A inclusión da torneadura como arte na escola

Unha experiencia práctica no CPI do Feal de Narón mediante o uso de minitornos
Trátase neste traballo unha experiencia realizada nun CPI mediante a presentación, nunha xornada festiva, do oficio e arte da torneadura de madeira co uso de minitornos eléctricos e utilizando como material de traballo rollas de botella, para alumnos de ensino secundario nunha sesión de hora e media.

Víctor Novo Carballeira. Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural
Centro Público Integrado do Feal (Narón- A Coruña)
victornovo@edu.xunta.es

 

Introdución

Escribía Xaquín Lorenzo na súa obra Os oficios que «cómpre ollalos desde dous aspectos: o oficio practicado polo artífice e o practicado por un curioso calquera» (Lorenzo, 1983, p. 9). A nosa intención ao levar adiante a experiencia que relatamos foi a de espertar a curiosidade do noso alumnado cara a unha práctica que por si mesma constituía un oficio tradicional, o de torneiro. Pretendeuse en todo momento avivar no alumnado implicado unha faísca que da improvisación levase nun futuro nalgúns deles á «obra fina, o traballo complicado, o útil que pecha en si un senso artístico» (Lorenzo, 1983, p. 9).



Seguindo o xa citado Xaquín Lorenzo, dinos que «Xulgado pola toponimia, debeu de ter este oficio un gran desenvolvemento na Galicia, xa que son moitos os lugares que se atopan nela coas denominacións de Torneiros, Torno, Torns etc.», e refire incluso o achado de restos de cuncas de madeira no castro de Cameixa, aínda que non se pode discernir se foron feitos con torno ou talla (Lorenzo, 1983, p.46).

É este un oficio que se realiza mediante o torno, que se complementa con trenchas e gubias de distintas formas e tamaños, segue a describir Xaquín Lorenzo, e pasa no seu libro a detallar as características dun torno artesán, das terras de Vilalba, accionado mediante un pé, e remata co relato do feito mesmo de tornear, no que se comeza por desbastar a madeira —de buxo, castiñeiro ou carballo— para, a continuación, traballala con gubias e trenchas e obter talladeiras para a zorza, pratos de polbo, pratos de masa para o pan, cuncas, fontes, fusos, rocas etc. (Lorenzo, 1983).

Lonxe queda o anterior relato etnográfico realizado, pois hoxe en día a torneadura faise de xeito industrial, o que non impide que vivamos un certo auxe a través de determinados artesáns que tratan de manter viva a práctica e o oficio. Así, destaca o Encontro de Torneiros en Galicia, realizado en Xermade desde o ano 2001, que achega esta actividade a todos os que amosan interese por ela, ou na comarca do noso centro, o xa II Encontro de Torneiros VIRUTAS, levado a cabo en outubro de 2017 con exposición de pezas, a exposición itinerante da Xunta, CONtornos, e actividades varias durante dous días.

 

Como introducir esta habilidade na escola?

Desde hai anos, no noso centro escolar, véñense realizando na época de Entroido talleres que tratan de achegarlle ao alumnado diversas prácticas, ocupacións ou actividades de lecer dun xeito festivo.

No curso 2016/17 optamos por ofertar un taller de torneadura, que consistiu nunha charla demostrativa que deu o representante da Asociación de Torneiros da Madeira de Narón, don Adolfo Mira Sánchez, de grande interese, pero que deixou en nós o interrogante de como establecer un contacto máis próximo con esa actividade artesanal sen poñer en risco os participantes.
A clave nese achegamento é a maior redución posible do risco, xa que evidentemente falamos dunha práctica cunha máquina potencialmente lesiva, instrumentos afiados e posibles estelas de madeira saíndo disparadas cara aos inexpertos aprendices.

Non é algo novo a introdución das diversas técnicas artesanais na escola, pero merece un capítulo á parte a proposta que se fixo no ano 2011 «Enredando, artesanía na escola», descrito na revista Obradoiro de Artesanía como un:

... proxecto que a Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acaba de poñer en marcha este ano coa intención de aproximar a artesanía aos máis pequenos. Unha iniciativa coa que se pretende divulgar os oficios artesáns entre os máis novos e que así poidan apreciar o valor que teñen os produtos feitos á man, descubrindo todo o traballo que hai detrás destas pezas e coñecendo técnicas antigas que pasaron de xeración en xeración ata os nosos días… A través de «Enredando, artesanía na escola», búscase concienciar a sociedade do valor do produto feito á man, ao tempo que se lle presenta unha serie de oficios como unha boa alternativa para o seu futuro laboral. Deste xeito, é posible solucionar un problema que atinxe a certos sectores da artesanía máis tradicional, como é a falta de relevo xeracional, mentres que tamén pode colaborar no mellor desenvolvemento da artesanía galega, formando futuros artesáns creadores. Finalmente, o que se tenta conseguir é demostrarlle á nosa sociedade o valor engadido da artesanía no relativo á creatividade, como patrimonio cultural e como tradición. (Guerreiro, 2011, pp. 53-54)

Actividades tradicionais ofertadas neste programa foron as recollidas nas unidades didácticas «Do papel ao libro» e «Os vermes da seda», que achegaron a encadernación e o fiado de seda ás nena e nenos galegas.

Máis tarde, no ano 2015, a Universidade de Santiago presentou un traballo de aplicación nas aulas de educación de primaria de tres oficios tradicionais vinculándoos á aprendizaxe das matemáticas. Tratábase dos oficios de zoqueiro, zapateiro e cesteiro, que debido as súas características fan uso ou facilitan a adquisición de diversas habelencias matemáticas (Garea, Gorgal e Fernández, 2015).

E entón… por que non introducir a torneadura nas aulas? Sinxelo, sempre que a un non lle impresionen demasiado as lesións graves ou haberá outra forma de facelo?

Hoxe en día a globalización permite o acceso a tecnoloxías que hai ben pouco eran practicamente inexistentes ou demasiado custosas e nós, aproveitando esa globalización, propuxemos o noso taller de torneadura con novas tecnoloxías. Había que substituír as gubias afiadas e preparadas para cortar madeira, había que substituír a madeira, fonte de estelas, e finalmente había que substituír o torno, o elemento central. Imposible, pensamos e, non obstante, fixémolo. Cambiamos o torno como elemento determinante por un minitorno, un pequeno motor eléctrico que, co seu punto e contrapunto, permite a torneadura de pequenos obxectos. Cambiamos as gubias por minigubias, claro, pero estas non son quen de entrarlle á madeira, de xeito que optamos por empregar cortiza, os tapóns de cortiza!

Toda a nosa proposta respondeu a un custo mínimo e a unha seguridade máxima, e así neste curso 2017/18, no taller de torneadura os estudantes puideron tornear a súa primeira peza e deixar que a súa man lle dese forma ao tapón dunha botella e o convertese nun vaso, nunha copa, nunha árbore… nalgún obxecto que, coa súa imaxinación, atopaban dentro da cortiza.

Permitiu esta maneira de traballar unha aproximación a unha arte, a un oficio dun xeito minimalista, pero con posibilidade real de transferencia de habilidades, posto que os cortes e os modos de manexar as ferramentas teñen a súa correspondencia no mundo real da torneadura, evidentemente non de xeito automático, pero si como introdución e familiarización a pequena escala.

 

O minitorno como ferramenta escolar

Pero de que estamos a falar cando nos referimos a un minitorno? Basicamente atopamos no mercado pequenos aparellos eléctricos con motores de baixa potencia que presentan un punto baseado no portabrocas propio dun trade que permite, mediante un complemento, o arrastre da peza de madeira ou cortiza, e un contrapunto que estabiliza esa peza. Inclúese no lote que se pode mercar un pequeno apoio para as ferramentas e algunhas pezas de corte. O máis positivo do aparello é a súa seguridade ao traballar as pezas de cortiza e o seu moi accesible prezo. Bastará unha mínima busca en Internet para atopar sen moito esforzo este produto.

A riqueza didáctica e artística do torneado

Tornear é un proceso complexo que implica coñecer distintos tipos de materia prima, madeiras que teñen especiais características e favorecen uns ou outros traballos segundo busquemos maior ou menor estética ou utilidade. Implica tamén coñecer a acción das diversas ferramentas sobre a madeira e como, mediante planos inclinados de distintos tipos que se reflicten nas puntas das gubias e trenchas, se favorecen distintas accións de torneadura. Obriga dun xeito práctico a atopar o centro das pezas torneadas para favorecer o aforro da materia prima e evitar as vibracións no torno. Permite o deseño das diversas pezas traballando con medidas e proporcións, que se poden plasmar en modelos de deseño ou na propia mente do artista. E, sobre todo, a torneadura vincula esa mente do torneiro a través das súas mans, mediante o uso dunha ferramenta coa sensación de moldear a madeira, de darlle forma, de plasmar unha idea.

En todo o proceso referido, podemos obter obxectivos e contidos para traballar nun amplo eido de materias escolares, desde a Bioloxía, co estudo da árbore e o proceso de formación da madeira, ata a Física, cos principios de plano inclinado e forzas de rotación; desde a Educación Plástica, coa obtención dun produto directo do torno ou a súa complementación con diversas técnicas artísticas aplicables á cortiza, que permiten obter diversos adornos ou útiles, ata as Matemáticas, aplicadas co requirimento de medicións e técnicas para establecer o centro dunha superficie. Por suposto, por motivos obvios, a materia de Tecnoloxía pódese beneficiar desta práctica da torneadura, realizando unha ferramenta de marcado de centros ou pescudando as diversas posibilidades alternativas de torneadura, que chegarían incluso a unha busca etnográfica de como en todo o planeta a xente atopou formas de facer este traballo.

 

Unha ollada aos produtos obtidos

O feito de traballar cun material tan económico e sinxelo e cunha tecnoloxía tan simple non impide obter unha serie de produtos de fácil elaboración que poden supoñer un reto para o estudantado ou un desafío para a súa habilidade en moitos casos. Deste xeito propoñemos obter:
1. Formas torneadas de xeito libre.
2. Formas a escala do mundo real: vasos, copas, árbores, cogomelos…
3. Formas de obxectos de tamaño real: cortizas de pesca, peóns de xadrez, fichas para xogar…


4. E o que se lles poida ocorrer aos que máis habilidade amosen, como esta pequena copa feita en madeira polo artesán Adolfo Mira cunha destas sinxelas máquinas.

Para concluír

Son varias as posibilidades para abordar o traballo de torneadura no centro escolar e, aínda que nós o fixemos destinado ao ensino secundario, non habería impedimento para facelo en primaria, cunha maior atención ao uso das ferramentas. O lóxico sería facer un traballo transversal enfocado ben aos produtos obtidos ben ao proceso, de xeito illado ou en conxunto.
 

 

Bibliografía: 

 

 

GAREA, E., GORGAL, A., FERNÁNDEZ, T. (2015): “Dos oficios tradicionais á aula de educación primaria”. Revista galega de educación, (63) 29-31.

GUERREIRO, M. (coord.) (2011): Obradoiro de artesanía, (8) 52-57.

LORENZO, X. (1983): Os oficios. Vigo: Galaxia (1.ª ed.).

Sección: