

NON CHE GUSTA O QUE VES? POIS CÁMBIAO!

Obxectivos

O noso principal obxectivo era motivar, ilusionar a comunidade educativa e a nosa contorna, a través do acto creativo, co fin de formar bos cidadáns capaces de mellorar a sociedade e para iso:

- Axudar o alumnado, para coñecer e valorar a súa identidade, a aumentar as súas capacidades creativas de transformación persoal e social e a previr a violencia e a exclusión.

- Fomentar o emprendemento, o traballo en equipo, a negociación, a resolución de conflitos, a planificación e a cooperación a través dun enfoque creativo e lúdico.

- Levar a cabo unha aprendizaxe transversal, práctica e significativa, fomentando o traballo en rede coa contorna e o uso das TIC.

Desenvolvemento da experiencia

O proxecto comezou no curso 2016/17, englobando dous procesos:

1) Creación e xestión dun centro artístico no IES As Barxas.

2) Produción e distribución de proxectos artísticos: audiovisuais, murais, performance, animacións, vídeo-mapping.

A arte contemporánea non só foi obxecto de estudo senón que foi un medio para descubrir, investigar, producir, educar e cambiar contornas, crear conciencia. Así actuamos contra a violencia de xénero a través da ilustración, a animación e a realidade aumentada; en defensa do patrimonio utilizando o deseño 3D, a xeolocalización e a fotogrametría; contra o acoso, o tabaquismo, facendo visibles problemáticas sociais co recurso audiovisual e técnicas de animación etc., dando a coñecer tanto a obra final coma o proceso a través do blog do proxecto https://proyectotransformandorealidades.blogspot.com.es/ e de diferentes webs enlazadas a el, destacando:

AO PRIMEIRO SINAL VAITE: Campaña contra a violencia de xénero na que, partindo da coñecida imaxe do iceberg da violencia de xénero de Amnistía Internacional, reflectimos a violencia visible e invisible e detectamos as actitudes machistas na parella, normalmente sutís e disfrazadas de probas de amor. Foi realizada polo alumnado de plástica de terceiro da ESO e comisariada polo alumnado de Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial de cuarto da ESO. Expúxose durante o mes de marzo no vestíbulo do centro e posteriormente no Concello de Moaña, con grande éxito de público e visitas guiadas aos centros da contorna.

Recursos: ilustración, animación, códigos QR, realidade aumentada con AURASMA, WIX

https://luzbelos.wixsite.com/violenciadexenero

FESTIVAL AUDIOVISUAL + ARTE: Curtametraxes realizadas polo alumnado de Plástica de cuarto da ESO co apoio de toda a comunidade educativa. O alumnado desenvolve destrezas onde se traballan distintas competencias: a comunicación audiovisual, artística, lingüística, a autonomía, aprender a aprender. Analizan as mensaxes audiovisuais e reflexionan sobre elas, coñecen os seus códigos e son capaces de utilizalos. A estrea das obras realizouse a través dun festival audiovisual no centro (que xa vai pola súa sétima edición) e posteriormente difúndense a través de blog, webs e redes sociais. Este curso, tivemos cinco proxectos, co nexo común de que todos partían dunha obra de arte a partir da cal desenvolvemos unha historia de transcendencia social.

Recursos: O proxecto nace coa escritura dun guión, elaboración dun storyboard, uso de cámaras, programas de edición, de retoque fotográfico ou de animación 2D, incluíndo a difusión en rede (blog, Youtube, Vimeo, Facebook...), e implica traballar moitas horas fóra do horario de clase.

https://luzbelos.wixsite.com/arteaudiovisual

MOAÑA 3D: Iniciativa promovida polo alumnado de Economía e TIC de bacharelato, que pretende concienciar, formar, divulgar e valorizar a paisaxe de Moaña e a súa sustentabilidade a través da virtualización en 3D de determinados elementos naturais, culturais, artísticos etc.

Recursos: fotogrametría, agisoft, blender, skethfab, web

Resultados: modelos 3D, rutas, reinvindicacións sociais, blog, web

https://mjosebarxas.wixsite.com/moanha3d

EU SON MARUJA MALLO: Exposición homenaxe a Maruja Mallo, muller e artista galega de carácter transgresor á que este ano se lle dedicou o Día das Artes Galegas. A mostra constou dunha serie de instalacións e distintas obras artísticas (tridimensionais nalgúns casos) realizadas polo alumnado de Debuxo Artístico de segundo de bacharelato e comisariada polo de IAEE de cuarto da ESO e dunha conferencia sobre a pintora e permaneceu aberta abril e maio. Cada peza utiliza como parte da composición o propio vestíbulo do IES As Barxas, ademais de obxectos realizados con material de reciclaxe, cartóns, ramas, redes etc. Tamén aplicamos as últimas tendencias no campo das animacións, arte dixital, ilustracións e realidade aumentada, coa pretensión de encher o espazo do espazo surrealista de Maruja, onde o espectador é convidado a moverse ao redor da peza e interactuar con ela. A actividade pretendeu ser unha alegación en defensa dos dereitos da muller e facer visible tanto a Maruja como á súa obra, tan inxustamente esquecida durante anos.

Recursos: materiais diversos, reciclaxe, pintura, animación, ilustración, realidade aumentada, blog, web.

Resultados: exposición física e virtual, audiovisuais, animacións, canle aurasma, tutoriales, blogue, web

https://luzbelos.wixsite.com/eusonmarujamallo

ANIMACIÓN + ARTE: É o título dunha secuencia de actividades que buscan que todos puidésemos ver na animación unha fonte de motivación e un gran recurso para a aula. A primeira delas deu como resultado o audiovisual Lorca e o mar, onde mesturamos arte, Lorca e manga coa técnica de stop-motion.

O MERCADO DA ARTE: Colección de infografías interactivas realizadas polo alumnado de Economía de primeiro de bacharelato, na que detallan a situación actual do mercado da arte: características, profesións, mercado nacional e internacional, normativa de exportación e importación, contribución fiscal, impacto económico, cifras de vendas, galerías, museos, casas de poxas, feiras.

A OLIVEIRA: Sustentabilidade en stop motion: Proposta didáctica da profesora de Plástica, Luz Beloso, na que participaban profesores de distintas especialidades, de toda a península, para a película A oliveira, unha fermosa historia para os que cren que un mundo mellor é posible. No noso centro, realizamos unha animación con primeiro da ESO.

INSPIRADORAS 2017: Sumámonos co noso alumnado de Debuxo Artístico de segundo de bacharelato á iniciativa do Museo da Biblioteca Nacional e realizamos un retrato en cincuenta minutos da nosa muller inspiradora. O traballo proxectouse nunha das salas do museo, no Twitter e no vestíbulo do noso centro.

Recursos: papel, carbón, móbiles.

Resultados: exposición física, exposición virtual, blog, web.

BULLYING: Animación realizada polo alumnado de primeiro de bacharelato de Animación, unha nova materia de configuración do centro, que comeza a súa andaina este curso académico. Unha metáfora sobre o illamento que produce o acoso e como a indiferenza nos fai cómplices.

MARCAPÁXINAS SOLIDARIAS: Actividade colaborativa coa ONG Save the Children, na que o alumnado de primeiro da ESO, a través da biblioteca, tomou conciencia do problema da falta de auga potable en moitas zonas do mundo e pasou á acción elaborando marcapáxinas solidarios, murais, sensibilizando a súa contorna e recadando fondos para que se poidan seguir desenvolvendo programas que aseguren que todos os nenos e nenas teñan esperanzas e oportunidades.

Recursos: vídeos, marcapáxinas, papel kraft, rotuladores, botellas de auga, pastillas potabilizadoras.

IDEAS PARA CAMBIAR O MUNDO: Diferentes proxectos de emprendemento social e creatividade formulados polo alumnado á dirección do centro, administracións públicas e outros axentes sociais.

Avaliación e conclusións

O proxecto implicou os departamentos didácticos de varios niveis educativos e de diferentes centros, o que lle deu un novo enfoque ao sistema educativo, baseado principalmente en:

● alumnado = produtor cultural

● currículo = obra de arte

● escola = centro de arte

● aprendizaxe colaborativa + en rede

● uso creativo das TIC

O proxecto beneficiou a toda a nosa contorna. De forma directa, ao noso alumnado (maior realización persoal, mellores resultados e convivencia), ás súas familias (maior implicación), aos traballadores do centro (máis coordinación e mellor clima laboral), á dirección (máis recursos e maior consenso), á Administración educativa (recoñecementos), ao pobo (maior actividade cultural, repercusión) e á nosa comunidade autónoma (difusión nacional e internacional do noso patrimonio cultural). De forma indirecta, a todos ao traballar temáticas de amplo calado social: violencia de xénero, acoso, transexualidade, enfermidades mentais, desigualdade, adiccións, sustentabilidade ambiental etc.

Os problemas sociais son problemas de todos e todos debemos colaborar para eliminalos. Ademais, todas as nosas actividades son replicables noutros centros e lugares, xa que o seu desenvolvemento está moi detallado a través de blogs, webs e redes sociais, o que facilita a súa implementación.

O proxecto comezou no 2016, pero a experiencia foi tan motivadora que o continuamos nos cursos seguintes, xa que abriu a porta a novas actividades e colaboracións. Gustaríanos seguir investigando nas posibilidades da animación, a realidade aumentada e a programación, crear novas obras artísticas, participar nalgunha feira de arte (montando nosa propia caseta e calendario de actividades), levar as nosas obras a museos, salas de exposicións…

 

Este proxecto foi gañador III Concurso Proxecta Innovación, 2.º Premio Nacional de Innovación Educativa GSD Innova

 

Sección: